Camuflaxe para a neve
A camuflaxe para a neve é o uso dunha coloración ou padrón para conseguir unha camuflaxe efectiva en inverno, a miúdo combinada cunha camuflaxe de verán diferente. Os padróns de verán son normalmente disruptivos con combinacións de tons marróns e grises ata o negro, mentres que os padróns invernais están dominados polo branco para cadrar cos tons das paisaxes nevadas.
Entre os animais, a camuflaxe para a neve variable é un tipo de polifenismo estacional cunha plumaxe ou pelame diferenciados de inverno. Atópase en aves como o lagópodo, mamíferos lagomorfos como a lebre ártica, mustélidos como o armiño, e un cánido, o raposo ártico. Como estas especies evolucionaron separadamente, a súa aparencia similar débese a unha evolución converxente. Isto foi aducido como unha das primeiras probas presentadas da selección natural (ver evidencias de coloración da selección natural). Algunhas especies árticas como o bufo nival (Bubo scandiacus) e o oso polar permanecen con cor branca durante todo o ano.
No uso militar, os soldados a miúdo cambian o seu padrón disruptivo dos uniformes de verán por outro invernal de camuflaxe para a neve máis groso no que se imprimen diversas versións de padróns de cor principalmente branca, ou usan monos brancos sobre os seus uniformes. Algúns exércitos utilizaron uniformes reversibles, impresos con diferentes padróns estacionais en cada lado. Os vehículos e armas adoitan ser simplemente repintados de branco. Ocasionalmente, os avións tamén son repintados con padróns de camuflaxe para a neve.
Entre animais
[editar | editar a fonte]Camuflaxe branca
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Evidencias de coloración da selección natural.
Charles Darwin mencionou a coloración branca invernal do lagópodo na súa obra de 1859 A orixe das especies:[1]
Cando vemos ... o lagópodo alpino branco en inverno, o lagópodo vermello da cor do brezo e o galo lira negro do da terra turbosa, debemos crer que estes tons sonlles útiles a estas aves ... para preservalas dos perigos.[1]
A coloración branca protectora dos animais árticos xa suscitou a atencion dun dos estudosos iniciais da camuflaxe, o naturalista Alfred Russel Wallace no seu libro de 1889 Darwinism; nel menciona o oso polar, a lebre polar americana, o bufo nival Bubo scandiacus e o falcón Falco rusticolus, os cales manteñen a súa cor branca todo o ano, mentres que o raposo ártico, lebre ártica, armiño e lagópodo cambian de cor ao longo do ano, e sinalou que "a explicación obvia" era que servía para a ocultación, nun período no que a aceptación do darwinismo estaba en recesión.[2] Zoólogos posteriores como Hugh B. Cott fixéronse eco destas observacións, engadindo que outros animais do Ártico como o boi almiscreiro, alce, reno, glutón e corvo nunca se volven brancos "incluso nas partes máis frías da súa área de distribución". Cott indicou que tanto os animais que cazan, como o oso polar e o armiño, coma o que son presas, como o lagópodo e a lebre de montaña, necesitan a camuflaxe para esconderse de presas e predadores, respectivamente.[3] Hai poucas evidencias experimentais da adaptividade da cor branca como camuflaxe, aínda que o ornitólogo W. L. N. Tickell, examinando as explicacións propostas da plumaxe branca das aves, escribiu que no lagópodo "é difícil evitar a conclusión de que a plumaxe de verán marrón críptica convértese nun lastre na neve e a plumaxe branca é, por tanto, outra adaptación críptica." Igualmente, indicou que "malia a plumaxe invernal, moitos lagópodos no nordés de Islandia morren a mans dos falcóns brancos durante o inverno."[4]
Polifenismo estacional
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Polifenismo estacional.
