Saltar ao contido

Alto Representante para Bosnia e Hercegovina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alto Representante para Bosnia e Hercegovina


SedeEmerika Bluma 1, Saraxevo
CreaciónAcordo de Dayton (14 de decembro de 1995)
Primeiro titularCarl Bildt
Sitio webhttp://www.ohr.int/?lang=en

O Alto Representante para Bosnia e Hercegovina, xunto coa Oficina do Alto Representante (OHR) en Bosnia e Hercegovina, creouse en 1995 inmediatamente despois da firma dos Acordos de Dayton que puxeron fin á guerra de Bosnia.

O propósito do Alto Representante e a OHR é supervisar a aplicación civil dos acordos de Dayton. Tamén serve para representar aos países involucrados na aplicación do Acordo de Dayton a través do Consello de Aplicación da Paz (PIC). Até o presente, todos os altos representantes nomeados foron de países da Unión Europea, mentres que os seus principais adxuntos foron dos Estados Unidos. O Alto Representante Adxunto Principal desempéñase como Supervisor Internacional de Brčko, representando á comunidade internacional no Distrito de Brčko.[1]

Fundamento xurídico nos Acordos de Dayton

[editar | editar a fonte]

O Acordo de Dayton creou a base legal para a OHR. O seu Anexo 10 establece a institución da Oficina do Alto Representante (OHR) en Bosnia e Hercegovina para supervisar a aplicación civil do acordo, representando aos países involucrados nos Acordos de Dayton a través do Consello de Aplicación da Paz.[2]

Os poderes de Bonn da Oficina do Alto Representante

[editar | editar a fonte]

Na súa reunión de decembro de 1997 en Bonn (Alemaña), o Consello de Aplicación da Paz acordou outorgar máis poderes substanciais á OHR, para evitar que a aplicación dos Acordos de Dayton se atrasase ou obstruíse polos políticos nacionalistas locais. Solicitouse á OHR que:

  1. Adoptase decisións vinculantes cando as partes locais parezan incapaces ou non estean dispostas a actuar.
  2. Destituíse aos funcionarios públicos que violen compromisos legais ou, en xeral, os Acordos de Dayton.[3]

Os poderes de Bonn foron amplamente utilizados pola OHR na seguinte década. Algúns exemplos inclúen a adopción da reforma da Defensa en abril de 2003, coa supresión do Consello Supremo de Defensa da República Srpska e a emenda das leis constitucionais da entidade.[3]

Até 2004, a OHR destituíra a un total de 139 funcionarios, incluídos xuíces, ministros, funcionarios públicos e membros dos parlamentos, ás veces xunto coa conxelación das súas contas bancarias. Despois das eleccións de 2002, a OHR examinou a todos os candidatos políticos para cargos ministeriais importantes a nivel de entidade e Estado.[3]

As críticas á acción da OHR a través dos poderes de Bonn inclúen:[3][4]

  1. A falta de responsabilidade do cargo, que só é responsable ante o Consello de Aplicación da Paz.
  2. A falta de apelación das súas decisións, que non obrigan a unha audiencia preliminar das persoas interesadas, e que teñen efecto inmediato. As destitucións poden, nalgúns casos, impor unha prohibición para sempre para o acceso a cargos públicos.

A Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, á que Bosnia e Hercegovina se uniu en 2002, expresou queixas contra as accións da OHR e esixe que transfira os seus poderes ás autoridades bosníacas canto antes.[5]

A interferencia prolongada da OHR na política de Bosnia e Hercegovina tamén se considera unha das causas do baixo compromiso dos cidadáns co estado (demostrado pola baixa participación de votantes) e da baixa rendición de contas dos políticos (cuxas accións finalmente están suxeitas a revisións externas).[3]

Fusión co representante especial da Unión Europea

[editar | editar a fonte]
Sede da OHR en Grbavica, Saraxevo.

Entre 2002 e 2011, o Alto Representante tamén se desempeñou como Representante Especial da Unión Europea (UE) en Bosnia e Herzegovina.[6][7]

Baixo o mandato de Christian Schwarz-Schilling, a OHR pareceu suavizar a súa intromisión, grazas ás presións do Consello de Europa e á crecente participación da UE. O número de iniciativas lexislativas da OHR e de funcionarios despedidos diminuíu.[3]

O 27 de febreiro de 2008, o Consello de Aplicación da Paz decidiu pór fin ao mandato do Alto Representante o 30 de xuño de 2008. A decisión da UE de pechar a OHR en xuño de 2007 provocou inesperadamente a preocupación da poboación bosníaca, as organizacións non gobernamentais e os políticos.[3] Con todo, desde a revisión do Consello de Aplicación da Paz de febreiro de 2008, decidiuse estender ese mandato de maneira indefinida ata que se cumpran unha serie de puntos de referencia positivos.[8]

