Un feliz mundo novo
Un feliz mundo novo | |
---|---|
Título orixinal | Brave New World |
Autor/a | Aldous Huxley |
Cuberta | Leslie Holland |
Orixe | Reino Unido |
Lingua | inglés |
Colección | Grandes do noso tempo |
Tema(s) | Distopía, sociedade, vigilância, eficiência, disciplina e control |
Xénero(s) | Utopía, ciencia ficción |
Editorial | Chatto & Windus Edicións Xerais |
Data de pub. | 1932 decembro de 1996 |
Páxinas | 288 (tapa branda) 264 |
ISBN | 0-06-080983-3 (tapa branda) 978-84-8302-056-2 |
Premios | |
Tradución | Anxo Romero Louro |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Un feliz mundo novo[1] (en inglés: Brave New World), publicada en 1932, é unha novela do escritor inglés Aldous Huxley. Foi traducida ao galego por Anxo Romero e publicada por Edicións Xerais en decembro de 1996. Xunto a 1984 de George Orwell e Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, considérase unha das tres grandes distopías literarias do século XX. Huxley complementou a novela co ensaio Brave New World revisited (1958) e coa súa derradeira novela, Island (1962). O título ten a súa orixe no acto V da obra A tempestade de William Shakespeare, cando Miranda pronuncia o seu discurso.[2] En 2021, Faktoría k, un selo de Kalandraka, publicou unha nova versión intitulada Un espléndido mundo novo, en tradución de Alejandro Tobar.
En 1999, a Modern Library clasificou outorgoulle o número 5 na súa lista coas 100 mellores novelas en inglés do século XX.[3] En 2003, Robert McCrum, nun artigo para The Observer, incluíu a obra de Huxley no posto 53 da súa lista das "100 mellores novelas de tódolos tempos";[4] así mesmo, a peza acadou o posto 87 na enquisa The Big Read feita pola BBC.[5]
Trama
[editar | editar a fonte]A acción transcorre en Londres no ano 2540. Trátase dunha visión irónica e ambigua dunha suposta utopía ambientada no futuro. Anticipa o desenvolvemento en tecnoloxía reprodutiva, cultivos humanos e hipnopedia que, combinadas, cambian radicalmente a sociedade humana. Presenta unha humanidade desenfadada, saudable e avanzada tecnoloxicamente; foron erradicadas a guerra e a pobreza e reina unha felicidade permanente. Porén, foron igualmente eliminados aspectos como a familia, o amor, a diversidade cultural, a arte, a ciencia, a relixión ou filosofía.
Bernard Marx (en referencia ao teórico Karl Marx) e Lenina Crowne (en referencia ao líder soviético Lenin) presentan puntos de vista opostos da sociedade. Lenina é a perfecta cidadá, feliz e cun corpo considerado moi atractivo ("pneumático"), conforme co seu comportamento, que cumpre a súa función na sociedade. Relaciónase con todos os homes que pode, e é incapaz de exercer a súa liberdade de pensamento; ten un conflito emocional co seu condicionamento, e é incapaz de recoñecer o seu amor por John. Bernard Marx considérase un individuo diferente dos da súa clase. Ten algún problema social, e é incapaz de relacionarse con mulleres como se espera del, amais de recibir faltas de respecto por parte dos membros de castas inferiores. Así, convértese nun inadaptado social, vergoñento, desinteresado polo deporte, que prefire ser miserable a tomar soma e mesmo expresa opinións inconformistas. Este comportamento inaceptable provócalle problemas co seu xefe. Porén, obtén permiso para visitar unha reserva salvaxe xunto a Lenina.
Chegados á reserva, contactan con John o Salvaxe, fillo de nai e pai do Mundo Feliz, concibido tras un erro accidental no método anticonceptivo. Descobren que é fillo do xefe de Bernard, que fora á reserva tempo atrás cunha compañeira que se perdeu alá, quedando soa e preñada. John medrou co estilo de vida da tribo zuñi, nativa de Novo México, cunha relixión que mestura elementos de crenzas zuñi e do cristianismo. Porén, tamén recibe a influencia da educación materna, que lle ensina a ler, co cal descobre a obra de William Shakespeare. John é levado ao Mundo Feliz por Bernard, e sofre un choque cultural.
