Saltar ao contido

Asasinato no Orient Express

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Asasinato no Orient Express
Título orixinalMurder on the Orient Express
Autor/aAgatha Christie
CubertaDescoñecido
OrixeReino Unido
LinguaInglés (orixinal)
(trad. ao galego en 2000)[1]
Xénero(s)Novela policial
EditorialCollins Crime Club
Data de pub.1 de xaneiro de 1934
Páxinas256 (1ª ed. en tapa dura)
Precedido porThe Hound of Death
Seguido porUnfinished Portrait
TraduciónAo galego: A. Álvarez Lugrís
editar datos en Wikidata ]

Asasinato no Orient Express,[1] orixinalmente Murder on the Orient Express, é unha novela de misterio en lingua inglesa da escritora británica Agatha Christie, protagonizada polo detective belga Hércules Poirot. Foi publicada no Reino Unido polo Collins Crime Club o 1 de xaneiro de 1934[2] e nos Estados Unidos de América por Dodd, Mead and Company (máis tarde ese mesmo ano), co título Murder in the Calais Coach.[3][4]

O título que se lle deu á novela nos Estados Unidos, Murder in the Calais Coach, foi utilizado para evitar unha confusión coa novela de 1932 de Graham Greene Stamboul Train, a cal foi publicada alí como Orient Express.[5]

A edición británica foi posta á venda cun prezo de sete xilins e seis peniques e a versión estadounidense, dous dólares.[4][6]

No ano 2000 a editorial Galaxia publicou a versión en lingua galega, tradución de Alberto Álvarez Lugrís. Outra edición en galego, do mesmo tradutor, apareceu en 2005 na Biblioteca Galega de Clásicos Universais de La Voz de Galicia.[7]

Trama e características

[editar | editar a fonte]

O detective privado Hercule Poirot recibe un telegrama no que se lle pide que cancele os seus compromisos e regrese a Inglaterra canto antes, polo que decide viaxar no Orient Express que parte esa noite. Durante a viaxe, Poirot coñece a un norteamericano chamado Ratchett, ao que viu no Tokatlian. Ratchett cre que a súa vida está en perigo e quere contratar a Poirot, pero este négase dicíndolle a Ratchett que "non lle gusta a súa cara".

Durante a segunda noite da viaxe, o tren queda detido por mor dunha tormenta de neve preto de Vinkovci. Poirot esperta varias veces por diversos ruídos e incidentes, incluíndo un berro procedente do compartimento de Ratchett. Á mañá seguinte, monsieur Bouc, un vello amigo seu que é director da compañía que opera o Orient Express, trasládalle que Ratchett foi asasinado e pídelle que se encargue da investigación para evitar complicacións coa policía iugoslava; e Poirot acepta.

Tras examinar o corpo de Ratchett e o seu compartimento, Poirot determina a verdadeira identidade deste, así como os posibles motivos polos que se puido dar o seu asasinato. Uns anos atrás, unha nena de tres anos chamada Daisy Armstrong fora secuestrada por un home chamado Cassetti, que a asasinou a pesar de recibir o rescate da adiñeirada familia Armstrong. A conmoción pola morte da nena devastou a familia, dando lugar a varias mortes e suicidios. Cassetti foi detido, pero escapou do país tras ser absolto. Sospeitouse que Cassetti usou a súa considerable fortuna para manipular o xuízo. Poirot conclúe que Ratchett era en realidade Cassetti.

Durante a súa investigación, Poirot descobre que todos os pasaxeiros do vagón tiñan relación coa familia Armstrong, e por tanto, un motivo para matar a Ratchett. Poirot propón dúas posibles solucións, deixando a monsieur Bouc decidir cal presentar ás autoridades. A primeira é que un descoñecido subiu ao tren, asasinou a Ratchett e escapou. A segunda solución é que todos os viaxeiros do vagón están implicados, como un xurado autoproclamado, buscando impartir a xustiza, en vista de que Ratchett escapara impune dos Estados Unidos.

