Bocareu
Bocareu | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Bocareus (Engraulis encrasicolus) | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Engraulis encrasicolus (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||||
|
O bocareu,[1] bocarte,[2][3][4] ou bucareu,[5] Engraulis encrasicolus (Linnaeus 1758), é un peixe azul, graxo, da orde dos clupeiformes e familia dos engráulidos, semellante á sardiña pero máis pequeno.
Características
[editar | editar a fonte]Como todos os engráulidos o bocareu diferénciase dos seus parentes os clupeidos polo seu corpo máis esvelto, o tamaño un pouco menor, o maxilar superior sobresaíndo do inferior e a boca moi grande (ao que aluden moitos dos seus nomes vulgares), que termina moi por detrás do ollo.[6]
O seu alongado e esvelto corpo, comprimido lateralmente, está revestido de escamas grandes e caedizas,[3] pode alcanzar un máximo de 20 cm no canal da Mancha e no sur do mar do Norte, pero os exemplares capturados raramente miden máis de 16 cm,
sendo aínda menores na parte meridional da súa área de distribución (por exemplo, máximo de 10 cm no mar de Azov)[6].
En Galicia pode chegar á súa lonxitude máxima, os 20 cm.[3]
A coloración do dorso é azulada ou algo verdosa, separada nitidamente da prateada dos flancos e o ventre por unha banda escura.[3]
O fociño é cónico, co maxilar superior moito máis saínte que o inferior. Ten dentes pequenos en ambos os maxilñares, no vómer e nos ósos palatinos.[3]
A aleta dorsal, única, pequena, está situada no centro do lombo. As aletas pelvianas están situadas á altura da orixe da dorsal, A aleta anal, relativamente longa, comeza pouco despois do extremo posterior da dorsal. A aleta caudal é fondamente gallada.[3]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita por primeira vez por Linneo en 1758 na décima edición do seu Systema Naturae[7] data e edición que marcan o comezo da taxonomía e nomenclatura modernas, no que a denominou como Gadus encrasicolus.[8] Posteriormente sería reclasificado dentro do xénero Engraulis.
Sinonimia científica
[editar | editar a fonte]A continuación relaciónanse os sinónimos utilizados por diversos autores, distinguindo entre os admitidos, os non admitidos oficialmente, e os que teñen incorreccións ortográficas:[8]
- Anchoa guineensis (Rossignol & Blache, 1961)
- Anchoviella guineensis Rossignol & Blache, 1961
- Clupea encrasicolus Linnaeus, 1758 (sinónimo)
- Engraulis amara Risso, 1827
- Engraulis argyrophanus Valenciennes, 1848
- Engraulis capensis Gilchrist, 1913
- Engraulis encrasicholus (Linnaeus, 1758) (incorrecto gramaticalmente)
- Engraulis encrasicholus ponticus Alesandrov, 1927 (incorrecto gramaticalmente)
- Engraulis encrasicolus ponticus Alexandrov, 1927 (sinónimo)
- Engraulis encrasicolus russoi Dulzetto, 1947
- Engraulis encrassicolus (Linnaeus, 1758) (incorecto gramaticalmente)
- Engraulis engrasicholus (Linnaeus, 1758) (incorecto gramaticalmente)
- Engraulis engrasicolus (Linnaeus, 1758) (incorecto gramaticalmente)
- Engraulis guineensis (Rossignol & Blache, 1961)
- Engraulis meletta Cuvier, 1829
- Engraulis russoi Dulzetto, 1947
- Engraulis vulgaris Nilsson, 1832
- Engraulus encrasicholus (Linnaeus, 1758) (incorecto gramaticalmente)
Sinonimia vulgar en galego
[editar | editar a fonte]Constantino García [9] recolle as variantes bocarón (en Sada), bucareu (en Escarabote e Marín) e mocarte (tamén en Sada). Franco Grande recolle tamén mocareu e Cuveiro macareu, pero non o localizan.
