Batalla de Muret
Batalla de Muret | |
---|---|
Cruzada albixense | |
![]() | |
Tipo | batalla ![]() |
Localización | Muret ![]() |
Coordenadas | 43°27′40″N 1°19′36″L / 43.46111111, 1.32666667 |
[ Wikidata ] |
A batalla de Muret consistiu na escaramuza decisiva da chamada cruzada albixense. Tivo lugar o 13 de setembro de 1213 nunha chaira da localidade occitana de Muret, uns doce quilómetros ao sur de Tolosa de Linguadoc.[1] A contenda enfrontou a Pedro II de Aragón, os seus vasalos e os seus aliados, entre os que se encontraban Raimundo VI de Tolosa, Bernardo V de Cominges e Raimundo Roxerio I de Foix, contra as tropas cruzadas e as de Filipe II de Francia lideradas por Simón IV de Montfort.[2] O triunfo correspondeulle ás forzas de Simón de Montfort, o cal se converteu, como consecuencia da súa vitoria, en duque de Narbona, conde de Tolosa, vizconde de Béziers, vizconde de Carcasona. As tropas aragonesas e occitanas sufriron unhas perdas de 15 000 a 20 000 homes. Pedro II de Aragón, coñecido como Pedro o Católico, faleceu na batalla. Seu fillo, de cinco anos, o futuro rei Xaime I de Aragón, que estaba baixo custodia de Simón de Montfort, que cunha filla súa se concertara matrimonio nun intento para resolver o conflito,[3] debeu ficar un ano como refén, até que, por orde do papa Inocencio III, Montfort entregouno aos templarios.
Marcou o inicio da dominación dos reis franceses sobre Occitania. Foi tamén o comezo da fin da expansión aragonesa na zona. Antes da batalla, Pedro II de Aragón conseguira o dominio do condado de Tolosa, do de Foix e do de Cominges. Trala súa derrota e morte, seu fillo e herdeiro Xaime I tan só conservou o señorío de Montpellier por herdanza de súa nai, María de Montpellier. A partir deste feito, a expansión aragonesa encamiñouse cara Valencia e as Illas Baleares.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]
A principios do século XIII, a herexía cátara instalárase polo territorio de Occitania ameazando a doutrina da Igrexa Católica. O papa Inocencio III, despois de ter lanzado unha cruzada infrutuosa contra os cátaros, intentou reconciliarse co conde Raimundo VI de Tolosa. Non obstante, Arnaldo Amalric, legado papal, e Simón IV de Montfort, non estaban de acordo coas negociacións, esixíndolle a Raimundo VI unhas condicións moi duras.
Raimundo VI buscou aliados cunha ortodoxia católica indubidable, e tras entrevistarse con diversos monarcas europeos, aliouse co seu cuñado Pedro II de Aragón, coñecido como o Católico. Este rei actuou como intermediario co fin de encontrar unha reconciliación, pero finalmente o papa Inocencio III púxose de parte de Simón IV de Montfort e proclamou a cruzada pensando que así erradicaría a herexía de forma definitiva. A cruzada empezou co masacre de Beziers e o sitio de Carcasona de 1209, continuando ao ano seguinte co ataque ás fortalezas de Minerve, Termes e Lastours.
En 1213, Simón de Montfort reiniciou a súa campaña contra o conde Raimundo VI de Tolosa. Este retirouse á súa capital e pediu a intervención papal; o Papa ordenou a celebración do concilio de Lavaur, que empezou o 15 de xaneiro de 1213,[4] e onde se postulou polo retorno dos condados e terras aos seus titulares a cambio da submisión á Igrexa.[5] A pesar de que os congregados rexeitaron a proposta, o rei Pedro II de Aragón conseguiu que o Papa enviase un legado. Ante a evidencia de que os cruzados estaban determinados a acabar co conde de Tolosa e que a intervención do Papa só lograría atrasar os feitos, Pedro II de Aragón decidiu acoller aos condes de Tolosa, Foix e Cominges,[6] e ao vizconde de Bearn baixo a súa protección, e combater aos cruzados.
