Saltar ao contido

Antozoos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Anthozoa»)
Antozoos
Anthozoa

Rango fósil: Ediacárico tardío - Actualidade
(570 - 0 Ma)

Anemone de mar
Aquarium Finisterrae da Coruña
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Metazoa
Superfilo: Radiata
Filo: Cnidaria
Clase: Anthozoa
Ehrenberg, 1834
Subclases e Ordes
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

A dos antozoos (Anthozoa) é unha clase do filo dos cnidarios.[1][2]

Comprende máis de 6 000 especies, polo que á a maior do filo, todas elas mariñas. As súas especies presentan exclusivamente forma de pólipo, polo que se distinguen dos restantes cnidarios por teren unha vida enteiramente sésil, sen estado libre de medusa. Inclúe especies tan coñecidas como as anemones de mar, os corais, as gorgonias e as chamadas plumas de mar. Poden seren solitarias ou coloniais, e teren esqueleto ou careceren del.[3]

Varían en tamaño desde individuos pequenos de menos de medio centímetro de ancho até colonias grandes de un metro ou máis de diámetro. Inclúen especies cunha ampla gama de cores e formas, algunhas delas que constrúen arrecifes de coral.[4][5]

Aínda que os arrecifes e os ambientes de augas pouco profundas exhiben unha gran variedade de especies, de feito hai máis especies de corais que viven en augas profundas que en augas superficiais, e moitos taxa cambiaron durante a súa historia evolutiva de augas superficiais a profundas e viceversa.[6]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A clase foi descrita en 1834 polo naturalista, zoólogo, botánico, anatomista, xeólogo e microscopista alemán Christian Gottfried Ehrenberg.[1]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome científico Anthozoa está formado pola unión dos elementos do latín científico antho- e -zo, ambos tirados dos nomes do grego antigo άνθος ánthos, "flor", e ζωον zōon, "animal", co engadido do sufixo -a, inducando plural.[7]. Literalmente: "os animais con forma de flor".

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A clase subdivídese, segundo o WoRMS, nas seguintes tres subclases, coas ordes que se indican:[1]

Existindo ademais varias especies incertae sedis.

Estudos xenéticos de ADN ribosómico demostraron que Ceriantharia é un grupo monofilético, e a orde máis antiga, ou basal.[8]

Porén, o ITIS só recoñecce dúas:[2]

  • Hexacorallia
  • Octocorallia

Características

[editar | editar a fonte]
Anatomía dunha anemone
1: tentáculo; 2: farinxe; 3: gónada; 4: parede da columna; 5: septo (mesenterio completo); 6: cínclido; 7: acontio; 8: disco pedio; 9: músculo retractor: 10: septo (mesenterio incompleto); 11: estoma (perforación mesenterial); 12: colar; 13: boca; 14: disco oral.
Plan de organización corporal dun antozoo simbionte. Capas dérmicas. Á derdeita, situcación dos cnidocitos e as zooxantelas.

A anatomía dos antozoos baséase nunha estrutura tubular, cun eixe boral-aboral, é dicir, sen ano, epiderme interior e cavidade gastrovascular ou celéntero. Por non presentaren alternancia de xeracións (pólipo-medusa) posúen unha superficie de estabilización que os une ao substrato, xusto despois do momento en que as larvas (plánulas) encontran un novo sitio para o seu establecemento.[4]

O pólipo dos antozoos é de simetría radial, hexarradial ou octorradial, e presenta as seguientes características:[9]

  • Corpo máis ou menos columnar. Polo lado aboral relaciónase co substrato. No lado apical está a boca rodeada de tentáculos.
  • A boca non se abre directamente á cavidade gastrovascular, senón que se continúa nunha farinxe ectodérmica que, lateralmente, presenta un ou varios canais ciliados (sifonoglifos) que aseguran a renovación da auga da cavidade gastrovascular.
  • A rexión oral adopta forma de disco, e a boca ten forma circular ou de fendedura aonrgada, o que, neste último caso, dá aos antozoos unha simetría bilateral incipiente.
  • A cavidade gastrovascular está dividida de forma completa e compartimentada por septos lonxitudinais; estes tabiques proveñen da gastroderme e da mesoglea.
  • Hai cnidocitos nos tentáculos e na cavidade gastrovascular; ás veces moi potentes, incluso en forma de filamentos que saen pola parede do corpo.
  • Ausencia de cnidocilo (cilo modificado).
  • O pólipo xera, por reprodución asexual ou sexual, outros pólipos. As gónadas son endodérmicas.
  • Os pólipos da orde das escleractinias conforman un exoesqueleto, composto de carbonato cálcico (en forma de calcita e/ou aragonita). Estes esqueletos son os principaies constituíntes dos arrecifes coralinos.

O principal eixe do corpo discorre, lonxitudinalmente, desde a boca, na zona boral ou apical, até a base do pólipo, zona aboral ou basal. É dicir, que se se cortara de arriba a abaixo o pólipo, sacando unha tallada do mesmo, ao longo deste corte se poderían ver as mesmas estruturas, neste caso da mesoglea. A zona aboral pode ademais desenvolver un disco basal, adaptado especialmente para escavar e asentarse' en substratos brandos, ou, no caso das formas coloniais, permitirlles ás pólas tallos erixirse desde unha mesma base.