Cornide afirmaba, erroneamente, que o nome galego propio era o de xouba.[10][11]
Antón Santamarina en Ríos Panisse establece dúas etimoloxías: por un lado, as denominacións rematadas en -arte (bocarte, mocarte) procederían do vasco, onde existe a forma bokart, e este do latín bucca, pola morfoloxía e tamaño da boca do peixe; o mesmo o castelán boquerón reflicte o tamaño da súa boca.[12]
Por outra banda están as formas bocareo, macareu e variantes, que parecen derivar do gascón moderno macarèu e do francés maquereau, que aló designa á xarda (Scomber scombrus) e que aquí cedeu o seu nome a esta especie, o noso bocareu, por ser un préstamo incorrectamente asimilado.[12]
Hábitat e bioloxía
[editar | editar a fonte]Distribúese polas costas do Atlántico nororiental, desde o sur de Suecia Noruega, pasando polas de Dinamarca, mar do Norte, illas Británicas, canal da Mancha, Países Baixos, Bélxica, Francia, España, Portugal e as costas occidentais de África,[6] ata as provincias do Cabo Occidental e o Oriental,[13] así como en todo o Mediterráneo.[6]
É un peixe peláxico, eurihalino, moi gregario, que forman cardumes que, nos meses estivais, se achegan á costa para a reprodución e,[3] ás veces, chegan a augas escocesas, do Kattegat e ao oeste do mar Báltico.[6] Nadan normalmente en augas de máis de 100 m de profundidade aínda que no inverno poden desprazarse a augas máis profundas.
Aliméntanse de zooplancto, sobre todo de copépodos, pero tamén de algas.[6]
A reprodución ten lugar nos meses de xuño a agosto no sur do mar do Norte, o canal da Mancha, no mar Cantábrico e entre abril e setembro no Mediterráneo. As femias producen entre 13 000 e 20 000 ovos, peláxicos, que eclosionan aos 2 ou 4 días.[6]
Pesca
[editar | editar a fonte]Aprovéitase o verán, cando se achega á costa, para pescalo (costeira do bocareu ou da anchoa) con artes de deriva ou de cerco (traíñas). No Mediterráneo adoita enganar ao peixe de noita con luces, como se fai coa sardiña. As captutas europeas e do noroeste aficano oscilan entre as 200 000 e as 300 000 t anuais.[6]
En Galicia
[editar | editar a fonte]O primeiro rexistro de Engraulis encrasicolus en augas galegas é o de Cornide en 1788, no que o cita á especie como Clupea encrasicolus, o nome co que a bautizara Linneo algúns anos antes.[10] Xa no século XX aparece mencionado por diversos autores, como de Buen (en 1929 en Vigo; en 1935 en toda Galicia), pasando , entre outros, por Anadón (1950), que asegura que é abundante en todo o país, López-Jamar (1977, no ictioplacto da ría de Arousa), Fernández et al., (1979, en fondos menores de 100 m desde o alfoz do Miño ata Fisterra), Ferreiro e Labarta (1984, desova na ría de Vigo) ou Álvarez et. al. (1988, Análise da pesquería do cerco).[14]
Usos culinarios
[editar | editar a fonte]O bocareu, coa sardiña e o xurelo, son os tres peixes azuis máis consumidos en España.[15]
En calquera caso, cómpre advertir de que esta diferenciación no uso de bocarte e de anchoa non se dá noutras zonas da Península Ibérica.
O bocareu consómese en fresco ou semiconservado en salmoira.
Porén, segundo Rodríguez Solórzano et al. «non se consume apenas en fresco, xa que a maioría vai á industria conserveira»,[5] esquecéndose dos moitos que se comen fritos, enteiros e coa cabeza, como as xoubas, polo menos en Galicia e en Andalucía,[16] e dos populares boquerones en vinagre madrileños.
Cando se presenta en semiconserva adoita recibir o nome de anchoa.[17]
- Artigo principal: Anchoa.
