Charles Lindbergh
Charles Augustus Lindbergh, nado en Detroit, Míchigan, o 4 de febreiro de 1902 e finado en Maui, Hawai, o 26 de agosto de 1974, foi un aviador e enxeñeiro estadounidense.
Foi o primeiro piloto en cruzar o océano Atlántico nun voo sen escalas en solitario, aínda que non o primeiro en cruzar o Atlántico sen escalas. O voo enlazou Nova York e París, separados por máis de 5.800 quilómetros de distancia, gañando con iso o premio Orteig, de 25.000 dólares da época.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Lindbergh naceu en Detroit (Míchigan), no seo dunha familia de inmigrantes suecos. O seu pai exerceu a política e máis tarde foi congresista, tribuna desde a que mostrou a súa oposición á entrada dos Estados Unidos na primeira guerra mundial; a súa nai era profesora de química. Moi pronto o mozo Charles comezou a mostrar interese polas máquinas. En 1922 abandonou os seus estudos de enxeñería mecánica, uniuse ao programa de adestramento da escola de voo e mecánica da Nebraska Aircraft Corporation en Lincoln, Nebrasca onde realizo o seu primeiro voo o 1 de abril de 1922 como pasaxeiro nun biplano Lincoln-Standard “Tourabout” pilotado por Otto Timm.[1][2] e posteriormente comprou o seu propio avión, un Curtiss JN-4 Jenny. En 1924 comezou a adestrar no corpo aéreo do exército dos Estados Unidos. Tras finalizar primeiro da súa promoción, traballou como piloto civil na liña de correo de San Luís nos anos 20.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/7f/Spirit_of_St._Louis1.jpg/220px-Spirit_of_St._Louis1.jpg)
Decidiu optar a un premio de 25.000 dólares ofrecido en 1919 polo filántropo francés nacionalizado americano Raymond B. Orteig para o primeiro piloto que realizase un voo transatlántico sen escalas entre Nova York e París. No seu monoplano dun só motor Ryan NYP (un Ryan M-2 modificado), bautizado como Spirit of St. Louis, Lindbergh engalou no aeródromo Roosevelt (Long Island) o 20 de maio de 1927 e tras un voo de 33 horas e 32 minutos, aterrou no aeroporto de Le Bourget, próximo a París. Posteriormente converteuse en asesor de aeroliñas comerciais. Charles Lindbergh pilotou tamén o primeiro voo oficial da liña aérea Mexicana de Aviación.
En 1932, o secuestro e posterior asasinato do seu fillo de 19 meses atraeron o interese nacional e internacional. Un carpinteiro de orixe alemán chamado Bruno Hauptmann foi declarado culpable e condenado á morte. Aínda que a evidencia atopada no momento inculpaba a Hauptmann, existiron dúbidas respecto da súa culpabilidade baseadas tanto en erros de procedemento durante o xuízo, como en evidencias non incluídas durante o mesmo.
A familia Lindbergh trasladouse a Europa en 1935 e Lindbergh puido estudar a organización e funcionamento das forzas aéreas de varios países. Ao seu regreso aos Estados Unidos (1939) percorreu o país dando conferencias en contra da guerra, e declarándose partidario do isolacionismo estadounidense. Declarouse de forma aberta partidario de Adolf Hitler e partidario dos partos selectivos, polo que foi obrigado a dimitir dos seus cargos (a novela de Philip Roth, The Plot Against America (A conxura contra América (en galego)), narra unha situación na que un antisemita e prohitleriano Charles Lindbergh accede á presidencia estadounidense tras vencer nas eleccións de 1940 a Franklin D. Roosevelt). No entanto, durante a segunda guerra mundial actuou como técnico civil das compañías fabricantes de avións, e levou a cabo misións no océano Pacífico e en Europa ao servizo das forzas aéreas estadounidenses, co que logrou recuperar algo da súa imaxe pública.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Lindbergh 1927, p. 25.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2011. Consultado o 21 de maio de 2011.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Outros artigos[editar | editar a fonte]
![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Charles Lindbergh |