Saltar ao contido

The White Stripes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
The White Stripes
Jack e Meg White
OrixeDetroit, Estados Unidos
Período1997 - 2011
Xénero(s)rock alternativo, garage rock, punk blues
Selo(s) discográfico(s)Sympathy For The Record Industry
V2/BMG
MembrosJack White
Meg White
Artistas relacionadosThe Raconteurs, The Dead Weather, The Upholsterers, The GoGoober & the Peas, Beck, The Dirtbombs, Soledad Brothers
Na rede
whitestripes.com
IMDB: nm1662315 Facebook: thewhitestripes Instagram: thewhitestripes MySpace: thewhitestripes Youtube: UCD0Wge1UpszMtqK3P9x50vA Souncloud: the-white-stripes Spotify: 4F84IBURUo98rz4r61KF70 iTunes: 2456318 Last fm: The+White+Stripes Musicbrainz: 11ae9fbb-f3d7-4a47-936f-4c0a04d3b3b5 Songkick: 315568 Discogs: 116345 Allmusic: mn0000921710 Deezer: 636 Editar o valor en Wikidata

The White Stripes foi un dúo procedente de Detroit, formado en 1997 por Jack White (guitarra, piano e voz) e Meg White (batería). Despois de editar varios sinxelos e tres álbums na escena independente de Detroit, a banda acadou a fama no ano 2002, como parte do movemento do garage rock revival. Os seus álbums White Blood Cells e Elephant chamaron a atención dunha gran cantidade de medios dos Estados Unidos e o Reino Unido. O sinxelo "Seven Nation Army", que usaba unha guitarra e un pedal de oitavas para crear o riff de apertura, converteuse nun dos seus temas máis recoñecibles. A banda gravou dous álbums máis, Get Behind Me Satan en 2005 e Icky Thump en 2007, e disolveuse en 2011 tras un longo hiato sen actuar e gravar.[1]

The White Stripes usou un enfoque low-fi para compoñer e gravar. A súa música presentaba unha fusión de influencias de garage rock e blues con composicións, arranxos e actuacións sinxelas e cruas. O dúo tamén destacou pola súa estética, cun sinxelo esquema de cor vermello, branco e negro usado en todas as súas portadas, ademais de pola súa fascinación polo número tres.[2] A dscografía da banda está formada por seis álbmus de estudio, dous álbums ao vivo, un EP, un vídeo dun concerto, un documental de xira, 26 sinxelos, e 14 vídeos musicais. Os seus útimos tres álbums gañaron o Grammy ao mellor álbum de música alternativa.[3] En 2015, Rolling Stone nomeouno o sexto mellor dúo da historia.[4]

A historia da banda comezou no estado de Míchigan, concretamente en Detroit, cidade natal de John Anthony Gillis e Megan Martha White. A banda creou as personaxes de Jack White e Meg White, únicos membros de The White Stripes, vocalista/guitarrista e batería respectivamente.

The White Stripes naceu en 1997, e nese mesmo ano lanzou un sinxelo chamado "Let's Shake Hands", a través do selo Italy Records. No ano seguinte fixeron un novo lanzamento con Italy, o sinxelo "Lafayette Blues", antes de que a banda se mudase para a discográfica Sympathy For The Record Industry.

Primeiros álbums

[editar | editar a fonte]

No novo selo estrearon o sinxelo "The Big Three Killed My Baby" e o primeiro LP en 1999, The White Stripes. En xiras ao lado de nomes como Pavement e Sleater-Kinney, a banda comezou a construír a súa reputación.

No ano 2000 dous sinxelos precederon o lanzamento do segundo álbum: "Hello Operator" e "Lord, Send Me An Angel". O novo disco, De Stijl, foi editado en xuño de 2000, traendo un conxunto de cancións sinxelas e cheas de referencias á música popular estadounidense, incluíndo unha versión de "Your Southern Can Is Mine", de Blind Willie McTell. O título do álbum ("o estilo", en holandés), é unha referencia ao movemento artístico liderado polo arquitecto Gerrit Rietveld.

Foi con ese disco co que a banda gañou Europa, e John Peel chegou a colocalos á mesma altura de Jimi Hendrix e os Sex Pistols. Jack e Meg pasaron tamén polo Xapón e Australia. Aínda en 2000, participaron no tradicional Singles Club do selo Sub Pop e lanzaron un split con The Dirtbombs.

