Saltar ao contido

Adore

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Adore
Álbum de The Smashing Pumpkins
Publicado2 de xuño de 1998
Gravacióndecembro de 1997 - marzo de 1998
Estudio(s)Sound City en Van Nuys, California
Duración72:51
Xénero(s)rock alternativo, rock electrónico, rock gótico
Selo(s)Virgin
ProdutorBilly Corgan, Brad Wood, Flood
Cronoloxía
Mellon Collie and the Infinite Sadness Adore MACHINA/The Machines of God
Na rede
Spotify: 7lSWGHJxkkgIR9Y4vaWI8I Last fm: The+Smashing+Pumpkins/Adore Discogs: 48743 Allmusic: mw0000035035 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Adore é o cuarto álbum de estudio da banda estadounidense de rock alternativo The Smashing Pumpkins. Foi editado o 2 de xuño de 1998 a través do selo Virgin Records. Adore é o primeiro álbum de The Smashing Pumpkins que non conta co batería Jimmy Chamberlin.

Adore marca un evidente cambio no son da banda, amosando máis influencias electrónicas e introducindo caixas de ritmos e sintetizadores en practicamente todos os temas.

Comercialmente quedou moi lonxe do éxito obtido polos dous discos anteriores da banda, Siamese Dream (1993) e Mellon Collie and the Infinite Sadness (1995), vendendo unicamente 1,1 millóns de copias. Porén, recibiu boas críticas e incluso obtivo un nomeamento, á mellor actuación de música alternativa, nos premios Grammy de 1999.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

The Smashing Pumpkins consolidaran o seu lugar como forza cultural co disco multiplatino Mellon Collie and the Infinite Sadness de 1995. Sentindo as limitacións do seu son de hard rock guitarreiro, a banda comezara a expandirse durante a creación de Mellon Collie, e, despois do éxito nas listas do tema con tendencia electrónica "1979", a banda concentrouse neste estilo.[1] A medida que a extensa e exitosa xira de Infinite Sadness acababa, Billy Corgan atopouse con moitos problemas difíciles, como o esgotamento musical, a ausencia do seu "mellor amigo e alma xemelga musical na banda" Jimmy Chamberlin, o final do seu matrimonio e a morte da súa nai por cancro.[2]

Durante ese período, a banda publicou dous novos sinxelos en bandas sonoras de películas, "Eye" (na BSO do filme Lost Highway) e "The End Is the Beginning Is the End" (na de Batman & Robin). Os dous temas incorporaban elementos electrónicos, aínda que mantinan os do hard rock do material anterior do grupo; un crítico calificou aos dous sinxelos como "cargadores de todo tipo de enerxía" e descartou os comentarios anteriores dos Pumpkins de que o próximo álbum sería menos roqueiro.[3] Porén, o novo material para o álbum que Corgan estaba escribindo estaba formado principalmente por cancións acústicas.[2] Corgan, James Iha, D'arcy Wretzky, e Matt Walker pasarons uns días no estudio en febreiro de 1997 hravando demos, principalmente como tomas ao vivo, agardando entrar rapidamente a gravar un álbum enteiro dese xeito.[2] Corgan, coa esperanza de manter a experimentación inspirada no rock progresivo da banda, pronto tivo dúbidas sobre este enfoque e comezou a imaxinar un híbrido de folk rock e electrónica que fose ao mesmo tempo "antigo" e "futurista".[2]

Gravación

[editar | editar a fonte]

The Smashing Pumpkins comezou a facer demos en febreiro de 1997 e a banda gravou 30 cancións para o álbum que, nun momento, parecía que ía ser un álbum dobre. Posteriormente, a banda reduciu o número de cancións do álbum a 14.[4]

Despois de tocar en varios festivais no verán de 1997, a banda comezou a traballar en distintos estudos de Chicago co produtor Brad Wood, co que Corgan traballara anteriormente a principios dos anos 90.[5] Aínda que Mellon Collie fora gravado na súa maioría coa participación total de todos os membros da banda, a dinámica do grupo durante as novas sesións pronto foi confusa xa que Corgan, sen inspiración dos seus compañeiros, traballaba principalmente só.[2] Wood tamén estaba deixando a Corgan insatisfeito, polo que, despois de seis semanas en Chicago, a banda, sen Wood e Matt Walker, trasladouse aos Ánxeles e comezou a traballar en Sunset Sound, sendo Corgan agora o produtor de facto.[2][6]