O punto clave de carácter moral do libro xira arredor de dous problemas diametralmente opostos: a manipulación da sociedade e a redución da liberdade de elección e expresión para asegurar a felicidade continua e universal, así como a inhibición do exercicio intelectual e a expresión emocional. A cidadanía é feliz, pero John considera que é unha felicidade artificial e sen alma. Ten unha fonda discusión co Interventor Mundial de Europa Occidental, Mustafá Mond, sobre o feito de que a dor e a angustia son parte tan necesaria da vida como a ledicia, e que sen elas, poñéndoo en perspectiva, a alegría perde todo significado.
O segundo problema moral presentado, a través do personaxe de Bernard, é que a liberdade de elección, a inhibición da expresión emocional e a procura de ideas intelectuais deveñen na ausencia da felicidade. Isto acontécelle tamén a John na fase final da novela: incapaz de suprimir por completo o seu desexo cara a Lenina, que o considera inmoral, e preso do remordemento por non expresar a súa dor ante a morte da súa nai, busca illarse da sociedade.
Finalmente, Bernard Marx e o seu amigo Helmholtz Watson van ao exilio nas illas. Pola súa parte, John establécese nun vello faro na zona rural de Inglaterra. Intenta iniciar unha nova vida como ermitán, incluíndo a mortificación da carne e a autoflaxelación. Ao pouco tempo, comeza a ser acosado por reporteiros da prensa, e finalmente por multitude de visitantes. Estes, Lenina incluída, sucumben a unha orxía de sexo e soma. Á mañá seguinte, presionado pola dor, o remordemento e a desesperación, suicídase.
Personaxes
[editar | editar a fonte]Lenina é a perfecta cidadá, feliz e cun corpo considerado moi atractivo ("pneumático"), conforme co seu comportamento, que cumpre a súa función na sociedade. Relaciónase con todos os homes que pode, e é incapaz de exercer a súa liberdade de pensamento; ten un conflito emocional co seu condicionamento, e é incapaz de recoñecer o seu amor por John.
Bernard Marx considérase un individuo diferente dos da súa clase. Ten algún problema social, e é incapaz de relacionarse con mulleres como se espera del, amais de recibir falta de respecto polos membros de castas inferiores. Así, convértese nun inadaptado social, vergoñento, desinteresado polo deporte, que prefire ser miserable a tomar soma e mesmo expresa opinións inconformistas. Este comportamento inaceptable provócalle problemas co seu xefe. Porén, obtén permiso para visitar unha reserva salvaxe xunto a Lenina.
Aparecen referencias a personaxes históricos reais, como William Shakespeare, os líderes do marxismo, Henry Ford, Sigmund Freud (apelido malentendido polos utópicos na novela coma un anagrama errado de "Ford"), e institucións británicas. Na vida cotiá presentada na obra, a palabra "Ford" é usada en lugar da palabra Señor (en inglés, Lord), como alusión a Deus. Por outra banda, o método anticonceptivo usado na novela debe o seu nome a Thomas Malthus, pai da demografía.
Os personaxes de Huxley reciben nomes tomados de individuos reais, moitos deles contemporáneos da época de publicación da obra: Bernard Marx refírese a Bernard Shaw (un dos poucos escritores sen censura da antigüidade) e Karl Marx. Debido a que o Estado Mundial representa valores procedentes de ideoloxías opostas dentro do espectro político, algúns destes nomes combinan o capitalismo e o comunismo, e o fascismo e o industrialismo, indicando que, para Huxley, "os extremos tócanse". Outros personaxes menores toman nome de científicos, líderes políticos e industriais.
