As Cernadas, Lira, Salvaterra de Miño
As Cernadas | |
---|---|
Vista xeral no inverno da fraga das Cernadas co vello carballo. | |
Parroquia | Lira |
Concello | Salvaterra de Miño |
Coordenadas | 42°09′19″N 8°27′20″O / 42.155350929239, -8.4554209561612 |
Poboación | 26 hab. (2022) |
[ editar datos en Wikidata ] |
As Cernadas é un lugar da parroquia de Lira, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño na comarca do Condado.[1] Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 26 habitantes (10 homes e 16 mulleres).
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome de Cernadas, abundante na toponimia galega viría do latino Cinerata (de cinza) terreo habitábel gañado a un monte queimado.
Clima e medio natural
[editar | editar a fonte]Igual que o da parroquia á que pertence, o clima das Cernadas é atlántico húmido con influencia mediterránea que se manifesta nunha pequena seca duns dous meses no verán (xullo, agosto). Salientan as xeadas no inverno. Por se situar nunha zona baixa, a humidade está sempre presente. Os solos son areentos (tipo xabre), axeitado para o cultivo da vide.
A orografía vai dende as partes máis baixas(regueiros moi fondos e minas) até os outeiros onde está o eido da Perica. Nos montes do sur nace, nuns cavorcos o Regueiro da Vila, onde se atopan as minas e unhas pozas fondas. Unha delas foi soterrada no ano 2006 para facer unha das traídas do lugar, que tradicionalmente constituía un sistema de rega por canles dende a poza. Ao norte, indo para Pereiras, hai outra mina, a fonte do Cucurrubio, que dá lugar a un pequeno regueiro que se une co da Lavandeira.
A vexetación das Cernadas componse principalmente de bosque atlántico húmido con certa influencia mediterránea. As fragas ocupan todas as zonas baixas a carón dos regueiros. A principal especie é o carballo Quercus robur L. As carballeiras son polo xeral novas. Entre os carballos atopamos outras especies como o amieiro, o freixo, obidueiro, o pradairo, o salgueiro, o castiñeiro, o acivro, a cerdeira brava, a robinia, o loureiro ou o sabugueiro. Todos os outeiros cóbrense con piñeirais de piñeiro do país Pinus pinaster, tamén mesturados con especies do bosque atlántico e cun mato composto por fentos, uces e toxos principalmente.
No lugar da Fraga atópanse dous carballos vellos de considerábel envergadura plantados con fins ornamentais. Houbo máis árbores senlleiras na Fraga, algúns carballos foron cortados na década de 1970. Tamén hai un freixo vello e, recentemente, foron plantados bidueiros, sequoias e plátanos.
Poboamento e arquitectura
[editar | editar a fonte]Non ten un núcleo principal, polo que as casas espállanse por todo o territorio. Cada casa conta cun eido pechado cun muro de cachotes ou máis frecuentemente con pastas (chantos de granito) onde se acha a eira co hórreo (chamado aquí canastro), o cuberto, a horta, o pomar (froiteiras) e o eirado (ou galiñeiro).
A arquitectura vernácula ten algún elemento de interese (portas, cubertas, linteis, patíns...). Hai un cruceiro de granito no lugar da Fraga, que foi trasladado dun camiño achegado no ano 1993 ao alargar e asfaltar a estrada.
A maior parte das vivendas tradicionais eran moi humildes, terreas, e con muros de cachotaría de granito. Unhas catro casas contaban con sobrado, dúas delas, como a antiga escola (hoxe en ruínas), con bos muros de cantaría de granito. A casa tradicional segue o esquema da casa galega do viño, con adega e cortes na planta terrea, e cociña e cuartos sobrado, ao que se accede grazas a unha escaleira exterior con solaina, patín ou corredor.
A mediados do século XX reformáronse algunhas vivendas. A finais do século XX comezou a construción de novas vivendas, xeralmente para segunda residencia; e a rehabilitación, bastante axeitada, das antigas.
A poboación está envellecida, a economía, hoxe baseada maiormente en servizos fóra da parroquia, fundamentouse na gandaría e a agricultura de autoconsumo: hortalizas, froita, patacas e viño.
A confesión foi dende antigo a relixión católica. A alfabetización é hoxe do 100 %, a lingua galega.
Historia e cultura
[editar | editar a fonte]A historia das Cernadas vai ligada á historia de Lira e de Salvaterra de Miño e ao despoboamento xeral das zonas rurais galegas, neste caso a emigración a Vigo, Madrid ou Barcelona.
Sábese que no lugar da Fraga, onde hoxe se atopa o cruceiro, aserrábase leña dende antigo para a construción de carros, trabes etc. Polo que había un foxo no chan e dous homes traballaban cunha serra grande, un no buraco e outro arriba. Por iso o étimo Cernadas podería vir de cerna.
As lendas na cultura popular foron moi abundantes. Salienta a lenda do forno da moura, que segundo os veciños, unha vella moura andaba cuns pitos no lugar das pozas do Regueiro da Vila. Disque ás veces aínda se escoitan os polos piando.
Non hai festas oficiais no lugar das Cernadas, porén algúns anos celebráronse magostos e sardiñadas no verán no lugar da Fraga, co nome de Festa do Cruceiro.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Lira
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Lira no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra) | |
---|---|
O Alcázar | As Bouzas | A Bugallal | O Cachopal | As Carrasqueiras | As Cernadas | O Couto | O Covaíño | A Dicoita | Formarigo | A Gaiosa | O Outeiro | Pereiras | Ponte Alta | O Pouso | Puzo | O Regueiro da Vila | Vilafría |
Parroquias de Salvaterra de Miño
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nomenclátor de Galicia. Busca directa (ed.). "Lugares da parroquia de Lira, Salvaterra de Miño". Consultado o 18 de maio de 2023.
- ↑ IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia" (en galego). Consultado o 26 de febreiro de 2023.