Saltar ao contido

Balénidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Balénidos
Balaenidae
Baleas "verdadeiras"

Rango fósil: mioceno temperán - presente

Eubalaena glacialis femia, co seu baleato
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Mysticeti
Familia: Balaenidae [1][2]
Gray, 1825
Xéneros
As baleas verdadeiras carecen de dobras gulares e de aleta dorsal.
Debuxo da balea de Groenlandia.

A dos balénidos (Balaenidae) é unha familia de cetáceos misticetos que inclúe dous xéneros: Balaena e Eubalaena, cun total de catro especies de baleas verdadeiras (ás veces chamadas baleas francas).

Porén, o termo balea adoita usarse en sentido máis amplo, e non só para referirse ás dúas especies de misticetos das familias monotípicas dos neobalénidos (Neobalaenidae) e dos escrictíidos (Eschrichtiidae), que son moi semellantes, senón tamén ás numerosas especies da dos balenoptéridos (os rorcuais), que xa prenestantas notábeis diferenzas, e mesmo a calquera grande cetáceo, incluídos algúns da suborde dos odontocetos, como, sobre todo, ao cachalote (Physeter macrocephalus), e mesmo á candorca (Orcinus orca).

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome da familia, Balaenidae cuñado por John Edward Gray, 1825, que a describiu, está formado, como é habitual, sobre a raíz do xénero tipo, Balaena, que describiu Linnaeus en 1758, na 10ª edición do seu Systema Naturae, engadíndolle a desinencia do latín científico -idae usado para formar os nomes das familias dos animais.

A palabra Balaena tomouna Linnaeus do latín balaena, "balea", derivada do grego antigo φάλαινα phálaina, "balea" (o grego φάλαινα está relacionado con φάλαγξ phálanx, "cilindro groso de madeira", "rolo", "formación en orde de batalla").[5]

Características

[editar | editar a fonte]
Esqueleto de balea na Universidade da Columbia Británica (Beaty Biodiversity Museum), en Vancouver, Columbia Británica, Canadá.

Os balénidos teñen unha constitución corporal maciza e robusta robusta, en comparación cos rorcuais, e carecen de dobras gulares e aleta dorsal.[6]

Caracterízanse por teren un longo cranio de até un terzo da lonxitude total do seu corpo, que na idade adulta pode medir de 15 a 17 m e pesar de 50 a 80 t.[1]

Posúen un estreito e arqueado maxilar, o que dás a estes animais un perfil convexo. Esta forma permite a presenza de longas barbas. A disposición da cola nun plano horizontal, como en todos os cetáceos, facilítalles a ascensión á superficie, onde teñen que subir a respirar, aínda que poden aguantar até unha hora baixo a auga. Teñen dous espiráculos (orificios nasais), situados na cima da cabeza, polos que expulsan auga acompañada a miúdo de mucosidades.[6]

A xestación dura uns 12 meses e normalmente teñen un único baleato, queas nais alimentan cun leite especialmente nutritivo. A súa esperanza de vida ao nacer é duns 30 anos.

Os balénidos fan grandes migracións desde os mares fríos, onde se alimentan, aos cálidos, onde se reproducen. Son cosmopolitas e tamén se encontran no Mediterráneo.[7]

A súa dieta consiste de pequenos crustáceos, principalmente copépodos, aínda que algunhas especies tamén comen importantes cantidads de krill.[6]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A familia dos balénidos inclúe dous xéneros e catro especies:[8]

Explotación comercial

[editar | editar a fonte]
Caza de baleas en Holanda.
Gravado do século XVI.
Baleeiro do século XIX.
Baleeiro moderno.

A caza (ou pesca) de baleas debeu comezar nas outras costas atlánticas europeas e do Pacífico en tempos inmemoriais, na máis remota antigüidade. Os primeiros rexistros desta actividade remóntanse polo menos ao ano 3000 a.C.[9] Durante moito tempo se pensara que esta caza era de orixe prehistórica, aínda que sen ningunha proba real, até que recentemente varias pinturas rupestres en Francia e España foron recoñecidas como representando escenas deste tipo de caza.

As primeiras pegadas históricas aceptadas son documentos que proban que os vascos xa practicaban esta caza no século XI e un poema xaponés, anterior ao século X. Nos dous casos trátase dunha caza de animais que chegan ou viaxan a unha zona de reprodución durante súas migracións anuais. As especies cazadas pertencían ao grupo das baleas francas Eubalaena glacialis (balea franca do Cantábrico ou de Biscaia) e Eubalaena japonica (balea do Pacífico Norte).

En Galicia, non se conta con documentos históricos relacionados coa caza de cetáceos até o século XIII, pero é razoábel pensar que xa se practicaba varios séculos antes.

Inicialmente limitábase á captura de animais na costa. Pero co paso dos séculos, a técnica de caza comezou a mellorar, usándose pequenas embarcacións en mar aberto para asustar aos cetáceos con ruído e levalos á costa. Esta forma de cacería usábase para capturar especies de cetáceos relativamente pequenas, como caldeiróns, belugas, narvais e toniñas.[10]

A caza de baleas comezou na Península Ibérica, como quedou dito, e está documentado, no século XI no golfo de Biscaia por pescadores vascos e, até o século XIX limitouse case exclusivamente á balea franca así chamada pola facilidade coa que se capturaba, xa que os seus movementos son lentos e, ao ter moita graxa, flotaba unha vez morta polo que podía remolcarse até as factorías facilmente.