Progresivamente, Montfort foi ocupando as vilas próximas a Tolosa, até que esta caeu no seu poder. Entre as vilas ocupadas atopábase Muret, que fora conquistada sen encontrar resistencia en 1212. A súa situación estratéxica, ao estar situada entre os ríos Garona e Loja, determinou que Simón IV de Montfort a elixira como base de operacións, deixando unha gornición de 30 a 60 cabaleiros,[7] e 700 peóns de infantaría.[8]
A partir de agosto, Pedro II cruzou os Pireneos desde Canfranc[6] ou Benasque[9] cuns mil cabaleiros e homes de armas. Mentres se achegaba a Tolosa, os castelos da conca do Garona que se renderan aos cruzados, fóronselle rendendo facilmente. Seguidamente, o rei enviou o seu exército sobre Muret, mentres Simón de Montfort se achaba en Saverdun.[10] Cando este tivo novas do perigo, reuniu as súas tropas e dirixiuse cara Muret rapidamente, ao encontro de Pedro II de Aragón.
Asedio de Muret
[editar | editar a fonte]
O 10 de setembro, as tropas de Pedro o Católico xuntáronse coas dos seus aliados occitanos e montaron dous campamentos na chaira da ribeira esquerda do Garona. Os campamentos estaban situados a uns 3 km do castelo da localidade e das embarcacións amarradas que chegaran desde Tolosa; estas estaban cheas de provisións,[4] e contaban cuns 2.000 cabaleiros e uns 5.000 peóns de infantaría.[11]
Os cabaleiros estaban divididos en tres grupos: o primeiro deles estaba dirixido por Raimundo Roxerio I de Foix e constaba duns 400 cabaleiros propios e uns 200 da Coroa de Aragón; o segundo grupo, formado por uns 700 cabaleiros da Coroa de Aragón, estaba ao mando do propio monarca, Pedro II, entanto que o terceiro e último grupo, duns 900 homes, estaba ás ordes de Raimundo VI de Tolosa e Bernardo IV de Cominges.
O mesmo día, 10 de setembro, os tolosanos comezaron o asedio con armas de asedio. Deste xeito tomaron unha das dúas portas da cidade, unha das torres e a vila nova, forzando aos cabaleiros franceses a retirarse á vila vella e ao castelo. Cando o rei Pedro tivo noticia de que Simón de Montfort se aproximaba a Muret, ordenou a retirada da infantaría que participaba no asedio para evitar que fose atacada pola retagarda. Desta forma, ao chegar ao día seguinte polo oeste con 900 cabaleiros,[5] os cruzados puideron entrar na fortaleza de Muret por unha das portas que non estaba controlada polos tolosanos.[7] Pola tarde chegaría un pequeno continxente baixo as ordes de Payen de Corbeil.[12] Tamén se apunta a posibilidade de que Pedro II deixara entrar aos cruzados coa intención de encerralos en Muret.[13]
Preparación da batalla
[editar | editar a fonte]Raimundo VI de Tolosa, que coñecía as tácticas do inimigo, propuxo fortificar o campamento cunha empalizada,[5] asediar a cidade polo flanco oeste[4] e esperar o ataque francés para defenderse cos besteiros e posteriormente contraatacar co obxectivo de recluílo no interior do castelo.[14] Mais Pedro II, facendo oídos xordos dos consellos ofrecidos polo seu cuñado, plantou batalla sen esperar a que chegara todo o seu exército,[15] xa que os reforzos de Guillerme II de Montcada e de Bearn,[16] Gastón VI de Bearn e Nuño Sánchez estaban de camiño. O rei quería que o seu exército, que participara na vitoria cristiá da batalla de Navas de Tolosa, se comparara en valentía coa até daquela invencible cabalería francesa sen fortificar o campamento, e pretendía vencer en campo aberto.
Simón IV de Montfort, en clara inferioridade numérica, con víveres para só unha xornada[6] e a máis de cen leguas da súa base de operacións, decidiu non ficar pechado no castelo de Muret e lanzou un ataque fulminante,[17] utilizando a mellor arma da cabalería pesada, a carga.[18] Organizou a cabalería francesa en tres escuadróns[13] de 300 cabaleiros: o escuadrón de vangarda dirixíano Guillaume de Contres e Guillaume des Barres, o segundo escuadrón estaba mandado por Bouchard de Marly e o terceiro polo propio Simón de Montfort; por outra parte, os besteiros e lanceiros defendían o castelo e protexían o acceso da cabalería. A tropa foi reunida na praza do mercado, onde se lle comunicou a orde de batalla cunha arenga de Montfort.[4]
A batalla
[editar | editar a fonte]Na madrugada do 13 de setembro, a infantaría tolosana reiniciou os traballos de asedio, atacando as portas da muralla mentres a cabalería vixiaba a posible saída dos cruzados. Pola tarde, a maior parte da cabalería aragonesa retirouse para descansar[5] e ese foi o momento escolleito por Simón de Montfort para atacar coa súa tropa descansada, saíndo pola porta de Salas,[19] que daba ao río Loja e que os sitiadores non podían ver, dobrando unha esquina da muralla do castelo, cara á ponte de San Sernín e atravesando o río por un bado.
