Alón, Santa Comba
Alón | |
---|---|
Cruceiro e igrexa de Santa María de Alón. | |
Concello | Santa Comba[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°00′30″N 8°50′02″O / 43.0082, -8.834 |
Poboación | 332 hab. (2019) |
Entidades de poboación | 7[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa María de Alón[1] é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Santa Comba. Segundo o padrón municipal de 2018 tiña 335 habitantes (180 mulleres e 155 homes) distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2014, cando tiña 352 habitantes.
A parroquia de Alón ten sete lugares, que son: Alón de Arriba, Alón de Abaixo, Alvarín, O Cataduiro, O Couto, A Cruzana e Esmorode.
A actividade principal de Santa María de Alón é a gandaría vacúa de leite, sendo unha das parroquias galegas con maior produción leiteira.
Patrimonio artístico e cultural
[editar | editar a fonte]Cruceiro do igrexario
[editar | editar a fonte]Atópase no igrexario, diante da fachada da igrexa parroquial, no lugar de Alón de Abaixo. Construído en granito, é un dos tres que existen no concello cunha temática relacionada coa Paixón de Cristo. Érgese sobre unha plataforma cuadrangular e un pedestal tamén cuadrangular no que se achan representados os seguintes símbolos relacionados co motivo da paixón: a salamántiga, a serpe, tibias en forma de X, ademais de caveiras en cada un dos extremos.
O varal, que comeza sendo cadrado e remata con sección octogonal, mostra así mesmo outros símbolos da paixón: lanzas en X, cordón, tenaces, martelo, escada, a coroa de espiñas, o corazón cos cravos. Nun pequeno fornelo ten a imaxe de San Francisco axudando co seu cordón a saír do purgatorio ás almaalmiñas condenadas.
No capitel, de sección octogonal, distínguense o astrágalo circular liso, volutas, caras e un ábaco de lados curvos e vértices chafranados. No anverso dunha cruz de sección circular e aspecto leñoso con nós, áchase representado a Cristo crucificado con tres cravos, cabeza coroada de espiñas, o rostro cara a diante, o pano de pureza anoado á dereita e o INRI. No reverso aparece a Virxe en actitude orante, apoiada sobre peaña, e coas súas mans en cruz sobre o peito.
Existe unha mesa exenta a carón do cruceiro feita tamén en granito, que substitúe a outra que rompeu.
Arredor do cruceiro vaise en procesión nas festividades da parroquia pero soamente o día do Sacramento se fai parada diante do cruceiro, colocándose o Santísimo na mesa e levándose a cabo un rezo ou canto.
Igrexa de Santa María de Alón
[editar | editar a fonte]Foi construída entre 1773-1782 polo arquitecto Manuel Varela, sendo arcebispo Alexandre Bocanegra. É unha igrexa de estilo barroco, de planta de salón cunha soa nave dividida en tres tramos, e capela maior de igual anchura que a nave. A cabeceira cóbrase con bóveda de crucería mentres que a nave central faino mediante unha bóveda de canón.
A fachada organízase a xeito de retablo, cun pano central enmarcado por dúas pilastras e rematado por un gran frontón curvo sobre o que se alza un campanario de planta cadrada formado por dous corpos. O primeiro de base cuadrangular, formado por catro arcos de medio punto, lixeiramente apuntados e coroado por unha cúpula bulbosa.
Capela do cemiterio novo de Alón
[editar | editar a fonte]Foi construída polos veciños en 1999, na honra da Virxe de Fátima e San Xosé. Emprégase soamente para as funcións relixiosas nos enterros. É unha sinxela capela dunha única nave, con sancristía na cabeceira no seu lado sur. A iluminación realízase a través de amplas fiestras nas paredes laterais.
Debaixo da capela, á que se accede mediante unha escalinata, atópase o velatorio veciñal, primeiro do concello de Santa Comba.
A fachada é pentagonal, con porta en forma de lintel, óculo que ilumina o espazo interior, e espadana con dous vans.
Gastronomía e festas
[editar | editar a fonte]O Entroido
[editar | editar a fonte]É a época anterior á abstinencia da coresma, e polo tanto aproveitábase para comer carne, de aí a tradición da cacheira. Tamén é esta unha época de exceso no consumo de doces: orellas, filloas, chulas, ovos...
A Coresma
[editar | editar a fonte]O mércores de cinza, os venres de abstinencia ou vixilia e durante a Pascua facíanse tortillas de ovos ou peixe, traído por unhas "xireleiras" de Noia.
Divertimentos
[editar | editar a fonte]As ruadas eran festas celebradas nas aldeas, nun lugar acordado. Na parroquia de Alón celebrábanse nas seguintes casas: en Alón de Arriba na casa da Caseira, en Alón de Abaixo na casa da Roqueira, na casa da Vilas e na taberna de Visenta no Couto na casa da Raxada e na de Soneira, no Cataduiro na casa de Ramos, en Esmorode na casa do Cacho e na de Martís.[Cómpre referencia]
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Alón
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Alón no concello de Santa Comba (A Coruña) | |
---|---|
Alón de Abaixo | Alón de Arriba | Alvarín | O Cataduiro | O Couto | A Cruzana | Esmorode |