Saltar ao contido

Beck

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaBeck

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(en) Beck Hansen Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Bek David Campbell Editar o valor en Wikidata
8 de xullo de 1970 Editar o valor en Wikidata (54 anos)
Os Ánxeles, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióncantante, produtor musical, intérprete de banxo, cantautor, guitarrista, artista urbano, compositor, produtor Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1988 Editar o valor en Wikidata -
Xénero artísticoRock alternativo, Anti-folk (pt) Traducir, hip hop alternativo (pt) Traducir, indie rock, Lo-fi, música psicadélica (pt) Traducir e Soul Editar o valor en Wikidata
TesituraBarítono Editar o valor en Wikidata

InstrumentoGuitarra, voz, teclado, baixo, Batería, Harmónica, sitar, Banjo, slide guitar (pt) Traducir, violão de doze cordas (pt) Traducir, Glockenspiel, Vocoder (pt) Traducir, Mbira, escaleta (pt) Traducir e beatboxing Editar o valor en Wikidata
Selo discográficoXL Recordings
Bong Load Custom Records (en) Traducir
Sonic Enemy (en) Traducir
Geffen Records
DGC Records
Interscope Records
Flipside (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeMarissa Ribisi (2004–2019) Editar o valor en Wikidata
PaisDavid Campbell Editar o valor en Wikidata  e Bibbe Hansen Editar o valor en Wikidata
IrmánsChanning Hansen Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
Páxina webbeck.com Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0065059 Facebook: Beck Twitter: beck Instagram: beck MySpace: beck Youtube: UCqFji0pQ0tIH7b_50KAgqLg BNE: XX1023808 Souncloud: planned_obsolescence Spotify: 3vbKDsSS70ZX9D2OcvbZmS iTunes: 312095 Last fm: Beck Musicbrainz: 309c62ba-7a22-4277-9f67-4a162526d18a Songkick: 430505 Discogs: 3928 Allmusic: mn0000124492 WikiTree: Campbell-57795 Deezer: 408 Genius: Beck Editar o valor en Wikidata

Bek David Campbell, nado nos Ánxeles (California) o 8 de xullo de 1970, é un músico, compositor, cantante, multiinstrumentista e produtor musical estadounidense, máis coñecido como Beck Hansen. Fíxose famoso a principios dos anos 90 co seu estilo experimental e lo-fi, dándose a coñecer por crear colleges musicias de xéneros moi variados. Musicalmente abarcou folk, funk, soul, hip hop, electrónica, rock alternativo, country, e psicodelia. Beck publicou 14 álbums de estudio (tres deles a través de selos independentes), ademais de varios sinxelos non aparecidos en discos e un libro de partituras.

Beck medrou nos Ánxeles facendo hip-hop e folk na súa adolescencia e comezou a actual a nivel local en cafeterías e clubs. Mudouse a Nova York en 1989 e involucrouse no movemento anti-folk da cidade. Regresou aos Ánxeles a principios dos 90 e gravou o seu sinxelo "Loser", que se converteu nun éxito en todo o mundo en 1994, e publicou o seu primeiro gran álbum, Mellow Gold, ese mesmo ano. Odelay, editado en 1996, encabezou as enquisas dos críticos e gañou varios premios. En 1998 publicou Mutations, influenciado polo country, e en 1999 o influenciado polo funk Midnite Vultures. O acústico Sea Change de 2002 amosaba un Beck máis serio, e o de 2005 Guero regresaba á produción baseada en samplers de Odelay. The Information de 2006 estaba inspirado no electro-funk, hip hop, e psicodelia; Modern Guilt de 2008 inspirábase na música pop dos 60; e o influenciado polo folk Morning Phase de 2014 gañou o Grammy ao álbum do ano. O seu álbum de 2017, Colors, gañou os premios Grammy de mellor álbum alternativo e ao mellor álbum gravado. O seu décimocuarto álbum de estudio, Hyperspace, foi editado o 22 de novembro de 2019.