A cabalaría cruzada emerxeu de súpeto, do nivel do leito do río avanzando cara ao chairo, sorprendendo os sitiadores. Os dous primeiros corpos xiraron cara á esquerda, e a primeira das tres acometidas dos franceses foi respondida polas tropas de Raimundo Roxerio I de Foix,[20][21] pero tiveron que repregarse rapidamente ante a impetuosidade da cabalería francesa, tomando o relevo as tropas do rei aragonés. Os franceses, coa súa gran manobrabilidade e conservando a formación, mantiveron vantaxe numérica nas dúas acometidas seguintes e non permitiron que os aragoneses se reagruparan.

E'N Simon de Montfort era en Murel be ab .DCCC. homens a caval tro en .M., e nostre pare vench sobr'ell prop d'aquel loch on el estava. E foren ab el d'Aragó don Miquel de Luzia, e don Blascho d'Alagó, e don Roderich de Liçana, e don Ladro, e don Gomes de Luna, e don Miquel de Roda, e don G. de Puyo, e don Azmar Pardo, et d'altres de sa maynade molts qui a nos no poden membrar : mas tant nos membre que'ns dixeren aquels que'y avien estat, e sabien lo feyt, que levat don Gomes, e don Miquel de Roda, e Azmar Pardo, e alguns de sa meynade que'y moriren, qu'els altres lo desempararen en la batalla, e se'n fugiren : hí de Catalunya En Dalmau de Crexel, e N'Uch de Mataplana, e En G. d'Orta, e En Bernat dez Castel bisbal, e aquels fugiren ab los altres. Mas be sabem per cert que don Nuno Sanxes, e En G. de Montcada que fiyl d'En G. R. e de Na G. de Castelviy, no foren en la batayla, ans enviaren missatge al Rey que'ls esperas, e'l Rey no'ls volch esperar : e feu la batayla ab aquels qui eren ab el.[22][23][24]La Batalla de Muret, según el Llibre dels fets.
Pedro o Católico decidira probar a súa valía como cabaleiro cambiando a súa armadura pola dun dos seus homes para enfrontarse como simple cabaleiro a Simón de Montfort, pero o obxectivo cruzado era o de matar ao monarca a toda costa[25] porque a defensa da Igrexa xustificábao todo,[5] e así se lle encargou a dous dos seus cabaleiros, Alain de Roucy e Florent de Ville, que abateron ao cabaleiro que vestía a armadura real e logo ao propio rei cando este foi descuberto ao grito de "El rei, heus-el aquí!",[14] a pesar de ter este acabado con algúns dos seus atacantes.[26]
A noticia da morte de Pedro II estendeu o pánico entre o resto do exército, que foi completamente derrotado ao ser sorprendido por un ataque polo flanco efectuado polas tropas de reserva de Montfort,[18] emprendendo os cabaleiros aragoneses a retirada. O exército tolosano, que aínda non participara no combate, véndose desbordado pola multitude de aragoneses que retrocedían de forma desordenada, foise igualmente sen chegar a atacar, sendo alcanzado polos cabaleiros franceses, que provocaron unhas baixas entre os derrotados que se calculan entre os 15 000 e 20 000 homes.
E aquí mori nostre pare car axi ho ha fat me linatge totstemps que en les batalles que ells han fetes, he nos farem, deuem vencre o morir.[27]E aquí morreu noso pai, porque así fixo sempre a nosa liñaxe nas batallas que eles fixeron, e nos faremos, vencer ou morrer.[13]Xaime I, Llibre des fets.
Consecuencias
[editar | editar a fonte]
Simón IV de Montfort obtivo o triunfo na batalla, converténdose así en duque de Narbona, conde de Tolosa e vizconde de Beziers e Carcasona. Os condes de Foix e de Cominges volveron aos seus feudos, e o conde de Tolosa viaxou a Inglaterra para reunirse con Xoán I,[28] deixando aos cónsules de Tolosa para que negociaran cos xefes da cruzada. A pesar de que o fillo de Raimundo VI, Raimundo VII, arrebatou ao pouco tempo o poder a Simón de Montfort, esta batalla marcou o preludio da dominación francesa sobre Occitania e a fin da expansión da Casa de Barcelona e da Coroa de Aragón na rexión, xa que Pedro II conseguira a vasalaxe dos condados de Tolosa, Foix e Cominges, e segundo o autor francés Michel Roquebert, o final da posible formación dun poderoso reino aragonés-occitano que mudaría o curso da historia de España.[29] A Coroa centrouse logo na Reconquista da Península Ibérica, que se repartira unhas décadas antes cos tratados de Tudilén e de Cazorla.
