Bloc Party
Bloc Party | |
---|---|
Orixe | Londres, Inglaterra |
Período | 2003 - 2009 (en hiato) 2011 - presente |
Xénero(s) | indie rock, post-punk revival, rock alternativo |
Selo(s) discográfico(s) | Wichita, Atlantic, Dim Mak |
Membros | Russell Lissack Gordon Moakes Kele Okereke Matt Tong |
Artistas relacionados | Pin Me Down, Young Legionnaire, Menomena, Novacub |
Na rede | |
http://www.blocparty.com/ | |
Bloc Party é unha banda de rock inglesa fundada en Londres e está formada por Russell Lissack (guitarra), Gordon Moakes (baixo), Kele Okereke (voz e guitarra) e Matt Tong (batería). A banda tivo varios nomes dende 2002: Superheroes of BMX, The Angel Range, Diet e Union, antes de quedar co definitivo Bloc Party en setembro de 2003.
Biografía
[editar | editar a fonte]Bloc Party formóuse en 1998 cando o vocalista e guitarrista Kele Okereke coñeceu nunha edición do festival de música de Reading ao que sería guitarrista do grupo, Russell Lissack. Este último coñecía aos outros dous compoñentes, Gordon Moakes e Matt Tong. Russell contactou con Gordon e Matt por teléfono e materializouse a idea.
Máis tarde, Kele encargouse de darlle unha pequena maqueta a Alex Kapranos, vocalista do grupo escocés Franz Ferdinand, e ao DJ de Radio One Steve Lamacq. Este puxo a súa canción no seu programa e invitounos a realizar unha gravación en vivo para radiala. Este feito levou á edición doutro sinxelo, ""Banquet/Staying Fat"", a través do selo Moshi Moshi Records e á sinatura coa discográfica independente Wichita Recordings en abril do 2004.
Silent Alarm
[editar | editar a fonte]O álbum de estrea da banda, Silent Alarm, editouse en febreiro do 2005 e foi aclamado pola crítica de medio mundo. Foi votado coma álbum do ano do 2005 pola revista NME, e acadou o número 3 da lista británica de álbums. O primeiro sinxelo do mesmo, "So Here We Are/Positive Tension", estivo no top 5 da lista británica Top 40. Os sinxelos "Banquet" (que acadou o número 13 na lista dos mellores 50 sinxelos do 2005 da revista NME), "Helicopter" e "Pioneers", aínda que non repetiron o mesmo éxito, acadaron o top 20 británico. O vídeo animado de "Pioneers" estivo na cima da lista de vídeos da NME durante 4 semanas.
A banda recibiu boas críticas nos Estados Unidos e estivo de xira intensamente durante 18 meses despois da edición do disco. No 2006 remataron a xira con concertos cheos nos Ánxeles, Miami e Berkeley. O álbum vendeu unhas 350.000 copias en Norteamérica e sonre un millón en todo o mundo. Despois deste éxito, a banda de música electrónica The Chemical Brothers colaborou con Okereke en "Believe", un tema do seu álbum Push the Button. Lanzouse tamén un álbum de remesturas de Silent Alarm a finais de agosto do 2005 co título Silent Alarm Remixed.
Durante xullo do 2005 Bloc Party gravou dous temas novos co produtor de Silent Alarm Paul Epworth. As cancións editáronse coma o sinxelo "Two More Years", coincidindo coa xira británica en outubro dese ano. A xira tamén foi acompañada por unha re-edición do álbum onde se incluíu "Two More Years" e o antigo sinxelo "Little Thoughts" como cancións extra. Unha versión remesturada por The Streets do tema "Banquet" e un vídeo musical para a canción foron incluídos tamén no sinxelo "Two More Years". Bloc Party tamén contribuíu co tema "The Present" no recompilatorio Help!: A Day in the Life; os beneficios do mesmo foron doados á ONG War Child.
A Weekend in the City
[editar | editar a fonte]O segundo álbum de Bloc Party, A Weekend in the City, foi producido por Garret "Jacknife" Lee. Lanzouse en febreiro do ano 2007, a pesar de ser filtrado en novembro do ano anterior. Estivo dispoñible como descarga na tenda británica de iTunes antes da edición física e acadou o número 2 da lista de álbums deste país. Tamén acadou o posto 2 nas listas australiana e belga, e estreouse no 12 da Billboard 200, con 48.000 copias vendidas. O seu primeiro sinxelo, "The Prayer", apareceu o 29 de xaneiro e converteuse no sinxelo da banda que máis alto chegou no Top 40 británico, situándose no número 4. Como preparación para a edición do álbum, o DJ da BBC Radio 1 Zane Lowe emitiu unha gravación en directo feita nos estudios Maida Vale o 30 de xaneiro, onde tocaron unha mestura de temas novos e antigos. O 1 de febreiro A Weekend in the City puido escoitarse libremente a través do MySpace de Bloc Party.
O seguinte sinxelo, "I Still Remember", foi o que máis alto chegou nas listas estadounidenses, acadando o número 24 da Modern Rock Chart. A banda lanzou o seu terceiro sinxelo, "Hunting for Witches", acompañado dun vídeo musical en agosto do 2007. Este sinxelo foi a súa única entrada nas listas australianas, chegando ao número 20. No mes de outubro anunciouse que Bloc Party editaría un novo sinxelo, "Flux", o 13 de novembro.
