Cándido Carrera
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de marzo de 1980 (44 anos) Salvaterra de Miño, España |
Actividade | |
Ocupación | copiloto |
Cándido Carrera Estévez , nado en Salvaterra de Miño o 24 de marzo de 1980, é un copiloto galego de rallys. Foi campión da WRC Academy en 2012 e do Campionato de España de Rallys de Terra en 2017. Dende 2021 compite con Dani Sordo no Campionato do Mundo de Rally, onde acumula oito podios.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou nos rallys a comezos da década de 2000, como copiloto de Luis Lemos nun SEAT Panda. Durante os seguintes anos correu con varios pilotos tanto no Campionato de Galicia como no Campionato de España. Entre estes pilotos estaban Óscar Garré, co que disputou o nacional de asfalto dende 2005, Andrés Manzano, co que correu no Campionato de España de Rallys de Terra, ou Álvaro Muñiz. Comezou a conseguir bos resultados na tempada 2008, na que acabou cuarto no Rally La Vila Joiosa e quinto no Rally Illas Canarias, nos dous casos correndo con Garré.
Os seus primeiros podios chegaron na tempada 2010, na que conseguiu varios, o primeiro deles no Rally Villa de Tineo, do Campionato Asturiano, no que subiu ao terceiro caixón xunto a José Antonio Suárez. En xuño subiu ao seu primeiro podio no campionato galego, ao quedar terceiro xunto a Luis Vilariño no Rally Sur do Condado. En novembro conseguiu con José Antonio Suárez a súa primeira vitoria, no Rally de Terra da Rioxa, correspondente ao nacional de terra,[1] e pechou a tempada cunha vitoria no Rally Villa de Pravia, do certame asturiano. Acabou terceiro o nacional de terra.[2]
Nese mesmo 2010 debutou no Campionato do Mundo de Rally, correndo con Suárez o Rally Cataluña.[3] Ao ano seguinte disputou íntegro xunto a Suárez o Campionato do Mundo Júnior, chamado naquel entón WRC Academy, e en 2012 logrou o título de copilotos.[4][5] Repetiu participación en 2013, con menos sorte, e nos seguintes anos competiu en probas de varios campionatos, e con diferentes pilotos, entre eles Pepe López ou Alberto Meira, co que quedou segundo no Rally do Cocido de 2014, só por detrás do Porsche 911 de Iván Ares e Álvaro Bañobre. En 2015 entrou con Suárez no novo equipo oficial de Peugeot, apadriñado por Carlos Sainz, co que disputaron a 208 Rally Cup, dentro do campionato francés de rallys.[6] Gañaron varias das probas e proclamáronse campións, por diante de Pepe López e Borja Rozada.[7] Ao ano seguinte, e de novo a bordo dun Peugeot 208, competiron no WRC2.
No 2017 proclamouse campión de España de terra, despois de gañar xunto a Suárez o Rally Terras Altas de Lorca, o Rally Terra da Auga e o Rally de Terra Norte de Estremadura, e subir ao podio tres veces máis. Con 192 puntos, superou en máis de 70 a Nerea Odriozola, segunda clasificada na xeral de copilotos.[8] Ademais disputou varias probas do Campionato de Europa de Rally, obtendo como mellor resultado un cuarto posto no Rally Liepāja, na cidade letoa de Liepāja.[9]
Na tempada 2018 disputou máis de 25 rallys, correndo probas de diferentes campionatos tanto con Suárez, como con Daniel Alonso Villarón. Con Suárez e o Hyundai i20 R5, gañou o Rally Villa de Adeje, o Rally Princesa de Asturias e o Rally Comunidade de Madrid, e quedou segundo no Rally de Ferrol, resultados que lle valeron para ser quinto na clasificación final de copilotos do nacional de asfalto.[10] Rematou tamén quinto no nacional de terra, que correu con Daniel Alonso sobre un Ford Fiesta R5, e co mesmo piloto e cun Ford Sierra RS Cosworth 4x4, obtivo un segundo posto nunha proba do Campionato de Europa de Rally Históricos, na República Checa.[11]
Nos seguintes anos continuou correndo con Daniel Alonso e outros pilotos en distintos campionatos ata que en xullo de 2021, Dani Sordo anunciouno como o seu novo copiloto, en substitución de Borja Rozada.[12] A parella estreouse no Rally Cristian López, puntuable para a Copa de España de Rallys de Asfalto, onde lograron a vitoria por diante de Óscar Palacio e Alberto Iglesias.[13] Dúas semanas despois quedaron ás portas do podio no Rally Acrópole, do Campionato do Mundo, acabando na cuarta posición a tres minutos dos vencedores, os finlandeses Kalle Rovanperä e Jonne Halttunen.[14]
