Guerra de Bosnia
Coñécese como guerra de Bosnia o conflito internacional que se desenvolveu na actual Bosnia e Hercegovina do 6 de abril de 1992 ao 14 de decembro de 1995, e que foi causada por unha complexa combinación de factores políticos e relixiosos: exaltación nacionalista, crises políticas, sociais e de seguridade que seguiron ao final da guerra fría e a caída do comunismo na antiga Iugoslavia.
Ao desintegrarse Iugoslavia en 1991, coa independencia de Croacia e Eslovenia, líderes nacionalistas serbobosnios como Radovan Karadzić e serbios como Slobodan Milošević marcáronse como obxectivo principal que todos os serbios -diseminados poas distintas repúblicas que compoñían Iugoslavia- viviran nun mesmo país. En febreiro de 1992, o pobo de Bosnia e Hercegovina decide en referendo a súa independencia da República Federal Socialista de Iugoslavia, nunha votación boicoteada polos serbobosnios.[1] A sección do Exército Popular Iugoslavo en Bosnia e Hercegovina, fiel ao referendo, organizouse no Exército da República Bosnia e Hercegovina (ARBiH), mentres que os serbios formaron o Exército da República Serbia (VRS). Nun principio os serbios ocuparon o 70 % do territorio de Bosnia e Hercegovina pero, ao unir as súas forzas o Consello Croata de Defensa e o ARBiH, a guerra tomou outro rumbo e as forzas serbias foron derrotadas na Batalla de Bosnia Occidental. A participación da OTAN, durante 1995, contra as posicións do VRS internacionalizou o conflito, pero só nas súas etapas finais. A alianza bosniocroata ocupou un 51 % do territorio de Bosnia e Hercegovina e chegou até as portas de Banja Luka. Ao veren perigar a súa capital de facto, os líderes serbios firmaron o armisticio e a guerra terminou oficialmente coa sinatura dos Acordos de Dayton, en París, o 14 de decembro de 1995.[2]
A guerra durou pouco máis de tres anos e causou cerca de 100.000 vítimas entre civís e militares e 1,8 millóns de desprazados, segundo informes recentes.[3] Das 97.207 vítimas totais documentadas, o 65 % foron bosníacos musulmáns e o 25 % serbios. Dentro das vítimas civís, o 83 % correspondeu a bosníacos.
Disolución de Iugoslavia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Disolución de Iugoslavia.
A Guerra en Bosnia-Hercegovina está relacionada coa disolución de Iugoslavia. A crise apareceu en Iugoslavia co debilitamento do sistema comunista, que á súa vez foi parte de cambios maiores que ocorreron no mundo tras o final da guerra fría. No caso iugoslavo, o Partido Comunista de Iugoslavia deste país estaba perdendo a súa potencia ideolóxica baixoo o predomino de ideoloxías nacionalistas e separatistas contra finais de 1988 e inicios de 1989. Este cambio notábase principalmente en Serbia e Croacia, algo menos en Bosnia e Hercegovina, e aínda menos en Eslovenia e en Macedonia.
Este proceso acelerou o ingreso de Slobodan Milošević na escena política de Serbia; un home que empezou a súa carreira política como resposta ao despertar de ideoloxías nacionalistas e que se posicionou como líder moral dos serbios en Kosovo en 1989.
- Véxase tamén: Discurso de Gazimestan.
Os obxectivos políticos de Milošević eran consolidar o seu propio poder e lograr a dominación da Federación Iugoslava, incluíndo a dominación desta por Serbia, que era a república máis poboada da federación, polo que se cimentaría un firme control das políticas serbias.
Para alcanzar estes obxectivos, Milošević planexou varios procesos que levaron á instalación do seu gabinete político principalmente en Voivodina e Montenegro. A crise en Iugoslavia profundizouse tras a caída do goberno de Kosovo que tiña unha maioría albanesa. Continuando estes procesos, Milošević tomou o control de case a metade de Iugoslavia e con votos adicionais influíu facilmente as decisións do Goberno federal. Esta situación fixo reaccionar ás outras repúblicas, empezando por Eslovenia.
No 14º Congreso do Partido Comunista, levado a cabo o 20 de xaneiro de 1990, Milošević aplicou o seu dominio por primeira vez, obstruíndo varias emendas constitucionais que a delegación eslovena propuxo nun intento para restablecer o balance de poder na Federación. O Congreso terminou coas delegacións eslovena e croata abandonando a reunión, o que podería considerarse como o inicio da disolución de Iugoslavia.
A crise agudizose cando elementos nacionalistas tomaron o poder para ir en contra das políticas de Milošević; entre eles o croata Franjo Tudjman foi o máis prominente. Eslovenia e Croacia iniciaron pouco despois o proceso que levou á súa independencia, o que causou un conflito armado. Este foi especialmente intenso en Croacia, que tiña unha substancial poboación serbia.
- Véxase tamén: Guerra de Croacia.
