Saltar ao contido

Literatura éuscara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Literatura en éuscaro»)
Manuscrito renacentista do alavés Xoán Pérez de Lazarraga descuberto en 2004 por Borja Aginagalde.

A literatura en éuscaro é a literatura que emprega como vehículo de expresión a lingua vasca ou éuscaro. Dende un punto de vista histórico, foi unha literatura predominantemente oral e popular, tal e como se pode apreciar no influxo que tivo nos seus inicios escritos.[1] A literatura escrita é bastante tardía comparada coa escrita noutras linguas europeas. A primeira obra impresa exclusivamente en éuscaro é a colección de versos Linguae Vasconum Primitiae, de Bernat Dechepare, publicada en 1545, que é aínda hoxe aínda un dos textos máis citados en defensa ou como referencia ao éuscaro. En 2004 descubriuse tamén un manuscrito, de Juan Pérez de Lazarraga, que pode achegar novos datos sobre a orixe desta literatura.

Durante os séculos XVI, XVII e XVIII a temática relixiosa dominou a produción literaria en éuscaro, aínda que iso non impediu que existisen intentos illados de abordar outros temas. Ao longo da súa historia, a literatura en éuscaro atopou graves obstáculos para o seu desenvolvemento, fundamentalmente a súa gran variedade dialectal, que dificultou a creación dunha lingua literaria que servise como modelo común, a falta de uso como lingua oficial administrativa, o despego das elites e a prohibición do seu uso na administración e sistema educativo a partir de finais do século XVIII.[2] A devandita prohibición foi moito maior durante a ditadura franquista, debido ás persecucións que sufriron as manifestacións públicas do éuscaro.[3]

Historia e características

[editar | editar a fonte]

Breve introdución

[editar | editar a fonte]
Lingue Vasconum Primitiae ("Primicias da lingua vasca"), poemario de Bernard Dechepare (XV-XVI) e primeira obra publicada exclusivamente en éuscaro.

O éuscaro sufriu o desprestixio de séculos, afectando de cheo na literatura, sobre todo na temática e despois no uso da linguaxe. A primeira obra que foi publicada foi unha clara alegación a favor desta e unha invitación aos escritores de fala vasca a utilizar a súa lingua materna nos seus escritos. A mesma temática dominará na escola do pai Manuel de Larramendi séculos despois, cuxos seguidores (os apoloxistas) deixarán paso aos románticos, cos cales a lingua e a literatura vivirán o seu primeiro período de apertura e desenvolvemento. Publicaranse obras costumistas como Peru Abarca, pero non tardarán en aparecer figuras como Iparraguirre, Bilintx ou Augustin Chaho que imbuirán á literatura dun sentir romántico.

Este romanticismo que desembocará no posterior nacionalismo sabiniano será a causa de que sabios, pensadores e escritores estranxeiros como Wilhelm von Humboldt, o príncipe Louis Lucien Bonaparte, Hugo Schuchardt, Wentworth Webster, Víctor Hugo ou George Borrow se dedicasen ben a recoller con afán os mitos e lendas vascos que aínda se conservaban ou ben puxeran as bases do estudo dialectal do éuscaro (como no caso do príncipe Bonaparte), cuxos mapas e métodos aínda hoxe son utilizados.

O Eusko Pizkundea (Renacemento Vasco) chegou xunto coa propagación do nacionalismo de Sabino Arana e diferentes correntes vasquistas a finais do século XIX. Por iniciativa das catro deputacións vascas (as de Áraba, Biscaia, Guipúscoa e Navarra), crearase a Sociedade de Estudos Vascos, a cal, entre outras iniciativas, promoveu a fundación da Euskaltzaindia. Os lore-jokoak (xogos florais) foron nos seus inicios patrocinados por mecenas como Antoine d'Abbadie e supuxeron un punto de inflexión na historia da literatura. Tamén chegaron as primeiras propostas para unificar a ortografía da lingua, aínda que ningunha chegou a imporse sobre as demais. A guerra civil supuxo a desaparición deste movemento cultural: destacados escritores e activistas culturais, como Aitzol ou Lauaxeta, foron fusilados; os euskaltzales exiliáronse ao País Vasco francés e a América ou buscaron refuxio na Igrexa. O éuscaro foi prohibido ata a década de 1960 e as súas publicacións estiveron estritamente controladas.

Non foi até o Congreso de Arantzazu (1968) cando se falou de novo de unificar a lingua. Os movementos culturais a favor do éuscaro como o das ikastolas ou o grupo Ez dok Amairu xogaron e aínda hoxe xogan un papel principal na renovación da linguaxe literaria. Afastáronse do costumismo, patriotismo e puritanismo dos escritores da vella garda para porse ao día xunto co resto de correntes literarias europeas, efectuouse a renovación da novela en éuscaro con Jon Mirande, Saitzarbitoria e Txillardegi, romperon os ríxidos moldes da literatura relixiosa, o aire fresco que entrou na literatura equiparou a prosa aos movementos do momento e a arte dos bertsolaris viviu a súa era dourada. Este segundo Eusko Pizkundea tivo como representantes a autores do talle de Bernardo Atxaga, Saizarbitoria, Anjel Lertxundi, Arantxa Urretabizkaia e moitos máis. A pluralidade de xéneros, a innovación nas técnicas descritivas e o asentamento do éuscaro batua son, entre outras, as características que definen e marcan esta nova xeración de autores.