Membros da sociedade Fordiana
[editar | editar a fonte]- Archi, cantor da comunidade, unha figura semi-relixiosa baseada en Canterbury.
- Darwin Bonaparte, un paparazzi (nome en referencia ao científico Charles Darwin e ao gobernante Napoleón Bonaparte).
- Fanny Crowne, amiga de Lenina.
- Lenina Crowne, traballadora xenética de clase Beta+. O nome fai referencia a Vladimir Lenin (ideólogo da Revolución Rusa de 1917, un derrocamento radical dunha monarquía) e á propia monarquía.
- Thomas, director do Cultivo Central de Londres.
- George Edzel (referencia a Edsel Ford, fillo único de Henry Ford e presidente da Ford Motor Company de 1919 a 1943).
- Henry Foster, administrador do cultivo e compañeiro de Lenina (figura de William Foster, comunista estadounidense candidato á presidencia dos Estados Unidos en 1924, 1928 e 1932).
- Benito Hoover, amigo de Lenina Alfa+ (Benito Mussolini e Herbert Hoover).
- Miss Keate, Directora de alta tecnoloxía de vidro e cemento.
- Bernard Marx, psicólogo Alfa+.
- Primo Mellon (Miguel Primo de Rivera e Andrew W. Mellon).
- Mustafá Mond, Interventor Mundial de Europa Occidental. O nome refírese a refírese a Mustafa Kemal Atatürk (líder que desligou Turquía das súas raíces islámicas) e Alfred Mond (líder en relacións laborais modernas).
- Polly Trotski recibe o nome de Lev Trotski.
- Helmholtz Watson, enxeñeiro emocional que escribe prensa. É amigo de Bernard Marx e un dos poucos que o comprende.
No Servizo de solidariedade están:
- Morgana Rothschild (da familia Rothschild).
- Herbert Bakunin (refírese ao anarquista Mikhail Bakunin).
- Fifi Bradlaugh (activista político e ateo británico Charles Bradlaugh).
- Jim Bokanovsky.
- A presidenta Clara Deterding (referencia a Henri Deterding, antigo presidente da compañía petrolífera Royal Dutch/Shell).
- Joanna Diesel (referencia a Rudolf Diesel, inventor do motor diésel).
- Sarojini Engels (en referencia ao líder político hindú a Sarojini Naidu, contemporáneo de Gandhi, e a Friedrich Engels).
- Tom Kawaguchi.
Da reserva de Malpais
[editar | editar a fonte]- John o Salvaxe, fillo de Linda e Thomas, marxinado na súa sociedade.
- Linda, nai de John, antiga enxeñeira embrional Beta- en Londres.
- Garda da reserva, administrador Alfa-.
- Kiakimé, amada por John.
- Kothlu, casado con Kiakimé.
- Vello Mitsima, instrúe a John nas tradicións populares indíxenas.
- Palowhitwa.
- Popé, amante de Linda detestado por John.
O estado mundial
[editar | editar a fonte]Historia
[editar | editar a fonte]O calendario do Estado Mundial comeza no 1908 da nosa era, ano de nacemento de Henry Ford, ao que se considera pai de toda a sociedade. No ano 141 (2049 da nosa era) ten lugar a guerra dos nove anos, que afecta á maior parte do planeta. Nace en Europa pero provoca grandes danos en todo o planeta por mor das armas químicas. Provoca un colapso da economía mundial, e os líderes mundiais deciden facer fronte ás catástrofes impoñendo as novas tecnoloxías en todos os territorios do planeta. Logo dunha gran resistencia, levan a cabo unha campaña pacífica, creando o Estado Mundial, no que se censura e líquida todo o que non lle convén ao estado: pechan os museos, acábase coa literatura e cos monumentos. Toda a cidadanía está baixo control absoluto.
