Antón Patiño Pérez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de xaneiro de 1957 (67 anos) Monforte de Lemos, España |
Actividade | |
Ocupación | pintor, escritor |
Membro de | |
Xénero artístico | Ensaio e poesía |
Familia | |
Cónxuxe | Menchu Lamas |
Fillos | Lois Patiño |
Pai | Antón Patiño Regueira |
Antón Patiño Pérez, nado en Monforte de Lemos o 1 de xaneiro de 1957, é un pintor e escritor galego, coñecido polo seu papel como membro fundador do Grupo Atlántica e a súa obra individual.[1] É vicepresidente do Círculo de Bellas Artes de Madrid e presidente de VEGAP.[2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Participou na creación da revista Loia (1974-1978) con Manuel Rivas e os irmáns Xosé Manuel e Lois Pereiro.[4] Colaborou xunto a Menchu Lamas no deseño dos libros do grupo poético Rompente (1978-1980), formado por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manolo Romón,[4] e foi membro fundador do Grupo Atlántica, chave na escena pictórica galega dos anos oitenta. Foi membro do consello de redacción da revista de arte e pensamento Microfisuras (1997-2003).[5]
Estabelecido en Madrid, participou activamente como pintor na renovación da arte española na década dos oitenta, como parte de Atlántica e a través da súa inclusión en mostras como 26 Pintores/ 13 Críticos, En el Centro, Periferias, Kunst Aus Spanien, Por la Pintura, Venti Anni Dopo, Los Años Pintados, Tránsito de ideas. Arte en España (1972-1992), Junge Spanische Kunstler, Zeitgenossische Kunst IM a 11 e Spansk Egen-Art.[Cómpre referencia]
Expuxo individualmente en España e internacionalmente, e a súa obra atópase nas coleccións do MNCARS, MACBA, CGAC, Fundación La Caixa, MEIAC ou Artium.[6]
Obra
[editar | editar a fonte]Pintura
[editar | editar a fonte]A súa obra pictórica ten un carácter sensorial e mestura elementos matéricos e simbólicos, incorporando con frecuencia oposicións e antagonismos. Nos seus inicios achegouse ao expresionismo abstracto, dando especial importancia á cor, pero nos oitenta comezou a realizar cadros de gran formato e forte carga conceptual. A presenza destas dúas dimensións na súa obra levou ao crítico Donald Kuspit a describila como "expresionismo conceptual".[7]
A finais dos oitenta realizou a serie Mareas negras (1989), sobre as catástrofes ecolóxicas, e o mar continuou presente en varios dos seus proxectos posteriores. Tamén ten traballado outros formatos como a banda deseñada (Esquizoide, 1978, como parte de Colectivo da Imaxe), o debuxo e o libro de artista.[8]
En 2020 inaugurouse a mostra antolóxica Caosmos no CGAC.[8]
Obra teórica
[editar | editar a fonte]Patiño é autor dunha obra teórica e ensaística, centrada no mundo da imaxe e a percepción. Entre elas atópanse obras aforísticas como Xeometría líquida (1992), Mapa ingrávido (1992), que procura reflictir a incerteza e descontinuidade do presente tecnolóxico, ou Escritos de un sonámbulo (2011).[9]
É tamén autor de monografías sobre a obra de Reimundo Patiño (1999, 2005), Urbano Lugrís (2004, 2007), Lois Pereiro (2010, 2011) e Uxío Novoneyra (2010).
Tamén impartiu cursos e conferencias en universidades e centros de arte, e colaborou en revistas como Telos, Arte y Parte, Exit-book, Minerva ou Luzes e prensa xeralista.
Libros
[editar | editar a fonte]Ensaio
[editar | editar a fonte]- Xeometría líquida, 1993, Positivas.
- Reimundo Patiño: a explosión dun mundo, 1999, Auditorio de Galicia.
- Urbano Lugrís, 2004, A Nosa Terra.
- Reimundo Patiño, 2005, A Nosa Terra.
- Urbano Lugrís (viaxe ao corazón do océano), 2007, Ediciós do Castro.[10]
- Lois Pereiro. Radiografía do abismo, 2010, Espiral Maior.
- Universo Novoneyra: a poética do intre, 2010, Espiral Maior.
- Lois Pereiro: dicionario de sombras, 2011, Espiral Maior.
- Todas las pantallas encendidas, 2017, Fórcola.
Poesía
[editar | editar a fonte]- Océano e silencio, 2006, Deputación de Pontevedra.
- Teoría do riso, 2015, Xerais.
Libros artísticos
[editar | editar a fonte]- Esquizoide (cómic experimental, como parte de Colectivo da Imaxe) (1978).
- Días contra fotocopias (con Antón Reixa y Menchu Lamas) (1987).
- San Collóns e outros vudús (serigrafías, con relato de Antón Reixa) (1997).
- Mapa Ingrávido (aforismos, 2005).
- Haikus da Costa da Morte (gravados, con poemas de Alfonso Armada) (2007).
Obras colectivas
[editar | editar a fonte]- Hai suficiente infinito, 1999, Xerais, en colaboración con Xavier Seoane.
- Neste silencio: Arredor de Uxío Novoneyra, 2000, Noitarenga.
- Lois Pereiro en 17 voces, 2011, La Voz de Galicia.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou coa pintora Menchu Lamas. Ten un fillo, o cineasta Lois Patiño, e unha filla, Cora.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Barrera, Feliciano, ed. (2002). "Patiño Pérez, Antón". Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). Santiago de Compostela: El Correo Gallego. p. 425. ISBN 84-8064-113-4.
- ↑ "Quiénes somos - Círculo de Bellas Artes" (en castelán). Consultado o 2023-11-20.
- ↑ "¿Qué es VEGAP? - Estructura". VEGAP. Consultado o 20 de noviembre de 2023.
- ↑ 4,0 4,1 "Antón Patiño Pérez". Consello da Cultura Galega. Consultado o 2023-11-20.
- ↑ "Patiño, Antón (1957-)". Fundación Juan March. Consultado o 2023-11-20.
- ↑ "Antón Patiño - Afundación". Afundación. Consultado o 20 de noviembre de 2023.
- ↑ "Antón Patiño - Afundación". Afundación. Consultado o 20 de noviembre de 2023.
- ↑ 8,0 8,1 "Caos matérico: el CGAC repasa la trayectoria de Antón Patiño". Masdearte (en castelán). 2020-07-02. Consultado o 2023-11-20.
- ↑ Estévez, José Luis (2012-08-18). "Antón Patiño mezcla ensayo, microrrelatos y poesía". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-11-21.
- ↑ Traducido ao castelán no 2008 como Urbano Lugrís. Viaje al corazón del océano, publicado en Nigra Trea.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antón Patiño Pérez |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Patiño Pérez, Antón". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 69.
- "Patiño, Antón". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Barrera, F., ed. (2002). Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI. El Correo Gallego. p. 425. ISBN 84-8064-113-4.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Antón Patiño Regueira (pai)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Antón Patiño Pérez na Colección Afundación.
- Antón Patiño Pérez no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.
- Pintores de Galicia (2013). TVG. Intervén Díaz Pardo, Marisa Sobrino, Xosé Antón Castro e Antón Patiño.