La Revista Blanca
La Revista Blanca | |
---|---|
País | España |
Lugar | Madrid, Cerdanyola del Vallès e Barcelona |
Lingua | lingua castelá |
Fundación | 1898 |
Circulación | |
ISSN | 2171-312X |
OCLC | 733219629 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
La Revista Blanca foi unha publicación quincenal de socioloxía, ciencias e artes que publicaron en Madrid Joan Montseny (Federico Urales) e Teresa Mañé (Soledad Gustavo) de xullo de 1898 a 1905, e en Barcelona do 1 de xuño de 1923 ó 15 de agosto de 1936. Inspiráronse no modelo francés La Revue blanche.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Na primeira etapa, malia a significación anarquista dos seus fundadores, contou coa colaboración de gran número de intelectuais de ideoloxía diversa, como Leopoldo Alas Clarín, Miguel de Unamuno, Manuel Cossío, José Nakens, Fernando Giner de los Ríos, Jaume Brossa ou Pere Coromines. Escribiron tamén regularmente Anselmo Lorenzo, Ricardo Mella, Fernando Tarrida del Mármol, Leopoldo Bonafulla e Teresa Claramunt. Facilitaba a aproximación dos intelectuais ó anarquismo, pero pouco ó mundo obreiro.
Chegou a ter unha tiraxe de 8.000 exemplares, e este éxito permitiulle editar conxuntamente o Suplemento de la Revista Blanca de 1899 a 1902, posteriormente rebautizado Tierra y Libertad, cun carácter máis combativo e menos doutrinal, especialmente dedicado a campañas pola reorganización da Federación de Traballadores da Rexión Española (1900-1901), a revisión das actuacións xudiciais polos feitos de Xerez da Fronteira de 1892, ou da organización anarquista Mano Negra de 1882 e 1883. A revista desapareceu tras fortes críticas contra o seu protagonismo por parte de líderes importantes como Ricardo Mella, Josep Prat e Leopoldo Bonafulla.
Os dous fundadores volveron editar a revista en Barcelona en xuño de 1923, definindo un anarquismo puro e filosófico, crítico cara ao sindicalismo da CNT e, a partir de 1930, defendendo a FAI pero sen identificarse completamente. Entre os colaboradores máis regulares nesta segunda etapa figuraron Federica Montseny (filla dos editores), Max Nettlau (con recensións históricas na época da Primeira Internacional), Adrià del Valle, Charles Malato (desde París), Diego Abad de Santillán (desde Berlín), Jean Grabo, Rudolf Rocker, Sébastien Faure, Luigi Fabbri ou Camillo Berneri. Cara ao final da ditadura de Miguel Primo de Rivera incorporouse á redacción Germinal Esgleas, que se encargou sobre todo dos temas sindicais.
A partir de 1924, publicáronse suplementos críticos cos sindicalistas da CNT, nos que escribiron, ademais de Urales, Casimir Pla, Joan Gallego, Jaume Aragón, Joan Ferrer, Valentí Obach ou Felipe Alaiz. Este suplemento foi substituído en 1931 por El Luchador.
La Revista Blanca deixou de publicarse en 1936, ó mes seguinte do estoupido da guerra civil.[2]
Por outro lado, arredor da revista xordeu unha valiosa tarefa editorial, con coleccións literarias de grande éxito popular, como La Novela Ideal ou La Novela Libre.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Casassas i Ymbert, Jordi, ed. (2005). Premsa cultural i intervenció política dels intel·lectuals a la Catalunya contemporània (1814-1975). Els textos de cercles. Barcelona: Publicacions i Edicions Universitat de Barcelona. ISBN 978-84-475-2975-9.
- ↑ Díaz Díaz, Gonzalo (1995). Hombres y documentos de la filosofia española. 5: M - N - Ñ. Madrid: Consejo superior de investigaciones cientificas. ISBN 978-84-00-07504-0.