O cadáver de Pedro II, que fora excomungado polo mesmo que o coroara, foi recollido polos cabaleiros hospitalarios de Tolosa, onde foi enterrado, até que en 1217, unha bula do papa Honorio III autorizou o traslado dos seus restos ao Real Mosteiro de Santa María de Sigena, onde foi inhumado fóra do recinto sagrado.[30]
O fillo de Pedro II, o futuro Xaime I, que naquel momento contaba con 5 anos de idade, atopábase baixo a custodia de Simón de Montfort. Tras a morte de Pedro II, Xaime ficou orfo de pai e nai, xa que ese mesmo ano, súa nai, a raíña María de Montpellier, faleceu en Roma, a onde viaxara para defender a indisolubilidade do seu matrimonio.[31] Ante esta situación, enviouse unha embaixada do reino a Roma para pedir a intervención de Inocencio III. O papa, nunha bula, e por medio do legado Pedro de Benevento, obrigou a Montfort a ceder a tutela do infante Jaime aos cabaleiros templarios da Coroa de Aragón.
E ao fillo de Pedro, rei de Aragón, de ínclita memoria, que ti retés, o fagas restituír ao seu reino (...) e porque sería moi indecente que, desde agora en adiante e con calquera razón retiveras ao fillo de dito rei, quen has de entregar en mans de dito legado, por que poida prover como lle pareza oportuno. Doutra forma o legado actuará tal e como recibiu instrucións da nosa viva voz.[32]Bula de Inocencio III a Simón IV de Montfort.
A entrega de Xaime produciouse finalmente en Narbona, na primavera de 1214, onde era esperado por unha delegación de notables do seu reino, entre os que figuraba o mestre dos templarios en Aragón, Guillerme de Montredón.[32] A tutela do monarca recaeu neste último.[33] Os templarios instruírono para rei no castelo de Monzón, na actual provincia de Huesca, canda o curmán seu Ramón Berenguer V da Provenza. Antes de chegar a Monzón, pararon en Lleida, onde as Cortes lle xuraron fidelidade.
Mentres, o rexente Sancho Raimúndez disputábase a soberanía co tío de Xaime, Fernando de Aragón. No momento máis crítico, no que os nobres cataláns estaban a punto de iniciar unha guerra civil polo control da soberanía en contra dos de Aragón, Xaime, con tan só 9 anos de idade, e aconsellado polos cabaleiros templarios, tomou o control da Coroa e todos os nobres xuraríanlle fidelidade. A partir de aí, a expansión aragonesa de Xaime I e os seus sucesores dirixiuse cara ás terras de Valencia e o Mediterráneo.[1]
O dominico Raimundo de Peñafort, un dos principais conselleiros de Xaime I, introduciu a Inquisición na Coroa de Aragón, co fin de perseguir os cátaros. En Occitania, durante todo o século XIII e principios do XIV, os cátaros sufriron unha dura persecución levada a cabo pola Inquisición e dirixida polos monxes da Orde dos Pais Predicadores, coñecidos como dominicos. Os últimos núcleos de cátaros refuxiáronse no castelo de Quéribus, última fortaleza caída, e en covas e espulgas (covas fortificadas) dos vales altos dos Pireneos, especialmente no Ariège, e moitos escaparon a territorios da coroa aragonesa. Lleida, Puigcerdà, Prades ou Morella convertéronse en centros de cátaros occitanos. En Morella viviu o último «perfecto» cátaro coñecido, Guillaume Bélibaste, até ser capturado na localidade próxima de San Mateo, para posteriormente ser interrogado pola Inquisición, trasladado e queimado na fogueira en Villerouge-Termenès.
