As crónicas do sochantre
As crónicas do sochantre | |
---|---|
Autor/a | Álvaro Cunqueiro |
Orixe | Galiza |
Lingua | galego |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 22 de agosto de 1956 |
Formato | rústica |
Páxinas | 176 páxinas |
ISBN | 978-84-8288-669-5 |
[ editar datos en Wikidata ] |
As crónicas do sochantre é un libro de Álvaro Cunqueiro publicado en 1956 por Editorial Galaxia. A obra xunta varias historias de misterio e crime. Está ambientada nos tempos da Primeira República Francesa, e narra as viaxes do sochantre de Pontivy polos camiños da Bretaña acompañado dunha comitiva de finados contadores de historias.
Trama
[editar | editar a fonte]Charles Anne de Crozón é un home bretón, de finais do século XVIII. Logo de aprender a tocar o bombardino, pasou a ser o sochantre de Pontivy, e como tal, adoita tocar nos servizos relixiosos. Un día de 1793 é chamado para ir tocar no enterro dun veciño de Quelven. Ao saír de mañanciña da súa vila, dinlle que debe subir a unha carroza con outras persoas que tamén van ao enterro.
Ao pouco de partiren, descobre que os cinco acompañantes son cadáveres de persoas falecidas: Coulaincourt de Bayeux (un coronel aforcado), Guy Parbleu (queimado na fogueira), Jean Pleven (un escribán aforcado), Clarina de Saint-Vaast (unha muller envelenada) e monsieur de Nancy. A carroza está tirada por tres cabalos mortos.
Logo do susto inicial, vai collendo confianza con eles. Ao chegar a noite, os corpos perderon as súas carnes, quedando só os esqueletos. E nunha parada da carruaxe, os mortos comezan a contar as súas historias. Ao proseguir a viaxe, que se ve delongada, vense envoltos nunha batalla da Revolución Francesa, e fan unha particular representación de Romeo e Xulieta.
O sochantre, á fin, toca para o fidalgo de Quelven, pero vese envolto nunha lea amorosa co seu esqueleto, e remata correndo escapando del. Finalmente, chega de regreso á súa casa, logo de tres anos de viaxe.
Narración
[editar | editar a fonte]A obra está contada en terceira persoa. Hai numerosas descricións, tanto do espazo como da fisionomía das persoas e as súas roupas.
Estrutura
[editar | editar a fonte]Comeza cunha introdución sobre a terra da Bretaña e outra sobre o personaxe do sochantre. A acción está dividida en catro partes: "A carroza" (4 capítulos), "As historias" (7), "Os viaxes" (4 capítulos, incluíndo a representación da obra de teatro, e unha parte final.) A seguir, hai dous apéndices: o Dramatis personae e unha noticia sobor dun personaxe secundario.
Edicións
[editar | editar a fonte]Foi editado por vez primeira en agosto de 1956 por Editorial Galaxia, coa portada deseñada por Ignacio Suárez Llanos e ilustracións de Xohán Ledo,[1] adicado a Francisco Fernández del Riego. A editorial publicouno posteriormente na colección Narrativa. En 2002 fíxose unha edición para a Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia, e en 2004 apareceu na Biblioteca Álvaro Cunqueiro.
Traducións
[editar | editar a fonte]- Ao castelán polo propio autor co título de Las crónicas del Sochantre publicado en 1959 por Editorial Destino[2], recibindo a obra o Premio da Crítica de narrativa castelá en 1960.
- Ao italiano por Giovanni Allegra co título de Cronache di un maestro di coro publicado en 1983 por Jaca Book, Col. Jaca letteraria[3].
- Ao francés por Claude Bleton co título de Les Chroniques du Sous-chantre publicado en 1992 por Actes Sud, Col. Lettres hispaniques[4].
- Ao alemán por Elke Wehr co título de Die Chroniken des Kantors publicado en 1996 por Suhrkamp Verlag[5].
- Ao asturiano por Milio Rodríguez Cueto co título de Les cróniques del sochantre publicado en 1999 por Vtp, Col. Kêr ar mor[6].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Edición en Galiza durante a etapa franquista Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega, UDC.
- ↑ "Las crónicas del Sochantre". Arquivado dende o orixinal o 16/03/2018. Consultado o 20/6/2019.
- ↑ "Cronache di un maestro di coro". Arquivado dende o orixinal o 16/03/2018. Consultado o 20/6/2019.
- ↑ "Les Chroniques du Sous-chantre". Arquivado dende o orixinal o 16/03/2018. Consultado o 20/6/2019.
- ↑ "Die Chroniken des Kantors". Arquivado dende o orixinal o 16/03/2018. Consultado o 20/6/2019.
- ↑ "Les cróniques del sochantre". Arquivado dende o orixinal o 16/03/2018. Consultado o 20/6/2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha na páxina web da editorial.