Saltar ao contido

Biotoxina mariña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Chamamos biotoxinas mariñas ás substancias tóxicas acumuladas nos moluscos bivalvos, por inxestión de plancto que conteña toxinas, concretamente por inxestión de diversas especies de dinoflaxelados (certas algas microscópicas) integrantes do fitoplancto. Poden provocar no consumidor diferentes cadros de intoxicación alimentaria, dependendo da toxina presente nos moluscos.

Debuxo esquemático dos dinoflaxelados.

Estas toxinas son termoestables, de modo que no son destruídas polo tratamento culinario nin por ningún proceso tecnolóxico coñecido ata o momento (depuración, cocción, esterilización). Sábese que o tratamento térmico (cocción) pode diminui-lo nivel de toxina, que pasa en boa parte ó líquido de cocción, pero aínda así o resultado é irregular e non ofrece as suficientes garantías sanitarias.

Orixe das biotoxinas: o fitoplancto

[editar | editar a fonte]

Baixo o concepto de fitoplancto agrúpase un total dunhas 5.000 especies de algas microscópicas diferentes descritas en todo o mundo, diatomeas e dinoflaxelados principalmente. Son organismos con capacidade de movemento nula ou moi reducida (os dinoflaxelados deben o seu nome á presenza dun flaxelo), e son transportados pasivamente polas correntes e movementos verticais da auga. A maior parte son autótrofos, é dicir, teñen actividade fotosintética.

A presenza destas algas nas nosas augas é habitual e serven de fonte de alimento a moluscos e peixes sen que se produza problema ningún. É máis, a riqueza marisqueira das nosas rías débese en boa parte á súa riqueza en plancto, xa que representa o nivel trófico primario dos ecosistemas acuáticos, o alimento fundamental para os nosos moluscos bivalvos, de alimentación por filtración.

Desas 5.000 especies de algas, só unhas 300 producen en determinadas circunstancias medioambientais crecementos exponenciais da concentración de células, verdadeiras explosións de algas que poden chegar a alterar visiblemente a cor do mar.

Estas situacións son coñecidas desde antigo e constitúen as denominadas mareas vermellas ou purgas do mar, pola coloración parda ou vermella que toman as augas baixo a presenza masiva de algas, posuidoras de pigmentos fotosintéticos.

Chamamos episodio tóxico á proliferación destas especies de dinoflaxelados produtores de toxina, que pode ser acumulada no hepatopáncreas dos moluscos bivalvos e provocar intoxicacións alimentarias nos consumidores.

En Galicia, só seis especies están relacionadas coa aparición de biotoxinas nos moluscos e os problemas sanitarios consecuentes ó facelos non aptos para consumo humano. En ocasións, tamén poden afectar directamente a peixes e moluscos dificultando o seu crecemento.

Para previr este problema nos consumidores, faise necesario prohibi-la extracción de moluscos ata que as poboacións de dinoflaxelados se reducen a niveis normais e desaparece a toxina da vianda dos moluscos.

Tipos de biotoxinas

[editar | editar a fonte]

Non existe unha única biotoxina nos moluscos. Ata hai ben pouco admitíase e controlábase a presenza de dúas: diarreica (DSP) e paralizante (PSP). En 1997 admitiuse a existencia nas augas galegas da toxina amnésica (ASP) e regulouse o seu control. En 2002, o regulamento sanitario falaba xa de cinco biotoxinas, realmente representadas por distintos tipos e agrupadas nas seguintes familias, todas elas presentes nas augas galegas:

  • DSP (Diarrhoeic Sellfish Poisoning): toxina diarreica ou entérica, provocada por proliferación de dinoflaxelados do xénero Dinophysis. A especie máis frecuente é o D. acuminata.
Baixo o concepto de toxinas diarreicas agrúpanse distintas substancias: o ácido ocadaico (OA) e os seus derivados denominados dinofisistoxinas (DTX1, DTX2 e DTX3), xunto ás pectenotoxinas (PTX1 a PTX7)
  • PSP (Paralytic Shellfish Poisoning): toxina paralizante ou, impropiamente, paralítica, provocada por proliferación das especies Alexandium minutum e Gymnodinium catenatum.
Dentro desta familia lévanse descritas 21 variedades, entre as que destacan as carbamate toxinas (STX) e as goniatoxinas (GNTX).
  • ASP (Amnesic Shellfish Poisoning): toxina amnésica, provocada por proliferación de Pseudo-nitzschia australis, única especie detectada en Galicia polo de agora asociada a toxinas amnésicas nos moluscos.
Esta familia está representada polo ácido domoico, do que se coñecen nove isómeros.
  • Os azaspirácidos (Azaspiracid Shellfish Poisoning, AZP), relacionadas coa especie de dinoflaxelados Pratoperidinium crasspes.
Coñécense cinco variantes, numeradas de AZP1 a AZP5.
  • As xesotoxinas, próximas á toxina diarreica (YTX, 45 OH YTX, Homo YTX e 45 OH Homo YTX), provocada por proliferación do Protoceratium reticulatum.
Estrutura molecular da xesotoxina.

A FAO publicou en 2004 un estudo detallado sobre as toxinas dos dinoflaxelados, Marine Biotoxins [1]. A taxonomía e identificación dos dinoflaxelados pode consultarse no Atlas of dinoflagellates [2], da Universidade de Toquio.