Condicións para o peche da Oficina do Alto Representante

[editar | editar a fonte]

En febreiro de 2008, o Consello de Aplicación da Paz estableceu as condicións para o peche da OHR. Os problemas máis críticos consideraranse obxectivos que deben alcanzar as autoridades de Bosnia e Hercegovina antes de que se poida realizar a transición da OHR á presenza da Unión Europea. Dunha longa lista de prioridades coñecidas, o Consello seleccionou as máis importantes para a transición e o peche da OHR:[8]

  • Resolución da propiedade estatal.
  • Resolución da propiedade de defensa.
  • Finalización do control do distrito de Brčko.
  • Sostibilidade fiscal do Estado: completada a partir de maio de 2010, debe manterse de forma continua.[9]
  • Afianzamento do Estado de dereito: completado a partir de maio de 2010, debe manterse de forma continua.[9]

Ademais destes obxectivos tamén hai dúas condicións:

  • Firma do Acordo de Estabilización e Asociación - completado o 16 de xuño de 2008
  • Avaliación positiva da situación en Bosnia e Hercegovina por parte da Xunta Directiva do Consello, que se realizará despois de que se completen todas as demais cuestións.

A condición adicional non escrita que se aplicará a través da condición final da "avaliación realizada pola Xunta Directiva do Consello", foi adoptada posteriormente polos Estados Unidos e algúns países da UE:[10]

O peche da OHR é considerado pola Xunta Directiva do Consello de Aplicación da Paz como unha condición previa para ser membro da UE e mesmo para ser Estado candidato.[11][12]

Lista de altos representantes

[editar | editar a fonte]
N.º Alto representante Período País de orixe
1 Carl Bildt 14 de decembro de 1995 17 de xuño de 1997 Suecia Suecia
2 Carlos Westendorp 18 de xuño de 1997 17 de agosto de 1999 España España 
3 Wolfgang Petritsch 18 de agosto de 1999 26 de maio de 2002 Austria Austria
4 Paddy Ashdown 27 de maio de 2002 31 de xaneiro de 2006 Reino Unido Reino Unido
5 Christian Schwarz-Schilling 1 de febreiro de 2006 30 de xuño de 2007 Alemaña Alemaña
6 Miroslav Lajčák 1 de xullo de 2007 25 de marzo de 2009 Eslovaquia Eslovaquia
7 Valentin Inzko 26 de marzo de 2009 1 de agosto de 2021 Austria Austria
8 Christian Schmidt 1 de agosto de 2021 no cargo Alemaña Alemaña
  1. Press Conference Following the Meeting of the Steering Board of the Peace implementation Council on 23/5/2012
  2. "Texto do Acordo Marco Xeral Para a Paz en Bosnia e Hercegovina" (PDF). Nacións Unidas. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "Modelling States from Brussels? A critical assessment of the EU-Driven Statebuilding of Bosnia and Herzegovina" (PDF) (en inglés). Archived from the original on 18 de xullo de 2011. Consultado o 8 de maio de 2019. 
  4. "Matthew Parish, Demise of the Dayton Protectorate, J.Intervention and Statebuilding, Vol. 1 Special Supplement" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de xaneiro de 2015. Consultado o 13 de xaneiro de 2015. 
  5. Council of Europe, Honouring of obligations and commitments by Bosnia and Herzegovina, 2004
  6. "EU Special Representative in Bosnia and Herzegovina". European Union External Action. Consultado o 23 de novembro de 2012. 
  7. "Cypriot threats could affect role of top envoy in Bosnia". 9 de xullo de 2009. Consultado o 2 de outubro de 2010. 
  8. 8,0 8,1 "Press conference by the High Representative Miroslav Lajčák following the Peace Implementation Council Steering Board session in Brussels on 26-27 February 2008" (en inglés). 27 de febreiro de 2008. Consultado o 9 de maio de 2019. 
  9. 9,0 9,1 "37th Report of the High Representative for Implementation of the Peace Agreement on Bosnia and Herzegovina to the Secretary-General of the United Nations". Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2011. Consultado o 28 de febreiro de 2011. 
  10. "EU to end visa regime for Bosnia in November" (en inglés). 13 de setembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2010. Consultado o 9 de maio de 2019. 
  11. "EU to end visa regime for Bosnia in November". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2010. Consultado o 16 de setembro de 2010. 
  12. "Communiqué of the Steering Board of the Peace Implementation Council". Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2013. Consultado o 08 de febreiro de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]