Situación de preguerra en Bosnia-Hercegovina
[editar | editar a fonte]Bosnia e Hercegovina foron historicamente un territorio multiétnico. Segundo o censo de 1991, Bosnia-Hercegovina tiña unha poboación de 4 354 911 habitantes, divididos así:
- Bosníacos, 43,7 %
- Serbios, 31,3 %
- Croatas, 17,3 %
- Iugoslavos, 5,5 % [4]
Hai unha forte correlación entre identidade étnica e relixión:
- O 90 % dos bosníacos eran musulmáns
- O 93 % dos serbios de Bosnia eran cristiáns ortodoxos
- O 88 % dos croatas de bosnia eran católicos
Nas primeiras eleccións multipartidistas, que tiveron lugar en novembro de 1990 en Bosnia e Hercegovina, venceron os tres maiores partidos étnicos no país: o Partido de Acción Democrática bosníaco, o Partido Democrático Serbio e a Unión Democrática Croata.
As partes dividiron o poder entre as distintas etnias: mentres que o Presidente do Goberno da República Socialista de Bosnia e Hercegovina era un bosníaco, o Presidente do Parlamento era un serbio de Bosnia e o Primeiro Ministro un croata.
Posteriormente transcendeu que serbios e croatas, mediante un pacto secreto (o Acordo de Karadjordjevo) chegaran a un acordo para o repartimento de Bosnia, sen contar coa maioría bosníaca.[5]
Creación da "República Serbia de Bosnia e Hercegovina"
[editar | editar a fonte]Os membros serbios do parlamento, que eran principalmente os do Partido Democrático Serbio, así como outros representantes dos partidos que formaban a Asemblea Independente de Membros do Parlamento, abandonaron o Parlamento central de Saraxevo e formaron a Asemblea do pobo serbio de Bosnia e Hercegovina o 24 de outubro de 1991, que marcou o final da triétnica coalición que rexía despois das eleccións de 1990. Esta asemblea estableceu a "República Serbia de Bosnia e Hercegovina" o 9 de xaneiro de 1992, que tomou o nome de Republika Serbia (República Serbia) en agosto de 1992. O obxectivo oficial deste acto, que se manifesta no texto orixinal da Constitución da República Serbia e que sería modificado posteriormente, era preservar a Federación Iugoslava.
Creación da "Comunidade Croata de Herzeg-Bosnia"
[editar | editar a fonte]Durante as guerras iugoslavas, os obxectivos dos nacionalistas de Croacia foron compartidos polos nacionalistas croatas de Bosnia-Hercegovina.[6] O goberno da República de Croacia, a Unión Croata Democrática (HDZ), organizaba e controlaba a rama do partido en Bosnia-Hercegovina. A finais de 1991, os elementos máis extremos do partido, baixo a dirección de Mate Boban, Dario Kordić, Jadranko Prlić, Ignac Koštroman e dirixentes locais como Anto Valenta,[7] e co apoio de Franjo Tudjman e Gojko Šušak, tomaran o control efectivo do partido. O 18 de novembro de 1991, a rama do partido en Bosnia-Hercegovina, proclamou a existencia da Comunidade Croata de Herzeg-Bosnia, como unha separación "política, cultural, económica e territorial" no territorio de Bosnia-Hercegovina.[8]
Referendo sobre a independencia de Bosnia e Hercegovina
[editar | editar a fonte]Despois de que Eslovenia e Croacia declararan, en 1991, a súa independencia da República Socialista Federal de Iugoslavia, Bosnia e Hercegovina organizou tamén un referendo sobre a súa independencia. A decisión do Parlamento da República Socialista de Bosnia e Hercegovina da celebración do referendo tomouse despois de que a maioría de membros serbios abandonaran a asemblea parlamentaria en sinal de protesta.
Estes serbios de Bosnia, membros da asemblea, convidaron á poboación serbia a boicotear o referendo, celebrado o 29 de febreiro e o 1 de marzo de 1992. A participación no referendo foi do 67 % e o resultado foi do 99,43 % a favor da independencia.[9] A independencia foi declarada polo Parlamento o 5 de marzo de 1992. O referendo en si mesmo e o asasinato dun serbio nunha voda o día antes, utilizáronse polos líderes políticos serbios cosermo unha razón para iniciar bloqueos de estradas en sinal de protesta.
Embargamento de armas
[editar | editar a fonte]O 25 de setembro de 1991 o Consello de Seguridade das Nacións Unidas aprobou a Resolución CSNU 713, que impoñía un embargo de armas en toda a antiga Iugoslavia. O bloqueo prexudicaba ao Exército da República de Bosnia-Hercegovina, principalmente porque Serbia herdara a maior parte do arsenal do antigo Exército Popular Iugoslavo e o Exército de Croacia podía conseguir armas de contrabando a través da súa costa. Máis do 55 % dos depósitos de armas e cuarteis da ex Iugoslavia encontrábanse en Bosnia debido ao seu terreo montañoso, en previsión dunha guerra de guerrillas, pero moitas das fábricas de armas estaban baixo control serbio (como a fábrica Unis Pretis, en Vogošća), e outras quedaron inutilizadas debido á falta de electricidade e materias primas. O Goberno bosníaco meteu presión para que se levantara o embargamento, pero opuxéronse o Reino Unido, Francia e Rusia. O Congreso dos Estados Unidos aprobou dúas resolucións pedindo a anulación do embargamento, pero ambas foron vetadas polo Presidente Clinton por temor á creación dunha fisura entre os EUA e os países antes mencionados. Porén, os Estados Unidos realizaron varias operacións incluíndo grupos islamistas para subministrar armas ás forzas do Goberno de Bosnia a través de Croacia.[10]
A guerra
[editar | editar a fonte]Información xeral
[editar | editar a fonte]O Exército Popular Iugoslavo (Jugoslovenska narodna armija, JNA) deixou oficialmente Bosnia e Hercegovina o 12 de maio de 1992, pouco despois da independencia, declarada en abril. Porén, a maior parte da cadea de mando, armamento, e o persoal militar de maior rango, incluído o xeneral Ratko Mladić, permaneceron en Bosnia e Hercegovina no Exército da República Serbia (Vojska Republike Srpske, VRS).
