Antonio Gómez Carneiro
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 30 de decembro de 1899 Lardeiros, España |
Morte | 23 de setembro de 1979 (79 anos) Mesía, España |
Alcalde de Mesía | |
1936 – 1936 | |
Alcalde de Mesía | |
1933 – 1934 | |
Actividade | |
Ocupación | político |
Antonio Gómez Carneiro, nado en Lardeiros (O Pino) o 30 de decembro de 1899 e finado na Berxa (Mesía) o 23 de setembro de 1979, foi un político galego. Foi nomeado alcalde do Concello de Mesía por dúas veces durante a Segunda República. Co inicio da guerra civil, foi perseguido e converteuse nun dos escapados, chegando a ser parte da importante agrupación coruñesa da Resistencia galega.[1][2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Emigrou novo a Buenos Aires (Arxentina), onde coñeceu e casou coa súa muller, Emilia Gómez Gómez, natural da Berxa (Mesía). Vendo que non eran quen de continuar na Arxentina, volveron á Berxa para dedicarse aos muíños de maquía, nas ribeiras do río Samo. Os pagamentos en fariña, por arrendamento do muíño para moer, permitíronlles comezar unha panadería, un serradoiro e unha granxa agrícola. Trouxeron tamén consigo a idea de crear unha biblioteca en Gonzar (O Pino), cousa que conseguiron.[1][3][4][5]
Na República foi concelleiro de Mesía, e en decembro de 1933 foi nomeado alcalde, cesando en outubro de 1944. Volveu ser alcalde logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e agochouse nunha casa de Gonzar. O xulgado de Ordes reclamouno en novembro de 1936.[6] Mentres estaba desaparecido, a súa muller Emilia era obrigada a declarar todas as semanas na Garda Civil de Curtis e forzada a dicir onde se atopaba o seu marido; mais ela sempre se negaba. A Comisión Provincial de Incautación de Bens abríulle expediente de responsabilidade civil en abril de 1938.[7] En 1942 Antonio presentouse voluntariamente na Garda Civil. Arrestárono e levárono á prisión da Coruña, por orde do Tribunal de Responsabilidades Políticas.[1][3] Tras varios anos de cárcere foi liberado. Porén, no 1947 volveu a prisión por acusacións de encubrimento a Foucellas e a súa cuadrilla, xa que a Berxa foi lugar de agachada dos guerrilleiros. Prendérono primeiro no cárcere de El Dueso e máis tarde no de Santander, onde estivo ata o ano 1953.[1][3]
O seu republicanismo levouno a que trala súa liberación participase activamente en foros políticos e culturais, nos que estaban tamén algúns do seus excompañeiros de prisión e algúns do Partido Comunista.[3]
Antonio Carneiro seguiu traballando no muíño, na talla de madeira e colaborou na concentración parcelaria de Mesía. Fixo que a carón do muíño se instalase unha turbina e central hidroeléctrica. A Central Berxa deulle corrente eléctrica á bisbarra de Ordes e chegou a ser a máis importante na comarca.[1][3]
Antonio Carneiro morreu no ano 1979 tras fortes dores.[1]
Etapas de goberno no Concello de Mesía
[editar | editar a fonte]Presentándose polo Partido Radical, chegou á alcaldía do concello en decembro de 1933. No ano 1936 repetiu polo partido Unión Republicana, dentro da Fronte Popular.
O primeiro goberno de Antonio Carneiro estivo limitado polo caciquismo da secretaría do Concello, mais na súa segunda etapa abriu camiño a accións de asistencia social, educación e control veterinario do gando [3]. Como alcalde conseguiu que nos plenos municipais se aprobasen entre o 1933 e 1936 a construción da escola das Travesas, con acordos cos Concellos de Carral e de Abegondo, para que alí se escolarizasen os raparigos de Bruma; a escola de Lanzá e a escola da Casa do Concello de Mesía[8].
Como parte da Unión Galaico-Americana, facilitou a creación dunha escola e unha biblioteca en Gonzar.[8]
Predecesor: José Carro Rodríguez |
Alcalde de Mesía 1933 - 1934 |
Sucesor: Manuel Pardo Uzal |
Predecesor: Manuel Pardo Uzal |
Alcalde de Mesía 1936 |
Sucesor: Manuel Pardo Uzal |
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Encarnación Gómez Gómez e foi pai de Manuel, Elena, María, Nieves, Jesús, Benigna e Antonio Gómez Gómez.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Concello de Mesía: Persoeiros. Antonio Gómez Carneiro". Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2015. Consultado o 26 de xuño de 2015.
- ↑ "Manuel Ponte, el sastre guerrillero que 'cosía sueños de libertad'", artigo en El Mundo, 4 de novembro de 2011 (en castelán).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "A 'República da Berxa', unha república de dignidade en Mesía", artigo en Praza Pública, 26 de marzo de 2015.
- ↑ "O historiador Manuel Pazos presenta o seu último libro ‘A República da Berxa’" Arquivado 27 de xuño de 2015 en Wayback Machine., artigo en Galicia Norte. Xornal A Coruña, 13 de xaneiro de 2015.
- ↑ "A comarca de Ordes recupera a memoria de Antonio Gómez Carneiro. Manuel Pazos compendia una fonda investigación sobre o alcalde de Mesía durante a segunda República", artigo en La Voz de Galicia, 7 de decembro de 2014.
- ↑ BOP A Coruña, 25-11-1936, p. 2.
- ↑ BOP da Coruña, 5-4-1938, p. 2.
- ↑ 8,0 8,1 "Livros que abrem grades: A República da Berxa" Arquivado 29 de xuño de 2015 en Wayback Machine., artigo de Carlos C. Varela, 17 de maio de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pazos Gómez, Manuel (2014). A República da Berxa. Antonio Gómez Carneiro e o seu tempo 1899-1979. Ordes: Obradoiro. ISBN 978-84-617-2472-7.