Co seu collage pop de estilos musicais, irónicas letras e posmodernos arranxos usando samples, caixas de ritmos e efectos de sons, Beck foi aclamado pola crítica e polo público ao longo de toda a súa carreira e é considerado un dos músicos máis peculiares do rock alternativo dos anos 90 e 2000. Dous dos discos máis populares e aclamados de Beck son Odelay (1996) e Sea Change (2002). Odelay foi nomeado Álbum do Ano pola revista estadounidense Rolling Stone e pola británicas NME e Mojo. Odelay tamén foi nomeada ao premio Grammy ao Álbum do Ano. Os dous álbum aparecen na lista dos 500 mellores álbums de todos os tepos da Rolling Stone. Beck tamén colaborou con distintos artistas e fixo contribucións a varias bandas sonoras.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Beck é fillo do director, compositor e arranxador canadense David Campbell, e da artista visual e antifa "estrela" de Andy Warhol, Bibbe Hansen.[1] A súa avoa materna era xudía, mentres que o seu pai, o artista Al Hansen, era noruegués e pioneiro do movemento artístico de vangarda Fluxus. O avó paterno de Beck era un ministro presbiteriano, mentres que por parte de nai a súa avoa era xudía; a súa nai tamén era de ascendencia norueguesa e sueca. Cando os seus pais se separaron cando tiña 10 anos,[2] Beck estivo coa súa nai e o seu irmán nos Ánxeles, onde foi influenciado pola diversidade musical da cidade.

Primeiras actuación e edicións

[editar | editar a fonte]
Beck nun concerto segredo en 2005

Despos de deixar o instituto a mediados dos anos 80, Beck viaxou por Europa e desenvolveu o seu talento como músico da rúa. En Alemaña pasou un tempo co seu avó Al Hansen. A finais da década chegou a Nova York, onde se relacionou co movemento anti-folk, influenciado polo polo punk.

No ano 1988 Beck gravou un casete titulado Banjo Story, que dende entón está dispoñible como bootleg. Regresou aos Ánxeles co cambio da década e viviu nun pendello traballando en empregos pouco cualificados mentres seguía desenvolvendo o seu estilo musical. Beck tamén tocou en varios locais dos Ánxeles, dende clubs de punk ata cafeterías, e incluso nas rúas. Durante ese tempo coñeceu a Chris Ballew, fundador de The Presidents of the United States of America, e ámbolos dous actuaron na rúa como dúo durante un tempo. Algunhas das súas primeiras gravacións conseguíunas traballando con Tom Grimley nos Poop Alley Studios, unha parte de WIN Records.

En 1993 Beck editou o seu primeiro álbum de estudio, Golden Feelings, a través do selo de Peter Hughes Sonic Enemy. Inicialmente foi lanzado só en casete (aínda que máis parte apareceu unha edición limitada en CD). Estímase que só se fabricaron entre 500 e 700 copias, sendo un traballo moi difícil de conseguir. AllMusic.com describiría posteriormente ao álbum como "un extremadamente interesante, entretido, e humorístico documento que demostra que dende un principio, o truco de Beck baseábase na experimentación".

Álbums independentes

[editar | editar a fonte]

En 1993 Beck asinou un contrato con Bong Load Custom Records (propiedade deTom Rothrock, Rob Schnapf e Bradshaw Lambert). A súa primeira edición para a discográfica foi "Loser", unha colaboración entre o produtor de hip hop Carl Stephenson e Beck. A canción foi toda unha sensación cando o presentador de radio Chris Douridas púxoa en Morning Becomes Eclectic, o principal programa musical da radio universitaria de Santa Monica (California), KCRW. Esta exposición na radio e a posterior actuación ao vivo o 23 de xullo de 1993, levou a unha guerra entre selos para asinar con Beck. Finalmente, o artista elixiu Geffen Records, que lle daba permiso para a edición de dous álbums independentes mentres durase o contrato. De todas as discográficas que lle ofreceron a Beck asinar con el, Geffen foi a que menos cartos lle daba, pero a que lle deixaba maior liberdade creativa.