A literatura escrita

[editar | editar a fonte]
  • É froito dunha lingua sen oficialidade nin unidade e condenada ao ostracismo e desprestixio durante séculos.
  • Naceu entre estados cuxas linguas son romances e herdeiras da tradición latina.
  • Tivo como fin principal o ensino relixioso por diversas razóns como a tardía cristianización[4] ou gromos de protestantismo.
  • A poesía sempre tivo máis peso que a prosa debido á bertsolaritza.
  • Escasa implantación da imprenta ou a "problemática da imprenta".
  • O seu estudo é relativamente recente (finais do século XIX).

Patxi Salaberri, membro do Consello Navarro do Éuscaro e académico da Real Academia da Lingua Vasca, resume do seguinte xeito o citado: "A historia da literatura vasca escrita non é máis que a historia do esforzo dun pobo escaso en habitantes, politicamente desarticulado e maltratado e culturalmente desprovisto, por achegarse á tradición escrita"

División temporal da literatura escrita

[editar | editar a fonte]

A división temporal que se fai no caso da literatura en éuscaro non adoita coincidir coa dos movementos europeos do momento na maioría dos casos ata o Romanticismo. Isto débese, entre diversas razóns, a que a historia da literatura vasca alterna entre o País Vasco continental e o País Vasco peninsular, de maneira que coma se de compartimentos estancos se tratase hai unha alternancia entre ambas as vertentes dos Pireneos, exiliándose en moitos casos os autores dunha zona na outra para continuar co seu labor literario, tal e como se pode ver con claridade en acontecementos como a Revolución Francesa e a guerra civil española. Por exemplo, o auxe da literatura no País Vasco francés débese en gran parte ao clima contrario ao éuscaro que se instalou nas terras vascas da Coroa de Castela, e o contrario sucederá coa Ilustración en España.

[editar | editar a fonte]

Primeiras palabras, referencias escritas e cartas

[editar | editar a fonte]
Páxina 72 do Códice Emilianense 60. Apréciase a glosa á marxe.

As primeiras palabras escritas en éuscaro, aínda que sen valor literario algún, son as atopadas en lápidas funerarias de Aquitania (sur de Francia): Sembe, Cison, Anderexo, Bihox. Son dalgúns séculos posteriores as palabras atopadas en Iruña-Veleia (sobre as que destacados expertos discrepan) [5], e xa entrados no medievo as Glosas Emilianenses de San Millán da Cogolla Izioqui dugu e Guec ajustuezdugu.

Sábese tamén que un espía labortano escribía ao rei Filipe II que Francisco de Jaso (san Francisco Xabier) se carteaba coa súa nai do Baztán (aínda que as súas misivas non se mostren ao público nin aos investigadores) e que o durangués frei Juan Zumárraga, bispo en México, escribía á súa irmá en éuscaro.

O primeiro texto literario que se atopa publicado apareceu en 1542, na obra de François Rabelais (1494-1533), famoso escritor francés que estudou no Colexio de Navarra de París.

Idade Media: primeiras manifestacións

[editar | editar a fonte]

Os cantos fúnebres (eresiak)

[editar | editar a fonte]

As primeiras referencias indirectas dunha literatura oral e popular en éuscaro remóntanse ao Foro Vello de Biscaia en 1452, onde se ditaba a seguinte prohibición explícita:

"...sobre mulleres que son coñecidas por desvergonzadas e revolvedoras de veciñanzas e por coplas e cantares a xeito de libelo inflamatorio (que o Foro chama profazadas)"
Esteban de Garibay, cronista vasco que recolleu gran parte da literatura medieval oral conservada na actualidade.

Os cantos fúnebres (eresiak) recollidos daquela época e esta prohibición confirman que as mulleres (chamadas no foro profazadas) compuñan versos con ocasión de dó e celebración. Hai constancia de que eran elas as que se especializaron nas eresiak, queixumes fúnebres que se recitaban en funerais e velorios. A circunstancia de pronunciar estes queixumes en público, e de estar dirixidos a un auditorio, facía que estas improvisadoras (pois as eresiak son obras de endechadoras orais) encerrasen unha dramatización moi particular[6] a quen ás veces respondían outras, dando lugar a debates en verso semellantes aos dos bertsolaris modernos. Tanto para Lekuona como para Koldo Mitxelena, aquelas damas improvisadoras eran bertsolaris que apagaron as súas voces, pero non de xeito natural e espontánea, senón pola seguinte prohibición:

En que xeito se pode facer pranto e pór loito polos defuntos... Ordenaron, e establecían por lei, que de aquí en diante cando queira que algún morrese en Biscaia [...] non sexa ousado de facer pranto ningún mesando os cabelos, nin rasgando a cara, nin descubrindo a cabeza, nin faga choros cantando, nin tomen loito de marraga, so pena de mil marabedís a cada un que o contrario fixer por cada vez.

Existe gran variedade de versos recollidos polos cronistas da época e outros moitos que perduraron na memoria colectiva e que antes de ser perdidos tiveron a fortuna de ser transcritos:

Porta de Arrasate, unha das poucas partes da cidade vella que sobreviviu á guerra civil do Reino de Navarra.

