Anhidrase carbónica
Carbonato deshidratase | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Anhidrase carbónica II humana unido ao cinc e ao dióxido de carbono. PDB 6LUX | |||||||||
Identificadores | |||||||||
Número EC | 4.2.1.1 | ||||||||
Número CAS | 9001-03-0 | ||||||||
Bases de datos | |||||||||
IntEnz | vista de IntEnz | ||||||||
BRENDA | entrada de BRENDA | ||||||||
ExPASy | vista de NiceZyme | ||||||||
KEGG | entrada de KEGG | ||||||||
MetaCyc | vía metabólica | ||||||||
PRIAM | perfil | ||||||||
Estruturas PDB | RCSB PDB PDBe PDBj PDBsum | ||||||||
Gene Ontology | AmiGO / EGO | ||||||||
|
Anhidrase carbónica de tipo eucariota | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Identificadores | |||||||||
Símbolo | Carb_anhydrase | ||||||||
Pfam | PF00194 | ||||||||
InterPro | IPR001148 | ||||||||
PROSITE | PDOC00146 | ||||||||
SCOPe | 1can / SUPFAM | ||||||||
Membranome | 333 | ||||||||
|
As anhidrases carbónicas (CA), tamén chamadas carbonato deshidratases (EC 4.2.1.1), forman unha familia de encimas que catalizan a interconversión entre o dióxido de carbono e a auga e os ións resultantes da disociación do ácido carbónico (é dicir, bicarbonato e ións hidróxeno).[1] O sitio activo da maioría das anhidrases carbónicas conten un ión cinc. Son, polo tanto, clasificadas como metaloencimas. O encima mantén o balance ácido-base e axuda ao transporte de dióxido de carbono.[2]
A anhidrase carbónica axuda a manter a homeostase ácido-base, regula o pH e o balance de fluídos. Dependendo da súa localización, o papel do encima cambia lixeiramente. Por exemplo, a anhidrase carbónica produce ácido na parede interna do estómago. Nos riles, o control dos ións bicarbonato inflúe no contido de auga da célula. O control de ións bicarbonato tamén inflúe no contido de auga dos ollos. Os inhibidores da anhidrase carbónica utilízanse para tratar o glaucoma, que é a excesiva acumulación de auga nos ollos. Bloquear este encima fai cambiar o balance de fluídos nos ollos, reducindo a súa acumulación e, dese xeito, aliviando a presión.[2][3]
A anhidrase carbónica é fundamental para a función da hemoglobina debido ao efecto Bohr, que cataliza a hidratación de dióxido de carbono para formar ácido carbónico e disociarse rapidamente na auga.[4] Esencialmente, un incremento de dióxido de carbono resulta nun descenso do pH sanguíneo, que diminúe a unión do oxíxeno á hemoglobina.[5] O contrario é tamén certo, xa que unha diminución na concentración de dióxido de carbono leva o pH sanguíneo, o cal eleva a taxa de unión oxíxeno-hemoglobina. A relación entre o efecto Bohr e a anhidrase carbónica é simple: a anhidrase carbónica acelera a reacción do dióxido de carbono coa auga para producir ións hidróxeno (protóns) e ións bicarbonato.
Para describir o equilibrio na reacción da anhidrase carbónica, utilízase o principio de Le Chatelier. A maioría dos tecidos son máis ácidos que o tecido pulmonar porque neses tecidos se produce dióxido de carbono pola respiración celular, onde este reacciona coa auga e produce protóns e bicarbonato. Como a concentración de dióxido de carbono é maior, o equilibrio desprázase cara á dereita, ao lado da reacción do bicarbonato. Nos pulmóns obsérvase o contrario, porque o dióxido de carbono alí é liberado, reducindo a súa concentración, así que o equilibrio se despraza cara á esquerda, favorecendo a produción de dióxido de carbono.[6]
Descubrimento
[editar | editar a fonte]A anhidrase carbónica illouse e caracterizouse inicialmente a partir de glóbulos vermellos do sangue en 1933, con informes simultáneos de Meldrum e Roughton (da Universidade de Cambridge, Reino Unido) e de Stadie e O’Brien (da Universidade de Pensilvania, Estados Unidos),[7][8] en ambos os casos mentres investigaban un "factor catalítico... necesario para o transito rápido do HCO3- [anión bicarbonato] dos eritrocitos aos... capilares pulmonares".[9]
Introdución
[editar | editar a fonte]Un encima é unha substancia que actúa como catalizador nos organismos vivos que acelera as reaccións químicas.[10] A anhidrase carbónica é un importante encima que se atopa nos glóbulos vermellos do sangue, na mucosa gástrica, células pancreáticas e nos túbulos renais. Foi descuberto na décda de 1930 e foi categorizado inicialmente en tres clases xerais (hoxe coñécense máis).[11][12] A clase unha é a anhidrase carbónica alfa que se encontra en mamíferos, a clase dúas é a da anhidrase carbónica beta, que se atopa en bacterias e plantas, e a clase tres é a da anhidrase carbónica gamma, que se atopa nas bacterias metanóxena de fontes termais.[13] As tres clases de anhidrase carbónica teñen o mesmo sitio activo cun centro metálico de Zn; porén, non son estruturalmente similares entre si.
