Billetes da coroa húngara
Os billetes da coroa húngara son o papel moeda emitido polo Reino de Hungría con posterioridade á I Guerra Mundial, no sistema monetario da coroa húngara, ata a introdución do pengő como nova moeda nacional en 1927. A variedade de billetes e de notas do Tesouro, así como a das autoridades emisoras, reflicte a caótica situación do país na posguerra.
O primeiro papel moeda do Reino de Hungría era unha serie de 1, 2, 25 e 200 coroas, similares aos emitidos en Viena desde a fin da guerra. Inicialmente, limitábase a validez deste diñeiro a Austria e a Hungría, aínda que Austria considerou que os billetes húngaros eran demasiado doados de falsificar. Máis tarde, como en Hungría non había un banco nacional, o Magyar Postatakarékpénztár ("Banco Postal de Aforro de Hungría") recibiu o permiso para emitir billetes de 5, 10 e 20 coroas. Pola súa banda, a sobreestampaxe de billetes do anterior Banco Austrohúngaro non comezou ata 1920, o que o converteu no derradeiro dos países xurdidos do Imperio en botar man desta práctica. E finalmente, instituíuse o Banco Real do Estado Húngaro, que recibiu o dereito de emitir billetes do Tesouro.[1]
Billetes do Banco Austrohúngaro (1919)
[editar | editar a fonte]O Oesterreichisch-ungarische Bank / Osztrák-magyar Bank ("Banco Austrohúngaro") era a institución da que a monarquía do Imperio Austrohúngaro se valera para imprimir en exclusiva os billetes imperiais. Os billetes imprimíanse en Viena, e desde alí subministrábanselle a Hungría. Mais durante a guerra, o secretario xeral da institución en Viena suspendeu deliberadamente a subministración de papel moeda a Hungría.[2][3]
Finalizada a I Guerra Mundial, o Goberno de Hungría dirixido por Károlyi solicitoulle ao banco conxunto que lle entregase a Hungría as pranchas de impresión e o papel especial para billetes, xa que sería demasiado perigoso o traslado dos billetes xa fabricados, por mor da incerteza política. Os billetes producidos en Budapest con estas pranchas, con valores de 1, 2, 25 e 200 coroas, primeiro baixo o goberno de Károlyi e logo na República Soviética, son idénticos aos emitidos polo Imperio e aos que continuaba a imprimir Austria, aínda que se recoñecen por teren uns números de serie característicos (1 e 2 coroas: superior a 7.000; 25 coroas: superior a 3.000; e 200 coroas: superior a 2.000). Logo da caída da República Soviética, Viena pasou a considerar estes billetes como falsos.[2][3].
Billetes do Banco Postal de Aforro (1919)
[editar | editar a fonte]Meses máis tarde, no mesmo 1919, emitíronse os billetes do Banco Postal de Aforro (Postatakarékpénztári jegy) conforme un decreto do Consello de Goberno Revolucionario da República Soviética, que naquel momento funcionaba como banco autorizado en exclusiva polo Estado para a emisión de papel moeda. Os billetes dos valores superiores que foran emitidos con anterioridade polo Banco Austrohúngaro foron depositados á par para evitar a inflación.[4][5]
Billetes sobreestampados do Banco Austrohúngaro (1920)
[editar | editar a fonte]Hungría foi o derradeiro dos novos estados en sobreestampar os anteriores billetes do Imperio Austrohúngaro, para os dotar validez no seu territorio. O goberno de Károlyi planeara comezar a reestampaxe o 21 de marzo de 1919, mais o establecemento da República Soviética modificou o calendario previsto e pospuxo os plans. Finalmente, os billetes (con valores faciais desde as 10 ás 10.000 coroas) comezaron a reestamparse o 18 de marzo de 1920. O motivo co que Hungría reestampou estes billetes consistiu nun selo redondo de cor vermella.[6][7]
Billetes estatais (1921-1924)
[editar | editar a fonte]E finalmente, en 1921 comezaron a emitirse novos billetes estatais. O seu deseñador foi Ferenc Helbing e comezaron a imprimirse en Suíza, na compañía Orell Füssli, de Zürich (excepto os de baixo valor facial, que requirían menor calidade por non correr tanto risco de falsificación) e máis tarde pasaron a ser producidos na propia Hungría por unha compañía fundada para o efecto, a Magyar Pénzjegynyomda Rt. ("Compañía de Impresión de Billetes"), en Budapest.[8] O tamaño dos billetes aumentaba conforme os seus valores nominais ían ascendendo, o que motivou que as prensas tivesen que ser modificadas, para asumiren os novos tamaños. A partir de 1923 comezaron a emitirse billetes de menor tamaño e cos mesmos deseños ou, nalgúns casos, con lixeiras modificacións. Os billetes estatais emitíronse con valores de 1, 2, 10, 20, 50, 100, 500. 1.000, 5.000, 10.000, 25.000, 50.000, 100.000, 500.000 e 1.000.000 coroas húngaras, entre maio de 1921 e xuño de 1924.[9][10]