O seu primeiro concerto despois do lanzamento de A Weekend In The City tivo lugar o 5 de febreiro en Reading, e foi emitido en directo pola BBC 6 Music. Nos meses seguintes a banda realizou unha morea de concertos incluíndo actuacións nos festivais de Glastonbury e Reading, ou no Live Earth celebrado no estadio de Wembley.
Intimacy
[editar | editar a fonte]"Mercury", o primeiro sinxelo do terceiro álbum de Bloc Party, Intimacy, foi tocada en exclusiva no programa da BBC Radio 1 de Zane Lowe o 7 de xullo do 2008, quince minutos antes de ser enviado ás emisoras de radio. O tema tiña un son electrónico semellante ao anterior sinxelo, "Flux". Esta exclusiva foi precedida por un marcador de conta atrás que substituíu a súa páxina web durante tres días antes do programa de Lowe. Despois da primeira escoita de "Mercury", Okereke dixo que os produtores Jacknife Lee e Paul Epworth traballaran coa banda no seu novo traballo. Revelouse tamén que o sinxelo sería lanzado o o día 11 de agosto. Un vídeo musical apareceu xunto coa canción. Este terceiro traballo de Bloc Party tomou unha dirección máis experimental e electrónica, a pesar de que Okereke suxeriu que non sería así ao dicir anteriormente que o son tería a crudeza de Silent Alarm pero coa experiencia de A Weekend in the City.
A banda anunciou a edición de Intimacy nun chat cos seareiros o 18 de agosto. Dende esa data o álbum puido ser pedido en varios formatos: unha descarga dixital en MP3 de gran calidade que estaría dispoñible o 21 de agosto, e unha edición física en CD lanzada o 27 de outubro. O tema "Trojan Horse" puido ser escoitada en exclusiva a través da páxina NME.com. O 20 de agosto a banda engadiu máis pistas do álbum, "Signs", "One Month Off" e "Trojan Horse", ao seu MySpace. O 23 de agosto, a banda tocou nos festivais de Reading e Leeds, antes dos cabezas de cartel, The Killers. O 30 de agosto actuarían coma principal atracción do Hydro Connect Music Festival en Argyll, Escocia.
Durante o outono de 2008 a banda realizou unha pequena xira por Norteamérica, na cal se incluía unha actuación no Virgin Festival en Toronto o 6 de setembro así como a primeira actuación do grupo nunha universidade estadounidense, na Syracuse University. Voltarían ao Reino Unido o 30 de setembro cun concerto en Londres. O 8 de setembro Bloc Party anunciou que o seu seguinte sinxelo, "Talons", sería editado o 20 de outubro. O tema non formaba parte da descarga dixital, pero si aparecería no formato físico. A canciónestivo dispoñible gratuitamente para os seareiros que adquiriran o álbum despois da actuación no programa de Zane Lowe. Despois do lanzamento dixital de Intimacy, Bloc Party anunciou unha xira británica. Un álbum de remesturas, titulado Intimacy Remixed apareceu o 11 de maio do 2009.
Hiato
[editar | editar a fonte]En xuño do 2009 anunciouse a edición dun novo sinxelo, "One More Chance", para o 20 de agosto. O tema non aparecía en Intimacy e foi producida por Jacknife Lee. Escoitouse por vez primeira na BBC Radio 1 o día 18 de xuño. Nunha entrevista con Zane Lowe despois desta primeira escoita, Okereke dixo que estaba no estudio pero que non diría nada máis. No mes de xullo Okereke afirmou que a banda non tiña nese momento un contrato e non estaba obrigada a editar un novo disco. O futuro da banda foi posto en dúbida o 15 de outubro cando Tong revelou na BBC que non estaban seguros de poder continuar.
No período de hiato que seguiu, Lissack reviviu o seu proxecto Pin Me Down, e uniuse á banda en directo dos irlandeses Ash, tocando a guitarra e os sintetizadores na xira promocional de A–Z Series. Moakes formou Young Legionnaire con Paul Mullen, vocalista e guitarrista de The Automatic, e William Bowerman, batería de La Roux, e publicaron o sinxelo "Colossus" en agosto do 2010. Okereke lanzou un álbum en solitario, The Boxer, en xuño do 2010. Producido por Hudson Mohawke e XXXChange, a súa edición foi precedida polo sinxelo "Tenderoni". Durante o ano 2011 chegou a dicirse que Okereke tería deixado o grupo para centrarse na súa carreira en solitario, pero isto foi negado polo resto dos membros da banda.
Four
[editar | editar a fonte]A banda comezou a compoñer material para un novo álbum no ano 2011, pero decidiu non realizar actuacións. mentres tanto Okereke rematou un EP chamado The Hunter. O grupo afirmou que tiña previsto editar un novo traballo no 2012, e no mes de maio dese ano Bloc party anunciou Four. O álbum apareceu o día 20 de agosto e foi gravado con Alex Newport, que traballara anteriormente con At the Drive In e The Mars Volta, nos Stratosphere Studios de Nova York. Bloc Party publicou o sinxelo "Octopus" en xullo e posteriormente lanzaría "Day Four".
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Silent Alarm | 2005 | Wichita Recordings |
A Weekend in the City | 2007 | Wichita Recordings |
Intimacy | 2008 | Wichita Recordings |
Four | 2012 | Frenchkiss Records |
Hymns | 2016 | BMG, Infectious Music, Vagrant Records |
Alpha Games | 2022 | BMG, Infectious Music |
EPs
[editar | editar a fonte]- Bloc Party - 2004 (V2 Records)
- Little Thoughts EP - 2004 (V2 Records)