Os croatas organizaron unha formación defensiva militar propia, chamada Consello Croata de Defensa (Hrvatsko Vijeće Obrane, HVO), como forzas armadas da autoproclamada Herzeg-Bosnia, e as Forzas Croatas de Defensa (Hrvatske Obranbene Snage, HOS).
A maioría dos bosníacos organizáronse no Exército da República Bosnia-Hercegovina (Republike Armija Bosne i Hercegovine, RBiH). Este exército tiña un bo número de non bosníacos (ao redor do 25 %), especialmente no 1º Corpo en Saraxevo. O comandante adxunto do Exército bosníaco, o xeneral Jovan Divjak, foi a máis alta xerarquía de etnia serbia no exército bosníaco. O xeneral Stjepan Šiber, de etnia croata, foi o segundo comandante adxunto. O presidente Alija Izetbegović tamén nomeou o coronel Blaž Kraljević, comandante do Consello Croata de Defensa en Hercegovina, como membro do cuartel xeral do Exército bosníaco, sete días antes do seu asasinato, co fin de reunir unha fronte multiétnica bosníaca de defensa.[11]
Varias foron as unidades paramilitares que operaron na guerra de Bosnia: os serbios Aguias Brancas (Beli Orlovi), os Tigres de Arkan, a Garda Serbia de Voluntarios (Srpska Dobrovoljačka Garda), os bosníacos da Liga Patriótica (Patriotska Liga) e os Boinas Verdes do Exército de Bosnia-Hercegovina (Zelene Beretke) e os croatas das Forzas de Defensa Croata (Hrvatske Obrambene Snage). Os paramilitares serbios e croatas que participaron como voluntarios recibían o apoio dos partidos políticos nacionalistas neses países. Existen denuncias sobre a participación das policías secretas serbia e croata no conflito. Os serbios recibiron o apoio de combatentes eslavos cristiáns doutros países, entre eles Rusia. Os voluntarios gregos foron acusados de tomar parte no masacre de Srebrenica, pois colocaron a bandeira de Grecia en Srebrenica, cando a cidade caeu ante os serbios.[12]
Os bosníacos recibiron o apoio de grupos islámicos comunmente coñecidos como "guerreiros santos" (Muyahidines). Houbo tamén varios centos de membros do Exército dos Gardiáns da Revolución Islámica que axudaron ao do Goberno de Bosnia durante a guerra.[13]
Inicialmente as forzas serbias atacaron á poboación civil non serbia en Bosnia oriental. Despois de que as cidades e as vilas estaban aseguradas, procedían á expulsión dos seus habitantes (limpeza étnica), que en ocasións incluíu violacións e asasinatos.[14] Os serbios tiñan superioridade (a pesar de contar con menos efectivos) debido ao armamento que recibiron do Exército Popular Iugoslavo, e estableceron o control sobre a maioría das zonas onde eran maioría relativa, ademais de zonas onde eran unha minoría significativa nas zonas rurais e rexións urbanas, excluíndo as grandes cidades de Saraxevo e Mostar. Os dirixentes militares e políticos serbios recibiron a maioría das acusacións de crimes de guerra ante o Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia (TPII, ou ICTY), moitos dos cales foron condenados despois da guerra nos xuízos.
A maior parte da capital, Saraxevo, estivo permanentemente en mans dos bosníacos, aínda que o Goberno oficial da República de Bosnia-Hercegovina seguiu funcionando con relativa composición multiétnica. Nos 44 meses do asedio, o terror contra Saraxevo e os seus residentes variou na súa intensidade, pero o obxectivo sempre foi o mesmo: infrinxir o maior sufrimento posíbel aos civís a fin de obrigar ás autoridades bosníacas a aceptar as demandas dos serbios.[15] O Exército da República Serbia rodeou a cidade (alternativamente, as forzas serbias situábanse nos arredores de Saraievo, o chamado anel ao redor de Saraxevo), despregando tropas e artillaría nos outeiros dos arredores no que sería o sitio máis longo na historia da guerra moderna, durante case 4 anos.
- Véxase tamén: Sitio de Saraxevo.
Asináronse numerosos acordos de cesamento do fogo, pero violábanse unha e outra vez cando unha das partes consideraba que tiña desvantaxe. As Nacións Unidas trataron de deter a guerra en varias ocasións, pero sen éxito, e o tan promocionado plan de paz Vance-Owen, que pretendía dividir o país en tres zonas, tivo pouco impacto.