Estrutura e función
[editar | editar a fonte]Na natureza aparecen varias formas de anhidrase carbónica. Na forma ben estudada anhidrase carbónica α presente en animais, o ión cinc está coordinado polos aneis de imidazol de 3 residuos de histidina, His94, His96 e His119.[14]
A función primaria do encima en animais é interconverter dióxido de carbono e bicarbonato para manter o balance ácido-base no sangue e noutros tecidos, e axudar a transportar o dióxido de carbono polo sangue fóra dos tecidos o cal, á súa vez, axuda á respiración. Pode tamén funcionar colaborando na formación de ácido clorhídrico no estómago.[Cómpre referencia] Xa que logo, o papel da anhidrase carbónica depende de onde se atope no corpo.
En mamíferos existen polo menos 14 isoformas. As plantas conteñen unha forma diferente chamada anhidrase carbónica β, que, desde un punto de vista evolutivo, é un encima distinto, pero participa na mesma reacción e tamén usa un ión cinc no seu sitio activo. En plantas, a anhidrase carbónica axuda a elevar a concentración de CO2 nos cloroplastos para incrementar a taxa de carboxilación do encima da fase escura da fotosíntese RuBisCO. A reacción da RuBisCO é a que integra ("fixa") o CO2 nos azucres creados na fotosíntese, e só pode usar o CO2 como forma de carbono, non o ácido carbónico nin o bicarbonato.
Estrutura
[editar | editar a fonte]Na anhidrase carbónica dúas (CA-II) de mamíferos, o sitio activo consiste no seguinte: un átomo metálico de Zn+2 que se comporta como ácido de Lewis duro coordinado aos residuos de His-94, -96, e -119 separados uns doutros 109° e un ión hidróxido (pKa=6.8; 120° en configuración tetraédrica Td, un peto hidrófobo adxacente ao hidróxido unido ao Zn que consta da Val-143 na súa base e da Val-121, Trp-209 e Leu-198 no seu pescozo, un residuo bombeador de protóns His-64 H+ (ou PSR, do inglés Proton Shuttling Residue) bombea H+ dentro e fóra do sitio activo por cambios conformacionais, e unha rede de enlaces de hidróxeno que consta do grupo hidroxilo da Thr-199 e o grupo carboxilo do Glu-106, que estabiliza o hidróxido unido ao Zn ao facilitar a orientación de moléculas de auga no sitio activo nunha configuración xeométrica específica. A CA-II ten unha frecuencia de recambio de 106 s−1, o cal é 107 veces máis rápido que a reacción non catalizada.
Regulación do pH
[editar | editar a fonte]A anhidrase carbónica exerce un papel esencial na regulación do pH sanguíneo, o cal acelera a reacción
CO2 + H2O HCO3- + H+
para asegurar que se mantén rapidamente o balance de equilibrio. A reacción de equilibrio está influenciada pola proporción de bicarbonato e H+ respecto ao dióxido de carbono.[15] O HCO3- é unha base conxugada que neutraliza ácidos, e o H+ é un ácido conxugado que neutraliza bases para manter a homeostae ácido-base. O HCO3- e o H+ son ideais para tamponar o pH no sangue e tecidos porque o pKa está preto do pH fisiolóxico = 7,2 – 7,6. Como o HCO3- e o H+ son regulados nos riles e o dióxido de carbono é regulado nos pulmóns, ambas as accións nos riles e pulmóns son importantes para manter a estabilidade do pH sanguíneo. Polo tanto, a anhidrase carbónica axuda á secreción de H+ no lume do túbulo renal e a reabsorción de HCO3- nos riles. Ademais, contribúe ao transporte de dióxido de carbono desde o tecido pulmonar aos alvéolos pulmonares no capilar pulmonar, onde o dióxido de carbono será excretado durante a exhalación.[15]
Reacción
[editar | editar a fonte]A reacción que mosra a catalización da anhidrase carbónica nos nosos tecidos é
- CO2 + H2O ⟶ H
2CO
3 ⟶ H+ + HCO−
3
A catalización realizada pola anhidrase carbónica nos pulmóns é
- H+ + HCO−
3 ⟶ H
2CO
3 ⟶ CO2 + H2O
A razón de que estas reaccións teñan direccións opostas nos pulmón e noutros tecidos é que hai neles diferentes pHs. Sen o catalizador anhidrase carbónica, a reacción é moi lenta; porén, co catalizador a reacción é 107 veces máis rápida.
