Saltar ao contido

Artocarpus heterophyllus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Artrocarpus heterophyllus
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Rosales
Familia: Moraceae
Tribo: Artocarpeae
Xénero: 'Artocarpus'
Especie: ''A. heterophyllus''
Nome binomial
'Artocarpus heterophyllus'
Lam.[1][2]
Sinonimia[3][4][5][6]
  • Artocarpus brasiliensis Ortega
  • A. maximus Blanco
  • A. nanca Noronha (nom inval.)
  • A. philippensis Lam.

O Artocarpus heterophyllus[7][8] é unha especie de árbore asiática que produce froitos comestibles (coñecidos con nome inglés: jackfruit) da familia das moráceas e do mesmo xénero que a árbore do pan.

É nativa de partes do sur e sueste de Asia e crese que se orixinou nas selvas pluviais do suroeste dos Ghats occidentais no subcontinente indio.[9][10][11] Esta árbore está moi ben adaptada ás terras baixas tropicais e o seu froito é o máis grande de todas as especies arbóreas, chegando a pesar 35 kg e medir 90–100 cm de lonxitude.[11][12] Cada planta pode producir de 100 a 200 froitos por ano. O froito é un froito múltiple, composto por centos ou miles de flores individuais frutificadas, cos seus pétalos carnosos que se comen.[11][13]

Esta árbore é moi cultivada e o seu froito é un alimento popular nas rexións tropicais do mundo. O seu froito é o froito nacional de Bangladesh.[14]

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha árbore perennifolia que alcanza un tamaño de 10 a 15 (ás veces 20) m de alto con copa densa. Tronco de 3 a 4 m de circunferencia, con codia de cor marrón avermellada, lisa, e poliñas novas glabras. Follas cun pecíolo de 2 a 3 cm de longo, elípticas a obovadas de (5 -) 8-15 (-20) cm de longo, (3,5-) 4-10 (-12) cm de largo, coriáceas, enteiras ou con 3 lobos nos brotes novos, de cor verde escura e brillante na cara, glabras, de base cuneada, obtusa a subaguda nas puntas; estípulas grandes, espatáceas, de 5–8 cm de longo. A inflorescencia masculina é terminal ou axilar, de cilíndrica a claviforme, de (2,5-) 3-8 (-10) cm de longo e de 1-2,5 cm de largo; pedúnculos de ata 6 cm de longo. Inflorescencia feminina no tronco principal e nas pólas vellas, cilíndrica ou oblonga, tuberculada e de maior tamaño que a masculina. Froito sincarpo oblongo-globoso, que colga no tronco, masivo, de 25 a 100 cm de longo, xeralmente de 20 a 25 cm, de diámetro, ás veces máis, carnoso, con tubérculos, marrón externamente, con polpa que vai do vermello ao alaranxado ou do amarelo ao branco. Sementes máis ou menos reniformes, de 2 a 3 cm de longo, embebidas na polpa.

Froito en desenvolvemento en Bangladesh.
Follas de A. heterophyllum.
Ilustración de Michael Boym do seu libro de 1656 Flora Sinensis.

O A. heterophyllus xogou un importante papel na agricultura india durante séculos. Os decubrimentos arqueolóxicos na India revelaron que era cultivada alí desde hai de 3000 a 6000 anos.[15] Foi tamén moi cultivada no sueste de Asia. Os polinizadores da planta son as abellas sen aguillón Tetragonula iridipennis, e como tales, xogan un importante papel no cultivo da planta[16]

O froito desta planta é unha solución potencial en países que se enfrontan co problema da seguridade alimentaria,[13] como varios países de África.[17] Os coidados que require a planta non son moitos, cómpre un podado mínimo; só se necesita ás veces a corta das pólas mortas desde o interior da árbore.[11] Ademais, as poliñas que levan froitos deben ser dobradas ou cortadas para inducir o crecemento na seguinte tempada.[11] As pólas poden tamén cortarse cada tres ou catro anos para manter a súa produtividade.[11]

O froito do A. heterophyllus ten unha dozura e aroma afrutado característico. Nun estudo de volátiles aromáticos de cinco cultivares deste froito, os principais compostos volátiles que se detectaron foron o etil isovalerato, propil isovalerato, butil isovalerato, isobutil isovalerato, 3-metilbutil acetato, 1-butanol e 2-metilbutan-1-ol.[18] Un froito completamente maduro e sen abrir dise que "emite un forte aroma," e o olor da parte interior do froito describiuse como similar ao da ananás e a banana.[11] Unha vez asadas, as sementes poden ser unha alternativa comercial ao aroma de chocolate.[19]

Usos culinarios

[editar | editar a fonte]
Froito aberto.
Froitos empaquetados vendidos nun mercado.

A carne do froito é amidonosa e fibrosa e é unha boa fonte de fibra dietaria. O aroma é comparable a unha combinación de mazá, ananás, manga e banana.[11][20] As variedades distínguense segundo as características da carne do froito.