A mediados de outubro de 2021 converteuse no terceiro copiloto galego en subir a un podio do Mundial (despois de Luis Moya e Diego Vallejo), ao rematar na terceira posición o Rally Cataluña, tras arrebatarlle a praza nos últimos treitos á parella Ogier-Ingrassia, vixentes campións mundiais.[15] Repetiu terceira posición na seguinte proba, o Rally de Monza.[16]
Na tempada 2022 participou en cinco rallys do Mundial, conseguindo tres terceiras posicións nos tres primeiros (Portugal, Sardeña e Acrópole). No Rally de Portugal de 2023 subiu por primeira vez ao segundo chanzo do podio nunha proba do Mundial, ao rematar só por detrás da parella formada polos fineses Kalle Rovanperä e Jonne Halttunen.[17] Subiu ao podio tamén no Rally Acrópole de 2023 e no Rally de Sardeña de 2024, en ambas ocasións na terceira posición.[18]
Resultados
[editar | editar a fonte]Campionato do Mundo
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "José Antonio Suárez logra su primer triunfo en un rally nacional" (en castelán). 15 de novembro de 2010. Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "Clasificacións España 2010" (PDF). Real Federación Española de Automobilismo (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "RallyRACC, españoles: Buen balance, con casi todos en la llegada" (en castelán). 27 de outubro de 2010. Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ García Calvo, Lorena (22 de novembro de 2012). "Cantando notas hasta el oro". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "2012 FIA Champions". FIA (en inglés). Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "Carlos Sainz apadrina el Peugeot España Racing Team" (en castelán). 10 de abril de 2015. Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "José Antonio Suárez campeón de la 208 Rally Cup" (en castelán). 14 de outubro de 2015. Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "Clasificacións España 2017" (PDF). Real Federación Española de Automobilismo (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "“Cohete” Suárez logra su mejor resultado en el ERC en Letonia" (en castelán). 9 de outubro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 08 de outubro de 2021. Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "Clasificacións España 2018" (PDF). Real Federación Española de Automobilismo (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "Cándido Carrera, segundo en una prueba en la República Checa" (en castelán). 27 de abril de 2018. Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "Carrera replaces Rozada in Sordo co-driver switch" (en inglés). 23 de xullo de 2021. Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "Estreno triunfal de Dani Sordo en el Rally Cristian López" (en castelán). 29 de agosto de 2021. Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "Sordo cuarto en el Rally Acrópolis" (en castelán). 13 de setembro de 2021. Consultado o 8 de outubro de 2021.
- ↑ "Neuville guanya, Sordo fa podi i el títol es decidirà a Monza entre Ogier i Evans" (en catalán). 17 de outubro de 2021. Consultado o 17 de outubro de 2021.
- ↑ "Dani Sordo se subió al podio en el Rally de Monza y con éste son ya 51 los que suma el bravo piloto cántabro" (en castelán). 24 de novembro de 2021. Consultado o 2 de xuño de 2024.
- ↑ "Segundo puesto de Cándido Carrera con Dani Sordo en el GP de Portugal". Faro de Vigo (en castelán). 17 de maio de 2023. Consultado o 2 de xuño de 2024.
- ↑ López, Pipo (2 de xuño de 2024). "Victoria sorpresa de Tanak y Sordo regresa al podio en Cerdeña". Consultado o 2 de xuño de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cándido Carrera en ewrc-results.com (en inglés).