Os feitos

[editar | editar a fonte]

O famoso detective privado Hercule Poirot regresa ao Reino Unido a bordo do Orient Express dende Istambul. Nesa época do ano, en pleno inverno, o tren adoita ir case baleiro, pero nesa ocasión vai infrecuentemente cheo e Poirot só consegue unha liteira grazas ao seu amigo monsieur Bouc, director da Compagnie Internationale des Wagons-Lits. Cando un tal Sr. Harris non se presenta, Poirot consegue ocupa o seu lugar, xunto a un mozo estadounidense chamado Héctor MacQueen, e a segunda noite, consegue un compartimento para el só, que lle cede monsieur Bouc.

Habitación 411 da Pera Palace Hotel en Istambul, onde se cre que Agatha Christie escribiu Asasinato no Orient Express.

Durante a viaxe, un millonario estadounidense chamado Mr. Ratchett que tamén se atopa no tren, dille a Poirot que a súa vida está en perigo e móstralle unha pequena pistola que leva sempre consigo para protexerse. Tamén lle di que quere contratalo para que pescude quen o está ameazando, pero Poirot négase porque "non lle gusta a súa cara".

Esa noite, preto de Vinkovci, uns vinte e tres minutos antes da 1:00 da mañá, Poirot espértase ao oír un berro, que parece proceder do compartimento do lado, ocupado por Ratchett. Cando se asoma para ver que ocorre, ve ao encargado do vagón, Pierre Michel, chamar á porta de Ratchett. Un home contesta en francés: Ce n'est rien. Je me suis trompé, que significa "Non é nada. Equivoqueime", e o encargado vai responder outra chamada. Desa Poirot decide volver á cama, pero non consegue durmirse porque o tren está parado e infrecuentemente tranquilo.

Mentres trata de volver durmir, Poirot oe a outra pasaxeira, Mrs. Hubbard, tocar o timbre insistentemente. Chama a Michel e pídelle unha botella de auga mineral, e decátase de que Mrs. Hubbard cre que alguén entrou no seu compartimento, e que o tren quedou detido por mor dunha avalancha de neve que bloqueou a vía. Poirot despídese de Michel e trata de volver durmir, pero un golpe na súa porta volve espertalo. Esta vez, cando se asoma, todo está en silencio, e só ve a unha muller de costas que leva un quimono escarlata, afastándose polo corredor. Á mañá seguinte, Poirot é informado de que Ratchett foi asasinado, apuñalado doce veces mentres durmía. Monsieur Bouc pídelle que se faga cargo da investigación, xa que sabe que Poirot ten experiencia con casos similares e todo o que necesita para resolvelos é sentar e reflexionar.

As probas

[editar | editar a fonte]
Un dos comedores do Orient Express na actualidade.

A porta do compartimento de Ratchett estaba pechada e encadeada por dentro, e a xanela aberta. Algunhas das puñaladas que tiña no seu corpo eran profundas, polo menos tres eran letais e outras eran só leves cortes. Ademais, algunhas parecían feitas por unha persoa zurda e outras por unha persoa destra. A pistola de Ratchett foi atopada cargada debaixo da súa almofada, e un reloxo de peto foi atopado no seu pixama, esnaquizado e parado á 1:15.

Poirot tamén atopou outras pistas no compartimento da vítima e no tren, incluíndo un pano de muller coa inicial "H" bordada, un limpiapipas, e o botón dun uniforme de condutor do tren. Estas pistas suxiren que o asasino ou asasinos foron algo descoidados, pero cada pista parece apuntar a un sospeitoso distinto, o que fai pensar que algunhas foron simuladas.