O froito úsase habitualmente nos cociñas do sur e sueste de Asia, nas que existen moitos pratos nos que se engade este froito, o seu zume ou sementes. Cómese fresco ou cociñado e utilízase maduro ou verde segundo o prato.[20][21]

Nutrición

[editar | editar a fonte]

A polpa do froito está composta dun 74% de auga, 23% de carbohidratos, 2% de proteínas e 1% de graxas. Nunha porción de 100 gramos, o froito cru proporciona unhas 95 calorías e é unha rica fonte de vitamina B6. Contén niveis moderados de vitamina C e potasio, e ningún nutriente máis en cantidades significativas (ver táboa).

Composición nutricional
de 100 g do froito do
A. heterophyllus, cru
Compoñente Cantidade
kJ 397 (95 kcal)
proteína 1,72 g
graxa 0,64 g
carbohidratos 23,25 g
fibra 1,5 g
azucres 19,08 g
auga 73,5 g
calcio 24 mg
ferro 0,23 mg
magnesio 29 mg
fósforo 21 mg
potasio 448 mg
sodio 2 mg
zinc 0,13 mg
manganeso 0,043 mg
vitmin C 13,8 mg
tiamina 0,105 mg
riboflavina 0,055 mg
niacina 0,92 mg
ácido pantoténico 0,235 mg
vitamina B6 0,329 mg
folato 24 μg
vitamina A 5 μg
beta-caroteno 61 μg
luteína 157 μg
vitamina E 0,34 mg
nota: USDA Database Arquivado 13 de abril de 2017 en Wayback Machine.
A árbore A. heterophyllus.

A madeira da árbore úsase para a produción de instrumentos musicais. En Indonesia, a madeira máis dura do tronco tállase para formar os tambores do gamelan, e en Filipinas, a súa madeira branda úsase para facer parte do kutiyapi, un tipo de laúde. Tamén se usou para facer o corpo do intrmento de cordas indio chamado veena e os tambores do mridangam, thimila e kanjira; a madeira amarela dourada de boa textura é utilizada para construír mobles e casas na India. As placas de madeira ornamentais chamadas avani palaka, tamén feitas da madeira desta árbore, utilízase como cadeira para os sacerdotes durante as cerimonias hinduístas de Kerala. En Vietnam a súa madeira é moi aprezada para facer estatuas de Buda para os templos.[22] e barrís para o prebe de peixe.[23]

A madeira desta árbore é amplamente usada na fabricación de mobles, portas e fiestras, e na construción de tellados. A cerna do tronco utilízase nas tradicións dos monxes budistas do sueste de Asia como tinguidura, o que lles dá ás roupas dos monxes desas tradicións a súa característica cor marrón clara.[24]

Importancia cultural

[editar | editar a fonte]

É o froito nacional de Bangladesh.[14] É o froito do estado dos estados indios de Kerala e Tamil Nadu e un dos tres froitos propicios de Tamil Nadu, xunto coa manga e a banana.[25]

Especie invasora

[editar | editar a fonte]

No Brasil, esta planta converteuse nunha especie invasora, como ocorre no Parque Nacional do Bosque de Tijuca en Río de Xaneiro. O bosque de Tijuca é principalmente un bosque secundario artificial, cuxa plantación comezou a mediados do século XIX. Os A. heterophyllus foron parte da flora do parque desde a súa fundación, pero recentemente a especie expandiuse excesivamente, e os seus froitos, que caen de forma natural ao chan e abren alí, son comidos avidamente por pequenos mamíferos, como a tití común[26] e o coatí. As sementes son dispersadas por estes animais; isto permite que os froitos compitan polo espazo coas árbores nativas. Ademais, como o tití común e o coatí tamén depredan de forma oportunista ovos e polos de aves, os froitos do A. heterophyllus son para eles unha doada fonte de alimento e isto permitiu que expandisen as súas poboacións, para detrimento das poboacións de aves. Entre 2002 e 2007, os xestores do parque destruíron 55 662 plantiñas novas de A. heterophyllus na área do bosque de Tijuca para controlaren a especie.[27]

Produción

[editar | editar a fonte]

Os cinco produtores principais deste froito (en miles de toneladas) son os seguintes:[28]