Cronoloxía
[editar | editar a fonte]1992
[editar | editar a fonte]A primeira vítima en Bosnia é outro punto de discordia entre serbios e bosníacos. Os serbios consideran que foi Nikola Gardović, o pai dun noivo que foi morto na procesión dunha voda serbia dous días despois do referendo, o 1 de marzo de 1992, no casco antigo de Saraxevo. Bosníacos e croatas, porén, consideran as primeiras vítimas da guerra, antes da independencia, a uns civís croatas asasinados polo JNA (despois transformado en Exército da República Serbia e no Exército de Serbia e Montenegro), na aldea de Ravno, en setembro de 1991. Os bosníacos tamén consideran a primeira persoa vítima da guerra a Suada Dilberović, que recibiu un disparo durante unha marcha de paz por pistoleiros non identificados o 5 de abril desde un niño de francotiradores serbios no hotel Holiday Inn de Saraxevo.
Hai que ter en conta que estas actividades non estaban relacionadas aínda co comezo da guerra no territorio de Bosnia-Hercegovina. O 30 de setembro de 1991, o Exército Popular Iugoslavo destruíu o pequeno pobo de Ravno, situado en Hercegovina, habitado por croatas, durante o transcurso do sitio da cidade de Dubrovnik, en Croacia. O 19 de setembro, o JNA trasladou máis tropas á zona en torno á cidade de Mostar, o que foi protestado publicamente polo goberno local. O 13 de outubro de 1991 o futuro presidente da República Serbia, Radovan Karadžić, expresou a súa opinión sobre o futuro de Bosnia e dos musulmáns bosníacos, deixando claras as súas intencións de anexionarse todo o territorio posíbel.[16]
Durante os meses de marzo, abril e maio de 1992 producíronse feroces ataques no leste de Bosnia, así como na parte noroeste do país. En marzo, os ataques do VRS, xunto con membros do Segundo Comando Militar do antigo Exército Popular Iugoslavo, desenvolvéronse na parte oriental do país co obxectivo de tomar posicións estratexicamente pertinentes e de levar a cabo un bloqueo de comunicacións e información. Estes ataques deron lugar a un gran número de mortos e feridos civís.[17]
O JNA, baixo control serbio, foi capaz de tomar máis do 70 % do territorio bosníaco durante estes meses. Gran parte disto débese ao feito de que estaban moito mellor armados e organizados que os bosníacos e as forzas croatas de Bosnia. Os ataques tamén incluíron as zonas de composición étnica mixta. Doboj, Foča, Rogatica, Vlasenica, Bratunac, Zvornik, Prijedor, Sanski Most, Kljuc, Brčko, Derventa, Modrica, Bosanska Krupa, Bosanski Brod, Bosanski Novi, Glamoc, Bosanski Petrovac, Cajnice, Bijeljina, Višegrad, así como zonas de Saraxevo foron todas as zonas onde os serbios establecen o control e expulsaron a bosníacos e croatas. Tampouco as zonas máis etnicamente homoxéneas se salvaron de importantes combates, como Banja Luka, Bosanska Dubica, Bosanska Gradiska, Bileća, Gacko, Han Pijesak, Kalinovik, Nevesinje, Trebinje e Rudo, que viron como as súas poboacións non serbias foron expulsadas. Do mesmo modo, as rexións da zona central de Bosnia-Hercegovina (Saraxevo, Zenica, Maglaj, Zavidovići, Bugojno, Mostar, Konjic etc.) viron a fuxida da súa poboación serbia, emigrando a outras zonas baixo control serbio en Bosnia-Hercegovina.
En xuño de 1992, a UNPROFOR, que orixinalmente se despregara en Croacia, ampliou o seu mandato a Bosnia-Hercegovina, inicialmente para protexer o aeroporto internacional de Saraxevo. En setembro, o papel da UNPROFOR ampliouse co fin de protexer a axuda humanitaria e axudar na execución das actividades de socorro en toda Bosnia-Hercegovina, así como na axuda na protección dos refuxiados civís cando fora requirida pola Cruz Vermella.
As cidades de Gornji Vakuf e Novi Travnik foron atacadas polos croatas o 20de xuño de 1992, pero o intento de tomalas fracasou. O acordo de Graz entre serbios e croatas causou unha profunda división dentro da comunidade croata e a separación do grupo, o que conduciu ao conflito cos bosníacos. Un dos principais dirixentes croatas, Blaž Kraljević, partidario da unión, foi asasinado por soldados do HVO en agosto de 1992, o que debilitou moito ao grupo moderado que esperaba manter a alianza de croatas e bosníacos.[18]
En outubro de 1992, os serbios tomaron a cidade de Jajce d expulsaron ás poboacións croata e bosníaca. A caída da cidade debeuse en gran parte á falta de cooperación bosníaco-croata e ao aumento das tensións, especialmente durante os últimos catro meses.
