Bandeira dos quechuas
Bandeira dos quechuas | |
---|---|
Características | |
Uso | |
Proporción | 7:4 |
Adopción | 1978 |
Cores | Vermello Laranxa Amarelo Verde Azul claro Azul Violeta |
A bandeira dos quechuas (en quechua: Unancha), é un emblema e símbolo utilizado polo pobo quechua do Perú, Ecuador, Bolivia, a Arxentina e Chile.[1]
Termo unancha
[editar | editar a fonte]É unha palabra que provén do quechua e que quere dicir símbolo, sinal, insignia, estandarte ou simplemente bandeira.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]Estandarte do Imperio Inca
[editar | editar a fonte]As crónicas e referencias dos séculos XVI e XVII apoian a idea dun estandarte imperial. Porén, representaba ao gobernante Inca e non ao Imperio Inca. Francisco de Jerez escribiu en 1534 na súa crónica Verdadera relación de la conquista del Peru y provincia de Cusco, llamada la Nueva Castilla:
... todos viñan repartidos nas súas escuadras coas súas bandeiras e capitáns que os mandan, con tanto concerto coma turcos.[3]
O cronista Bernabé Cobo escribiu:
... o guión ou estandarte real era unha bandeirola cadrada e pequena, de dez ou doce palmos de grande, feita de lenzo de algodón ou de la, ía posta no remate dunha hasta longa, tendida e tesa, sen que ondease no aire, e nela pintaba cada rei as súas armas e divisas, porque cada un as escollía diferentes, aínda que as xerais dos incas eran o arco celeste e dúas cobras tendidas ao longo paralelas coa borda que lle servía de coroa, ás cales adoitaba engadirse por divisa e brasón cada rei as que lle parecía, como un león, unha aguia e outras figuras.[4]Bernabé Cobo, Historia del Nuevo Mundo (1653)
O libro de 1615 de Felipe Guamán Poma de Ayala, Primer nueva corónica y buen gobierno, amosa numerosos debuxos lineais de bandeiras incas.[5] No seu libro de 1847, Historia de la conquista del Perú, William H. Prescott di que "no exército inca cada compañía tiña o seu estandarte particular e que o estandarte imperial, sobre todo, amosaba a relocente figura do arco da vella, a insignia heráldica dos incas".[6] Na edición de 1917 de Flags of the World dise que entre os incas "o herdeiro aparente... tiña dereito a exhibir o estandarte real do arco da vella nas súas campañas militares".[7]
Bandeira carmesí de Túpac Amaru I e II
[editar | editar a fonte]Túpac Amaru I, o cuarto e derradeiro inca de Vilcabamba, empregaba unha unancha na porta da súa vivenda.[1]
Tupa Amaro tiña postas dúas bandeiras de tafetan carmesí na porta da vivenda que ocupaba [..]Huerto Vizcarra, Héctor
Durante a revolución de 1780 de Túpac Amaru II, tamén se utilizou a bandeira carmesí, que incluía no seu interior dúas cobras das cales saía das súas bocas un arco da vella, heráldica semellante aos estandartes incas prehispánicos.
Bandera de Raúl Montesinos Espejo
[editar | editar a fonte]No presente, a unancha é coñecida por estar conformada por sete franxas horizontais de cores baseadas no arco da vella; vermello, laranxa, amarelo, verde, celeste, azul e violeta.
En 1948, Raúl Montesinos Espejo, fundou unha radiodifusora de Cuzco co nome de Radio Rural, a cal se dedicaba á transmisión de música folclórica e alcanzou gran difusión e audiencia; posteriormente en 1970 foi renomeada como Radio Tawantinsuyo.[8]
En 1973, co gallo do vixésimo quinto aniversario da estación, Montesinos propuxo o deseño da bandeira do arco da vella presentándoa como propia dos incas. A xerencia da cervexeira Cervesur auspiciou con 500 soles a confección da bandeira, a cal foi trasladada nunha procesión dende a radio da avenida El Sol, até a Praza de Armas de Cuzco, onde finalmente foi izada.[9] Montesinos nunca achegou estudos para probar a idoneidade deste deseño de bandeira e foi aceptado de facto sen máis probas.[10]
Cinco anos despois, o 9 de xuño de 1978, a municipalidade provincial de Cuzco adoptou a bandeira como oficial a proposta do profesor Mario Cutimbo Hinojosa, daquela rexedor e inspector de Cultura do concello, mediante Resolución Municipal N.º 17 desa mesma data.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Banderas de pueblos originarios". Arica hoy. 9 de agosto de 2013.
- ↑ "Unancha".
- ↑ López, Francisco; de Jerez (1534). Verdadera relación de la conquista del Peru y provincia de Cusco, llamada la Nueva Castilla.
- ↑ Cobo, Bernabé (1653). Historia del Nuevo Mundo (en español).
- ↑ Guaman Poma, El primer nueva corónica y buen gobierno, (1615/1616), pp. 256, 286, 344, 346, 400, 434, 1077, esta paxinación corresponde á do libro de Det Kongelige Bibliotek. Ademais, Poma amosa bandeiras europeas ben pintadas e escudos de armas nas páxinas 373, 515, 558, 1077, 0. Nas páxinas 83, 167-171, Poma emprega unha convención gráfica heráldica europea, un escudo, para colocar certos tótems relacionados cos líderes incas.
- ↑ Preble, George Henry; Charles Edward Asnis (1917). Origin and History of the American Flag and of the Naval and Yacht-Club Signals... 1. N. L. Brown. p. 85.
- ↑ McCandless, Byron (1917). Flags of the world. National Geographic Society. p. 356.
- ↑ Nieto Degregori, Luis (1995). "Tres Momentos en la evolución del Cusqueñismo". Márgenes.
- ↑ Bedoya 2004
- ↑ "Encuentros con Hombres Notables: Raúl Montesinos, creador de la Bandera del Tawantinsuyo.".
- ↑ "Concejo provincial incluyó el escudo en la bandera del Cusco". La República. 4 de xuño 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bandeira dos quechuas |