Posición País Produción
(miles de toneladas)
1 India India 1436
2 Bangladesh 926
3 Tailandia 392
4 Indonesia 340
5 Nepal 18,97
  1. Co seu nome aceptado Artocarpus heterophyllus (entón heterophylla) esta especie foi descrita na Encyclopédie Méthodique, Botanique 3: 209. (1789) por Jean-Baptiste Lamarck, a partir dun espécime recollido polo botánico Philibert Commerson. Lamarck dixo do froito que era duro e difícil de dixerir. "Larmarck's original description of tejas". Consultado o 2012-11-23. On mange la chair de son fruit, ainsi que les noyaux qu'il contient; mais c'est un aliment grossier et difficile à digérer. 
  2. "Name - !Artocarpus heterophyllus Lam.". Tropicos. Saint Louis, Missouri: Missouri Botanical Garden. Consultado o 2012-11-23. 
  3. "TPL, treatment of Artocarpus heterophyllus". The Plant List; Version 1. (published on the internet). Royal Botanic Gardens, Kew and Missouri Botanical Garden. 2010. Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2013. Consultado o 2012-11-23. 
  4. "Name – Artocarpus heterophyllus Lam. synonyms". Tropicos. Saint Louis, Missouri: Missouri Botanical Garden. Consultado o 2012-11-23. 
  5. GRIN (2006-11-02). "Artocarpus heterophyllus information from NPGS/GRIN". Taxonomy for Plants. National Germplasm Resources Laboratory, Beltsville, Maryland: USDA, ARS, National Genetic Resources Program. Consultado o 2012-11-23. 
  6. "Artocarpus heterophyllus Lam. — The Plant List". Theplantlist.org. 2012-03-23. Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2019. Consultado o 2014-06-17. 
  7. "Artocarpus heterophyllus". Tropical Biology Association. outubro 2006. Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2012. Consultado o 2012-11-23. 
  8. "Artocarpus heterophyllus". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 3 de febreiro de 2014. 
  9. Love, Ken and Paull, Robert E (xuño de 2011). "Jackfruit" (PDF). College of Tropical Agriculture and Human Resources, University of Hawaii at Manoa. 
  10. Boning, Charles R. (2006). Florida's Best Fruiting Plants:Native and Exotic Trees, Shrubs, and Vines. Sarasota, Florida: Pineapple Press, Inc. p. 107. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 11,7 Morton, Julia. "Jackfruit". Center for New Crops & Plant Products, Purdue University Department of Horticulture and Landscape Architecture. Consultado o 19 de abril de 2016. 
  12. "Jackfruit Fruit Facts". California Rare Fruit Growers, Inc. 1996. Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2014. Consultado o 2012-11-23. 
  13. 13,0 13,1 Silver, Mark. "Here's The Scoop On Jackfruit, A Ginormous Fruit To Feed The World". NPR. Consultado o 19 de abril de 2016. 
  14. 14,0 14,1 Matin, Abdul. "A poor man's fruit: Now a miracle food!". The Daily Star. Consultado o 2015-06-12. 
  15. Preedy, Victor R.; Watson, Ronald Ross; Patel, Vinood B., eds. (2011). Nuts and Seeds in Health and Disease Prevention (1st ed.). Burlington, MA: Academic Press. p. 678. ISBN 978-0-12-375689-3. 
  16. Kothai, S. (2015). "Environmental Impact on Stingless Bee Propolis (Tetragonula iridipennis) Reared from Two Different Regions of Tamilnadu — A Comparative Study". International Journal of ChemTech Research.
  17. Mwandambo, Pascal (11 de marzo de 2014). "Venture in rare jackfruit turns farmer’s fortunes around". Standard Online, Standard Group Ltd. Consultado o 20 de decembro de 2016. 
  18. Ong, B.T.; Nazimah, S.A.H.; Tan, C.P.; Mirhosseini, H.; Osman, A.; Hashim, D. Mat; Rusul, G. (agosto 2008). "Analysis of volatile compounds in five jackfruit (Artocarpus heterophyllus L.) cultivars using solid-phase microextraction (SPME) and gas chromatography-time-of-flight mass spectrometry (GC-TOFMS)". Journal of Food Composition and Analysis 21 (5): 416–422. doi:10.1016/j.jfca.2008.03.002. Consultado o 2013-02-02. 
  19. Spada, Fernanda Papa; et al. (21 de xaneiro de 2017). "Optimization of Postharvest Conditions To Produce Chocolate Aroma from Jackfruit Seeds". Journal Agricultural and Food Chemistry 65 (6): 1196–1208. doi:10.1021/acs.jafc.6b04836. 
  20. 20,0 20,1 The encyclopedia of fruit & nuts, By Jules Janick, Robert E. Paull, p. 155
  21. The encyclopedia of fruit & nuts, By Jules Janick, Robert E. Paull, pp.481–485
  22. "Gỗ mít nài". Nhagoviethung.com. Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2017. Consultado o 2014-06-17. 
  23. "Nam O fish sauce village". Danang Today. 2014-02-26. Consultado o 2015-09-22. 
  24. Forest Monks and the Nation-state: An Anthropological and Historical Study in Northeast Thailand, J.L. Taylor 1993 p. 218
  25. Subrahmanian, N.; Hikosaka, Shu; Samuel, G. John; Thiagarajan, P. (1997). Tamil social history. Institute of Asian Studies. p. 88. Consultado o 2010-03-23. 
  26. BUSCatermos tití común
  27. Livia de Almeida, "Guerra contra as jaqueiras" ("War on Jackfruit"), Revista Veja Rio, 2007-05-05; see also [http:/,/www.jbrj.gov.br/enbt/posgraduacao/resumos/2008/rodolfo_de_abreu.htm].
  28. "Jackfruit: Improvement in the Asia-Pacific Region" (PDF). Asia-Pacific Association of Agricultural Research Institutions. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23-09-2015. Consultado o 12-04-2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]