Intoxicación ciguatérica

[editar | editar a fonte]

Existe outro problema tóxico a consecuencia de biotoxinas mariñas, propio de augas cálidas do Caribe, que consiste na intoxicación por ciguatoxina ou toxina ciguatérica, producida fundamentalmente polo dinoflaxelado Gambierdiscus toxicus, presente en rexións tropicais e subtropicais, e que afecta a diferentes especies de peixes, con tendencia a acumularse nos grandes peixes carnívoros, como a barracuda (Sphyraena barracuda).

Control das biotoxinas

[editar | editar a fonte]

A lexislación europea estableceu xa en 1979 as primeiras normas que regulaban a calidade das augas nas que se producían os moluscos e outros invertebrados mariños destinados ó consumo humano en vivo. Estas normas foron concretadas nunha directiva europea de 1991. Estas normas foron incorporadas ó dereito español nun Real decreto de 1993.

En Galicia, a indubidable importancia económica do sector marisqueiro e tendo en conta a transcendencia na saúde pública dos mariscos que desde aquí se distribuían ó resto de España e ó mundo enteiro, fixo necesaria a regulación do control oficial da calidade das augas das zonas de produción e dos propios moluscos comercializados. Para conseguilo, a entón Conselleria de Pesca, Marisqueo e Acuicultura creou en 1992 o Centro de Control da Calidade do Medio Mariño, construído en Vilaxoán (Vilagarcía).

O Centro tiña encomendado o control da contaminación microbiolóxica e química das augas das rías, do nivel de biotoxinas nas zonas de produción e da patoloxía específica que puidesen sufrir os propios moluscos.

En 2004, o Centro de Control de Calidade do Medio Mariño sofre unha reestruturación e pasa a denominarse Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR https://web.archive.org/web/20070518075040/http://www.intecmar.org/amsa/index.html), mantendo a dependencia da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Programas de control

[editar | editar a fonte]

No relativo á vixilancia das biotoxinas, o programa de control oficial establecido baséase no estudo da presenza e concentración das distintas especies de dinoflaxelados, para o que se realizan análises da auga mariña cunha periodicidade variable segundo vaia evolucionando o seu desenvolvemento.

Establécense os seguintes plans de actuación:

  • 1. Plan A: cando nin hai circunstancias meteorolóxicas favorables ó desenvolvemento das especies de dinoflaxelados tóxicos, nin o reconto de células ofrece concentracións significativas. Nesta situación, realízanse controis semanais das condicións oceanográficas e análise do fitoplancto e de mexillón, en diferentes puntos de control preestablecidos.
  • 2. Plan B: cando as condicións meteorolóxicas son favorables para o crecemento das algas e, de feito, detéctase xa a presenza de dinoflaxelados tóxicos, pero as análises realizadas sobre os moluscos ofrecen resultados por debaixo dos límites máximos legalmente establecidos. Nesta fase, as análises sobre mexillón increméntanse a dúas semanais.
    • 2.1 Plan B1: non se observan especies tóxicas a concentracións significativas nin se detecta toxina nos moluscos.
    • 2.2. Plan B2: obsérvase xa a presenza de algas potencialmente tóxicas en concentracións significativas pero non se rexistra toxicidade nos moluscos.
    • 2.3. Plan B3: o incremento da poboación de algas tóxicas é significativo e xa se detecta toxicidade nos moluscos, aínda que a niveis inferiores ós límites máximos establecidos.
  • 3. Plan C: cando as análises realizadas sobre o molusco ofrece resultados desfavorables, con niveis de toxicidade superiores ós límites máximos legalmente establecidos. Nesta fase prohíbese a extracción de molusco na zona afectada tras a primeira mostra positiva no molusco analizado.
    • 3.1. Plan C1: mantéñense as condicións oceanográficas favorables ó desenvolvemento das algas, con incremento significativo da poboación tóxica, e presenza de toxina nos moluscos incrementándose.
    • 3.2. Plan C2: as condicións oceanográficas mudan e son desfavorables para as especies tóxicas, que se estabilizan ou mesmo descenden, así como os niveis de toxicidade nos moluscos.
    • 3.3. Plan C3: mantense da evolución descrita na fase anterior, pero os niveis de toxina dos moluscos, aínda que descenden, seguen por riba dos límites legais.
  • 4. Plan D: as condicións oceanográficas son desfavorables para as algas, as concentracións de especies potencialmente tóxicas non son significativas e os moluscos presentan niveis de toxicidade por baixo dos límites máximos establecidos, pero manteñen unha toxicidade residual como consecuencia do episodio tóxico pasado.

Para autorizar de novo a extracción dos moluscos son necesarios dous resultados negativos consecutivos cun intervalo dunha semana. Para maior seguridade, o segundo ha de resultar negativo nas tres mostras de mexillón, tomadas a diferentes profundidades (1, 5 e 10 metros).

A Consellería de Pesca mantén informadas ás organizacións de produtores de moluscos da situación das zonas de produción, no referente ó nivel de control ou plan de actuación (A, B, C ou D) ó que somete a cada zona, para que o sector produtivo teña coñecemento en tempo real da evolución das biotoxinas na auga e nos moluscos.

Para aplicar con maior eficacia os plans de control anteriormente descritos, a Consellería de Pesca delimitou e clasificou tódalas zonas de produción de moluscos, limitando a actividade marisqueira exclusivamente a estas áreas. Así, tódalas as rías e os parques de marisqueo están clasificadas en zonas e subzonas, en función da especie de molusco que se extrae:

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]