A reacción catalizada pola anhidrase carbónica é
- HCO−
3 + H+ ⇌ CO2 + H2O
O ácido carbónico ten un pKa de arredor de 6,36 (o valor exacto depende do medio), así que a pH 7 unha pequena porcentaxe de bicarbonato está protonado.
A anhidrase carbónica é un dos encimas máis rápidos, e a súa velocidade está limitada pola velocidade de difusión dos seus substratos. Velocidades catalíticas típicas de diferentes formas deste encima están entre 104 e 106 reaccións por segundo.[16]
A reacción inversa non catalizada é relativamente lenta (cinética no rango de 15 segundos). A isto débese que unha bebida carbonatada non se desgasifica instantaneamente cando abrimos o seu contedor; porén, desgasifícase rapidamente na boca cando se pon en contacto coa anhidrase carbónica da saliva.[18]
Unha anhidrase defínese como un encima que cataliza a eliminación dunha molécula de auga do seu substrato, e esta é a reacción "inversa" que lle dá á anhidrase carbónica o seu nome, porque retira unha molécula de auga do ácido carbónico.
Nos pulmóns a anhidrase carbónica converte o bicarbonato en dióxido de carbono, doado de exhalar.
Transporte de CO2
[editar | editar a fonte]O dióxido de carbono producido pola anhidrase carbónica ou outros procesos é transportado no sangue de tres formas:
- Disolto como gas no plasma: 7-10 %
- Unido á hemoglobina como carbaminohemoglobina nos glóbulos vermellos: 20 %
- Presente como ión bicarbonato no plasma e transportado como bicarbonato: 70 %[19]
Mecanismo
[editar | editar a fonte]Un grupo prostético cinc presente no encimas está coordinado en tres posicións polas cadeas laterais da histidina. A cuarta posición de coordinación está ocupada por unha molécula de auga. Unha cuarta histidina está próxima ao ligando auga, facilitando a formación do centro Zn-OH, que se une ao CO2 para dar un bicarbonato de cinc.[20] O constructo é un exemplo catálise ácido-base xeral (ver catálise ácida). O sitio activo tamén presenta un peto adecuado para o dióxido de carbono, que o sitúa próximo ao grupo hidróxido. Os estudos cinéticos realizados determinan o seguinte mecanismo para o encima: Nos pasos 1 e 2, o nucleófilo O− do ión hidróxido coordinado co Zn2+ realiza un ataque nucleofílico sobre o carbono parcialmente electrófilo da molécula de CO2. Aquí, o Zn2+ actúa como un ácido de Lewis que rebaixa o pKa do ligando OH2 coordinado de ~7-8 a 6,8 como Td, o cal impulsa a desprotonación da auga a un ión hidróxido e un protón libre que é neutralizado polo tampón que o rodea. No paso 3, ocorre unha transferencia dun protón (H+) desde o OH−1 ao O− non coordinado do CO3−2 coordinado co átomo de Zn+2 do sitio activo. Seguidamente, libérase un ión bicarbonato e o sitio catalítico é rexenerado por medio da unión doutra molécula de auga intercambiada co ión bicarbonato. No paso 4, o ligando auga coordinado é desprotonado facilitado polo Zn+2 para xerar outro ión hidróxido para empezar o ciclo outra vez.[21][22]
Familias
[editar | editar a fonte]Polo menos recoñécense cinco familias de CA: α, β, γ, δ e ζ, pero informouse de máis. Estas familias non teñen unha similitude de secuencias significativa pero si un centro activo similar e considéranse un exemplo de evolución converxente. A α-CAs atópanse en humanos.
α-CA
[editar | editar a fonte]Os eucariotas, incluíndo vertebrados, algas, plantas e fungos, así como algunhas bacterias conteñen esta familia de anhidrases carbónicas (CAs).