1993
[editar | editar a fonte]O 8 de xaneiro de 1993 os serbios asasinaron o deputado bosníaco Hakija Turajlić despois de deter o convoi das Nacións Unidas que o trasladaba desde o aeroporto. Os días 15 e 16 de maio, o 96 % dos serbios votou a favor de rexeitar o plan Vance-Owen. Tras o fracaso do plan de paz, que pretendía dividir o país en tres zonas étnicas, xurdiu un conflito armado entre bosníacos e croatas sobre o 30 % de Bosnia que ocupaban. O plan de paz foi un dos factores que conduciron á escalada do conflito, ao evitar Lord Owen o diálogo coas autoridades croatas máis moderadas (pro-Bosnia unificada) e negociar directamente cos elementos máis extremos (que pretendían a separación).[19]
Gran parte do ano 1993 foi dominada pola guerra bosníaco-croata que se fixo máis grave en outubro de 1992, cando as forzas croatas bosníacas atacaron á poboación civil en Prozor, queimando as súas casas e matando a civís. En xaneiro de 1993 as forzas croatas de Gornji Vakuf atacaron de novo co fin de conectar Bosnia Central con Hercegovina.
A limpeza étnica do Val de Lašva, campaña contra os civís bosníacos prevista polos xefes políticos e militares da Comunidade Croata de Herzeg-Bosnia de maio de 1992 a marzo de 1993, foi para dar cumprimento aos obxectivos enunciados polos nacionalistas croatas en novembro de 1991.[6] Os bosníacos do Val de Lašva foron obxecto de persecución por motivos políticos, raciais e relixiosos,[20] deliberadamente discriminados no contexto dun ataque xeneralizado na rexión á poboación civil[21] e sufriu asasinatos en masa, violacións e retención en campamentos, así como a destrución de lugares culturais e propiedades privadas, o que desembocou no masacre de Ahmići. Estes feitos foron continuados a miúdo por propaganda anti-bosníaca, en particular nos municipios de Vitez, Busovača, Novi Travnik e Kiseljak.
A Comunidade Croata de Herzeg-Bosnia tomou o control de moitos gobernos municipais e servizos en Hercegovina e eliminou ou apresou aos líderes bosníacos locais. Herzeg-Bosnia tomou o control dos medios de comunicación e impuxo ideas e propaganda croata. Introducíronse novos plans de estudos e o idioma croata nas escolas. Moitos bosníacos e serbios foron retirados de posicións no goberno er as empresas privadas; a axuda humanitaria era xestionada e distribuída aos bosníacos e aos serbios en desvantaxe e os bosníacos en xeral foron cada vez máis acosados.
A alianza bosníaco-croata mantívose nalgunhas zonas de Bosnia, en particular en Bihać (noroeste de Bosnia) e Bosanska Posavina (norte), onde ambos os grupos estaban sendo moi castigados polas forzas serbias. Este conflito provocou a creación dun maior número de enclaves étnicos e un maior derramamento de sangue.
Mostar tamén foi rodeado polas forzas croatas durante nove meses, e gran parte da cidade histórica foi gravemente destruída polos bombardeos, incluída a famosa ponte Stari Most.
O ARBiH lanzou unha operación coñecida como Neretva 93 contra o Consello Croata de Defensa e as Fozas Croatas de Defensa en setembro de 1993, co fin de poeñr fin ao sitio de Mostar e recuperar as zonas de Hercegovina que foran incluídas na autoproclamada República Croata de Herzeg-Bosnia. A operación foi detida polas autoridades bosníacas despois de recibir a información sobre os incidentes contra civís croatas e os prisioneiros de guerra nas aldeas de Grabovica e Uzdol.
Algúns dirixentes croatas foron xulgados polo TPII por cargos como crimes de lesa humanidade, violacións graves dos Convenios de Xenebra e violacións das leis ou usos da guerra. Dario Kordić, dirixente político dos croatas en Bosnia central, foi declarado culpábel de crimes de lesa humanidade en Bosnia central, pola limpeza étnica levada a cabo, e condenado a 25 anos de prisión.[22] O comandante bosníaco Sefer Halilović foi acusado dun cargo de violación das leis e costumes da guerra sobre a base da responsabilidade penal dos incidentes ocorridos durante Neretva 93 e declarado inocente.
Nun intento de protexer aos civíes, o papel da UNPROFOR ampliouse en 1993 para protexer as "zonas seguras" que declarara en torno a Saraxevo, Goražde, Srebrenica, Tuzla, Žepa e Bihać.
1994
[editar | editar a fonte]En 1994, a OTAN decide participar activamente cando, o 28 de febreiro, os seus avións F-16 derribaron catro avións serbios en Bosnia central (incidente de Banja Luka), que violaran a zona de prohibición de voos da ONU.
A guerra bosníaco-croata terminou oficialmente o 23 de febreiro de 1994, cando o comandante do HVO, xeneral Ante Roso e o comandante do Exército bosníaco, xeneral Rasim Delić, asinaron un acordo de alto ao fogo en Zagreb. En marzo de 1994 un acordo de paz mediado polos Estados Unidos entre os belixerantes croatas (representados pola República de Croacia) e a República de Bosnia-Hercegovina asinouse en Washington e Viena (coñecido como Acordo de Washington). En virtude do acordo, o conxunto dos territorios controlados polos croatas de Bosnia e as forzas do Goberno foi dividida en dez cantóns autónomos, establecidos na Federación de Bosnia-Hercegovina. Isto puxo fin á guerra entre croatas e bosníacos, e reduciu as partes belixerantes a dúas.
