Vieira
Vieira Pecten maximus | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Dúas valvas superiores de vieira | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Pecten maximus (Linnaeus, 1758) |
A vieira, Pecten maximus (Linnaeus 1758), é un molusco bivalvo, moi apreciado comercialmente, caracterizado pola súa cuncha redonda de gran tamaño.
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]A cuncha é redondeada (apuntada no vértice) e de valvas desiguais: a inferior ou dereita é cóncava e a superior ou esquerda plana. Ámbalas valvas están percorridas por costelas ben marcadas, en disposición radial, dando a imaxe dun abano. As costelas, á súa vez, están percorridas por finas liñas tamén radiais. O bordo é fino e ondulado.
Poden se apreciar tamén unhas marcas ou rugosidades finas, concéntricas, que corresponden co rexistro do crecemento do animal.
No vértice mostra dúas prolongacións (orellas) simétricas. Estas formacións permiten diferenciar a vieira doutras especies de pectínidos, como a zamburiña ou a volandeira.
A cor da cuncha é moi variable, normalmente castaña, laranxa ou abrancazada; a valva cóncava é máis clara que a valva plana.
Hábitat e bioloxía
[editar | editar a fonte]Viven en augas profundas da maior parte dos mares, sobre bancos de area limpa e firme preto da costa, até 100 metros de profundidade. Son organismos nadadores e xeralmente atópanse repousando no fondo sobre a súa valva inferior.
Aliméntanse por filtración, polo que ante fenómenos de afloracións masivas de dinoflaxelados (marea vermella) é recomendable evitar o seu consumo.
Son hermafroditas, e maduran primeiro as gónadas masculinas. As gónadas están ben desenvolvidas e son claramente visibles ó abrir a cuncha: a parte laranxa corresponde á gónada feminina e a abrancazada á masculina.
Aproveitamento pesqueiro e comercial
[editar | editar a fonte]As vieiras son de grande importancia comercial, debido ao saboroso da súa carne, que pode ser consumida en diferentes preparacións culinarias (en empanadas, ó forno etc.).
Captúranse mediante o rastro da vieira desde a embarcación na superficie pero tamén se cultiva en batea. A pesca da vieira adquire principal importancia na ría de Arousa, concretamente en Cambados.
No mercado pódense atopar en fresco ou conxeladas. Cando é en fresco adoita ser de orixe galega, aínda que non sempre, mentres que a vieira conxelada é normalmente de orixe foránea, especialmente inglesa.
A vieira en Galicia
[editar | editar a fonte]
A cuncha da vieira é o símbolo por excelencia do peregrino no Camiño de Santiago. A razón é que, ao ser típica das costas de Galicia, os peregrinos levábana ós seus lugares de orixe como proba de que chegaran até o final da viaxe. En realidade, Linneo deu o nome de Pecten jacobeus, ou cuncha de Santiago, á vieira do Mediterráneo, non á especie propia das costas atlánticas.
En Galicia, a vieira recibe tamén os nomes de aviñeira, peregrina, cuncha de pelegrín, xacobea [1] e cascarrón.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Eladio Rodríguez puntualiza que este nome se aplica propiamente á cuncha que levaban os peregrinos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vieira |
![]() |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Vieira |
![]() |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de vieira |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (1990). Vieira, zamburiña e volandeira. Xunta de Galicia.
- Dirección Xeral de Formación Pesqueira (1999). Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia.
- Ríos Panisse, M. Carmen (1977). Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 de Verba. Universidade de Santiago de Compostela.
- Ramonell, Rosa (1985). Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Galaxia.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Lista de bivalvos de Galicia
- Vieira heráldica
- Camiño de Santiago
- Lista de escudos coa vieira
- Lista de municipios de Alemaña con vieiras no escudo
- Lista de municipios de Bélxica con vieiras no escudo
- Lista de municipios de Francia con vieiras no escudo
- Lista de municipios de Portugal con vieiras no escudo