Os encimas CA atopados en mamíferos agrúpanse en varias clases de xenes homólogos:
- CAs citosólicas (CA-I, CA-II, CA-III, CA-VII e CA-XIII) (CA1, CA2, CA3, CA7, CA13)
- CAs mitocondriais (CA-VA e CA-VB) (CA5A, CA5B)
- CAs segregadas (CA-VI) (CA6)
- CAs asociadas a membranas (CA-IV, CA-IX, CA-XII, CA-XIV e CA-XV) (CA4, CA9, CA12, CA14)
Hai tres isoformas adicionais de anhidrase carbónica humana "acatalítica" (CA-VIII, CA-X, e CA-XI) (CA8, CA10, CA11), cuxas funcións non están claras.[23]
Isoforma | Xene | Masa molecular[24] (kDa) |
Localización | Actividade específica de encimas humanos,[a][25] (s−1) |
Sensibilidade ás sulfonamidas,[b] KI (nM)[25] | |
---|---|---|---|---|---|---|
Célula | Tecido[24] | |||||
CA-I | CA1 | 29 | citosol | eritrocito e tracto GI | 2,0 × 105 | 250 |
CA-II | CA2 | 29 | citosol | case ubicua | 1,4 × 106 | 12 |
CA-III | CA3 | 29 | citosol | 8 % de proteína soluble no músculo de tipo I | 1,3 × 104 | 240000 |
CA-IV | CA4 | 35 | extracelular e unida a GPI | tracto GI, ril, endotelio | 1,1 × 106 | 74 |
CA-VA | CA5A | 34.7 (predita) | mitocondrias | fígado | 2,9 × 105 | 63 |
CA-VB | CA5B | 36.4 (predita) | mitocondrias | amplamente distribuída | 9,5 × 105 | 54 |
CA-VI | CA6 | 39–42 | secretoria | saliva e leite | 3,4 × 105 | 11 |
CA-VII | CA7 | 29 | citosol | amplamente distribuída | 9,5 × 105 | 2,5 |
CA-IX | CA9 | 54, 58 | asociada á membrana plasmática | tracto GI normal, varios cancros | 3,8 × 105 | 16 |
CA-XII | CA12 | 44 | sitio activo localizado extracelularmente | ril, certos cancros | 4,2 × 105 | 5,7 |
CA-XIII[26] | CA13 | 29 | citosol | amplamente distribuída | 1,5 × 105 | 16 |
CA-XIV | CA14 | 54 | sitio activo localizado extracelularmente | ril, corazón, músculo esquelético, cerebro | 3,1 × 105 | 41 |
CA-XV[27] | CA15 | 34–36 | extracelular e ligado a GPI | ril, non se expresa en tecidos humanos | 4,7 × 105 | 72 |
β-CA
[editar | editar a fonte]A maioría das CAs dos procariotas e cloroplastos de plantas pertencen á familia beta. Identificáronse dous padróns sinatura para esta familia:
- C-[SA]-D-S-R-[LIVM]-x-[AP]
- [EQ]-[YF]-A-[LIVM]-x(2)-[LIVM]-x(4)-[LIVMF](3)-x-G-H-x(2)-C-G
γ-CA
[editar | editar a fonte]A clase gamma de CAs procede de metanóxenos, arqueas produtoras de metano que viven en fonte termais.
δ-CA
[editar | editar a fonte]A clase delta de CAs foi descrita nas diatomeas. Porén, a distinción desta clase de CA foi posta en cuestión recentemente.[28]
ζ-CA
[editar | editar a fonte]A clase zeta de CAs aparece exclusivamente en bacterias nuns poucos quimiolitótrofos e cianobacterias mariñas que conteñen carboxisomas co agrupamento de xenes cso.[29] Análises tridimensionais recentes[28] suxiren que a ζ-CA ten algunhas semellanzas estruturais coa β-CA, particularmente preto do sitio do ión metálico. Así, as dúas formas poden estar distantemente relacionadas, mesmo se a secuencia de aminoácidos subxacente diverxeu desde entón considerablemente.
