Saltar ao contido

Foliada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ruada»)
Foliada
Foliada nas rúas da Coruña
Orixe culturalGalicia Galicia
Instrumentos típicospandeireta
Outros nomesSerán
Ruada
Polavila
Fiadeiro

Unha foliada, tamén chamada serán, polavila, ruada, fiadeiro ou baile,[1][2] é unha festa popular na que están presentes o baile e a música tradicional galega.

Orixe e evolución

[editar | editar a fonte]

Estas celebracións folclóricas iniciáronse asociadas aos traballos comunais propios da sociedade agraria preindustrial. No período invernal, cando non era posíbel traballar os campos, era frecuente que a veciñanza das aldeas se congregase para realizar traballos colectivos. Nas xuntanzas, que eran tamén un xeito de socialización, xogábase, contábanse contos, cantábase e bailábase, o que permitía á mocidade da contorna o cortexo e a busca de parella.

Eran habitualmente as mulleres as que achegaban a música e o canto para a festa, acompañadas de instrumentos de percusión, como pandeiretas, pandeiros, ferriños, latas ou cunchas. En ocasións participaban instrumentistas masculinos, gaiteiros ou acordeonistas. Porén, era menos frecuente, pois estes adoitaban cobrar polos seus servizos, ao contrario cás pandeireteiras.[3]

A comezos do século XX as foliadas comezaron a facerse simplemente por diversión, ás veces en cortes do gando limpas e preparadas para a ocasión.[4] Mesmo comezaron a proliferar nas aldeas construcións específicas para este fin.[5] Nalgúns lugares as pezas tiñan daquela unha orde fixa chamada "festa" que se repetía ciclicamente. Nas "festas" tocábanse primeiro os bailes soltos (xota e muiñeira) e despois os agarrados (pasodobre, valse e rumba ou mazurca).[6][7]

Após a Guerra Civil española estas festas populares foron prohibidas polo franquismo.[8] Este feito, unido á migración masiva da mocidade cara ás cidades, provocou o seu esmorecemento e a práctica desaparición na década de 1960. Porén, a finais dos 80 comezaron a recuperarse co pulo dunha nova xeración de mozos de vilas e cidades interesados na cultura tradicional.[9][10] Hoxe en día é común a súa celebración en carpas cubertas ou espazos amplos dentro dun circuíto de activismo sociocultural que os promove e dinamiza.[5]

Denominacións

[editar | editar a fonte]
Festa popular no balneario de Mondariz

Existen historicamente multitude de nomes para os "bailes" tradicionais, dependendo da parte do país nas que se celebrasen e dos traballos coas que se relacionaban inicialmente. Algúns exemplos son:

  • Foliada[11][12] - Termo máis estendido, derivado probabelmente da esfollada[13] do millo, traballo en común no que se retiraban as follas ás mazarocas para almacenalas no hórreo.
  • Serán - Son as foliadas que celebran no solpor. A recuperación das festas populares tivo especial forza na zona sur do país, nas comarcas de Pontevedra, Vigo, O Condado e A Paradanta. Son convocadas nos días de festa, ás veces en substitución de orquestras e conxuntos musicais.[5] De tal xeito que o termo "serán", propio destes lugares, estase a converter na voz estándar para denominar as festas de baile e música tradicional[a]
  • Fiadeiro, tamén fia, fiada ou fiandón[15] - Son termos asociados ao proceso de fiar o liño ou a la. Era a denominación común das festas populares na zona de Ourense.
  • Ruada - Denominación tradicional da zona da Coruña.[16] Ten tamén a acepción de percorrido pola rúas tocando e bailando.[17]
  • Polavila - Denominación das festas tradicionais na zona de Lugo.[18]
  • Espadela ou espadelada, derivado da xuntanza para espadelar o liño.[19]
  • Tasca, derivado da xuntaza para tascar[20] o liño.
  • Morada: con este termo refírense uns bailes que se facían en varias parroquias da zona de Touro a comezos do ano. Normalmente comezaban a finais de xaneiro, cando xa medraban algo os días, e duraban ata o Entroido. Estas festas tiñan lugar os domingos pola tarde ao longo de varias semanas e nelas tocaba un grupo de gaiteiros, pagado co diñeiro que recadaban os mozos cando saían a cantar a Panxola e os Reis durante o Nadal. Está documentada a realización de moradas nas parroquias de Bama e Loxo (en Touro) e tamén na parroquia da Lavacolla (Compostela) ata os anos 60-70.
  1. Baixo o nome de Serán01 reuniuse no 2018 todo o sector do folclore galego na cidade da Cultura.[14]
Referencias
  1. VV.AA (2020). "Batendo cos paos na pel". Aturuxo (19): 77. 
  2. Souto, Miguel (2014). Xornadas de Baile Tradicional - Asociación de Gaiteiros Galegos. Youtube (Asociación de Gaiteiros Galegos). p. 1m. 25s. 
  3. Carpintero Arias, Pablo (2010). Os instrumentos musicais na tradición galega (Cantadoras). Consello da Cultura Galega. 
  4. Os Seráns. Youtube (Alalá nº 85 (TVG)). 2016. p. 4 m. 03 s. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Outeiro, Xandre (2012). Manüele.. de pandeireta e canto tradicional. Ediciones Intermitentes. p. 16. 
  6. Os Seráns. Youtube (Alalá nº 85 (TVG)). 2016. p. 5 m. 07 s. 
  7. "E logo que raio é un Serán?? - Malmequer". www.blogoteca.com. Consultado o 2021-03-11. 
  8. Calvo Varela, Carlos (28/01/2015). "A conspiração dos corpos críticos". Nós Diario. Consultado o 14/04/2021. 
  9. Blume, Felix (2011-04-22). "TEMPO DA RECOLLEITA (Galego)". Consultado o 2021-03-09. 
  10. Entrevista a Dorothé Schubarth. Youtube (Culturagalega.org). 
  11. "Foliada". Dicionario de dicionarios (sli.uvigo.es). Consultado o 2021-03-11. 
  12. Camafeita, Olga (2000). A música popular en Galicia (PDF). Foliada 
  13. "Definición da palabra: esfollada". Portal das Palabras. Consultado o 2021-03-09. 
  14. "Serán'01. Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2021-03-09. 
  15. Camafeita, Olga (2001). "Cantar de fía". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  16. "Ruada (Dicionario de dicionarios)". sli.uvigo.es. Consultado o 2021-03-09. 
  17. "Pasarrúa". Dúbidas do galego. 2015-03-16. Consultado o 2021-03-09. 
  18. "Polavila (Dicionario de dicionarios)". sli.uvigo.es. Consultado o 2021-03-09. 
  19. "Espadelada". Dicionario de dicionarios (sli.uvigo.es). Consultado o 2021-03-11. 
  20. "Definición da palabra: tascar". Portal das Palabras. Consultado o 2021-03-13. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]