Tanto a mesoglea, como a epiderme e o celéntero, fórmanse de xeito temperán na gastrulación, a partir da invaxinación do epiblasto no blastocele. Porén, a diferenza dos demás metazoos, os cnidarios en xeral, e entre eles os antozoos, non forman o eixe boca-ano, o que, en termos prácticos, significa que hai un único lugar de alimentación e de excreción.

A mesoglea, ou mesenterio, está composta por dous tipos de músculos, que se encontran a redor da cavidade gastrovascular. Tanto os músculos lonxitudinalis como os transversais realizan contraccións que facilitan o movemento das presas que captura o animal a través da cavidade gastrovascular e a súa posterior asimilación.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Nas anemones e nos corais duros, o pólipo libera os gametos. Estes, tras a fecundación, producen larvas plánulas, que viven de forma peláxica até encontraren un sitio para establecerse. No caso dos corais solitarios, non o fan cerca dos pólipos pais, nin das esponxas, porque a competencia por recursos, como plancto ou luz, e os depredadores, respectivamente, imposibilitaríalles o seu desenvolvemento.

Filoxenia

[editar | editar a fonte]

Os antozoos subdivídense, como vimos, en tres ordes, Octocorallia, Hexacorallia e Ceriantharia, que forman grupos monofiléticos e xeralmente mostran diferenzas na simetría da estrutura do pólipos en cada subclase. As relacións filoxenéticas dentro das subclases están aínda sen resolver.[10]

Anthozoa
 Hexacorallia 

Actiniaria

Antipatharia

Corallimorpharia

Scleractinia

Zoantharia

 Octocorallia 

Alcyonacea

Helioporacea

Pennatulacea

 Ceriantharia 

Penicillaria

Spirularia

  1. 1,0 1,1 1,2 Anthozoa no WoRMS. Consultado o 16 de agosto de 2020.
  2. 2,0 2,1 Anthozoa Ehrenberg, 1834 no ITIS. Consultado o 16 de agosto de 2020.
  3. Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. Madrid el al.: McGraw-Hill-Interamericana. ISBN 0-8789-3097-3.
  4. 4,0 4,1 Ruppert, Edward E.; Fox, Richard, S.; Barnes, Robert D. (2004). Invertebrate Zoology (7th ed.). Cengage Learning. pp. 112–148. ISBN 978-81-315-0104-7. 
  5. Crowther, A. L. (2011). "Class Anthozoa Ehrenberg, 1834" (PDF). En Z.-Q. Zhang. Animal biodiversity: an outline of higher-level classification and survey of taxonomic richness. Zootaxa 3148. pp. 19–23. doi:10.11646/zootaxa.3148.1.5. 
  6. Woodley, Cheryl M.; Downs, Craig A.; Bruckner, Andrew W.; Porter, James W.; Galloway & Sylvia B. (2016): Diseases of Coral. Hoboken, New Jersey, USA: John Wiley & Sons Inc. ISBN 978-0-8138-2411-6, p. 416.
  7. Anthozoa no Marriam-Webster Dictionary
  8. Chen, C. A.; D. M. Odorico; M. Ten Lohuis; J. E. N. Veron; D. J. Miller (June 1995). "Systematic relationships within the Anthozoa (Cnidaria: Anthozoa) using the 5'-end of the 28S rDNA". Molecular Phylogenetics and Evolution 4 (2): 175–183. PMID 7663762. doi:10.1006/mpev.1995.1017. 
  9. Ruppert, Edward E.; Fox, Richard, S.; Barnes, Robert D. (2004): Invertebrate Zoology 7th ed. Boston, Massachusetts, USA: Cengage Learning. ISBN 978-81-315-0104-7, pp. 112–148.
  10. Stampar, S. N.; Maronna, M. M.; Kitahara, M. V.; Reimer, J. D.; Morandini, A. C. (March 2014). "Fast-Evolving Mitochondrial DNA in Ceriantharia: A Reflection of Hexacorallia Paraphyly?". PLOS One 9 (1): e86612. Bibcode:2014PLoSO...986612S. PMC 3903554. PMID 24475157. doi:10.1371/journal.pone.0086612. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Altuna, Á. (2017): "Deep-water scleractinian corals (Cnidaria: Anthozoa) from 2010-2011 INDEMARES expeditions to the Galicia Bank (Spain, northeast Atlantic)". Zootaxa 4353 (2): 257–293.
  • Crowther, A. L. (2011): Class Anthozoa Ehrenberg, 1834. Pp. 19–23 In: Zhang, Z.-Q. (ed.) "Animal biodiversity: an outline of higher-level classification and survey of taxonomic richness". Zootaxa 3148: 1–237.
  • Montgomery, A. D.; Fenner, D. & Toonen, R. J. (2019): "Annotated checklist for stony corals of American Sāmoa with reference to mesophotic depth records". Zookeys 849: 1–170.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]