Serie de valores baixos | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Imaxe | Valor nominal | Dimensións | Descrición | Datas | |||
Anverso | Reverso | Anverso | Reverso | Emisión | Retirada | ||
1 coroa | 129 × 65 mm | Modelo Feminino | Valor en 6 idiomas | 11-VII-1921 | 30-VI-1927 | ||
2 coroas | 131 × 76 mm | Labrego apañando trigo | |||||
10 coroas | 135 × 79 mm | Ponte das cadeas | |||||
20 coroas | 143 × 84 mm | Castelo de Buda | |||||
Serie de tamaño grande | |||||||
Imaxe | Valor facial | Dimensións | Descrición | Datas | |||
Anverso | Reverso | Anverso | Reverso | Emisión | Retirada | ||
50 coroas | 150 × 95 mm | Francisco II Rákóczi | Valor en 6 linguas | 11-VII-1921 | 30-VI-1927 | ||
100 coroas | 155 × 100 mm | Rei Matías | 9-V-1921 | 31-VII-1926 | |||
500 coroas | 170 × 110 mm | Príncipe Árpád | |||||
1.000 coroas | 193 × 125 mm | Rei San Estevo | |||||
5.000 coroas | 205 × 135 mm | Hunnia | |||||
10.000 coroas | 211 × 144 mm | PATRONA HUNGARIAE | |||||
25.000 coroas | 213 × 147 mm | PATRONA HUNGARIAE | 6-IX-1922 | ||||
Serie de tamaño reducido | |||||||
Imaxe | Valor nominal | Dimensións | Descrición | Datas | |||
Anverso | Reverso | Anverso | Reverso | Emisión | Retirada | ||
100 coroas | 119 × 72 mm | Rei Matías | Valor en 6 linguas | 18-III-1924 | 30-VI-1927 | ||
500 coroas | 128 × 74 mm | Príncipe Árpád | 20-VI-1924 | ||||
1.000 coroas | 136 × 78 mm | Rei San Estevo | 1-IX-1923 | ||||
5.000 coroas | 139 × 83 mm | Hunnia | 18-III-1924 | ||||
10.000 coroas | 145 × 88 mm | PATRONA HUNGARIAE | 18-III-1924 | ||||
25.000 coroas | 145 × 98 mm | Rei San Ladislau | 19-V-1924 | ||||
50.000 coroas | 165 × 105 mm | Modelo feminino | 16-VII-1923 | ||||
100.000 coroas | 165 × 105 mm | Modelo feminino | 30-VII-1923 | ||||
500.000 coroas | 185 × 85 mm | Modelo feminino | 23-II-1924 | 30-VI-1928 | |||
1.000.000 coroas | 185 × 85 mm | Modelo feminino | 31-III-1924 |
Despois do 25 de agosto de 1926, os billetes de 1.000 coroas e superiores foron reselados para amosaren o valor en pengős, a nova moeda.
Marcas de impresor nos billetes estatais
[editar | editar a fonte]- Billetes de valor nominal baixo (de 1 a 20 coroas, impresos en 1920): carecen de marca (impresos en Budapest en diferentes compañías).
- Billetes de tamaño grande (de 50 a 25.000 coroas, impresos en 1920 e 1922): ORELL FÜSSLI ZÜRICH.
- Billetes de tamaño grande (de 100 a 1.000.000 coroas, impresos en 1923 e 1924): ou ben ORELL FÜSSLI ZÜRICH, ou ben "Magyar Pénzjegynyomda Rt. Budapest." ou ben sen marca ningunha (impresos tamén pola Magyar Pénzjegynyomda Rt.).
- Billetes de gran e de peuqeno tamaño (de 50 a 1.000.000 coras): ou ben T. W. ou ben W ou ben T. WILLI, iniciais de Traugott Willi, o nome do inventor da técnica coñecida como photo guilloche, utilizada para a impresión destes billetes, coñecido polos seus deseños de billetes suízos producidos pola compañía Orell Füssli, de Zürich.[11]
Marcas de impresor nos billetes estatais | |
---|---|
ORELL FÜSSLI ZÜRICH | |
Magyar Pénzjegynyomda Rt. Budapest. | |
T. W. |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Korona (1892-1925)". Papirpenz.hu
- ↑ 2,0 2,1 Cuhaj G. S. (2008). Páxinas 682-683.
- ↑ 3,0 3,1 Rádóczy, G. (1984). Páxinas 46,47,52, 62-64.
- ↑ Rádóczy, G. (1984).. Páxinas 55, 58 e 60.
- ↑ Cuhaj G. S. (2008). Páxina 684.
- ↑ Cuhaj G. S. (2008). Páxinas 683-684.
- ↑ Rádóczy, G. (1984). 20, 26, 27, 42, 44, 46, 48, 49, 51, 52, 54, 55, 57, 58 e 62-64
- ↑ Rádóczy, G. (1984). Páxinas 22-23.
- ↑ Rádóczy, G. (1984). Páxinas 39-46.
- ↑ Cuhaj G. S. (2008). Páxinas 685-688.
- ↑ "Third banknote series (1918)". Banque nationale suisse.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Billetes da coroa húngara |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuhaj G. S. (2008). Standard Catalog of World Paper Money. General Issues 1368-1960. Krause Publications. ISBN 978-0-89689-730-4
- Leányfalusi, H.; Nagy, A. (2006). A korona-fillér pénzrendszer - Magyarország fém- és papírpénzei 1892-1925. Magyar Éremgyűjtők Egyesülete. Budapest. ISBN 963-229-523-4
- Rádóczy, G. (1984). A legújabb kori magyar pénzek (1892-1981). Budapest. Corvina. ISBN 963-13-1528-2
- Rádóczy, G.; Tasnádi, C.. (1992). Magyar papírpénzek 1848-1992. Danubius Kódex Kiadói Kft. ISBN 963-7434-11-9