Son coñecidas tamén co nome de romance, baséanse na narración de feitos de todo tipo (defuncións, batallas, incendios, relacións amorosas e infidelidades etc.) e clasifícanse no xénero coñecido como épica. Son froito da literatura popular e tiveron e teñen como único soporte a memoria, aínda que o ser cantadas ou recitadas cunha métrica ou rimas axudou moito á súa preservación. A datación adoita ser un dos principais problemas destas composicións, pois a pesar de que moitas se basean en feitos históricos datados como a queima de Arrasate (1448) ou hai personaxes rastreábeis como un nobre (no caso do cantar de Bereterretxe), descoñécese a data na que foron compostas. É por iso que é habitual nas baladas medievais que a datación non sexa precisa e varíe un século ou outro, especialmente nos casos nos que a mesma balada foi recollida en distintos dialectos, en anos distintos e por cronistas distintos.

Descoñécese a autoría de todas as baladas medievais recollidas, aínda que probablemente foron compostas pola tradición dos koblakariak (bardos), que se mantivo ata o século XIX con autores como Etxahun, José María Iparraguirre ou Jose Ignazio Iztueta. Baladas recollidas polos cronistas renacentistas foron:

Tres autores clásicos: Pérez de Lazarraga, Etxepare e Leizarraga

[editar | editar a fonte]

Tres son os autores clásicos da literatura en éuscaro: Joan Pérez de Lazarraga, Bernart Etxepare e Joanes Leizarraga. O manuscrito do primeiro deles foi descuberto en 2004 e nel claramente obsérvase a influencia da lírica cortesá tradicional, a da novela pastoril italiana e os moldes populares vascos. No caso de Etxepare, comparado moitas veces co Arcipreste de Fita, a literatura provenzal francesa do século XII e XIII ten influxo considerable; e respecto de Leizarraga, tradutor da Biblia ao éuscaro, hai que encomiar sen ningunha dúbida a descomunal tarefa que tivo que realizar, o intento de buscar un éuscaro unificado (preocupación de moitos dos autores posteriores) e a utilización de formas cultas e compostas, inexistentes na literatura escrita ata aquel momento.

Para entender estes autores hai que entender o contexto histórico no que viviron. O Papa mostrouse favorable a Fernando o Católico nos litixios que mantiñan Castela e Navarra, tendo que fuxir Xoana III de Navarra á Baixa Navarra, onde se convertería ao protestantismo debido á influencia dos calvinistas franceses e impulsaría a Reforma. Mentres isto ocorría no País Vasco francés, nas provincias vascas o sistema feudal sufriu un duro golpe coa aparición dunha nova figura xurídica, a fidalguía universal para todos aqueles de liñaxe vasca, aínda que os enfrontamentos entre os Ahaide Nagusiak (familias da alta nobreza) seguirían dominando parte da vida política.

Bernart Etxepare (1493-??)

[editar | editar a fonte]

Pouco se sabe sobre a súa vida, do mesmo xeito que ocorre coa maioría de autores en éuscaro. Segundo o prólogo de 31 liñas que escribiu na súa obra, foi párroco de Eiheralarre, moi preto de Donibane Garazi, na Baixa Navarra, actual Francia. Naceu en 1493 e estivo preso por motivos políticos, probablemente por apoiar a Filipe II na súa guerra contra a raíña de Navarra, Xoana III.

Etxepare foi o primeiro autor vasco en publicar en éuscaro (probablemente sendo el mesmo consciente deste feito). A súa obra foi impresa en Bordeos no ano 1545 baixo o título de Lingua Vasconum Primitae e trátase dunha longa recompilación de versos que viran ao redor de catro temas: relixión, amor, autobiográficos e encomios á lingua vasca.

Ao confeccionar a súa obra, Etxepare emprega a técnica da bertsolaritza, xa que descoñece a métrica utilizada na poesía culta. É por iso polo que se considera un poeta popular, pois escribiu para el, tal e como indica a utilización dos metros e melodías dos bertsolaris, probablemente coa intención de que fosen lidos ou cantados.

Hai que comentar que non se pode entender a obra de Bernart como a dun autor en solitario, foi froito dun contexto, pois. Tal e como Oihenart escribiu en 1665 en L´art poétique basque, naquela época existían outros dous poetas, o escritor de pastorais Joan Etxegarai e Arnaut Logras, de cuxas obras ningunha nos chegou ata hoxe en día, pois é probable que fosen publicadas despois da de Etxepare (o cal explicaría a inexistencia de referencias a estes autores e que diga nos seus versos: "Se ata agora estiveches sen ser impresa, desde hoxe circularás por todo o mundo" ou incluso que non se publicasen, tal e como ocorreu co manuscrito de Lazarraga.

Xoana de Albret, raíña de Navarra que encargou a tradución da biblia ao éuscaro, fixando as bases do éuscaro escrito.
CONTRAPAS
¡Éuscaro,
sae fóra!
Bendito sexa
o país de Garazi,
porque elevou o éuscaro
ao rango que lle corresponde.
¡Éuscaro,
sae á praza!
Os que non son vascos crían
que era imposible escribir en éuscaro;
agora comprobaron
que estaban equivocados.
¡Éuscaro,
sae ao mundo!
Estabas en pouca estima
entre as linguas;
pero agora serás
a máis nobre de todas.
¡Éuscaro,
sae ao mundo enteiro!
As outras linguas
chegaron ao seu esplendor;
agora a nosa
superará a todas.
¡Éuscaro!
Todos aprecian os vascos
a pesar de non coñecer a súa lingua;
agora comprobarán
como é o éuscaro.
¡Éuscaro!
Se ata agora estiveches
sen ser impresa,
desde hoxe circularás
por todo o mundo.
¡Éuscaro!
Non hai lingua ningunha
nin francesa nin ningunha outra
que sexa hoxe comparable
ao éuscaro.
¡Éuscaro,
vai ao baile!