A primeira batalla aberta entre croatas e serbios, o HVO e o HOS contra o VRS, sucedeu en Kupres, en Hercegovina Occidental. Os serbobosnios e o JNA contaban cuns 6.000 homes, 3 ou 4 divisións de artillaría, un batallón blindado e o apoio da aviación, contra uns 1.500 bosniocroatas de Kupres. Os (por aquel entón) pouco armados bosniocroatas perden esta batalla que terá a súa segunda parte en 1995 con distinto desenlace.
Os bosniocroatas e bosníacos enrolados no HVO e, sobre todo, no HOS -coa lección aprendida de Ravno e coas armas conseguidas desde Croacia- serían a primeira forza que consegue gañar a primeira batalla non encuberta contra os serbios -a primeira Batalla de Mostar- conseguindo expulsalos da parte ocupada de Mostar Oriental.
Despois do golpe de Mate Boban, e a caída inexplicábel do norte de Bosnia e a cidade de Jajce, o HVO xa non quere entrar en conflito cos serbios. Porén, o HOS segue fiel ao goberno bosníaco de Saraxevo, o que levará a un conflito interno entre os bosniocroatas e ao atentado posterior sobre o seu líder Blaz Kraljevic.
1995
[editar | editar a fonte]A guerra continuou durante a maior parte de 1995. Ese ano os serbobosnios comezaron unha campaña sistemática de ataques a "zonas seguras", o que puxo ás forzas da ONU na súa contra. Isto, unido á mellor preparación e resultados da alianza bosníaco-croata, reduciu as opcións de vitoria de Karadžić.
En xullo de 1995, as tropas serbias do xeneral Ratko Mladić ocuparon a "zona segura", controlada pola UNPROFOR, de Srebrenica no leste de Bosnia, onde ao redor de 8.000 civís bosníacos foron asasinados no coñecido masacre de Srebrenica. A maioría das mulleres foron expulsadas e algunhas violadas e asasinadas.[23] O TPII cualificou este suceso como xenocidio, no caso contra Radislav Krstić.
De acordo co acordo bosníaco-croata, as forzas croatas operaron no oeste de Bosnia (Operación Verán'95), e a principios de agosto lanzaron a Operación Tormenta, facéndose cargo da República Serbia de Krajina en Croacia, que trouxo consigo unha nova limpeza étnica, neste caso de serbios. Con iso, a alianza bosníaco-croata gañou a iniciativa na guerra, obtendo gran parte de Bosnia occidental dos serbios en varias operacións, entre elas a Operación Mistral e a Operación Sana. Estas forzas chegaron a ameazar a capital serbia de Bosnia Banja Luka grazas a un ataque terrestre directo.
A artillaría serbia que sitiaba Saraxevo levou a cabo o masacre do mercado de Markale, e a OTAN respondeu co inicio da Operación ''Deliberate Force'', ampliando os ataques aéreos contra infraestruturas e unidades serbobosnias en setembro.
Nese momento, a comunidade internacional meteu presión a Milošević, Izetbegović e Tudjman para que sentaran na mesa de negociación e, finalmente, a guerra terminou cos Acordos de Dayton asinados o 21 de novembro de 1995. A versión final do acordo de paz foi asinada o 14 de decembro de 1995, en París.
Baixas
[editar | editar a fonte]O número de mortos tras a guerra foi inicialmente estimado en ao redor de 200.000 polo goberno bosníaco. Tamén se rexistraron ao redor de 1 326 000 refuxiados e exiliados.
A investigación realizada por Tibeau e Bijak en 2004 determinou uns 102.000 mortos e estimou o seguinte detalle: 55.261 eran civís e 47.360, soldados. Dos civís: 16.700 eran serbios, mentres que 38.000 foron bosníacos e croatas. Dos soldados, 14.000 foron os serbios, os croatas foron 6.000, e os bosníacos 28.000.[24]
Outra investigación levouna a cabo o Centro de Investigación e Documentación de Saraxevo (RDC), baseada na creación de listas e bases de datos, en lugar de proporcionar estimacións. Estudos demográficos do TPII na Unidade da Haia, proporcionan un número similar de mortos, pero un tanto diferente en distribución étnica.[25] A partir de outubro de 2006, o reconto do número de vítimas chegou a 97.884.[26] Outras investigacións seguen en curso.