A banda alugou unha casa e agardaba que vivir en comunidade fomentara boas relacións e un ambiente de gravación máis feliz.[7] Segundo Corgan, Iha negouse a vivir na casa e raramente a visitaba.[7] As sesións de gravación continuaron sendo lentas e moi técnicas.[8] En ausencia dun batería, a banda utilizou unha caixa de ritmos como na súa primeira encarnación.[7] A banda tamén recrutou a Joey Waronker, da banda de Beck, e Matt Cameron, de Soundgarden e Pearl Jam, para algunhas cancións.[9] Bon Harris de Nitzer Ebb contribuíu con secuencias electrónicas e sons en oito temas do álbum, coa banda dándolle vía libre na súa maioría.[10]

A instancias da representación da banda, Rick Rubin foi contratado para producir unha canción, "Let Me Give the World to You", pero a canción quedou fóra do álbum, para posteriormente ser regravada para Machina II/The Friends & Enemies of Modern Music.[4] Con preto de trinta cancións gravadas, Corgan comezou a ver o final e recrutou ao coprodutor de Mellon Collie Flood para que axudase a rematar a gravación, unir o álbum e mesturar as cancións.[8]

A dirección artística do álbum está acreditada a Frank Olinsky, Billy Corgan e a súa entón moza e colaboradora frecuente Yelena Yemchuk. As portadas do álbum e dos seus sinxelos eran case todas fotografías en branco e negro tomadas por Yemchuk, moitas das cales presentaban a modelo Amy Wesson.[11]

Corgan propúxose deliberadamente ampliar o son e a mensaxe da súa banda, explicando que xa non estaba "falando con adolescentes. Estou falando con todos agora. É un diálogo máis amplo. Estou falando con persoas que son maiores ca min e máis novas ca min, e tamén coa nosa xeración".[6] Dixo que gran parte do disco era "un intento de volver ao que é importante nun núcleo musical e construílo para fóra".[12] Máis tarde reflexionaría que estaba "atrapado na idea de que necesitaba demostrar que era un artista, o que é a sentenza de morte para calquera artista".[13]

A música de Adore foi categorizada polos críticos como rock electrónico,[14][15] rock gótico,[16] art rock,[17] synth-pop[18] e rock industrial.[19] As guitarras distorsionadas e as baterías ao vivo, as características anteriores do son dos Pumpkins, ocuparon un segundo plano nunha paleta sonora que incluía moitos máis sintetizadores, programación de batería, guitarra acústica e piano.[20] Polo menos cinco cancións do álbum están impulsadas principalmente polo piano.[20]

"Tear" foi escrita para a banda sonora de Lost Highway pero foi rexeitada por David Lynch en favor de "Eye". "Pug" foi gravada orixinalmente como unha "marcha da morte de blues en clave menor" coa batería de Matt Cameron, mentres que a versión do álbum usa programación de batería.[4] A única canción do álbum que inclúe a Cameron, "For Martha", é unha homenaxe á nai de Corgan que foi gravada principalmente como unha toma en directo.[8]

Ademais de ser o primeiro álbum sen Jimmy Chamberlin, Adore foi o primeiro álbum en non incluír composicións de James Iha, quen estaba traballando simultaneamente no seu álbum en solitario Let It Come Down. Porén, si contribuíu co tema "Summer" ao sinxelo "Perfect".[11]

Promoción e lanzamento

[editar | editar a fonte]

O período previo a Adore estivo marcado por declaracións contradictorias sobre o son do álbum: Corgan dixo inicialmente no verán de 1997 que a banda se dirixía cara o estilo de "The End Is the Beginning Is the End", de música heavy metal impulsada por guitarras e electrónica,[21] mentres que os representantes falaron dun álbum totalmente acústico.[22] A principios de 1998, Corgan chamou ao son "música nocturna arcana",[23] e elaborou: "As persoas que digan que é acústica estarán equivocadas. A xente que di que é electrónica estará equivocada. A xente que di que é un disco dos Pumpkins estará equivocada. Intentarei facer algo que sexa indescriptible".[24] Para complicar aínda máis a situación o selo insistiu inicialmente en utilizar a canción alegre e pop producida por Rick Rubin "Let Me Give the World to You" como sinxelo principal do álbum, algo ao que Corgan se opuxo enérxicamente temendo que se confundise aos oíntes e que a súa impresión inicial do disco fose equivocada.[25] Corgan tivo que retirar a canción da listaxe de temas do álbum para evitar usala como sinxelo.[25]

Adore foi lanzado o 2 de xuño de 1998 na maior parte do mundo, o mesmo día en que se estreou o vídeo do primeiro sinxelo, "Ava Adore". O libreto do álbum e o vídeo musical mostraban o novo aspecto gótico da banda. O segundo sinxelo, "Perfect", tamén estivo acompañado dun vídeo musical, que se estreou o 16 de agosto.[26]

Listaxe de cancións

[editar | editar a fonte]