Notas
[editar | editar a fonte]Para poder coñecer os feitos que levaron á batalla e a batalla en si mesma, dispóñense diferentes fontes contemporáneas que nos dan o punto de vista aragonés, occitano e francés, aínda que todas elas son tendenciosas:[9] o Llibre dels feits del rei en Jacme, o Llibre del rei en Pere d'Aragó e dels seus antecessors passats, a Cançon de la Crosada e a Hystoria Albigensis, sendo considerada esta última a fonte básica para o estudo dos feitos.[9]
- ↑ 1,0 1,1 "Pedro II, «el Católico»". Gran Enciclopedia Aragonesa OnLine (en español). DiCom Medios. Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 13 de maio de 2011.
- ↑ Jordi Bolòs, Diccionari de la Catalunya medieval (ss. VI-XV). Edicions 62, Col·lecció El Cangur / Diccionaris, núm. 284. Barcelona, abril de 2000. ISBN 84-297-4706-0, páx. 180.
- ↑ Herradón, Jaime I el Conquistador, el rey cruzado.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Chaytor, H. J. "Alfonso II and Pedro II". A History of Aragon and Catalonia (en inglés). The library of Iberian resources online. Consultado o 13 de maio de 2011.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Sella, La batalla de Muret, pas a pas.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Cabestany y Bagué, Història de Catalunya, vol. III. Els primers comtes-reis.
- ↑ 7,0 7,1 Hernández Cardona, Xavier (3-10-2007). "La batalla de Muret (1213)" (en catalán). Polemos.org. Arquivado dende o orixinal o 08-09-2008. Consultado o 13 de maio de 2011.
- ↑ R. G. Grant afirma que eran 1.200 soldados de infantería en Battle. A visual journey through 5.000 years of combat.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Hernández, F. X., Historia militar de Catalunya.
- ↑ Histoire de Languedoc (1648), páxinas 326-327.
- ↑ R.G. Grant afirma que eran 30 000 soldados de infantería.
- ↑ Pedro de Vaux de Cernay, Hystoria Albigensis.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Soldevilla, Historia de Cataluña, páx. 170.
- ↑ 14,0 14,1 Vila, Óscar; Hernández, Antonio (1997). "Desenvolupament de la batalla". Historia del catarisme (en catalán). l'Aldea Càtara. Arquivado dende o orixinal o 27-09-2008. Consultado o 18-09-2008.
- ↑ Jerónimo Zurita, Anales de Aragón
- ↑ Junqueras, Oriol (14-12-2007). "La fi del somni occità" (en catalán). indirecte!cat. Arquivado dende o orixinal o 18-02-2008. Consultado o 18-09-2008.
- ↑ Oldenbourg, La hoguera de Montsegur, pp. 216-217.
- ↑ 18,0 18,1 McGlynn, Sean (1994). "The Myths of Medieval Warfare" (en inglés). De Re Militari. Arquivado dende o orixinal o 27-09-2008. Consultado o 19-09-2008.
- ↑ Interpretación máis estendida que parte da crónica de Pedro de Vaux-de-Cernay.
- ↑ Michel Roquebert afirma que a cabalaría cruzada cargou directamente contra o groso da cabalaría aragonesa.
- ↑ Charles Oman, que consideraba o campamento ao leste da cidade, afirma que os cruzados marcharon cara Sales simulando unha fuxida, xirando noventa graos, cruzando o Loja, e cargando posteriormente.
- ↑ Xaime I de Aragón. "f. IIIIv". Crònica del rei en Jacme (en catalán). Universitat de Barcelona. Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2012. Consultado o 13 de maio de 2011.
- ↑ Xaime I de Aragón. "f. IIIIv". Crònica del rei en Jacme (en catalán). Universitat de Barcelona. Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2012. Consultado o 13 de maio de 2011.
- ↑ Xaime I de Aragón. "f. IIIIv". Crònica del rei en Jacme (en catalán). Universitat de Barcelona. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2007. Consultado o 13 de maio de 2011.
- ↑ Aubarbier, Jean-Luc; Binet, Michel (2008), Le pays cathare, Ouest France. ISBN 978-2-7373-4401-5.
- ↑ Desclot, Bernat. "En qual manera mori lo rey En Pere d'Arago, aquell que fon a la batalla de Ubeda". Crònica de Bernat Desclot (en catalán). Viquitexts. Consultado o 13 de maio de 2011.
E el primer colp feri un cavaller frances ab la llança e abatel mort en terra. Puix veu que la llança no li valia res, tant era la presa quels Francesos li feyen; e mes ma a la spasa; e aqui fe de grans colps, si que ocis tres cavallers ab la spasa
- ↑ Xaime I de Aragón. "fol. 5". Llibre dels feits del rei en Jacme (en catalán). Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2010. Consultado o 13 de maio de 2011.