Ao reconstruír un fragmento dunha carta queimada, Poirot descobreu que Ratchett era un fuxitivo dos Estados Unidos chamado Cassetti. Este, cinco anos antes, secuestrara a unha nena de tres anos chamada Daisy Armstrong; e aínda que a familia Armstrong pagou un cuantioso rescate, Cassetti asasinou a nena de todos modos e escapou do país co diñeiro. A nai de Daisy, Sonia Armstrong, estaba outra vez embarazada cando se decatou da súa morte, e o trauma fíxolle dar a luz prematuramente, polo que tanto o neno coma ela morreron. O seu marido, o coronel Armstrong, suicidouse dun disparo, toleado pola dor. A aia, Susanne, foi considerada sospeitosa pola policía, e suicidouse tirándose por unha fiestra, tras o cal demostrouse que era inocente. Cassetti foi detido, aínda que os seus recursos permitíronlle ser absolto por un simple tecnicismo, e escapou do país para evitar ser perseguido posteriormente. As probas aumentaron e fixérono en direccións totalmente distintas, parecendo que Poirot estaba a ser desafiado por un verdadeiro xenio. Unha proba crucial, o quimono escarlata que unha muller descoñecida levaba posto a noite do asasinato, aparece na maleta de Poirot.

A solución

[editar | editar a fonte]

Poirot descobre que algúns dos pasaxeiros teñen relación coa vítima e outros a teñen coa familia Armstrong.

  • Edward Masterman (británico) era o ordenanza do coronel Armstrong durante a Gran Guerra.
  • O coronel Arbuthnot (británico residente na India) era compañeiro e mellor amigo do coronel Armstrong.
  • Mrs. Hubbard (estadounidense) é en realidade unha actriz chamada Linda Arden (o seu verdadeiro nome é Linda Goldenberg), a nai de Sonia Armstrong e avoa de Daisy, e ademais nai da condesa Andrenyi.
  • A condesa Andrenyi (apelido de solteira Goldenberg) (húngara) é a irmá de Sonia Armstrong e tía de Daisy, e ademais filla de Mrs. Hubbard, alias de Linda Goldenberg).
  • A princesa Dragomiroff (rusa) era a madriña de Sonia Armstrong.
  • Miss Debenham (británica) era secretaria de Sonia Armstrong e institutriz de Daisy.
  • Héctor MacQueen (estadounidense) era fillo do fiscal encargado do caso.
  • Hildegarde Schmidt (alemá) era a cociñeira da familia Armstrong.
  • Antonio Foscarelli (italiano) era o chofer da familia Armstrong.
  • Greta Ohlsson (sueca) era a aia de Daisy.
  • Pierre Michel (francés) é o pai de Susanne, a doncela da familia Armstrong, que se suicidou ao ser acusada falsamente de cómplice dos secuestradores.
  • Cyrus Hardman (estadounidense) era un policía que estaba namorado de Susanne.

Despois de analizar os testemuños dos viaxeiros e as probas, Poirot convoca aos doce sospeitosos, monsieur Bouc e ao doutor Constantine, os seus compañeiros de investigación, no vagón-restaurante, e dá dúas posibles explicacións do asasinato de Ratchett.

A primeira explicación é que un estraño (un gánster inimigo de Ratchett) subiu ao tren en Vinkovci, a última parada, asasinou a Ratchett por razóns descoñecidas e escapou sen ser visto. O crime ocorreu unha hora antes do que todo o mundo pensou, xa que Ratchett e algunhas persoas máis non se deron conta de que o tren entrara noutro fuso horario. Os outros ruídos escoitados por Poirot esa noite non teñen relación co asasinato. Con todo, o doutor Constantine di que Poirot debe ser consciente de que iso non explica todas as circunstancias do caso.

A segunda explicación é máis complexa e impactante: todos os sospeitosos son culpables. As primeiras sospeitas de Poirot débense a que no tren hai pasaxeiros de diversas nacionalidades europeas, o que, segundo Poirot, só pode ocorrer nos Estados Unidos, onde poden reunirse persoas procedentes de distintas nacionalidades e clases sociais. O crime non pode ocorrer doutra forma, dadas as pistas. Poirot revela que todos os pasaxeiros eran familiares, serventes ou amigos da familia Armstrong, ou tiveron relación co caso. Todos quedaron profundamente afectados pola morte de Daisy e as súas consecuencias. Decidiron ser eles mesmos os verdugos de Cassetti para vingar un crime que a lei non puido castigar.