η-CA
[editar | editar a fonte]A familia eta de CAs atopouse recentemente en organismos do xénero Plasmodium. Son un grupo de encimas que previamente se pensaba que pertencían á familia alfa das CAs: porén, demostrouse que as η-CAs teñen características únicas, como o seu padrón de coordinación de ións metálicos.[30]
ι-CA
[editar | editar a fonte]A clase iota é a máis recente das descritas. Descubriuse na diatomea mariña Thalassiosira pseudonana, e está moi estendida entre o fitoplancto mariño.[31] En diatomeas, a ι-CA é esencial para os mecanismos de concentración de CO2 e, a diferenza doutras clases de CAs, pode usar o manganeso en lugar do cinc como cofactor metálico.[31] Tamén se confirmou a presena de homólogos da ι-CA en bacterias gramnegativas, nas cales pode ser unha proteína homodímera.[32]
Anhidrase carbónica que contén cadmio
[editar | editar a fonte]As diatomeas mariñas expresan unha nova forma da anhidrase carbónica ζ. T. weissflogii é unha especie de diatomea do fitoplancto común en moitos ecosistemas mariños, que contén unha anhidrase carbónica que pode ter tanto ión cadmio coma ión cinc.[33] Previamente, críase que o cadmio era un metal tóxico sen ningunha función biolóxica coñecida. Porén, esta especie de fitoplancto parece que se adaptou aos baixos niveis de cinc do océano usando o cadmio cando non hai suficiente cinc.[34] Aínda que a concentración de cadmio na auga de mar é tamén baixa (aproxmadamente 1x10−16 molar), existe unha vantaxe ambiental en poder usar ambos os metais dependendo de cal está mais dispoñible en cada momento. Este tipo de anhidrase carbónica é, polo tanto, cambialista, o que significa que pode intercambiar o metal no seu sitio activo por outro metal (neste caso, cinc e cadmio).[35]
Semellanzas con outras anhidrases carbónicas
[editar | editar a fonte]O mecanismo da anhidrase carbónica de cadmio (CDCA) é esencialmene o mesmo que o doutras anhidrases carbónicas na súa conversión do dióxido de carbono e auga en bicarbonato e un protón.[36] Ademais, igual que as outras anhidrases carbónicas, a CDCA fai que a reacción vaia case tan rápido coma a velocidade de difusión dos seus substratos, e pode ser inhibida pola sulfonamida e derivados do sulfamato.[36]
Diferenzas con outras anhidrases carbónicas
[editar | editar a fonte]A diferenza doutras anhidrases carbónicas, o ión metálico do sitio activo non está unido a tres residuos de histidina e un ión hidróxido, senón que está unido a dous residuos de cisteína, un residuo de histidina e un ión hidróxido, o cal é característico de todas as β-CA.[36][37] Debido a que o cadmio funciona como un ácido brando, estará máis estreitamente unido a ligandos de base branda.[35] Os átomos de xofre nos residuos de cisteína son bases brandas, que entón se unen ao cadmio máis fortemente do que o faría o nitróxeno dos residuos de histidina. A CDCA ten tamén unha estrutura de pregamento tridimensional que é diferente á doutras anihidrases carbónicas, e a súa secuencia de aminoácidos non é semellante á doutras anhidrases carbónicas.[36] É un monómero con tres dominios, cada un deles idéntico en secuencia de aminoácidos e cada un cun sitio activo cun ión metálico.[37]
Outra diferenza clave entre a CDCA e outras anhidrases carbónicas é que ten un mecanismo para cambiar o seu ión cadmio por unión cinc no caso de que o cinc sexa máis dispoñible para o fitoplancto. O sitio activo da CDCA ten unha especie de "porta" formada por unha cadea de nove aminoácidos con residuos de glicina nas posicións 1 e 9. Normalmente, esta porta ou cancela permanece pechada e o ión cadmio está atrapada dentro. Porén, debido á flexibilidade e posición dos residuos de glicina, esta porta pode abrirse para que saia o ión cadmio. Entón pode poñerse no seu lugar un ión cinc e a porta péchase tras el.[36] Como o cinc funciona como un ácido a medio camiño entre duro e brando, non se unirá tan fortemente aos ligandos de cisteína como o cadmio, pero o encima aínda seguirá sendo activo e razoablemente eficiente. O metal do sitio activo pode, pois, cambiar entre o cinc e o cadmio dependendo de cal sexa máis abundante nese momento. A capacidade da CDCA de utilizar ambos os ións dálle unha vantaxe de supervivencia a T. weissflogii.[34]
Transporte de cadmio
