Bernart Etxepare
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1480 (Gregoriano) Bussunarits-Sarrasquette, Francia |
Morte | 1545 (Gregoriano) (64/65 anos) |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Ocupación | escritor, ministro, sacerdote católico, poeta |
Xénero artístico | Poesía |
Bernart Etxepare (tamén coñecido como Bernardum Dechepare en latín, Bernat Dechepare, Bernard Detchepare segundo a actual ortografía francesa ou Bernat/Beñat Etxepare segundo a actual ortografía vasca), nado en Sarasketa, cara a 1480, foi un relixioso vasco, autor do primeiro libro coñecido da literatura escrita en éuscaro. A súa única obra, impresa en Bordeos en 1545, titúlase Linguae Vasconum Primitiae.
Etxepare era párroco da igrexa de Saint-Michel-le-Vieux, na localidade de Eyheralarre, preto de Donibane Garazi. O seu lugar de nacemento non se coñece con seguridade, malia barallarse os nomes da mesma Eyheralarre e o doutra vila próxima, Sarasketa. Viviu unha época difícil do reino de Navarra, con enfrontamentos entre a casa de Albret e Carlos I de España. Dun poema autobiográfico incluído no libro de Etxepare parece deducirse que foi partidario de Carlos I, polo que foi enviado á cadea por Xoán II de Albret.
Linguae Vasconum Primitiae
[editar | editar a fonte]Linguae Vasconum Primitiae ("Primicias da lingua dos vascóns") é unha recompilación de quince composicións en verso, precedidas dun prólogo en prosa. Imprimiuse en Bordeos no ano 1545. Está escrito empregando o dialecto baixo-navarro do éuscaro. Das composicións, dúas son de tema relixioso, dez de tema amoroso, un poema autobiográfico e dous poemas de gabanza á lingua vasca. No poema autobiográfico o autor relata a súa prisión nun cárcere de Bearn por unha falsa acusación de traizón.
Etxepare é innovador na elección de temas, pois nunca antes se utilizara na lírica popular vasca unha temática similar. Ao confeccionar a súa obra, Etxepare emprega a técnica do bertsolarismo,[1] xa que descoñece a métrica utilizada na poesía culta. É por isto polo que se considera un poeta popular, pois escribiu para el, tal e como indica a utilización dos metros e melodías do bertsolarismo, probablemente coa intención de que fosen lidos ou cantados.
O tema do amor é tratado con inocencia, pero con frescura, é por isto que se lle considera a metade de camiño entre as Cantigas de Afonso X e o Libro do bo amor de Juan Ruiz, o Arcipreste de Hita.[2] O autor atópase afastado da lírica cortesá ideal do medievo europeo, trata o tema das relacións amorosas con total naturalidade, sen rastro algún de platonismo.
Durante unha época a obra deste autor foi criticada polas seguintes razóns:
- A frescura e naturalidade coas que trata os temas amorosos volvéronse inaceptábeis logo do Concilio de Trento.
- Os metros, medidas e rimas populares elixidas por Etxepare tiñan erros para a nova poesía renacentista, erros que Oihenart criticaría con dureza.
A diferenza de Leizarraga, este autor non se preocupou de buscar un éuscaro unificado, pois o seu obxectivo era dar a coñecer a lingua, non que todos os vascos o entendesen, polo que escribiu no único dialecto que coñeceu, o baixo-navarro do leste. En xeral a ortografía de Etxepare é bastante irregular, debido a que está baseada na oralidade. De todos xeitos, dado que o seu libro foi o primeiro publicado en éuscaro, carecía de modelos escritos que poder seguir.
Non se pode entender a obra de Bernart como a dun autor en solitario, senón que foi froito dun contexto. Como Oihenart escribiu en 1665 en L´art poétique basque naquela época existían outros dous poetas, o escritor de pastorais Joan Etxegarai e Arnaut Logras, de cuxas obras ningunha nos ten chegado até hoxe, pois é probábel que fosen publicadas despois de Etxepare (o cal explicaría a inexistencia de referencias a estes autores e que diga nos seus versos: "Se até agora estiveches sen ser impresa, dende hoxe circularás por todo o mundo") ou que non se publicasen, tal e como sucedeu co manuscrito de Lazarraga.
Etxepare estivo no cárcere de Bearn por unha acusación falsa dos seus inimigos ante o rei.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 2. Euskera eta literatura (Batxillergoa), páxina 19-20: "...Etxeparek aukeratutako bide bertsolaritzako bide herrikoiak neurri eta errimetan akatsak zeuzkan...Bertsolaritzaren moldeak erabili izanagatik Oihenartek kritika zorrotza egin zion.."
- ↑ 2. Euskera eta literatura (Batxillergoa), páxina 19: "...gaztelaniazko literaturan Alfontso X.aren Cantigas izeneko obraratik hasita, Juan Ruiz Hitako artzapezaren El libro de Buen Amor arteko obrak arte amntzeman daitekeen naturaltasun bertsuaz..."