- ↑ Xoán I de Inglaterra foi derrotado na Batalla da Roche-aux-Moines o 2 de xullo de 1214, e os seus aliados na de Bouvines o 27 de xullo, polo que non puido axudar a Raimundo de Tolosa fronte aos franceses.
- ↑ Michel Roquebert (2002). Histoire des Cathares. Perrin. ISBN 2262018944.
- ↑ Durán Gudiol, Antonio (1989). "El rito de la coronación del rey en Aragón" (pdf). Revista de Ciencias Sociales del Instituto de Estudios Altoaragoneses (en español) (Argensola) (103): 17–40. ISSN 0518-4088.
- ↑ Stefano Maria Cingolani, en Jaume I. Història i mite d´un rei, páx. 77. data a morte da raíña en abril de 1213, antes que a do seu marido. Por contra, Luis Suárez Fernández, en Historia de España Antigua y Media (1976), Ediciones Rialp, páx. 15 sinala que a raíña morreu despois de Pedro II.
- ↑ 32,0 32,1 Stefano Mari Cingolani, Jaume I. Història i mite d´un rei, pp. 87-88.
- ↑ Herradón, Jaime I el Conquistador, el rey cruzado, páx. 14.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Brenon, Anne (1996). Les cathares. J. Grandcher éditeur, París. ISBN 978-2226178305.
- Cabestany, Joan F.;Bagué, Enric (1979). Història de Catalunya, Vol. III. Els primers comtes-reis. Barcelona: Vicens Vives. ISBN 84-390-0128-2.
- Cahiers de Fanjeaux (2000). Collection d'Historie religieuse du Languedoc au Moyen Âge: Cathares en Languedoc (Cahier 3). Centre d'études historiques de Fanjeaux. ISBN 2-7089-3439-2.
- Cingolani, Stefano Maria (2002). Jaume I. Història i mite d´un rei. Edicions 62. ISBN 978-84-297-6006-4.
- Dieulafoy, Marcel Auguste (1899). La bataille de Muret. París.
- Grant, R.G. (2005). Battle. A visual journey through 5.000 years of combat. Londres: Dorling Kindersley limited. ISBN 978-1-4053-1639-2.
- Hernánder, Francesc Xavier (2001). Història militar de Catalunya: aproximació didàctica. Barcelona: Dalmau. ISBN 84-232-0638-6.
- Herradón, Óscar (2008). "Jaime I el Conquistador, el rey cruzado". Historia de Iberia Vieja: revista de historia de España (39).
- Labal, Paul (1988). Los Cátaros. Herejía y crisis social. Barcelona: Editorial Crítica. ISBN 84-7423-234-1.
- Mestre i Godes, Jesús (2002). Contra els càtars. Barcelona: Edicions 62. ISBN 84-297-5087-8.
- Nelli, René (1989). Les Cathares. París: Art Loisirs. ISBN 84-270-1323-X.
- Oldenbourg, Zoé (2002). La hoguera de Montsegur. Los cátaros en la historia. Barcelona: Edhasa. ISBN 84-350-2612-4.
- Paladilhe, Dominique (1998). Simon de Montfort et le drame cathare. París: Perrin. ISBN 2-262-01291-1.
- Roquebert, Michel (dir.) (2004). La Croisade Albigenoise. Centre d'Études Cathares. ISBN 2-9521024-0-6.
- Sella, Antoni (2005). "La batalla de Muret, pas a pas". Sapiens (32).
- Soldevilla, Ferrán; Valls i Taberner, Ferrán (1982). Historia de Catalunya. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-2325-3.
- Bernat Desclot, Crònica de Pere el Gran Arquivado 22 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine., Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
- Jaime I de Aragón (1343), Llibre dels feits del rei en Jacme, Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
- Pedro de Vaux-de-Cernay (1212-1218), Hystoria Albigensis.
- VV. AA. (1208-1218), Cançon de la Crosada.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Batalla de Muret |
- La batalla de Muret en l'Enciclopedia (en catalán)
- Els càtars i la desfeta de Muret (en catalán)
- Alberto Raúl Esteban Ribas, «Muret. La batalla decisiva». Antecedentes. El Territorio. Los ejércitos. El problema cátaro. La cruzada de Monfort (1209/13). La batalla de Muret, en <https://web.archive.org/web/20101129021548/http://satrapa1.com/> (en castelán)