Joanes Leizarraga (1525-1601)

[editar | editar a fonte]

Naceu en 1525 en Beskoitze (Lapurdi) e morreu en 1601 en Labastide-Clairence. En 1560 converteuse ao protestantismo (do mesmo xeito que a raíña) e púxose ás ordes do sínodo de Pau, quen lle encargou, para axudar na difusión da reforma entre a poboación, a tradución da Biblia ao éuscaro. Publicou tres obras:

  • Jesus Krist Gure Jaunaren Testamentu Berria (Novo Testamento)
  • Kalendrera, calendario de festividades relixiosas
  • ABC edo Kristinoen instrukzionea, sobre os ensinos cristiáns ou a doutrina.

As tres obras foron publicadas en 1571 en A Rochelle, fortaleza dos hugonotes franceses, e xunto á Biblia incluíu algúns escritos sobre a vida diaria do cristián. Os críticos destacan del o mérito do tradutor, pois traballou case sen exemplo ningún de obras en prosa. A única obra contemporánea que coñecemos é a de Juan Pérez de Lazarraga. Tamén hai que mencionar que o feito de ter que utilizar formas subordinadas levouno a unha prosa de estilo parecido ao das linguas románicas, sendo exemplo diso a influencia do latín nas estruturas sintácticas; aínda que hai que dicir tamén que alterna con mestría as proposicións breves e as longas. Aínda que a tradución é atribuída completamente a Leizarraga, sábese que tivo a axuda de varios colaboradores.

Escribiu para os vascofalantes de todo o País Vasco francés, incluíndo aos que non eran súbditos do Reino de Navarra. Utilizou formas dos dialectos labortano, baixo navarro e suletino polo que se pode pensar que decidiu unir os tres dialectos para poder chegar a un público máis amplo. A tradución vai acompañada tamén dun pequeno dicionario.

Joan Pérez de Lazarraga (1578?-1605)

[editar | editar a fonte]
Manuscrito de Joan Pérez de Lazarraga, señor da torre de Larrea.

O manuscrito atopado por Borja Aginagalde en 2004 e adquirido pola Deputación de Guipúscoa a un anticuario de Madrid supuxo que moitas das ideas concibidas ata o momento sobre a historia da literatura vasca tiñan que ser revisadas, entre elas o illamento ao que se dicía que estivera sometida a literatura en éuscaro ata entrada a era Moderna.

O manuscrito está composto por 102 páxinas en total, das cales dous terzos serían poesía e o restante pertencería ao xénero recentemente inaugurado por Jacopo Sannazaro chamado novela pastoril renacentista. Do mesmo xeito que este, Lazarraga mestura a prosa e o verso, pero o seu estilo lírico está máis próximo ao cortesán tradicional das cancións do século XV que das descricións e detalles de Petrarca.

Se hai que destacar algo é a utilización da prosa, que se cría que non se desenvolveu ata a chegada da ascética didáctica da Escola de Sara no século XVII e a do desaparecido dialecto de nordés de Álava, que Koldo Mitxelena defendeu que quedaría probada. O éuscaro utilizado por Lazarraga é sen ningunha dúbida un éuscaro arcaico, marcado por formas en subxuntivo xa perdidas, o caso nondik arcaico e as formas vellas nos verbos auxiliares.[8]

Século XVII: o século de Axular

[editar | editar a fonte]

A literatura desta época foi utilizada polo catolicismo para empurrar a Contrarreforma e é por iso polo que en parte queda limitada por ela. Tivo a súa maior forza en Lapurdi, pois era naquela época a comarca con mellor situación social ao atoparse en pleno auxe grazas ao comercio marítimo. O seu obxectivo principal era adoutrinar o pobo chairo, é por esta razón polo que a poesía e a prosa son tan próximas á oralidade; exemplo diso é o uso da prosa retórica nos oradores e dos metros da bertsolaritza na poesía.

No seu intento por seguir coas ordes do Concilio de Trento, é dicir, de educar ao pobo na doutrina cristiá no seu propio idioma, Axular e os eclesiásticos que o seguirían conseguiron pór as bases firmes do éuscaro escrito e é por iso polo que os críticos recoñecen a débeda que o éuscaro ten a estes.

Esta obsesión por expandir a doutrina cristiá entre o pobo chairo probabelmente responde á lenta cristianización de Vasconia defendida por Barandiarán. Non hai que esquecer que naquel momento a escolástica que Erasmo intentara marxinar rexurdira con forza, especialmente no sur de Europa, onde os libros deste pasaran de ser modélicos para a Reforma a estar na lista dos libros prohibidos. Oihenart e Piarres Etxeberri, os únicos autores segrares, iniciarían un camiño que anos despois outros autores seguirían, é dicir, afastaríanse dos temas relixiosos para tomar outros máis profanos.