Cada sospeitoso deu unha puñalada a Ratchett, polo que non se sabe quen lle deu a puñalada que o matou. Doce dos conspiradores participaron como un xurado de doce persoas, co conde Andrenyi actuando en lugar da súa esposa, xa que ela, ao ser a tía de Daisy, fose a principal sospeitosa. Unha liteira foi reservada cun nome ficticio –Harris– polo que só a vítima e os conspiradores estarían a bordo, pero o compartimento do lado do de Ratchett estaba reservado para un director da Compañía.

O inesperado bloqueo do tren debido á neve e a inesperada presenza de Poirot causaron complicacións aos conspiradores, que fixeron que algunhas pistas importantes fosen descoidadas. Mentres Poirot revela os detalles da elaborada trama, algúns sospeitosos comezan a chorar. Mrs. Hubbard confesa que a segunda explicación é a correcta.

Poirot entón pide a monsieur Bouc que escolla unha das dúas explicacións, e el decide que a primeira explicación é a que deben dar á policía. Por compaixón cara á familia Armstrong, Poirot e o doutor Constantine aceptan. Co seu labor concluído, Poirot anuncia que ten "a honra de retirarse do caso".

Plano do vagón

[editar | editar a fonte]
CORREDOR
Pierre Michel 16. Cyrus Hardman 15. Coronel Arbuthnot 14. Princesa Dragomiroff 13. Conde R. Andrenyi 12. Condesa E. Andrenyi 3. Mrs. Hubbard 2. Samuel Ratchett 1. Hercule Poirot 10. Greta Ohlsson
11. Mary Debenham
8. Hildegarde Schmidt
9.
6. Héctor MacQueen
7.
4. Edward Masterman
5. Antonio Foscarelli
Vagón restaurante

     Compartimentos de primeira clase (unha persoa)      Compartimentos de segunda clase (dúas persoas)      Compartimento onde se produce o crime (unha persoa)

Personaxes

[editar | editar a fonte]

A vítima:

  • Samuel Edward Ratchett, un home que aparenta ser pouco interesante pero que posúe un escuro segredo (verdadeiro nome: Cassetti, un mafioso, secuestrador de nenos e asasino da nena Daisy Armstrong).

Os sospeitosos:

  • Hector Willard MacQueen, un mozo estadounidense, alto e aposto, intérprete e secretario da vítima, indignado pola identidade secreta de Ratchett.
  • Edward Henry Masterman, o criado británico da vítima.
  • Pierre Michel, un encargado do tren, francés, educado e honesto.
  • Mary Hermione Debenham, unha moza británica, alta e de pelo escuro, que era institutriz en Bagdad.
  • Coronel Arbuthnot, un oficial do exército británico que regresa desde a India.
  • Princesa Natalia Dragomiroff, unha dama rusa, anciá, maxestosa e pouco atractiva.
  • Hildegarde Schmidt, unha muller alemá de mediana idade, doncela da princesa.
  • Conde Rudolph Andrenyi, un diplomático húngaro con modos e vestimenta ingleses, que viaxa a Francia.
  • Condesa Helena Andrenyi, a xove e delicada esposa do conde Andrenyi.
  • Greta Ohlsson, unha enfermeira solteirona sueca loura de mediana idade, misioneira, quen regresa á súa casa dunhas vacacións.
  • Sra. Caroline Martha Hubbard, unha muller estadounidense madura e locuaz, que regresa dunha visita á súa filla, unha profesora en Bagdad.
  • Antonio Foscarelli, un home de negocios italiano, di ser representante de Ford.
  • Cyrus Bethman Hardman, di ser un mecanógrafo de Texas, sociable, que en realidade é un detective privado.

Os investigadores:

  • Hercule Poirot: famoso detective belga, que regresa a Inglaterra tras resolver un caso en Palestina.
  • Monsieur Bouc: director da Compagnie Internationale deas Wagons-Lits, vello amigo de Poirot.
  • Dr. Constantine: médico grego, viaxa no vagón de monsieur Bouc.

