Alexander Carlisle
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Alexander Montgomery Carlisle 8 de xullo de 1854 Groninga - Groningen, Países Baixos |
Morte | 5 de marzo de 1926 (71 anos) Londres, Reino Unido |
Lugar de sepultura | Golders Green Crematorium (en) |
Membro do Consello Privado de Irlanda | |
Actividade | |
Ocupación | enxeñeiro, empresario, político |
Descrito pola fonte | Dictionary of Indian Biography |
Alexander Carlisle, nado en Ballymena (condado de Antrim) o 8 de xullo de 1854 e finado en Londres o 5 de marzo de 1926[1], foi un enxeñeiro naval británico, e un dos homes involucrados no deseño dos transatlánticos clase Olympic.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi o fillo máis vello de John Carlisle, director da Royal Belfast Academical Institution.[1] Estudou na escola de seu pai até 1870, cando se uniu aos estaleiros Harland and Wolff (tendo 16 anos de idade), comezando a traballar coma aprendiz. Nese período coñeceu a William Pirrie, que posteriormente casaría coa súa irmá Margaret en abril de 1879.[2] Durante a súa longa traxectoria no estaleiro, Alexander Carlisle chegou a ocupar sucesivamente os cargos de delineante xefe, deseñador xefe, xerente, xerente xeral, etc.[1][3][4]
Casou en San Francisco en 1884 con Edith Wooster, unha estadounidense doce anos máis nova ca el. O matrimonio tivo un fillo e dúas fillas, e acabou mudándose a unha casa grande en Belfast.
Carlisle foi un dos homes que deseñaron os tres buques da clase Olympic: o Olympic, o Titanic e o Britannic. No deseño do Olympic e o Titanic, ocupouse das decoracións, os equipamentos e tódolos arranxos xerais, e tamén de implementar o sistema de pescantes para os botes salvavidas. Tras 40 anos en Harland and Wolff, Carlisle retirouse en 1910, e fíxose accionista en Welin Davit & Engineering Company Ltd, a empresa que fabricaba os pescantes.[5]
En 1912, testificou ante a investigación británica que se iniciou tralo naufraxio do Titanic.[5]
Carlisle, quen fora nomeado membro do Consello Privado de Irlanda en 1907 polo rei Eduardo VII, formou parte da cámara dos lords con Pirrie. Finalmente, foi expulsado en 1920 durante un intenso debate sobre o goberno propio de Irlanda.[2]
Alexander Carlisle tamén era un grande interesado e entusiasta da cultura xermánica, tendo realizado varias travesías transatlánticas a bordo de buques alemáns, e raramente utilizando embarcacións británicas ou mesmo aquelas que el mesmo deseñara (por exemplo, Carlisle nunca viaxou a bordo do Olympic). As súas opinións pro-xermánicas moitas veces lle fixeron entrar en conflito co seu cuñado William Pirrie e outros membros da sociedade; Carlisle coñeceu ao emperador Guillerme II de Alemaña e mantivo unha relación con el, casou a unha das súas fillas cun nobre xermánico e varias veces afirmou que a enxeñaría naval alemá era tan boa coma a británica.[2]
A súa saúde empeorou cada vez máis na década de 1920, sufrindo de problemas pulmonares e cardíacos. Permaneceu no leito a finais de 1925 na súa casa de Londres, mellorando un pouco nos vindeiros meses. Porén, morreu o 5 de marzo de 1926, e o seu funeral tivo lugar no crematorio de Golders Green (Gran Londres).[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Alexander Carlisle Obituary. Encyclopedia Titanica. Consultado o 12-9-2011.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Louden-Brown, Paul. "Who really designed Titanic?". Titanic Belfast. Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2015. Consultado o 3 de xuño de 2016.
- ↑ Ulster People and the RMS Titanic. Belfast-Titanic.com. Consultado o 12-9-2011.
- ↑ 4,0 4,1 Alexander Montgomery Carlisle. Find A Grave.com. Consultado o 12-9-2011.
- ↑ 5,0 5,1 Testimony of Alexander Carlisle. British Wreck Commissioner's Inquiry. 30 de xullo de 1912. Consultado o 12 de setembro de 2011.