O 21 de xuño de 2007, o Centro de Investigación e Documentación de Saraxevo publicou a máis ampla investigación sobre as baixas da guerra de Bosnia-Hercegovina titulado O libro bosnio dos Mortos -unha base de datos que revela 97.207 nomes de cidadáns mortos e desaparecidos durante a guerra de 1992-1995. Un equipo internacional de expertos avaliou os resultados antes de que foran publicados. Máis de 240.000 bases de datos foron recollidas, tratadas, estudadas e avaliadas polo equipo internacional de expertos, obtendo o número final de máis de 97.000 nomes de vítimas, pertencentes a todas as nacionalidades. Das 97.207 mortes documentadas en Bosnia-Hercegovina, o 83 % das vítimas civís foron bosníacos, o 10 % serbios e máis do 5 %, croatas, seguido por un pequeno número doutros, como albaneses ou romanís. A porcentaxe de vítimas bosníacas podería ser superior, pois hai superviventes de Srebrenica que informaron que os seus seres queridos eran 'soldados' para accederen aos servizos sociais e outros beneficios do goberno. A cifra total de mortos podería aumentar até un máximo doutros 10.000 para todo o país debido ás investigacións en curso.[27][28]
As grandes discrepancias en todas estas estimacións son polo xeral debido á contradición das definicións dos que poden ser considerados vítimas da guerra. Algunhas investigacións computan só as vítimas directas da actividade militar, mentres que outros computan tamén vítimas indirectas, como os que morreron como consecuencia das duras condicións de vida, fame, frío, enfermidades ou outros accidentes causados indirectamente pola guerra. Tamén se utilizaron cifras máis altas cando moitas das vítimas se computaron dúas ou tres veces, tanto en civís como en militares, ademais de que pouco ou nada de comunicación e coordinación pode haber entre estas listas en condicións de guerra. A manipulación dos números á hoxe en día moi utilizada polo revisionismo histórico para cambiar o carácter e o alcance da guerra en Bosnia-Hercegovina. Porén, a maioría dos estudos independentes non foron acreditados por ningún dos gobernos involucrados no conflito e non hai resultados oficiais que sexan aceptábeis para todas as partes.
Non debe esquecerse que tamén houbo baixas significativas por parte das tropas internacionais en Bosnia-Hercegovina. Uns 320 soldados da UNPROFOR morreron durante este conflito.
Crimes de guerra
[editar | editar a fonte]Limpeza étnica
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Limpeza étnica.
A limpeza étnica foi un fenómeno común na guerra. Polo xeral, isto implicaba a intimidación, a expulsión forzosa ou o asasinato da etnia indesexada, así como a destrución dos vestixios físicos do grupo étnico, como os lugares de culto, cemiterios e edificios culturais e históricos. De acordo con numerosos fallos do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia, as forzas serbias [29] e croatas [30] realizaron limpeza étnica nos seus territorios, planificadas polos seus líderes políticos co fin de crear estados etnicamente puros (República Serbia e República Croata de Herzeg-Bosnia). Por outra parte, as forzas serbias cometeron o masacre de Srebrenica ao final da guerra, cualificado polo Tribunal como xenocidio.[31] Así mesmo, forzas bosníacas -sobre todo paramilitares chegados de países árabes, muyahidines- levaron a cabo tamén limpieza étnica en aldeas de maioría serbia.[32]
Violacións en masa
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Violacións masivas en Bosnia.
Durante a guerra de Bosnia, realizáronse abusos sexuais de nenas e mulleres que máis tarde se coñecerían como fenómeno de violacións en masa. Entre 20.000 e 44.000 mulleres foron sistematicamente violadas polas forzas serbias.[33][34] Estes feitos foron realizados en Bosnia oriental, durante os masacres de Foca, e en Grbavica, durante o sitio de Saraxevo.[35] En menor medida, existe constancia de que tamén unidades bosníacas realizaron esta práctica con mulleres serbias en Kamenica, Rogatica, Kukavice, Milici, Klisa, Zvornik e outras cidades. O tribunal non xulgou estes feitos por considerárense illados. Porén, tras este conflito a violación foi recoñecida por primeira vez como unha arma de guerra, empreada como ferramenta de limpeza étnica e xenocidio.[36]
Xenocidio
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Xenocidio bosníaco.
Un xuízo tivo lugar ante a Corte Internacional de Xustiza, a raíz dunha demanda presentada en 1993 por Bosnia e Hercegovina contra Serbia e Montenegro acusándoa de xenocidio. A Corte Internacional de Xustiza (CIJ), na súa sentenza de 26 de febreiro de 2007 determinou que Serbia non tivo responsabilidade polo xenocidio cometido polas forzas serbias de Bosnia no masacre de Srebrenica en 1995. A CIJ chegou á conclusión, porén, de que Serbia non actuou para impedir o masacre de Srebrenica e castigar aos considerados responsábeis, sobre todo ao xeneral Ratko Mladić e ao Primeiro Ministro serbobosníaco Radovan Karadžić. Ambos os dous están acusados polo Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia dos cargos de crimes de guerra e xenocidio.
Os dous máximos responsábeis do xenocidio foron capturados polo goberno de Serbia ante a presión da comunidade internacional: o Presidente da República Serbia, Radovan Karadžić, o 21 de xullo de 2008; e o Comandante en Xefe do exército serbobosníaco, Ratko Mladić, o 26 de maio de 2011.
Galería de mapas
[editar | editar a fonte]-
Antiga Iugoslavia durante a guerra.
-
Composición étnica en 1991 por municipios.
-
Composición étnica estimada en 2013.
-
Liñas da fronte en 1994, ao finalizar o conflito bosníaco-croata e tras os Acordos de Washington.
-
Máximo territorio controlado polos croatas durante a guerra.
-
Máximo territorio controlado polos serbios durante a guerra.