[editar | editar a fonte]O cadmio aínda se considera letal para o fitoplancto se está en grandes cantidades. Os estudos realizados mostraron que T. weissflogii ten unha resposta tóxica inicial ao cadmio cando se expón a el. A toxicidade do metal é reducida pola transcrición e a tradución de fitoquelatinas, que son proteínas que se unen e transportan cadmio. Unha vez que o cadmio se une á fitoquelatina, xa deixa de ser tóxico, e pode transportarse sen perigo ata o encima CDCA.[33] Tamén se observou que a captación de cadmio pola fitoquelatina leva a un significativo incremento da expresión de CDCA.[33]
Proteínas similares á CDCA
[editar | editar a fonte]Comprobouse se outras especies do fitoplancton de diferentes fontes de auga tiñan tamén CDCA. Atopouse que moitas delas contiñan proteínas que son homólogas á CDCA atopada en T. weissflogii.[33] Entre elas están especies de Great Bay, Nova Jersey e outras do océano Pacífico preto do ecuador. En todas as especies testadas, as proteínas similares á CDCA mostraron altos niveis de expresión incluso en altas concentracións de cinc e en ausencia de cadmio.[33] A semellanza entre estas proteínas e a CDCA expresada por T. weissflogii variaba, pero sempre era polo menos un 67 % similar.[33]
Captura e secuestro de carbono
[editar | editar a fonte]A anhidrase carbónica podería ser relevante para a captura de carbono. Algunhas anhidrases carbónicas poden soportar temperaturas de ata 107 °C e unha extrema alcalinidade (pH > 10).[38] Nunha experiencia piloto coa CA máis estable nun fluxo de combustión que consistía nunha composición de CO2 do 12–13 % molar tiña unha taxa de captura do 63,6 % nun período de 60 horas sen efectos perceptibles no rendemento do encima. A CA foi situada nunha solución de N-metildietanolamina (MDEA) na cal facía incrementar a diferenza de concentración (forza motriz) de CO2 entre o fluxo de combustión da central enerxética e a fase líquida nun contactor de líquido-gas.[38]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Badger MR, Price GD (1994). "The role of carbonic anhydrase in photosynthesis". Annu. Rev. Plant Physiol. Plant Mol. Biol. 45: 369–392. doi:10.1146/annurev.pp.45.060194.002101.
- ↑ 2,0 2,1 "PDB101: Molecule of the Month: Carbonic Anhydrase". RCSB: PDB-101. Consultado o 3 de decembro de 2018.
- ↑ Supuran CT (27 de maio de 2004). "Carbonic Anhydrases: Catalytic and Inhibition Mechanisms, Distribution and Physiological Roles". En Supuran CT, Scozzafava A, Conway J. Carbonic Anhydrases. Taylor & Francis. ISBN 9780203475300. doi:10.1201/9780203475300. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2023. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ Occhipinti R, Boron WF (agosto de 2019). "Role of Carbonic Anhydrases and Inhibitors in Acid-Base Physiology: Insights from Mathematical Modeling". International Journal of Molecular Sciences 20 (15): 3841. PMC 6695913. PMID 31390837. doi:10.3390/ijms20153841.
- ↑ "Bohr Effect". www.pathwaymedicine.org (en inglés). Consultado o 23 de novembro de 2019.
- ↑ "Le Chatelier's Principle". www.chemguide.co.uk. Consultado o 23 de novembro de 2019.
- ↑ Forster RE (2000). "Remarks on the Discovery of Carbonic Anhydrase". En Chegwidden WR, Carter ND, Edwards YH. The Carbonic Anhydrases: New Horizons. Experientia Supplementum (en inglés) 90. Basel: Springer/Birkhauser. pp. 1–11. ISBN 978-3-0348-9570-5. doi:10.1007/978-3-0348-8446-4_1.
- ↑ Starr I (1989). "William Christopher Stadie, 1886-1959". Biographical Memoirs (PDF) (en inglés). Washington, DC: National Academy of Sciences Press. pp. 513–518.
- ↑ Dodgson SJ (1991). "The Carbonic Anhydrases". En Dodgson SJ, Tashian RD, Gros G, Carter ND. The Carbonic Anhydrases: Cellular Physiology and Molecular Genetics (en inglés). Boston, MA: Springer US. pp. 3–14. ISBN 978-1-4899-0750-9. doi:10.1007/978-1-4899-0750-9_1.
- ↑ "Britannica Dictionary".
- ↑ Maren TH (outubro de 1967). "Carbonic anhydrase: chemistry, physiology, and inhibition". Physiological Reviews 47 (4): 595–781. PMID 4964060. doi:10.1152/physrev.1967.47.4.595.
- ↑ Chegwidden WR, Carter ND (2000). "Introduction to the carbonic anhydrases". En Chegwidden WR, Carter ND, Edwards YH. The Carbonic Anhydrases (en inglés). Basel: Birkhäuser. pp. 13–28. ISBN 978-3-0348-8446-4. doi:10.1007/978-3-0348-8446-4_2.