O 22 de febreiro de 1994 Flipside Records editou Stereopathetic Soulmanure. Era un disco extenso con 25 temas, que contiña os favoritos dos seareiros "Satan Gave Me a Taco", "Rowboat" e "Thunderpeel", así como pistas faladas sen sentido, ruído e gravacións ao vivo. Johnny Cash gravaría posteriormente "Rowboat" e incluiríaa no seu álbum de 1996 Unchained. Cash diría que a canción "soaba como algo que podería ter escrito ou feito nos 60, cando estaba pasando por unha época estraña".

En marzo de 1994, Geffen editou a estrea de Beck cun grande selo, Mellow Gold. O álbum converteu a Beck nun éxito entre o grande público, recibindo as mellores puntuacións posibles nas revistas Spin e Rolling Stone e en AllMusic.

O 27 de xuño, o selo de Olympia K Records editou o álbum One Foot in the Grave, o terceiro disco de Beck en 1994. O traballo contaba cun bo número de destacados músicos da escena independente como Calvin Johnson de Beat Happening, Chris Ballew de The Presidents of the United States of America ou os membros de Built to Spill Scott Plouf e James Bertram.

Beck comezou nese ano unha xira por todo o mundo, facendo unha aparición no escenario principal do festival Lollapalooza de 1995. Algúns críticos da época calificárono como un one-hit wonder polo éxito de "Loser".

Beck en 2006

Cando chegou o momento de gravar o sucesor de Mellow Gold, Beck aliouse con Tom Rothrock e Rob Schnapfen como produtores. O resultado foi Odelay, editado en 1996, que contiña unha gran variedade de estilos, dende o indie rock ata o funk, blues ou country. O seu principal sinxelo, "Where It's At", foi moi escoitado nas radios, e o seu videoclip programado habitualmente na MTV. Odelay recibiu eloxios da Rolling Stone e gañou varios premios da industria musical, incluídos dous Grammys. Ademais de "Where It's At", foron lanzados outros tres sinxelos do álbum: "Devils Haircut", "Jack-Ass" e "The New Pollution".

Beck contribuíu ao proxecto de trip hop experimental Forest for the Trees, do seu colaborador Carl Stephenson e que empezara en 1993. O proxecto editou un álbum autotitulado no ano 1997, ao que lle seguiu un EP en 1999. Beck colaborou con voces faladas, harmónicas e outros instrumentos.

Mutations e Midnite Vultures

[editar | editar a fonte]

No ano 1998 Beck editou o álbum Mutations. Aínda que o disco foi orixinelmente programado para ser lanzado polo selo Bong Load Records, Geffen interveu e publicouno en contra dos desexos de Beck. O artista tratou entón de anular os contratos con ambas discográficas, e estas demandárono por incumplimento de contrato. O litixio prolongouse durante anos, e ata o día de hoxe aínda non se sabe se está completamente resolto.

Mutations foi producido por Beck e Nigel Godrich (frecuente produtor e colaborador de Radiohead) e foi gravado en dúas semanas, durante as cales Beck gravou un tema cada día, producíndose 14 cancións. Mutations alonxouse da desidade electrónica de Odelay e amosa unhas maiores influencias do folk e do blues. O álbum está formado por temas vellos, algúns deles do ano 1994.No ano 1999, Beck gañou o Grammy á mellor interpretación de rock alternativo por Mutations.

En novembro, Geffen editou editou o agardado Midnite Vultures, que foi promocionado por unha extensa xira mundial. Para beck foi o regreso ás enerxéticas actuacións que foran a súa marca rexistrada anos atrás. O escenario incluía unha cama vermella que descendía do teito para a canción "Debra", e a banda de xira estaba complementada por unha sección de metais. Midnite Vultures foi nomeado ao Grammy ao mellor álbum, premio que finalmente levaría Two Against Nature de Steely Dan.