Chámaselle o século de Axular ou o da Escola de Sara ao século XVII, pois os críticos consideran que foi este quen lle deu a forza que necesitaba á prosa en éuscaro, a pesar de que a tradución de Leizarraga no século anterior pon as bases para realizar estas. Probablemente a maioría de autores desta época coñecéronse, xa que, por exemplo, Bertrand Etxautz, bispo de Baiona, escribiu unha carta chea de eloxios 43 anos despois da publicación do Gero. Na entrada que fai Axular mesmo indica "konpañia on batean, euskaldunik baizen etzen tokian" (en boa compañía, onde non había máis que vascos) decidiron escribir un libro contra a vagancia e que finalmente foi el quen levou a tarefa a cabo. Non é difícil de imaxinar que os curas e frades de Lapurdi, pero tamén os médicos e avogados desta comarca, serían os compañeiros de charla deste. Tamén temos noticia de dous novos vascofalantes (Materra e Pouvreau), dous poetas (Etxeberria e Gazteluzar), un home de mar (Etxeberri) e Arganatz.

A Escola de Sara

[editar | editar a fonte]

O século XVII foi unha etapa de espiritualidade, e a cultura estaba moi vinculada a ela. Os sacerdotes da zona difundíana na lingua que mellor entendía o pobo: o éuscaro. Por iso, o século XVII é un período de auxe da cultura vasca. Son desta época os escritores que conforman a chamada Escola de Sara: un grupo de escritores unidos por uns trazos de estilo dentro da historia da literatura nesta lingua. Neste século tamén se atopan autores como Oihenart.

Os membros da Escola de Sara procedían principalmente do triángulo formado polas localidades de Sara, Donibane Lohizune e Ziburu. Entre os seus membros cabe destacar os sacerdotes Axular e Etxeberri Ziburukoa. En provincias veciñas atópanse tamén autores como Materre, Klaberia, Hirigoiti ou Guillentena. Os escritores da escola de Sara tiñan certos trazos comúns:

  • Na súa maioría eran eclesiásticos que escribían libros relixiosos.
  • Todos cursaran ciencias humanas.
  • Usaban un éuscaro popular, sen os latinismos de Leizarraga.
  • Formaban un grupo e censurábanse uns a outros.
  • Cultivaron especialmente a poesía.

Pedro Agerre "Axular" (1556-1664)

[editar | editar a fonte]
A casa natal de Axular, en Urdazubi, Navarra

Considerado o Cervantes euskaldun, Pedro Agerre Azpilkueta naceu na vila de Urdazubi, en Navarra, nun casarío chamado Axular, de onde recibiría o seu sobrenome. Realizou os seus estudos sacerdotais en Pamplona e os de ciencias humanas, retórica e filosofía en Lleida e Salamanca. En 1596 ordenouse sacerdote en Tarbes e durante catro anos traballou de orador en Donibane Lohizune, cuxo bispo, Bertrand Etxauz, nomearíao reitor de Sare. Con todo, como non era francés, Axular tivo que loitar polo posto. Un cura de Donibane Lohizune chamado Joanes Harostegi denunciouno por ese motivo, pero Axular recibiu o beneplácito de Henrique IV, rei de Francia, xa que o natural de Urdax, sendo un navarro do sur, era natural dunhas terras de cuxos dereitos a casa de Albret non renegara. Permaneceu á fronte da devandita parroquia durante moitos anos. Alí faleceu, en 1644.

Viviu nunha contorna rica e cambiante, mentres España estaba en decadencia Francia vivía unha época dourada, pois aínda sendo ambos os países católicos, este último tiña unha grande sede de sabedoría que o levaría a buscar máis aló do cristianismo. Tampouco debemos esquecer que, tras a Paz dos Pireneos de 1659, Francia vivía unha época de tranquilidade e cando Axular escribiu Gero, o catolicismo afianzárase en Francia.

Gero, bi partetan partitua eta berecia (1643) foi a súa única e a obra que revolucionaría e asentaría a prosa en éuscaro. Atendendo ao título parece haber dúas partes, aínda que só se recolleu unha, quizais porque ambas están nunha, porque non escribiu máis ou non chegou a publicar a segunda parte. O seu contido resúmese na seguinte atsotitza ou refrán: "Gero dioenak bego deu" ("Quen di logo, di déixao"), é dicir, proba que deixar as tarefas para logo é o lema do vago, e para iso toma os argumentos e frases de moitos autores clásicos, amontoándoos pero relacionándoos con mestría e beleza.

A crítica recorda que Axular foi orador, antes de escritor, e é por iso polo que utiliza o xénero persuasivo, pois o seu fin é cambiar o comportamento humano. Para este fin utiliza unha gran gama de recursos retóricos, coidando tres trazos:

  • Ensinar: desenvolve o tema con estilo acougado, tranquilo, razoado e de longas explicacións.
  • Ser agradable: exemplifica continuamente con referencias e refráns.
  • Mover o lector: cando quere ser azuzador utiliza un ritmo lixeiro, un estilo directo (a segunda persoa, é dicir, o hika), proposicións máis breves e unha entoación interrogativa e exclamativa. É dicir, utiliza recursos propios do sermón eclesiástico.