Algúns animais do extremo norte, como a lebre americana e a lebre ártica, raposo ártico, armiño e lagópodo cambian a cor da pelame ou plumaxe (pola muda de plumas ou crecemento de novo pelo) da cor marrón ou gris da camuflaxe de verán á branca do inverno; o raposo ártico é a única especie da familia dos cánidos que o fai.[5] Porén, as lebres árticas que viven na parte máis setentrional do Canadá, onde o verán é moi curto, manteñen a cor branca todo o ano.[5][6] Como estes animais de grupos taxonómicos moi diferentes evolucionaron por separado, a semellanza de coloración débese a evolución converxente, asumindo que a selección natural favorece unha determinada coloración nun ambiente particular.[7]
O polifenismo estacional no lagópodo Lagopus lagopus difire entre as poboacións escocesas e escandinavas. En Escocia, ten dúas plumaxes (de época reprodutora e non reprodutora), mentres que en Escandinavia hai unha terceira plumaxe, un morfo de inverno. A base xenética disto non é o sistema do pigmento melanina, e é debido probablemente a cambios regulatorios.[8] O comportamento de femias en muda na primavera depende do estado en que se encontre a súa plumaxe: adoitan quedar sentadas sobre a neve se xa son predominantemente brancas, pero elixen o límite entre a neve e o chan sen neve cando teñen aínda máis plumas escuras. Parece que escollen o mellor compromiso entre a camuflaxe e a calidade da comida.[9]
O cambio climático resultado do quecemento global está causando unha falta de correspondencia entre a coloración da pelame estacional nalgúns animais árticos como a lebre americana co incremento das paisaxes libres de neve.[10]
Especies | En verán | En inverno |
---|---|---|
Lebre americana | ||
Raposo ártico | ||
Armiño | ||
Lagópodo |
Uso militar
[editar | editar a fonte]O principio de cambiar a coloración co cambio de estacións ten aplicacións militares.
Primeira guerra mundial
[editar | editar a fonte]Na primeira guerra mundial, as posicións de tiro e de observación eran pintadas a man con padróns disrupivos por artistas chamados camufladores, e ás veces variaban os seus padróns estacionalmente. Os uniformes eran principalmente dunha soa cor, como o uniforme caqui británico;[11] pero roupas para a camuflaxe na neve empezaron a usarse nalgúns exércitos en 1917.[12][13] Por exemplo, as tropas austro-húngaras na fronte alpina italiana usaban equís e vestían batas e sobrepantalóns con camuflaxe para a neve sobre os seus uniformes e teas brancas improvisadas sobre as gorras.[14]
Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]Varios exércitos na Segunda guerra mundial en paíes do norte de Europa preferían usar uniformes de inverno específicos en troques de batas ou monos que se vestían sobre o uniforme. As Waffen-SS levaron isto un paso máis adiante, desenvolvendo os uniformes reversibles con debuxos diferentes para o verán e o outono, así como sobreuniformes brancos invernais para poñeren sobre o uniforme. Outras unidades alemás que loitaban no leste de Europa estaban ao principio mal equipadas para o inverno, tendo que apañarse cos seus uniformes de verán odinarios, pero no inverno de 1942 a 1943 empezaron a chegarlles novos sobreuniformes brancos de dúas pezas con caparuza e longas luvas mitón. As tropas americanas en Europa no inverno de 1944 a 1945 improvisaron capas para a neve e cubertas para os cascos de tea branca como a das sabas de cama.[15][16][17]
O Exército Vermello elaborou un informe titulado, "Tendencias tácticas e técnicas, Nº 17" en xaneiro de 1943 sobre a camuflaxe de tanques en inverno. Aconsellaba ou ben unha cor toda branca usando branco de cinc ou pintura branca de titanio para o combate en campo aberto e chairo, ou ben unha camuflaxe disruptiva de inverno de dúas cores para áreas máis variadas como "bosques, maleza, pequenas pobaocións, zonas dexeadas de terra". As dúas cores podían obterse deixando sen pintar dun cuarto a un terzo da pintura de camuflaxe de verán do vehículo, ou repintando todo o vehículo de branco con manchas grises ou marróns cincentas. Aconsellábase ás unidades non pintar todos os vehículos de maneira idéntica, e deixar algúns tanques totalmente brancos, algúns brancos con raias verdes e algúns brancos con manchas grises ou marróns cincentas. A camuflaxe de inverno non estaba limitada á pintura: as pegadas de rodadura deixadas na neve debían ser borradas, os vehículos aparcados cubertos, os faros dianteiros cubertos con tea branca, os refuxios construídos ou outros vehículos debían cubrirse con tea branca ou con tea escura sobre a que se espallaba neve.[18]