-
Animación do control de varias repúblicas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cronoloxía da desintegración. Diario El Mundo (España)
- ↑ Acordos de paz de Dayton
- ↑ "Herald Tribune. Estimacións das Comisións". Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2007. Consultado o 27 de xuño de 2007.
- ↑ (Os que se consideraban eles mesmos como iugoslavos; na ex Iugoslavia a poboación que se declaraba como iugoslava apenas alcanzaba un 1 %).
- ↑ El triunfo del Estado-nación. Diario El Mundo (España).
- ↑ 6,0 6,1 TPII: Veredito Blaškić. O val de Lasva: maio de 1992 - xaneiro de 1993
- ↑ TPII: Veredito Blaškić. O val de Lasva: maio de 1992 - xaneiro de 1993
- ↑ TPII: Cargos contra criminais de guerra croatas
- ↑ "U Federaciji Bosna i Herzegovina obilježen. Dan nezavisnosti BiH". Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2012. Consultado o 02 de xullo de 2012.
- ↑ The Guardian: América utilizou islamistas para armar aos musulmáns de Bosnia
- ↑ Vjesnik: Je li Tuta platio atentatorima po mascota tisuća maraka
- ↑ Grecia enfróntase á vergonza polo seu papel no masacre dos serbios
- ↑ "Instituto americano da Paz, aplicación de Dayton". Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2009. Consultado o 29 de decembro de 2011.
- ↑ TPII: Ataques contra a poboación civil
- ↑ "TPII: Maior sufrimento ao menor risco". Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2007. Consultado o 29 de decembro de 2011.
- ↑ "Karadzic e o xenocidio". Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2008. Consultado o 29 de decembro de 2011.
- ↑ Comité de Dereitos Humanos. Informe de Bosnia e Hercegovina
- ↑ Sarajevo, i poslije, Erich Rathfelder
- ↑ Angus Macqueen e Paul Mitchell: A morte de Iugoslavia
- ↑ "TPII (1995): acta de acusación inicial para a limpeza étnica da zona do val de Lasva". Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2007. Consultado o 29 de decembro de 2011.
- ↑ TPII: Resumo da sentenza de Miroslav Bralo
- ↑ TPII: Veredito de Kordić e Čerkez
- ↑ ICTY: Veredito de Krstic
- ↑ Nilsen, Av Kjell Arild; - Axencia Norueguesa de Noticias
- ↑ "Krsman, Natasa; "Mirsad Tokaca: Samo fizicki me mogu sprijeciti Radim da Bosnia"". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2008. Consultado o 29 de decembro de 2011.
- ↑ "RDC: Estudo dos centros de bases de datos". Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2009. Consultado o 29 de decembro de 2011.
- ↑ "A investigación mostra que as estimacións do número de mortos foron inchadas". Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2007. Consultado o 27 de xuño de 2007.
- ↑ Libro bosnio dos Mortos
- ↑ TPII: Sentenza Radoslav Brdanin
- ↑ TPII: Veredicto Kordic e Cerkez
- ↑ TPII: Discurso do Presidente do Tribunal Theodor Meron, no cemiterio de Potocari
- ↑ "TPII: Condena a Naser Oric". Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2014. Consultado o 29 de decembro de 2011.
- ↑ Violacións en masa en Grbavica
- ↑ Violadas en la guerra de Bosnia: 14 años sin apoyo y sin derechos Diario El Mundo (España), 3 de maio de 2009.
- ↑ TPII: Ataque contra a poboación civil. Sentenza Foca
- ↑ The Economist (13 de xaneiro de 2011). "War's overlooked victims" (en inglés). economist.com. Consultado o 29/12/2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez, Delmi: Reporteiro de guerra en Iugoslavia (1994).
- Denitch, Bogdan: Nacionalismo y etnicidad: la trágica muerte de Yugoslavia, Siglo XXI, 1995, ISBN 968-23-1958-7
- Goytisolo, Juan: Cuaderno de Sarajevo (1993).
- Gutman, Roy: A Witness to Genocide: The 1993 Pulitzer Prize-Winning Dispatches on the "Ethnic Cleansing" of Bosnia, ISBN 978-0-02-032995-4
- Shrader, Charles R.: The Muslim-Croat Civil War in Central Bosnia Texas A&M University Press, 2003 ISBN 1-58544-261-5
- Suárez, Mariú: Más allá del homo sapiens, Victoria, B.C., 2000, ISBN 1-55212-523-8
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Informe da ACNUR sobre a guerra de Bosnia (en castelán)
- El confidencial: La ONU exculpa a Serbia de genocidio Arquivado 12/12/2008, en Wayback Machine. (en castelán)
- Comparecencia de Milosevic ante el TPII (en castelán)
- Sumario dos vereditos do TPII sobre o conflito entre Bosnia-Hercegovina e a República Serbia Arquivado 07 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine. (en inglés)
- Sumario dos vereditos do TPII sobre o conflito entre Bosnia-Hercegovina e a República Croata de Herzeg-Bosnia Arquivado 07 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine. (en inglés)
- Centro de Investigación e Documentación de Saraxevo (en inglés)
- Xenocidio en Iugoslavia (en inglés)