Outros autores de Lapurdi

[editar | editar a fonte]
  • Esteve Materre. Descoñécese a súa data de nacemento, pero ao parecer desenvolveu a súa tarefa literaria no século XVII, e estudou éuscaro en Sare da man de Axular. En 1607 publicou Doutrina Christiana, onde animaba os vascofalantes a estudar o éuscaro culto. O autor defendía tamén que a doutrina debía ser próxima ao pobo, escribindo pensando nel, lonxe dos "predicadores de cátedra".
  • Silvain Pouvreau: traduciu tres libros de devoción para a igrexa do cardeal Richelieu e outros dous de San Francisco de Sales. Ademais disto, elaborou un dicionario do éuscaro ao francés, aínda que non foi publicado na súa época.
  • Piarres Argainaratz: este cura de Ziburu deixou dous libros escritos, un en prosa (do cal non quedou exemplar algún) e outro en lírica, o coñecido Deboten brebiarioa (1665). Os críticos realzan a figura de Abisu eta exortazione probetxosoak bekhatorearentzat para estudar a evolución da prosa vasca, pois ao parecer este escritor tiña preocupación polos gustos estéticos, aínda que por desgraza o exemplar de 572 follas que o pai Larramendi tivo nas súas mans perdeuse.
  • Piarres Etxeberri: foi o primeiro en traducir no século XVII en Lapurdi unha obra non relixiosa, Itsasoko nabigazionekoa (1677). É un libro de grande interese pois naquela época eran moitos os habitantes de Laourdi que se dedicaban ao mar e contén un gran número de expresións respecto desta, hoxe en día xa perdidas.

Joanes Etxeberri Ziburukoa

[editar | editar a fonte]

Descoñécese a súa data de nacemento pero, tendo en conta que o seu primeiro libro se publicou no ano 1627 e os estudos eclesiásticos que realizou, adóitase afirmar que naceu cara a 1580. Cursou os seus estudos en Pau, cos xesuítas, doutorouse en teoloxía e converteuse nun erudito do latín. Antes de dedicarse á literatura traballou tamén na construción naval.

Obra

Escribiu tres libros, todos en verso e de temática relixiosa, Oihenart considera que tamén escribiu outras tres: Familiako Gutunak, Eguneroscoa, e Hiztegia. Pero tradicionalmente considérase que non son máis que partes da súa obra principal Manual Devotionezcoa.

  • Manual Devotionezcoa: editouse por primeira vez en Bordeos, en 1627, e volveuse a publicar en 1669. Case todo está en verso, pero pódense atopar algúns textos en prosa, con oracións e pregos. Divídese en dúas partes:
    • A primeira (3.814 versos) explica o que debe saber un bo cristián.
    • A segunda (4.000 versos) expón as oracións que un cristián pode rezar en calquera momento.
  • Noelac eta bertze kanta espiritual berriak: editouse en 1631 e foi reeditada varias veces. Contén cancións do Nadal, a vida de Xesús e capítulos sobre santos.
  • Eliçara erabiltceco liburua: viu a luz en 1636 e volveuse a editar en 1665 e 1666. Segundo Oihenart, nela ven os fallos da súa poesía, por exemplo que non respecta a métrica e mestura palabras masculinas e femininas.
Crítica
era home de gran cultura e escribiu poesía non só en éuscaro, senón que tamén en latín. Tiña os homes do mar en mente á hora de escribir a súa obra pois tal e como el dicía era coñecida a afección dos pescadores ás cancións e versos en metros populares. É por iso polo que escribiu en metros propios da bertsolaritza, pois a intención do autor era que os pescadores cantasen e memorizasen os seus versos en éuscaro. Con este fin utiliza recursos nemotécnicos como as rimas pegadizas e ao parecer, polas reedicións que houbo, con grande éxito.

Este autor responde con claridade a unha das preguntas que sempre houbo na historia da literatura: para quen debe escribir o poeta? O autor non ten dúbidas, para o pobo.

Séculos XVIII e XIX

[editar | editar a fonte]

No século XVIII, a obra do xesuíta Manuel de Larramendi (1690-1766), filólogo e estudoso do éuscaro, que utilizou xeralmente o castelán, serviu de acicate para a creación literaria en lingua vasca. Foi autor de Da antigüidade e universalidade do bascuence en España (Salamanca, 1728), e un Dicionario castelán, bascuence e latín (San Sebastián, 1745). Tamén escribiu a primeira gramática vasca, co título de O imposíbel vencido (Salamanca, 1729). Contemporáneo de Larramendi foi outro xesuíta, Sebastián de Mendiburu (1708-1782), que utilizou o dialecto alto navarro e escribiu sobre todo prosa relixiosa.

O século XIX viu un maior desenvolvemento dos estudos filolóxicos e antropolóxicos, con figuras como Resurrección María de Azkue, que da literatura en lingua vasca, a cal coñeceu un marcado declive, que, paradoxalmente, só comezou a remitir cando, en 1876, foron derogados os Foros vascos. A obra, tanto literaria como política, de Sabino Arana é unha das expresións máis evidentes do proceso de recuperación do vasquismo, que desembocaría no xurdimento do nacionalismo vasco.

Século XX

[editar | editar a fonte]

Literatura anterior á guerra civil

[editar | editar a fonte]
Sede da Euskaltzaindia, en Bilbao.

En 1919, por iniciativa da Sociedade de Estudos Vascos e o patrocinio das catro deputacións vascas, fundouse a Euskaltzaindia, dedicada ao estudo e a promoción do éuscaro. Os académicos tiñan que representar proporcionalmente todos os territorios vascos e intentouse en todo o posíbel reunir persoas de todas as tendencias políticas, principalmente nacionalistas e foristas. Nesta época existiu un debate sobre se había que crear un modelo unificado para o uso escrito. Os académicos que estaban a favor non tiñan moita forza dentro da institución, e ademais estes non chegaban a un acordo en torno ao camiño a seguir. Aínda que se puideron tomar algunhas decisións básicas sobre o vasco escrito, o proxecto do éuscaro batua tivo que esperar ata a posguerra.