Sea Change

[editar | editar a fonte]

No 2001 o EP Beck, formado por caras-b da època de Midnite Vultures, foi editado. O EP estivo só dispoñible a través da páxina web do artista, é só foron fabricadas 10 000 copias.

No ano 2002 Beck lanzou o álbum Sea Change, que, ao igual que Mutations, foi producido po Nigel Godrich. Este converteuse no primeiro álbum de Beck en entrar no top 10 estadounidense, acadando o número 8. O disco tivo moi boas críticas, levándose 5 estrelas da Rolling Stone e quedando no segundo posto na enquisa de críticos do ano 2002 de Pazz & Jop.

Sea Change foi concibido ao redor dun único tema: o fin dunha relación. O álbum conta con arranxos de cordas feitos polo pai de Beck, David Campbell, e a unha densa mestura sónica que lembra a Mutations. A pesar de que se editaron algúns sinxelos para a radio, nungún deles estivo dispoñible para o público comercialmente. En agosto do 2002, antes da edición do disco, Beck comezou unha xira acústica en solitario en pequenos teatros e salas, durante a cal tocou varias cancións do álbum a piques de saír. A xira realizada tras o lanzamento contou con The Flaming Lips como abreconcertos e banda de acompañamento de Beck.

Unha canción que Beck compuxo xunto con William Orbit, "Feel Good Time", foi gravada pola cantante pop Pink para a banda sonora da película do 2003 Charlie's Angels: Full Throttle. Beck tamén versionou o tema de Bruce Haack "Funky Lil Song" para Dimension Mix, un álbum tributo dedicado ao pioneiro da música electrónica Bruce Haack e ao seu selo Dimension 5 Records, que o seu amigo e colaborador produciu en beneficio da organización Cure Autism Now.

Guero e The Information

[editar | editar a fonte]
Beck en 2005.

No ano 2004 Beck regresou ao estudio para gravar o seu sexto álbum cunha grande discográfica. O disco, Guero, foi producido por The Dust Brothers e Tony Hoffer, e conta coa colaboración de Jack White de The White Stripes, marcando un regreso ao son da época Odelay. O álbum foi publicado no mes de marzo do 2005 e tivo boas críticas na meirande parte da prensa popular, como Rolling Stone e The New York Times. Pitchfork Media non o recibiu de forma tan entusiasta, ao igual que as revistas Q, Dusted e Mojo.

Guero estreouse no número 2 das listas da Billboard, ao vender 162 000 copias na súa primeira semana, sendo a mellor cifra de vendas de Beck e a súa mellor posición en listas. Editáronse tres sinxelos do álbum: o primeiro, "E-Pro", foi ben recibido pola comunidade rock mainstream, sendo habitualmente pinchado nas radios; "Girl" escoitouse menos nas principais radios, pero si bastante nas independentes e universitarias; "Hell Yes" sería o terceiro e derradeiro sinxelo do disco.

O 1 de febreiro do 2005, Beck editara un EP con catro remesturas de temas de Guero realizadas por artistas independentes que usan sons de varias consolas de videoxogos de 8 bits como a Game Boy. O EP, GameBoy Variations, conta cos temas "Ghettochip Malfunction" ("Hell Yes") e "GameBoy/Homeboy" ("Que' Onda Guero"), remesturados pola banda 8-Bit, e con "Bad Cartridge" ("E-Pro") e "Bit Rate Variation in B-Flat" ("Girl"), remesturados por Paza {The X-Dump}. Este EP apareceu cun número da revista Nintendo Power. Tamén nese tempo Beck editou A Brief Overview, un álbum promocional retrospectivo con temas de Guero, Sea Change, Mutations, Midnite Vultures e Odelay. O 26 de decembro do 2005 lanzouse o álbum de remesturas Guerolito, formado por todos os temas de Guero remesturados por aclamados músicos.