Xeografía
[editar | editar a fonte]O planeta está unificado cun único Estado Mundial, gobernado por dez controladores mundiais establecidos en diversas cidades clave. Porén, consérvanse algunhas áreas illadas como reservas salvaxes, en partes de Novo México, América do Sur, Samoa e un grupo de illas na costa de Nova Guinea. Estas zonas non interesan ao Estado Mundial pola súa falta de recursos naturais. Outras illas, como Islandia e as illas Malvinas, son usadas para enclaustrar a individuos que non desexan vivir dentro do Estado Mundial ou que non encaixan na vida social normal.
Poboación
[editar | editar a fonte]Na Terra viven dous mil millóns de habitantes, rigorosamente divididos en cinco clases ou castas. A sociedade está controlada polos Alfas e os seus subordinados, os Betas. Despois deles, en nivel descendente de intelixencia, están os Gammas, Deltas e Épsilons. Cada casta é posteriormente dividida en "Máis" e "Menos". No cumio da sociedade están os Alfa "Dobre-máis", por ser felices ao seu modo e non se resentiren coas outras castas. porén, todos os habitantes son instruídos de forma repetitiva coa idea de que todos son igualmente importantes na sociedade. A cidadanía do Estado Mundial conserva a harmonía racial ao longo do planeta. Aínda que Inglaterra está poboada na súa maior parte por caucásicos, a poboación mantén proporcións étnicas substanciais. O director dos cultivos humanos describe como os bebés son creados sen importar o grupo étnico e que tanto brancos, negros e hispanos son producidos no criadeiro central de Londres. O único namoramento da novela ten lugar entre un negro e unha branca.
Tecnoloxía
[editar | editar a fonte]A vida no Estado Mundial está dominada por unha tecnoloxía bastante avanzada, que marca todos os aspectos da vida cotiá. O deporte é un dos alicerces do estado, consistente en diversos xogos desenvolvidos usando artefactos de alta tecnoloxía para manter ocupadas as fábricas. Entretementos como o "tenis superficial" ou o "golf electromagnético" son as maiores distraccións a todos os niveis da sociedade. Está prohibido crear un novo xogo que non posúa polo menos un artefacto máis que algún xogo que xa estea creado.
Outro aspecto chave do entretemento son os "namoramentos", unha versión de alta tecnoloxía das películas. As persoas usuarias do cinema (denominado cinema sensible) colocan as súas mans nos pomos de metal no extremo dos brazos das cadeiras, permitíndolles sentir a sensacións físicas dos personaxes da pantalla, incluídas as sensacións de contido sexual. Outros artefactos de entretemento de alta tecnoloxía aparecen decote no libro, incluíndo caixas de música sintética, órganos de esencias (instrumentos musicais que combinan a música con aromas agradables), órganos de cor (combinan música con luz brillante) e televisión.
A tecnoloxía do transporte tamén está altamente avanzada. A forma principal de transporte urbano é o helicóptero, con variacións como o "taxicóptero" e o "deporticópteros", custosos e de gran categoría. As castas inferiores usan o monorraíl de alta velocidade para ir á zona rural. A nivel de mobilización global, manéxanse avións con forma de foguete, con diferentes cores segundo o destino.
Nos criadeiros e centros de condicionamento a tecnoloxía avanzada emprégase na creación de novos embrións. Amais do equipo de laboratorio de alta tecnoloxía, os criadeiros teñen máquinas para condicionar os embrións entubados na calor, movementos repentinos e doenzas, permitíndolles cumprir as súas labores predestinadas en climas específicos. Os nenos, unha vez nacidos, son expostos nos centros de condicionamento a diferentes aparellos avanzados que axudan a modelalos nos seus papeis predeterminados. Nos primeiros capítulos, as criaturas Delta son adestradas para odiar o campo e os libros nun proceso que involucra bucinas e electrocución. A hipnopedia lévase a cabo con altofalantes instalados nas camas.