En moitísimos casos, as publicacións anteriores á guerra civil estiveron moi influenciadas por teorías que pretendían modificar a flexión e a morfoloxía vascas aplicando unha suposta lóxica interna da lingua. Moitos escritores, fieis a un purismo estrito, refugaron antiquísimos préstamos latinos e románicos por consideralos barbarismos, substituíndoos por neoloxismos ou localismos de dubidosa procedencia. Nalgúns casos o froito destas tendencias foi un volapuk incomprensíbel para o vascofalante corrente e este euskara berria (éuscaro novo) non conseguiu chegar máis que a un reducido círculo de iniciados. As obras que transcenderon ao tempo foron as escritas polos que, aínda tendo certas "teimas", souberon aprender dos clásicos e confiaron no que lles dicía o seu propio xenio da lingua máis que en teorías que o tempo a acabado por caducar: Resurrección María de Azkue, Nicolás Ormaetxea, Xabier de Lizardi, Esteban Urkiaga, Domingo Aguirre e Jean Etxepare foron algúns deles.

Por norma xeral, a situación da literatura foi mellor en Francia que en España, xa que os vascofranceses tiveron dende sempre un maior costume de ler e escribir en éuscaro. Ao norte dos Pireneos, en 1887 aparece o semanario Eskualduna en Baiona, dando lugar a unha tradición de escritores que participan do estilo directo e fresco do xornalismo. Blaise Adéma, Jean Hiriart-Urruty e Jean Etxepare publicaron artigos de primeiro nivel, con grande acollida no País Vasco francés. Os primeiros artigos de divulgación científica e os primeiros indicios de narrativa moderna en éuscaro atópanse entre estas páxinas. Ideoloxicamente formaba parte dos coñecidos como txuriak (brancos, conservadores, fronte aos gorriak, vermellos), os cales gozaban dunha posición hexemónica en todo o País Vasco francés, e na súa etapa final acabou alineándose co petainismo durante a ocupación nazi. En 1944 caeu en descrédito e foi substituído polo semanario Herria, dirixido por Piarres Lafitte, revista que seguiu publicándose até os nosos días.

Na primeira metade do século XX tivo grande relevancia o poeta José María Aguirre, máis coñecido polo seu pseudónimo Xabier de Lizardi (1896-1933), autor que publicou un único libro en vida, Biotz-begietan (No corazón e nos ollos), e mais a póstuma Umezurtz-olerkiak (Poesías do orfo), cuxa estética simbolista fixo que fose comparado con Juan Ramón Jiménez. É unha poesía de tipo intimista, baseada na natureza e a mitoloxía vasca. Outro poeta importante na literatura anterior á guerra civil foi Nicolás Ormaechea, chamado "Orixe", co seu extenso poema (de máis de 12.000 versos) Euskaldunak (Os vascos). Este poema defínese como un exercicio de literatura pastoril ao servizo dun pretendido «poema nacional»[9], que non podendo publicarse polo estoupido da guerra civil, tivo que se atrasar a súa primeira edición ata 1950. Ormaechea foi admirado polo seu extenso coñecemento da lingua e literatura vascas e pola súa xenial capacidade de traducir os clásicos ao éuscaro, os cales en moitos casos seguen mantendo a súa vixencia.

En prosa, destaca sobre todo o novelista Domingo Aguirre (1864-1920). A súa obra ten un forte carácter costumista. Kresala (Auga de mar, 1906) mostra a vida nun pobo pesqueiro. Garoa (O fento, 1912), en cambio, desenvólvese nas montañas de Oñati (Guipúscoa).

Literatura posterior á guerra civil

[editar | editar a fonte]

Tras a guerra civil, a literatura en éuscaro coñeceu un período enormemente difícil. Os primeiros libros que se publicaron foron Urrundi (1945) (De lonxe), do conselleiro do Goberno Vasco no exilio Telesforo Monzón, editado en México e o poema Arantzazu (1949) de Salvador Mitxelena (1919-1965) editado en Guatemala.

A partir de finais da década de 1950 algúns escritores novos empezaron a publicar as súas obras, entre eles Gabriel Aresti, cuxo libro máis importante foi Harri eta herri (Pedra e pobo, 1964), na liña da poesía social. Esta obra, que se converteu no libro mais vendido en éuscaro na súa época, é o signo dunha xeración cunha nova mentalidade, xa que nel aparece a imaxe dun pobo vasco urbano e enfrontado aos problemas sociais, lonxe xa do estereotipo do pobo vasco rural do poema Euskaldunak de Orixe. Aresti ten certa relación coa obra doutros poetas vascos que se expresaron en castelán, como Blas de Otero ou Gabriel Celaya, cos que comparte o compromiso social. A figura de Aresti está intimamente relacionada cos primeiros grupos de teatro e o colectivo musical Ez dok Hamairu, iniciadores da corrente coñecida como "Euskal Kantu Berria" (Nova Canción Vasca).

Bernardo Atxaga en 2009.