Importancia literaria e recepción

[editar | editar a fonte]

O Times Literary Supplement do 11 de xaneiro de 1934 resumiu o argumento e concluíu que "As pequenas células grises resolveron unha vez máis o que aparentemente era irresoluble. A Sra. Christie fai un conto improbable moi real, e mantén aos seus lectores intrigados até o final".[8]

En The New York Times Book Review do 4 de marzo de 1934, Isaac Anderson terminou a súa crítica dicindo que "Os acertos do gran detective belga son máis que astutos; son positivamente milagrosos. Aínda que o argumento do asasinato e a súa resolución parecen imposibles, Agatha Christie contribuíu para facelos convincentes para o seu tempo; pode un adicto ás novelas de misterio pedir máis que iso?"[9]

A crítica en The Guardian do 12 de xaneiro de 1934 declarou que o asasinato podería ser "perfecto" se Poirot non estivese no tren ou se non escoitase unha conversación entre Miss Debenham e o coronel Arbuthnot antes de subir ao tren, pero que, con todo, "'As pequenas células grises' traballaran admirablemente, e a solución sorprendera ao seu dono tanto como ao lector, xa que o segredo estaba ben gardado e fora revelado formidablemente pola Sra. Christie".[10]

Robert Barnard dixo que a novela foi "a mellor das historias de trens. O Orient Express, cuberto de neve en Iugoslavia, proporciona o decorado ideal para unha novela de misterio, e a escusa perfecta para un grupo de pasaxeiros internacionais. Contén a miña liña favorita de todo o traballo de Christie: 'Pobre criatura, é sueca'. A solución ocúltase impecablemente, e usa intelixentemente o alfabeto cirílico. A solución fixo entrar en ira a Raymond Chandler, pero non molestaría a ninguén que non insistise en facer as historias de detectives exactamente iguais ás reais".[11]

En 1995, a Mystery Writers of America incluíuna na súa lista das cen mellores novelas de misterio de todos os tempos.[12]

Referencias culturais

[editar | editar a fonte]

Referencias na historia

[editar | editar a fonte]

O caso de secuestro de Armstrong está baseado no secuestro real do fillo de Charles Lindbergh en 1932, pouco antes de que o libro fose escrito. Unha doncela empregada polos pais da Sra. Lindbergh foi sospeitosa de estar involucrada no crime, e, logo de ser duramente interrogada pola policía, quitouse a vida.

Outro evento real que axudou a inspirar a novela, menos lembrado, foi cando Agatha Christie viaxou por primeira vez no Orient Express no outono de 1928. Poucos meses despois, en febreiro de 1929, un Orient Express quedou atrapado por unha xistra preto de Çerkezköy, Turquía, quedando detido seis días.[13]

Referencias noutras áreas

[editar | editar a fonte]

En paleontoloxía, a teoría de que múltiples factores levaron á extinción das especies no Triásico, a maior extinción en masa da historia da Terra é denominada "Modelo de Asasinato no Orient Express". O termo foi utilizado por primeira vez por Douglas Erwin en 1993.

Adaptacións en cine e televisión

[editar | editar a fonte]

Asasinato no Orient Express (1974)

[editar | editar a fonte]

En 1974 foi estreada unha película baseada na novela con Albert Finney interpretando a Poirot, a cal é considerada unha das adaptacións en cine máis exitosas dos libros de Agatha Christie. Só se fixeron cambios menores para a película, como o cambio do nome de Masterman a Beddoes, a doncela morta chamada Paulette en lugar de Susanne e monsieur Bouc convertido en monsieur Bianchi.

Murder on the Orient Express (2001)

[editar | editar a fonte]

É unha adaptación da novela nunha película feita para televisión, a cal foi estreada en 2001, con Alfred Molina personificando a Poirot.

Agatha Christie's Poirot

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Agatha Christie's Poirot.