- ↑ Bertini I, Gray H, Stiefel E, Valentine J (2007). Biological Inorganic Chemistry: Structure and Reactivity (1ª ed.). Sausalito, California: University Science Books. section IX.1.3.1. p. 180. ISBN 978-1-891389-43-6.
- ↑ Krishnamurthy VM, Kaufman GK, Urbach AR, Gitlin I, Gudiksen KL, Weibel DB, Whitesides GM (marzo de 2008). "Carbonic anhydrase as a model for biophysical and physical-organic studies of proteins and protein-ligand binding". Chemical Reviews 108 (3): 946–1051. PMC 2740730. PMID 18335973. doi:10.1021/cr050262p.
- ↑ 15,0 15,1 Deutsch HF (1987-01-01). "Carbonic anhydrases". International Journal of Biochemistry (en inglés) 19 (2): 101–113. ISSN 0020-711X. doi:10.1016/0020-711X(87)90320-X.
- ↑ 16,0 16,1 Lindskog S (1997). "Structure and mechanism of carbonic anhydrase". Pharmacology & Therapeutics 74 (1): 1–20. PMID 9336012. doi:10.1016/S0163-7258(96)00198-2.
- ↑ Boriack-Sjodin PA, Zeitlin S, Chen HH, Crenshaw L, Gross S, Dantanarayana A, et al. (decembro de 1998). "Structural analysis of inhibitor binding to human carbonic anhydrase II". Protein Science (en inglés) 7 (12): 2483–9. PMC 2143894. PMID 9865942. doi:10.1002/pro.5560071201.
- ↑ Thatcher BJ, Doherty AE, Orvisky E, Martin BM, Henkin RI (setembro de 1998). "Gustin from human parotid saliva is carbonic anhydrase VI". Biochemical and Biophysical Research Communications 250 (3): 635–41. PMID 9784398. doi:10.1006/bbrc.1998.9356.
- ↑ Yadav RR, Krishnamurthi K, Mudliar SN, Devi SS, Naoghare PK, Bafana A, Chakrabarti T (xuño de 2014). "Carbonic anhydrase mediated carbon dioxide sequestration: promises, challenges and future prospects". Journal of Basic Microbiology 54 (6): 472–481. PMID 24740638. doi:10.1002/jobm.201300849.
- ↑ Parkin G (febreiro de 2004). "Synthetic analogues relevant to the structure and function of zinc enzymes". Chemical Reviews 104 (2): 699–767. PMID 14871139. doi:10.1021/cr0206263.
- ↑ Berg JM, Tymoczko JL, Stryer L (2013). Stryer Biochemie. ISBN 978-3-8274-2988-9. doi:10.1007/978-3-8274-2989-6.
- ↑ Goto M, Takahashi T, Yamashita F, Koreeda A, Mori H, Ohta M, Arakawa Y (novembro de 1997). "Inhibition of the metallo-beta-lactamase produced from Serratia marcescens by thiol compounds". Biological & Pharmaceutical Bulletin 20 (11): 1136–1140. PMID 9401719. doi:10.1021/ar9501232.
- ↑ Lovejoy DA, Hewett-Emmett D, Porter CA, Cepoi D, Sheffield A, Vale WW, Tashian RE (decembro de 1998). "Evolutionarily conserved, "acatalytic" carbonic anhydrase-related protein XI contains a sequence motif present in the neuropeptide sauvagine: the human CA-RP XI gene (CA11) is embedded between the secretor gene cluster and the DBP gene at 19q13.3". Genomics 54 (3): 484–93. PMID 9878252. doi:10.1006/geno.1998.5585.
- ↑ 24,0 24,1 A non ser que se especifique outra cousa: Boron WF (2005). Medical Physiology: A Cellular And Molecular Approach. Elsevier/Saunders. ISBN 978-1-4160-2328-9. Páxina 638
- ↑ 25,0 25,1 Hilvo M, Baranauskiene L, Salzano AM, Scaloni A, Matulis D, Innocenti A, et al. (outubro de 2008). "Biochemical characterization of CA IX, one of the most active carbonic anhydrase isozymes". The Journal of Biological Chemistry 283 (41): 27799–809. PMID 18703501. doi:10.1074/jbc.M800938200.
- ↑ Lehtonen J, Shen B, Vihinen M, Casini A, Scozzafava A, Supuran CT, et al. (xaneiro de 2004). "Characterization of CA XIII, a novel member of the carbonic anhydrase isozyme family". The Journal of Biological Chemistry 279 (4): 2719–27. PMID 14600151. doi:10.1074/jbc.M308984200.
