Treboadas
Treboadas | |
---|---|
Orixe cultural | Galiza Norte de Portugal |
Instrumentos típicos | Bombo de treboada Gaita Caixa |
Outros nomes | Zés Pereiras |
As treboadas, ou Zés Pereiras, son agrupacións musicais propias do Baixo Miño galego e do Alto Minho portugués. A súa principal característica é o emprego dos bombos de treboada[1], uns bombos de grandes dimensións que se tocan a dúas mans.
Características
[editar | editar a fonte]As treboadas máis antigas das que se ten constancia estaban compostas por unha gaita de barquín, un tambor de grandes dimensións, e un bombo de treboada[2]. Estes antigos bombos son moi anteriores ao bombo moderno aparecido no século XIX da man das bandas de música, pois a súa presenza está documentada na zona desde o século XVI.[3] A aparición das bandas no panorama musical galego substituíu as treboadas nos bailes das festas, relegándoas a actuacións en alboradas, desfiles de xigantes e cabezudos ou marchas procesionais[4]
Desde comezos do século XX os grupos de treboadas foron substituíndo a gaita de barquín pola gaita de fol, mudando o tambor pola caixa, e incrementando o número de bombos, até chegar a cinco ou máis.[5] No Baixo Miño era tradición que percorresen as parroquias o 15 de agosto,[6] rematando o percorrido cunha xuntanza no cumio do monte Tegra, onde organizaban unha "treboada musical" cos bombos como protagonistas. Non se coñece o motivo ou orixe deste ritual,[7] se ben é conservado aínda hoxe na forma dunha romaría laica, a festa do monte da Guarda.[8]
No Alto Minho portugués, as treboadas son coñecidas como Zés Pereiras, en referencia ás Zés-P'reiras, o nome que recibían alí popularmente os bombos de grande tamaño.[3] Desde a década de 1940, debido ás políticas fronteirizas do Estado Novo de Salazar e do réxime franquista, as formacións portuguesas evolucionaron dun xeito diferente ás galegas.[9] Na beira portuguesa, as concertinas foron substituíndo as gaitas de foles nas labores melódicas, e os bombos gañando protagonismo[10], chegando a existiren hoxe Zés Pereiras que portan en exclusiva bombos e tambores[11].[12]
Na actualidade, as permutas culturais facilitan o regreso dos grupos galegos e portugueses ás súas comúns orixes[13], sendo abundantes os eventos conxuntos das agrupacións de ambas beiras do Miño.[14]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Bombo de Treboada". manelspercusion.com. Consultado o 2021-08-24.
- ↑ Fernández Santomé (2012). p.9
- ↑ 3,0 3,1 Fernández Santomé (2012). pp.66-67
- ↑ Fernández Santomé (2012). p.48
- ↑ Fernández Santomé (2012). p.34
- ↑ "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Bombo de mallada". Consultado o 2024-12-15.
- ↑ "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Bombo de mallada". Consultado o 2021-08-23.
- ↑ "O son de milleiros de tambores amenizan a Festa do Monte da Guarda". www.crtvg.es. Consultado o 2021-08-23.
- ↑ Fernández Santomé (2012). p.70
- ↑ "Bombos da Ronda típica de Carreço". luartube.crtvg.es. Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2021. Consultado o 2021-08-23.
- ↑ "Zes Pereiras-Festas do Boi -Allariz". Consultado o 2021-08-23.
- ↑ "Anuncio de treboadas". culturagalega.org. 2013-07-03. Consultado o 2021-08-23.
- ↑ Fernández Santomé (2012). p.56
- ↑ "II Concentración de Bombos (2012) - Vilanova da Cerveira". www.infominho.com. Consultado o 2021-09-02.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carpintero Arias, Pablo (2010). Os Instrumentos musicais na tradición galega. Difusora de Letras, artes. ISBN 8492958057.
- Fernández Santomé, Xerardo (2012). Treboada galega. Asoc.Folc.Gaiteiros da Xistra.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Treboada Baixo Miño - Rumba de Vergara - Luis Mariño Bouzada (2019). Youtube.
- Desfile festa do monte da Guarda - Chanfreiros (2009). Youtube.