Segundo don Eladio Rodríguez:
Para conservarlo se sala, después de arrancarle la cabeza y los intestinos, pues como es comestible tiene mucho consumo, recibiendo el nombre de ANCHOA cuando ya está salado. Algunos años se pesca en grandes cantidades en las aguas marítimas de Galicia; y cuando esto ocurre se sala en las fábricas de conservas de nuestra región, y convertido en anchoas se hace de él una importante exportación al resto de España y al extranjero. Eladio Rodríguez.[18]
Para conservalo sálgase, despois de arrincarlle a cabeza e os intestinos, pois como é comestíbel ten moito consumo, recibindo o nome de ANCHOA cando xa está salgado. Algúns anos péscase en grandes cantidades nas augas marítimas de Galicia; e cando isto ocorre sálgase nas fábricas de conservas da nosa rexión, e convertido en anchoas faise del unha importante exportación ao resto de España e ao estranxeiro
Outras especies similares
[editar | editar a fonte]Ademais da especie típica, hai outras especies de bocareus ou bocartes que tamén son obxecto de captura, así como doutras especies semellantes de xéneros afíns a Engraulis:
(Os nomes galegos, escritos en letra grosa, son os propostos por Lahuerta e Vázquez) [19]
Xénero Engraulis
[editar | editar a fonte]- Engraulis anchoita ou bocarte arxentino, nas costas da Arxentina, Uruguai e sur do Brasil.
- Engraulis australis, nas costas de Australia e Nova Zelandia.
- Engraulis capensis, de África do Sur.
- Engraulis clarki, na costa occidental de Panamá.
- Engraulis japonicus o bocarte do Xapón.
- Engraulis mordax, o bocarte do Pacífico Norte ou bocarte de California.
- Engraulis ringens, o bocarte do Perú.
Xéneros afíns
[editar | editar a fonte]- Anchoa hepsetus, o bocarte riscado.
- Anchoa lyolepis, o bocarte narigudo.
- Anchoa mitchilli, o bocarte de Baía.
- Cetengraulis edentulius, o bocarte de cola amarela.
- Cetengraulis mysticetus, o bocarte do Pacífoco central.
- Coilia mystus, o bocarte cola de rato.
- Lycengreaulis grossidens, o bocarte de Río.
O bocarte na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]- Hoxe fai moito bocareo e non se pode pescar: dise en Lourizán cando hai moito mar, forte ondada.[20].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bocareu.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bocarte.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Rodríguez Villanueva et al. (1995), pp. 34-35.
- ↑ Lahuerta e Várquez (2000), p. 165.
- ↑ 5,0 5,1 Rodríguez Solórzano et al. (1983), pp. 63-64.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 Muus, Bent J. (1998), pp. 94-95.
- ↑ Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima, reformata. Laurentius Salvius: Holmiae. ii, 824 pp.(Ver en liña),
- ↑ 8,0 8,1 Engraulis encrasicolus (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
- ↑ García González, C. (1985): Glosario de voces galegas de hoxe. Anexo 27 de Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela. Secretariado de Publicacións.
- ↑ 10,0 10,1 Cornide, Joseph (1778): Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo con un tratado de las diversas pescas y de las redes y aparejos con que se practican. Ver en liña.
- ↑ Citado por Eladio Rodríguez.
- ↑ 12,0 12,1 Ríos Panisse, M. C. (1977), p. 219.
- ↑ Ver mapa en Engraulis encrasicolus (Linnaeus, 1758) en FishBase.
- ↑ Solórzano et. al. (1988), p. 19.
- ↑ Consumer.es
- ↑ A este respecto cóntase que, hai xa moitos anos (é unha anécdota verídica), un tenente de artillaría dun cuartel sevillano era coñecido entre a tropa como "el teniente majara" porque, entre outras cousas, almorzaba todos os días na cantina de soldados (non se atrevía a facer iso na sala de bandeiras dos oficiais) un café con leite duplo, mollando os bocareus fritos no café, a xeito de churros.
- ↑ anchoa no dicionario da RAG Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine..
- ↑ Rodríguez González, Emilio (1958): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Tomo I. Vigo: Editorial Galaxia.
- ↑ Lahuerta e Vázquez (2000), pp. 164-165.
- ↑ Rivas Quintas, Elixio (1978): Frampas. Contribución al Diccionario Gallego. Salamanca: Editorial Ceme.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bocareu |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de bocareu |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de bocarte |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Bocareu |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 190.
- Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
- Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
- Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
- Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
- Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.
- Xunta de Galicia (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha de Consumer.es (en castelán)
- Fichas de diferenciación e recoñecemento de especies pesqueiras do mercado galego Xunta de Galicia.
- Xunta de Galicia (ed.). "Anuario de Pesca de Galicia 2017". pescadegalicia.gal. Consultado o 07 de decembro de 2018.