O seguinte álbum de estudio do artista, The Information, producido por Nigel Godrich, lanzouse o 3 de outubro do 2006. O disco tardou máis de tres anos en realizarse e foi descrito como "quasi hip-hop". Este viña cunha folla de adhesivos que se usaban para "realizar a túa propia portada". Debido a isto, The Information foi descalificado pola Official Chart Company para entrar na lista británica de álbums, pero nos Estados Unidos deulle a Beck o seu terceiro top 10 na lista Billboard 200, acadando o número 7. O primeiro sinxelo estadounidense, "Nausea", apareceu na radio o 5 de setembro do 2006. No Reino Unido o primeiro sinxelo foi "Cellphone's Dead".

O 21 de agosto do 2007 lanzouse en iTunes "Timebomb", un sinxelo que non aparecía en ningún álbum, e o 2 de novembro publicouse unha edición limitada en vinilo de 12", cunha versión instrumental do tema na cara-b. No mes de decembro anunciouse que "Timebomb" fora nomeada a un Grammy na categoría de melllor interpretación vocal de rock en solitario.

Actualidade

[editar | editar a fonte]

No mes de febreiro do 2008, Beck dixo nunha entrevista coa Rolling Stone que estaba traballando nun novo álbum e que agardaba editalo a finais dese ano. A principios de marzo revelouse que o seu produtor sería Danger Mouse. O sinxelo "Chemtrails" estivo dispoñible no MySpace e na páxina de Beck e a principios de xuño interpretou varios temas do álbum nunha actuación en The Echo, Os Ánxeles. Modern Guilt foi lanzado no mes de xullo polo selo Interscope en Norteamérica e por XL Records no resto do mundo. Unha versión completamente acústica do disco, gravada no Xapón, apareceu como vídeos na web do artista en 2009.

Nunha entrevista en agosto do 2010 con Pitchfork Media, Beck revelou que quería editar polo menos unha canción antes do final do verán. Este feito levou a que compuxese cancións para a banda ficticia Sex Bob-omb na banda sonora da película Scott Pilgrim vs. the World.[3] Beck tamén colaborou con Philip Glass,[4] Jack White,[5] Tobacco de Black Moth Super Rainbow,[6] Jamie Lidell,[7] Seu Jorge,[8] Childish Gambino,[9] e The Lonely Island.[10]

Discografía

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Golden Feelings 1993 Sonic Enemy
Stereopathetic Soulmanure 1994 Flipside
Mellow Gold 1994 DGC Records
One Foot in the Grave 1994 K Records
Odelay 1996 DGC Records
Mutations 1998 DGC Records
Midnite Vultures 1999 DGC Records
Sea Change 2002 Geffen Records
Guero 2005 Interscope Records
The Information 2006 Interscope Records
Modern Guilt 2008 Interscope Records
Morning Phase 2014 Capitol Records
Colors 2017 Capitol Records
Hyperspace 2019 Capitol Records
  1. George-Warren, Holly and Romanowski, Patricia. (2001). The Rolling Stone Encyclopedia of Rock & Roll. New York: Fireside, 1136 pp.
  2. Cavanagh, David (xullo de 1997). "The Devil Inside". Q. London: Bauer Media Group. pp. 92-99.
  3. "Beck and Michael Cera team up on 'Scott Pilgrim' soundtrack". EW.com (en inglés). Consultado o 2019-04-21. 
  4. "Listen to Beck's Epic 20-Minute Philip Glass Remix". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-04-21. 
  5. "Beck to Release New Single on Jack White's Third Man Records, Hear Clips Now | News | Pitchfork". web.archive.org. 2013-07-06. Archived from the original on 06 de xullo de 2013. Consultado o 2019-04-21. 
  6. "Beck to Guest on New Tobacco Album". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-04-21. 
  7. "Listen: Beck Remixes Jamie Lidell". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-04-21. 
  8. "Red Hot + Rio 2 Tropicália Tribute Compilation Tracklist Revealed, Collaborations Abound". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-04-21. 
  9. "Even Beck Can’t Save Childish Gambino’s Messy ‘Silk Pillow’". Spin. 2012-05-31. Consultado o 2019-04-21. 
  10. "Listen to Beck's Collab With the Lonely Island". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-04-21. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]