- ↑ Hilvo M, Tolvanen M, Clark A, Shen B, Shah GN, Waheed A, et al. (novembro de 2005). "Characterization of CA XV, a new GPI-anchored form of carbonic anhydrase". The Biochemical Journal 392 (Pt 1): 83–92. PMC 1317667. PMID 16083424. doi:10.1042/BJ20051102.
- ↑ 28,0 28,1 Sawaya MR, Cannon GC, Heinhorst S, Tanaka S, Williams EB, Yeates TO, Kerfeld CA (marzo de 2006). "The structure of beta-carbonic anhydrase from the carboxysomal shell reveals a distinct subclass with one active site for the price of two". The Journal of Biological Chemistry 281 (11): 7546–55. PMID 16407248. doi:10.1074/jbc.M510464200.
- ↑ So AK, Espie GS, Williams EB, Shively JM, Heinhorst S, Cannon GC (febreiro de 2004). "A novel evolutionary lineage of carbonic anhydrase (epsilon class) is a component of the carboxysome shell". Journal of Bacteriology 186 (3): 623–30. PMC 321498. PMID 14729686. doi:10.1128/JB.186.3.623-630.2004.
- ↑ Del Prete S, Vullo D, Fisher GM, Andrews KT, Poulsen SA, Capasso C, Supuran CT (setembro de 2014). "Discovery of a new family of carbonic anhydrases in the malaria pathogen Plasmodium falciparum—the η-carbonic anhydrases". Bioorganic & Medicinal Chemistry Letters 24 (18): 4389–4396. PMID 25168745. doi:10.1016/j.bmcl.2014.08.015. hdl:10072/63103.
- ↑ 31,0 31,1 Jensen EL, Clement R, Kosta A, Maberly SC, Gontero B (agosto de 2019). "A new widespread subclass of carbonic anhydrase in marine phytoplankton". The ISME Journal 13 (8): 2094–2106. PMC 6776030. PMID 31024153. doi:10.1038/s41396-019-0426-8.
- ↑ Del Prete S, Nocentini A, Supuran CT, Capasso C (decembro de 2020). "Burkholderia territorii". Journal of Enzyme Inhibition and Medicinal Chemistry 35 (1): 1060–1068. PMC 7191908. PMID 32314608. doi:10.1080/14756366.2020.1755852.
- ↑ 33,0 33,1 33,2 33,3 33,4 33,5 Park H, McGinn PJ, More FM (19 de maio de 2008). "Expression of cadmium carbonic anhydrase of diatoms in seawater". Aquatic Microbial Ecology 51: 183–193. doi:10.3354/ame01192.
- ↑ 34,0 34,1 {{cite journal |vauthors=Lane TW, Saito MA, George GN, Pickering IJ, Prince RC, Morel FM |title=Biochemistry: a cadmium enzyme from a marine diatom |journal=Nature |volume=435 |issue=7038 |pages=42 |date=maio de 2005 |pmid=15875011 |doi=10.1038/435042a |bibcode=2005Natur.435...42L }
- ↑ 35,0 35,1 Bertini et al. (2007), p. [cómpre nº de páxina].
- ↑ 36,0 36,1 36,2 36,3 36,4 Sigel A, Sigel H, Sigel RK (2013). Cadmium from toxicity to essentiality. Dordrecht: Springer. ISBN 978-94-007-5179-8.
- ↑ 37,0 37,1 Xu Y, Feng L, Jeffrey PD, Shi Y, Morel FM (marzo de 2008). "Structure and metal exchange in the cadmium carbonic anhydrase of marine diatoms". Nature 452 (7183): 56–61. Bibcode:2008Natur.452...56X. PMID 18322527. doi:10.1038/nature06636.
- ↑ 38,0 38,1 Alvizo O, Nguyen LJ, Savile CK, Bresson JA, Lakhapatri SL, Solis EO, et al. (novembro de 2014). "Directed evolution of an ultrastable carbonic anhydrase for highly efficient carbon capture from flue gas". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 111 (46): 16436–41. Bibcode:2014PNAS..11116436A. PMC 4246266. PMID 25368146. doi:10.1073/pnas.1411461111.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lyall V, Alam RI, Phan DQ, Ereso GL, Phan TH, Malik SA, et al. (setembro de 2001). "Decrease in rat taste receptor cell intracellular pH is the proximate stimulus in sour taste transduction". American Journal of Physiology. Cell Physiology 281 (3): C1005–13. PMID 11502578. doi:10.1152/ajpcell.2001.281.3.C1005.