Antonio Taboada Ferradás
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de maio de 1962 Botos, España |
Morte | 10 de xuño de 2006 (44 anos) Botos, España |
Outros nomes | Wily |
Actividade | |
Ocupación | pintor, escultor |
Antonio Taboada Ferradás, alcuñado como Wily, nado en Botos (Lalín) o 18 de maio de 1962[1] e finado na mesma parroquia o 10 de xuño de 2006[2], foi un escultor, pintor, poeta e músico galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a súa formación nun curso de talla en Lalín co mestre artesán Antonio Presas, e entrou cunha primeira obra na selección da segunda bienal da Fundación Araguaney. En 1989 acadou a bolsa de novos valores na Bienal de Pontevedra, exercida en París. Ao ano seguinte gañou o segundo premio XVIII bienal de arte meigas e trasnos de Sarria. En 1990 conseguiu un accésit no primeiro simposio ao aire libre Concello do Grove, e o primeiro premio no certame de artes plásticas Xuventude-90 en Lugo. En 1991 conseguiu o segundo premio no segundo simposio internacional de escultura Concello do Grove, e en 1992 acadou o primeiro premio da bienal das Sinas en Viana do Castelo. A súa obra foi presentada en Alemaña, Francia e México.
A mediados da década de 1990 coa súa presenza en exposicións, premios e pola súa propia evolución varios críticos situárono entre as principais promesas da escultura galega transatlática. Nunha estadía en Florencia como bolseiro do Concello de Lalín comezou a experimentar con novas materias primas, con estruturas de arame recubertas con materiais de refugallo. En 2004 expón en Nova York, recalcando o carácter cosmopolita das súas creacións sen renegar da súa visión nada no rural.[3]. No ano 1999 conseguiu o accésit no XX premio de minicadros na cidade de Elda.
O escultor desenvolveu unha técnica propia cunha característica selección de ferramentas, entre elas destacaba a motoserra, para o moldeo da madeira, e un uso anárquico da policromía. Como pintor empregaba unha ampla selección de soporte, madeira, pedra, papel, cartón ou lenzo. A finais da década de 1990 a súa obra itinerou por Burgos, baixo o título "Tres miradas al románico olvidado" xunto cos burgaleses Rosario Palacio e Manuel Estévez.
Violinista, pianista e poeta,[4] traballou noutros campos culturais aplicados extensamente ao asociacionismo. Colaborou na fundación da Algarabía de Lalín, xuntanzas internacionais e forxas literarias da Solaina de Piloño, exposicións nos pendellos de Agolada, procesos en liberdade de Lalín, Domingos de furabolos en Santiago de Compostela, Feira do Cocido e cocido das artes en Lalín, expo-tren e arte no camiño en Botos, obradoiro de cantería e escultura expositiva na fundación Semana Verde de Silleda, bienal Laxeiro en Lalín ou no certame de escultura ao aire libre no Grove. Preparou o Físico debate no convento das Carmelitas en Salamanca, un obradoiro de escultura con Sergio Aguilar na fundación Emilio Botín en Santander, o obradoiro en bronce na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ao son dun pobo para a televisión galega e metrópole para a segunda cadea de TVE.
Falece a noite do sábado do 10 de xuño de 2006 arroiado polo tren na súa parroquia natal.
Reivindicado en exposicións póstumas coas escolas de Georg Baselitz e Claes Oldenburg, parte da súa obra obra permaneceu conservada en mal estado nun refuxio de Botos, feito denunciado pola asociación "Amigos de Wily" coa súa propia familia como impulsora.[2] Unha versión en bronce dunha anterior obra do autor en madeira preside a rotonda na Avda. Xosé Cuíña de Lalín.
Exposicións
[editar | editar a fonte]- 1986: Santiago de Compostela, I Premio de Arte Fundación Araguaney. Bienal de escultura.
- 1993: Santiago de Compostela, I Bienal de Lalín "Laxeiro".
- 1993: Santiago de Compostela, Trazos e camiños: Exposición de arte galega.
- 1994: Santiago de Compostela, Dezasete artistas.
- 1995: Pontevedra, II Bienal de Lalín Pintor Laxeiro.
- 1996: Pontevedra, La escultura pública en Pontevedra.
- 1997: Pontevedra, III Bienal de Lalín Pintor Laxeiro.
- 1997: Santiago de Compostela, Galicia hoxe.
- 2000: Santiago de Compostela, 5ª Xuntanza Obradoiro Internacional das Artes Plásticas A Solaina de Piloño.
- 2003: A Coruña, Arte Axuda Galicia.
- 2003: Pontevedra, Artistas de Deza.
- 2003: VI Bienal de Lalín Pintor Laxeiro.
- 2005: VII Bienal de Lalín Pintor Laxeiro.
- 2007: In memoriam, VIII Bienal de Lalín Pintor Laxeiro.
- 2016: Wily, Forza Ingobernábel
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "WILY - Antonio Taboada Ferradás" Arquivado 27 de maio de 2020 en Wayback Machine.(en galego)
- ↑ 2,0 2,1 "Despedida a un artista polifacético". Faro de Vigo (en castelán). 13 de xuño de 2006.
- ↑ Javier Benito (18 de xullo de 2016). "Revisitar al artista de la «técnica salvaxe»". La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ "WILY - Antonio Taboada Ferradás"(en castelán)