David Suchet volveu interpretar a Poirot nunha serie, adaptación do libro, titulada Agatha Christie's Poirot. A súa estrea estaba programada para 2010.

A ambientación desta versión para televisión é moi parecida á da película de 1974. Introdúcese un matiz no personaxe de Poirot; a súa conciencia como católico que non lle permite mentir.

Xogo de PC

[editar | editar a fonte]

O 21 de novembro de 2006, The Adventure Company lanzou unha adaptación para computadoras do libro, desenvolvida por AWE Games e deseñada por Le Sheldon. Trátase dunha aventura gráfica que inclúe a David Suchet como a voz de Hercule Poirot. Con todo, o final foi alterado para crear unha adaptación nova para a xente que xa leu o libro. Ademais, o detective belga sofre un accidente ao pouco de empezar a historia e cede o protagonismo a unha francesa loura (angloparlante) chamada Antoinette Marceau, empregada da compañía do ferrocarril, que será o personaxe que manexe o xogador, aínda que a presenza de Poirot farase patente na investigación como conselleiro.

Asasinato no Orient Express (2017)

[editar | editar a fonte]

Asasinato no Orient Express é un filme estadounidense baseado nesta novela de Agatha Christie. Foi protagonizada por Kenneth Branagh como Hércules Poirot, xunto a Penélope Cruz, Willem Dafoe, Judi Dench, Johnny Depp, Josh Gad, Derek Jacobi, Leslie Odom Jr., Michelle Pfeiffer e Daisy Ridley. Este filme é a cuarta adaptación da novela, tralo de 1974, a adaptación televisiva en 2001 e un episodio da serie Agatha Christie's Poirot en 2010.

O filme estreouse en todo o mundo o 2 de novembro de 2017 no Royal Albert Hall de Londres, e estreouse en cines no Reino Unido o 3 de novembro de 2017 e nos Estados Unidos o 10 de novembro de 2017, por 20th Century Fox.​ O filme recadou máis de 350 millóns de dólares en todo o mundo e recibiu críticas mixtas, pero foi eloxiada polo desempeño do elenco e o valor da produción, aínda que algúns o criticaron por non engadir nada novo ás adaptacións anteriores e polo enfoque de Branagh no seu propio papel no detrimento do drama.​

  1. 1,0 1,1 Asasinato no Orient Express tradución de Alberto Álvarez Lugrís. Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-386-1.
  2. The Observer 31 de decembro de 1933 (páxina 4)
  3. John Cooper e B. A. Pyke. Detective Fiction - the collector's guide: Segunda Edición (páxinas 82 e 86). Scholar Press. 1994. ISBN 0-85967-991-8
  4. 4,0 4,1 Tributo estadounidense a Agatha Christie
  5. Vanessa Wagstaff e Stephen Poole, Agatha Christie: A Readers Companion (páxina 88). Aurum Press Ltd, 2004. ISBN 1-84513-015-4
  6. Chris Peers, Ralph Spurrier e Jamie Sturgeon. Collins Crime Club – A checklist of First Editions. Dragonby Press (segunda edición) marzo de 1999 (páxina 14).
  7. Asasinato no Orient Express (Biblioteca Galega de Clásicos Universais) Arquivado 16 de outubro de 2019 en Wayback Machine. BITRAGA.
  8. The Times Literary Supplement 11 de xaneiro de 1934 (páxina 29).
  9. The New York Times Book Review, 4 de marzo de 1934 (páxina 11).
  10. The Guardian 12 de xaneiro de 1934 (páxina 5).
  11. Barnard, Robert. A Talent to Deceive – an appreciation of Agatha Christie - Revised edition (páxinas 199-200). Fontana Books, 1990. ISBN 0-00-637474-3.
  12. "Book awards: The Top 100 Mystery Novels of All Time Mystery Writers of America". The Library Thing. 
  13. Dennis Sanders e Len Lovallo The Agatha Christie Companion (páxinas 105-108) Delacorte Press, 1984.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]