Outro nome popular desta balea é o de balea vasca ou balea dos vascos, por significáronse os mariñeiros deste país como uns dos principais cazadores deste animal (mesmo en Galicia, onde está documentado que xa faenaban no século XIII ao servizo dos Andrade).

A mellora tecnolóxica nas embarcacións baleeiras e, sobre todo, o invento, en 1877 do arpón explosivo, deu lugar a unha caza masiva (e excesiva) de moitas especies de grandes certáceos que levou a moitas especies ao bordo da extinción.

En 1949 creouse a Comisión Baleeira Internacional, que intentou limitar as capturas e, desde 1985 estableceu a suspensión da caza comercial. Porén Xapón e Noruega opuxéronse e continúan con esta actividade coas especies que eles consideran que non están en perigo de extinción.

Para algúns dos numerosos produtos que se aproveitan da balea, especialmente o aceite (extraído da graxa e o espermacete (que se obtén dos cachalotes), hai agora substitutos sintéticos.

Nos últimos tempos, coa nova sensibilidade ambiental desenvolveuse o turismo de avistamento de cetáceos, especialmente en lugares de concentración destes animais durante a época da reprodución, como na Patagonoia arxentina.

Preservación e conservación

[editar | editar a fonte]
Balaena mysticetus.

Para a conservación e a preservación das baleas (en sentido amplo) creouse, como quedou dito, nos anos 1940, un organismo denominado Comisión Baleeira Internacional (CBI) organismo encargado da regulación do funcionamento da Convención Internacional para a Regulación da Caza Baleeira (asinada o 2 de decembro de 1946 en Washington D. C.). O obxectivo desta convención era garantir "a conservación das poboacións baleeiras, e facer posíbel o desenvolvemento apropiado desta industria". Formada nun principio por 14 países, ten agora ao redor de 84 membros, e optou máis por en enfoque de conservación das especies. Desafortunadamente, diferentes puntos de vista entre os países causaron impedimentos no establecemento de diferentes iniciativas como o Santuario baleeiro do Océano Índico e do Pacífico sur.

Os obxectivos que se propuxeron principalmente para esta organización foron establecer políticas de conservación e preservación dos pequenos e grandes cetáceos, a regulación da pesca voluntaria e reducir a pesca accidental dos mesmos, así como o coidado dos ecosistemas mariños nos que estes animais se desenvolven. Sumado a isto hai un problema de fondo na organización: tres países membros posúen industria baleeira (Noruega, Xapón e Islandia) que continúan coas matanzas de baleas a grande escala, que se basean en programas de "caza científica" (realizados por eles). Xapón caracterizouse por financiar economicamente a outros países membros ou con posibilidade de selo a cambio do seu voto na organización, polo cal faise imposíbel obter a maioría dos tres cuartos necesaria para a introdución de cambios significativos nas políticas actuais, xerando unha situación de parálise.

As baleas na cultura

[editar | editar a fonte]

As baleas apareceron sempre na cultura occidental como "monstros mariños" (o nome de cetáceo deriva do grego κητος kêtos, "monstro acuático",[11] que atacaban aos homes nos relatos de diferentes culturas. (Xonás, segundo a Biblia, foi tragado por unha balea; igualmente agresiva era a balea Moby Dick (en realidade, un cachalote), que se converte nunha obsesión para o protagonista, o capitán Ahab).

En cambio, nunha das culturas precolombianas, especialmente entre os mapuches, grupos indíxenas orixinarios de Chile, as baleas eran consideradas animais sagrados. Estes amerindios mantiñan, ademais, o mesmo grao de respecto que cos demais animais como o raposo, o xaguar, o puma, as serpentes, ou o lobo mariño, entre outros.

  1. 1,0 1,1 Berta, Annalisa (2006): Marine Mammals: Evolutionary biology. Academic Press. ISBN 0-12-088552-2.
  2. Balaenidae Gray, 1821 en SIIT.
  3. Balaena Linnaeus, 1758(en inglés) en SIIT.
  4. Eubalaena Gray, 1864(en inglés) en SIIT.
  5. Deste φάλαγξ deriva falanxe (liña de batalla da infantaría tebana, ou da macedónica).
  6. 6,0 6,1 6,2 Carwardine, M. (1995), pp. 38-53.
  7. Gaskin, David E. (1984): The Encyclopedia of Mammals. New York: Macdonald. ISBN 0-87196-871-1.
  8. Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World - A Taxonomic and Geographic Reference. 3ª ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press, 2 vols. ISBN 978-0-8018-8221-4..
  9. The history of whaling
  10. Prehistoric Inuit whalers affected Arctic freshwater ecosystems
  11. O concepto abarca, ademais de aos cetáceos, a outros animais acuáticos considerados como "perigosos", como os crocodilos ou os hipopótamos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Carwardine, M.: Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo, Omega, 1985.
  • Tobío Fernández, L. (1927): "Aportazón ó estudo da historia da pesca da balea nas costas da Galiza", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos I, 89-93.
  • Valdés Hansen, F. (2010): Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX). A Coruña: Fundación Barrié de la Maza. ISBN 978-84-95892-78-2.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]