En 2001 a banda aproveitou o seu bo momento para facer moitos concertos e, nos intervalos, lanzar EPs, sempre fieis ao vinilo. Jack White sacou tempo para manterse en contacto coa escena de Detroit, onde produciu algunhas bandas noveis. Nos concertos, o seu estilo, que fluía entre o blues, o country e o punk, e a súa habilidade na guitarra, facían que a falta doutro guitarrista e de baixista non fose notada polo público.

Chegada á fama

[editar | editar a fonte]

White Blood Cells, o terceiro traballo, foi lanzado nese ano, catapultando á banda definitivamente ao estrelato, co apoio case incondicional dos medios (outro factor bastante relevante na argumentación dos detractores da banda). No ano seguinte a banda continuou facendo concertos e lanzando sinxelos do seu último disco.

En 2003, a banda preparou o lanzamento dun novo álbum, o primeiro en ser lanzado pola V2/BMG (que contratou ao dúo en xaneiro de 2002, e relanzou os seus tres primeiros discos en xuño dese ano). As sesións de gravación do disco aconteceron nos Toe Rag Studios, en Londres, coa banda utilizando só equipo analóxico.

Meg White no Primavera Sound 2007 de Barcelona

Elephant lanzouse no mes de abril, anticipándose á data prevista debido a filtracións en Internet das súas cancións. O cuarto álbum de The White Stripes foi ben recibido, talvez non co mesmo entusiasmo do seu antecesor, pero mantiña o seu nivel. Unha versión de Burt Bacharach, "I Just Don't Know What To Do With Myself", gañou un videoclip dirixido por Sofia Coppola, e na canción que pecha o disco, "It's True That We Love One Another", Meg e Jack cantan coa vocalista Miss Holly Golightly, pouco coñecida entre o público, pero bastante admirada entre músicos como Mark Arm (líder de Mudhoney).

2003 marcou tamén o inicio da incursión de Jack White no cine, participando nas películas Cold Mountain, de Anthony Minghella, e Coffee & Cigarettes, de Jim Jarmusch, ao lado de Meg White. En xullo, un accidente de coche baixou a Jack dos escenarios durante dous meses. En 2004, a banda pasou boa parte do tempo facendo concertos e despois entrou no estudio para gravar seu quinto álbum.

No ano seguinte foi lanzado o sucesor de Elephant, chamado Get Behind Me Satan. O disco sorprendeu pola variedade de instrumentos utilizados pola banda, coa guitarra de Jack White menos presente.

O sexto álbum de The White Stripes, Icky Thump, editouse no ano 2007 a través do selo Warner Bros. Records. Icky Thump estreouse na lista británica de álbums no número 1[5], e no 2 na Billboard 200 estadounidense, despois de vender 223.000 copias na súa primeira semana. A finais de xullo o álbum foi certificado ouro nos Estados Unidos e o 8 de marzo do 2008 levaba vendidas 725.125 copias nese país. O 10 de febreiro do 2008 gañara o premio Grammy ao mellor álbum de música alternativa.

Fin da banda

[editar | editar a fonte]

O 11 de setembro do 2007 a banda cancelou 18 datas da súa xira debido a problemas de ansiedade de Meg. Despois destas cancelacións suspenderon o resto das datas para ese ano, incluída a súa xira polo Reino Unido.

The White Stripes non volverían a actuar ata o 20 de febreiro do 2009, cando apareceron no programa Late Night with Conan O'Brien, onde interpretaron unha versión alternativa de "We're Going to Be Friends". Esta actuación resultou ser a última, xa que ata a ruptura do grupo a principios do 2011 non volverían a subirse a un escenario.

Discografía

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
The White Stripes 1999 Sympathy For The Record Industry
De Stijl 2000 Sympathy For The Record Industry
White Blood Cells 2001 Sympathy For The Record Industry
Elephant 2003 V2 Records
Get Behind Me Satan 2003 V2 Records
Icky Thump 2007 Warner Bros. Records
Álbum Ano Selo
Walking with a Ghost 2005 V2
  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2010. Consultado o 03 de febreiro de 2011. 
  2. Pastorek, Whitney (25 de maio de 2007). "Changing Their Stripes". Entertainment Weekly. Vol. 935. pp. 40-44
  3. "Rock On The Net: Grammy Awards: Best Alternative Music Performance". www.rockonthenet.com. Consultado o 2022-06-20. 
  4. "20 Greatest Duos of All Time". Rolling Stone (en inglés). 2015-12-17. Consultado o 2022-06-20. 
  5. http://acharts.us/album/26528

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]