Tódolos temas escritos e compostos por Billy Corgan

N.º Título Duración
1. "To Sheila"   4:45
2. "Ava Adore"   4:20
3. "Perfect"   3:22
4. "Daphne Descends"   4:38
5. "Once Upon a Time"   4:06
6. "Tear"   5:52
7. "Crestfallen"   4:09
8. "Appels + Oranjes"   3:34
9. "Pug"   4:46
10. "The Tale of Dusty and Pistol Pete"   4:33
11. "Annie-Dog"   3:36
12. "Shame"   6:37
13. "Behold! The Night Mare"   5:12
14. "For Martha"   8:17
15. "Blank Page"   4:51
16. "17" (non está nas edicións en vinilo) 0:17
Canción extra da edición xaponesa
N.º Título Duración
16. "Once in a While" ("17" pasa á pista 17) 3:33
  1. Graff, Gary. "Smashing Pumpkins - Rave of the Future", Guitar World. Decembro de 1996
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Corgan, Billy (2005-04-12). "Starcrossed, and subsequently, a door is opened (1997)". Livejournal. Consultado o 2025-02-01. 
  3. "Smashing Pumpkins: Adore: Pitchfork Review". web.archive.org. 2004-10-28. Archived from the original on 28 de outubro de 2004. Consultado o 2025-02-01. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "Pumpkins Reveal Details of Lengthy 'Adore' Sessions". NME (en inglés). 1998-01-24. Consultado o 2025-02-01. 
  5. "Pumpkins To Record With Brad Wood: Smashing Pumpkins : Rolling Stone". web.archive.org. 2007-10-02. Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2007. Consultado o 2025-02-01. 
  6. 6,0 6,1 "The Smashing Pumpkins Chronology: The Adore Era: 1998". www.starla.org. Consultado o 2025-02-01. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Corgan, Billy (2005-04-13). "Way Out in Outpost Canyon". Livejournal. Consultado o 2025-02-01. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Corgan, Billy (2005-04-14). "Coming Down the Mountain". Livejournal. Consultado o 2025-02-01. 
  9. "Rolling Stone : Matt Cameron Hanging With The Pumpkins?: Smashing Pumpkins". web.archive.org. 2007-06-02. Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2007. Consultado o 2025-02-01. 
  10. Hindin, Seth. JamTV News. 17 de febreiro de 1998
  11. 11,0 11,1 Libreto do álbum
  12. Lanham, Tom. "This One Goes Out to the One I Love". CMJ NEW Music Monthly. Agosto de 1998
  13. Alexander, Phil. Interview with Billy Corgan. Mojo. Febreiro de 2012
  14. "Smashing Pumpkins to Release Pair of ‘Epic’ Albums in 2015". Billboard (en inglés). 2014-03-25. Consultado o 2025-02-02. 
  15. "The Smashing Pumpkins Songs, Albums, Reviews, ...". AllMusic (en inglés). Consultado o 2025-02-02. 
  16. Cinquemani, Sal (2001-04-07). "Review: Smashing Pumpkins, Machina: The Machines of God". Slant Magazine (en inglés). Consultado o 2025-02-02. 
  17. "Adore - The Smashing Pumpkins". AllMusic (en inglés). Consultado o 2025-02-02. 
  18. Breihan, Tom (2010-06-23). "Listen: Passion Pit Cover Smashing Pumpkins, Remix Katy Perry". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-02-02. 
  19. "Pumpkins Appear Ready To Rock Again For New LP". MTV. 2023-08-17. Archived from the original on 17 de agosto de 2023. Consultado o 2025-02-02. 
  20. 20,0 20,1 Kot, Greg (1998-05-18). "Adore". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2025-02-02. 
  21. "The Week In Rock for May 2, 1997". web.archive.org. 1997-06-14. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 1997. Consultado o 2025-02-03. 
  22. "VH1.com : The Smashing Pumpkins : News Flash: Smashing Pumpkins Next LP All Acoustic - Rhapsody Music Downloads". web.archive.org. 2007-10-01. Archived from the original on 01 de outubro de 2007. Consultado o 2025-02-03. 
  23. "Pumpkins Recording Album of 'Arcane Night Music'". jamesiha.org. 2007-08-02. Archived from the original on 02 de agosto de 2007. Consultado o 2025-02-03. 
  24. "Billy Corgan Says Fans May Be Surprised By Next Pumpkin's LP". MTV. 26 de febreiro de 1998.
  25. 25,0 25,1 "Billy Corgan on ‘Adore,’ His ’90s Self and the Final Days of Alt-Rock « Radio.com". web.archive.org. 2016-08-26. Archived from the original on 26 de agosto de 2016. Consultado o 2025-02-03. 
  26. "Smashing Pumpkins Shoot 'Perfect' Video, Mull Recording Future". MTV. 30 de xullo de 1998