Augardente de herbas

A augardente de herbas é unha bebida de alta graduación (aínda que menor cá da augardente branca) típica de Galiza, e tamén de Cantabria e León. Elabórase a partir da destilación do bagazo (residuo da uva despois de espremela e tirarlle o mosto) xunto con herbas aromáticas. O resultado é un licor dun ton intenso amarelo averdado característico.
Ten denominación de orixe local amparada na Denominación Xeográfica Augardente de Galicia xunto coa augardente branca e o licor café[1]. Segundo a devandita denominación, o seu contido en azucres debe ser inferior a 100 g/L[2]. As herbas empregadas na súa elaboración adoitan ser menta, macela, herba luísa, romeu, ourego, tomiño, coandro, flor de laranxeira, fiúncho, regalicia, noz moscada e canela[2].
Unha bebida similar na Galiza é o xastreu, licor propio da comarca de Verín.
Orixe
[editar | editar a fonte]A destilación é unha práctica moi antiga, xa empregada no Antigo Exipto, e que trouxeron a Galiza os pobos árabes. De feito, palabras coma alcol ou alambique (ou alquitara) son de orixe árabe. Crese que a destilación de bagazo entra na Galiza no século XVII a través das ordes relixiosas e o Camiño de Santiago[3].
Actualmente, a súa produción industrial está amparada pola Denominación Xeográfica de Augardente de Galicia.
Consumo
[editar | editar a fonte]Acostúmase consumir en forma de copiña despois dun xantar, ou mesturado co café, popularmente coñecido na Galiza como café con gotas. Noutrora, entre o campesiñado galego, portugués e brasileiro adoitábase tomalo despois do almorzo, antes do traballo no campo ao amencer, e aínda existen persoas de avanzada idade que conservan este costume.
Actualmente é moi frecuente o seu consumo en restaurantes de toda España despois dos xantares, xa que dispón de propiedades dixestivas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Denominación de Orixe Augardente de Herbas
- ↑ 2,0 2,1 "Orujo de Galicia - Definición". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2021. Consultado o 12 de decembro de 2014.
- ↑ "Orujo de Galicia - Historia y tradición". Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2014. Consultado o 12 de decembro de 2014.