Outros aspectos da vida reciben grande influencia da tecnoloxía avanzada. A maior parte da roupa faise con materiais finos e sintéticos, como acetato e viscosa. Os homes barbéanse con rasuradoras electrolíticas e consomen unha goma de mascar con hormonas sexuais. A cidadanía pode relaxarse con máquinas de masaxe e a omnipresente soma, que pode ser inxerida en cápsula ou ser vaporizada cunha nube anestésica.
Sátira da sociedade da década de 1930
[editar | editar a fonte]Amais das referencias a personaxes contemporáneas, como un modo de subliñar símiles entre esta distropía ficticia e a súa propia cultura contemporánea Huxley incorpora referencias satíricas a entidades como a Igrexa Anglicana (á que se refire como un canto de comunidade), a BBC ou The Daily Mirror ("The Delta Mirror"). Na obra, o centro de propaganda de Londres está en Fleet Street, o berce tradicional da prensa británica, e o portavoz da comunidade pseudo-relixiosa está en Canterbury, onde está o clérigo líder da actual igrexa de Inglaterra.
O libro ataca a produción industrial en cadea como humillante, a liberación da moral sexual cualificándoa como unha afronta contra o amor e a familia, o uso de slogans, o concepto do goberno centralizado, e o uso da ciencia para controlar os pensamentos e accións da xente. Ao tempo que se ataca o auxe das actitudes socialistas e comunistas, tamén se opón á sociedade consumista e capitalista. Así, o fundador lendario da sociedade foi Henry Ford, que desenvolveu na industria do automóbil o sistema da liña de montaxe. A letra T (referencia ao Modelo T de Ford) substituíu a cruz latina do cristianismo.
A diversión acádase mediante a droga (soma), o consumismo e o sexo. O estado controla a vida dos individuos, e clasifícaos en diferentes pero ríxidas clases sociais, con funcións ben determinadas e pouca marxe para a liberdade.
Nun estado único onde todo está ordenado, non queda marxe para a liberdade e as ligazóns emocionais, aspectos que para o autor son os máis necesarios para acadar a felicidade. As prioridades desta sociedade falsamente utópica pasan polo hedonismo superficial, o consumo e a produtividade, deixando de lado os valores do humanismo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Un feliz mundo novo. Traducido por Anxo Romero Louro (1ª ed.). Vigo: Edicións Xerais. 1996. ISBN 84-8302-056-4 – vía Biblioteca da Tradución Galega.
- ↑ Anon. In Our Time, ed. "Brave New World". British Broadcasting Corporation. Consultado o 9 de abril de 2009.
- ↑ "100 Best Novels". Random House. 1999. Consultado o 23 de xuño de 2007. This ranking was by the Modern Library Editorial Board Arquivado 02 de setembro de 2010 en Wayback Machine. of authors.
- ↑ McCrum, Robert (12 de outubro de 2003). "100 greatest novels of all time". Guardian (Londres). Consultado o 10 de outubro de 2012.
- ↑ "BBC – The Big Read". BBC. Abril de 2003, consultado o 26 de outubro de 2012
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Huxley, Aldous (1998). Brave New World (First Perennial Classics ed.). New York: HarperCollins Publishers. ISBN 0-06-092987-1.
- Huxley, Aldous (2005). Brave New World and Brave New World Revisited (First Perennial Classics ed.). New York: HarperCollins Publishers. ISBN 0-06-077609-9.
- Huxley, Aldous (2000). Brave New World Revisited (First Perennial Classics ed.). New York: HarperCollins Publishers. ISBN 0-06-095551-1.
- Postman, Neil (1985). Amusing Ourselves to Death: Public Discourse in the Age of Show Business. USA: Penguin USA. ISBN 0-670-80454-1.
- Higgins, Charles; Higgins, Regina (2000). Cliff Notes on Huxley's Brave New World. New York: Wiley Publishing. ISBN 0-7645-8583-5.
- Russell, Robert (1999). Zamiatin's We. Bristol: Bristol Classical Press. ISBN 978-1-85399-393-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Un feliz mundo novono club de lectura A illa dos libros do IES Illa de San Simón de Redondela.