En canto á narrativa, ten unha grande importancia a novela Leturiaren egunkari ezkutua (Diario secreto de Leturia), de José Luís Álvarez Enparantza, Txillardegi, publicada en 1957, de corte existencialista e considerada a primeira novela moderna escrita en éuscaro. A estes aires de modernización seguírono Egunero Hasten delako e Ehun metro de Ramon Saizarbitoria, empapados da influencia da Nouveau Roman dos anos setenta. A estes pioneiros úneselles Anjel Lertxundi.

Despois dos primeiros pasos no tardofranquismo, foi desenvolvéndose un mundo editorial que chega a publicar ao redor de 1.500 títulos ao ano, cuns 300 escritores. O autor de maior éxito editorial fóra das fronteiras do País Vasco foi sen dúbida Bernardo Atxaga, moi especialmente polas súas novelas Obabakoak (coa que obtivo o Premio Nacional de Narrativa de España) e Memorias dunha vaca (Behi euskaldun baten memoriak), que lograron gran difusión ao ser traducidas ao castelán e, posteriormente, a outras linguas.

En 2002 Unai Elorriaga recibiu o Premio Nacional de Narrativa pola súa novela Un tranvía cara a SP (SPrako Tranbia).

  1. Euskara eta literatura (Batxillergoa), páxina 19-20: "...Etxeparek aukeratutako bide bertsolaritzako bide herrikoiak neurri eta errimetan akatsak zeuzkan (Os camiños do bertsolarismo elixidos por Etxepare tiñan erros na métrica e na rima)...Bertsolaritzaren moldeak erabili izanagatik Oihenartek kritika zorrotza egin zion..(é debido ao uso de metros do bertsolarismo que Oihenart criticou con dureza os seus versos)"
  2. Segundo Jimeno Jurío en Navarra, historia do éuscaro, os receptores dos tribunais impuxeron o castelán en pobos vascongados de Navarra; o éuscaro foi prohibido nas escolas e sancionados os nenos que a usaban. Un dos documentos que aparecen no libro é a orde do conde de Aranda, en 1766 "prohibindo toda impresión en lingua bascongada». http://www.deia.com/é/impresa/2006/10/07/bizkaia/kultura/296148.php?print=1[Ligazón morta]
  3. Segundo Santiago de Pablo, "a persecución contra as manifestacións públicas da lingua vasca foi implacable nestes anos" (en Iñaki Bazán (ed.): De Túbal a Aitor. Historia de Vasconia, p. 801)
  4. O pai Barandiarán (tal e como recolle Martín Ugalde na súa Síntese da historia do País Vasco ou o mesmo relixioso no seu Home Primitivo no País Vasco) defendeu en vida a cristianización tardía do pobo vasco, alegando que na mesma Navarra ata o século XX conserváronse crenzas pagás en idiosincrasia coas cristiás
  5. "Gara 20/01/2008 Destacados expertos discrepan abiertamente sobre los hallazgos de Iruña-Veleia". Arquivado dende o orixinal o 25/04/2008. Consultado o 02/05/2008. 
  6. J.M.Lekuona Ahozko literaturaren historia Euskal Herria. Vol.1, San Sebastián, Jakin.1, 1984
  7. Luís María Mujika considérao "un dos anacos máis valiosos de toda a nosa lírica" (Historia da Literatura Euskérica, Zarauz: Luís Haramburu, 1979; p. 59. Opinión citada en Badiola Rentería e López Sainz, op. cit., p. 20)
  8. 2.Euskara eta literatura. pag.13-14
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2008. Consultado o 12 de setembro de 2007. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Azurmendi, Joxe. "Die Bedeutung der Sprache in Renaissance und Reformation und die Entstehung der baskischen Literatur im religiösen und politischen Konfliktgebiet zwischen Spanien und Frankreich" In: Wolfgang W. Moelleken, Peter J. Weber (Hrsg.): Neue Forschungsarbeiten zur Kontaktlinguistik, Dümmler, Bonn 1997. ISBN 978-3-537-86419-2
  • Badiola Rentería, Prudencia e López Sáinz, Josefina. La literatura en lingua vasca. Editorial Cincel, 1981. ISBN 84-7046-248-2.
  • López Gaseni, José Manuel: Historia de la literatura vasca. Acento Editorial, 2002. ISBN 84-483-0683-X. [ISBN erróneo]
  • 1 Euskara eta Literatura (Batxillergo) ISBN 978-84-8331-220-9/ 2 Euskara eta Literatura (Batxillergo). Elkar ISBN 978-84-9783-214-4
  • Dagerre Azpilikueta, Pedro (Axular). Gero: bi partetan partitua eta berezia. Bilbao: Orain, 1995. ISBN 978-84-89077-37-9
  • Juaristi, Jon Literatura Vasca. Madrid, Taurus, 1987. ISBn 978-84-306-2529-1
  • Lekuona, J.M. "Ahozko literaturaren historia" Euskal Herria. Vol 1, San Sebastián: Jakin, 1984.
  • Fuero, Privilegios, Franquezas y Libertades del Señorio de Vizcaya, Bilbao:Deputación Foral de Vizcaya. Gabinete de Deputación General = Bizkaiko Foru Aldundia. Gabinete del Deputación General, 1977. ISBN 978-84-500-1791-5
  • Larrañaga Odriozola, Carmen (1997). "Del bertsolarismo silenciado: (Silenced bertsolaritza)". BIBLID (en castelán) (6): 57–73. ISSN 1137-859X. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]