Exemplo | En verán | En inverno |
---|---|---|
Arma antitanque británica de dúas libras Tropa de verán en British Battledress Tropa de inverno con camuflaxe improvisada |
||
Soldados do Exército Vermello Monos de inverno con caparuza |
||
Artillaría finlandesa Camuflaxe de inverno imporvisado |
||
Soldados alemáns da Wehrmacht e blindado Uniformes de inverno de dúas partes |
Posguerra
[editar | editar a fonte]Posteriormente, no século XX, a medida que os uniformes de padrón disruptivo se foron xeneralizando, foron desenvolvéndose padróns con variantes de inverno como o Flecktarn, nos que a cor de fondo (como o verde) era substituída por branco para fomar un Schneetarn (padrón de camuflaxe para a neve).[19] Os avións despregados en inverno levan ás veces camuflaxe para a neve como o Sepecat Jaguar da táboa en exercicios en Noruega.[20]
A camuflaxe para a neve fabrícase comercialmente para o seu uso por cazadores. Por exemplo, a compañía NaturalGear deriva os seus padróns de imaxes fotográficas usando "as cores da natureza".[21]
Exemplo | En verán | En inverno |
---|---|---|
Flecktarn/Schneetarn padróns de camuflaxe disruptiva |
||
Forzas de defensa finlandesas padróns deserto/neve dixitais |
||
Exército polaco uniformes de verán/inverno |
||
Jaguar Real Forza Aérea esquemas de pintura de verán/inverno |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Darwin, Charles (1859). Origin of Species. Murray. p. 84.
- ↑ Alfred Russel Wallace (2015) [1889]. Darwinism - An Exposition Of The Theory Of Natural Selection - With Some Of Its Applications. Read Books. p. 180. ISBN 978-1-4733-7510-9.
- ↑ Cott, Hugh B. (1940). Adaptive Coloration in Animals. Methuen. pp. 22–23.
- ↑ Tickell, W. L. N. (marzo de 2003). "White Plumage". Waterbirds: The International Journal of Waterbird Biology 26 (1): 1–12. JSTOR 1522461.
- ↑ 5,0 5,1 "Arctic Wildlife". Churchill Polar Bears. 2011. Consultado o 22 de decembro de 2011.
- ↑ Hearn, Brian (20 de febreiro de 2012). The Status of Arctic Hare (Lepus arcticus bangsii) in Insular Newfoundland (PDF). Newfoundland Labrador Department of Environment and Conservation. p. 7. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 3 de febreiro de 2013.
- ↑ Rohwer, Sievert (1975). "The Social Significance of Avian Winter Plumage Variability". Evolution 29 (4): 593–610. JSTOR 2407071. PMID 28563094. doi:10.2307/2407071.
- ↑ Skoglund, Pontus; Höglund, Jacob (2010). "Sequence Polymorphism in Candidate Genes for Differences in Winter Plumage between Scottish and Scandinavian Willow Grouse (Lagopus lagopus)". PLoS ONE 5 (4): e10334. Bibcode:2010PLoSO...510334S. PMC 2859059. PMID 20428241. doi:10.1371/journal.pone.0010334.
- ↑ Steen, Johan B.; Erikstad, Kjell Einar; Høidal, Karsten (1992). "Cryptic Behaviour in Moulting Hen Willow Ptarmigan Lagopus l. lagopus during Snow Melt". Ornis Scandinavica 23 (1): 101–104. JSTOR 3676433. doi:10.2307/3676433.
- ↑ Mills, L. Scott; Marketa Zimova; Jared Oyler; Steven Running; John T. Abatzoglou; Paul M. Lukacs (2013). "Camouflage mismatch in seasonal coat color due to decreased snow duration". PNAS 110 (18): 7360–7365. Bibcode:2013PNAS..110.7360M. PMC 3645584. PMID 23589881. doi:10.1073/pnas.1222724110. Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2020. Consultado o 17 de marzo de 2020.
- ↑ Newark, Tim (2007). Camouflage. Thames & Hudson. pp. 54–57. ISBN 978-0-500-51347-7.
- ↑ Bull, Stephen (2004). Encyclopedia of Military Technology and Innovation. Greenwood. p. 53. ISBN 978-1-57356-557-8.
- ↑ Englund, Peter (2011). The Beauty And The Sorrow: An intimate history of the First World War. Profile Books. p. 211. ISBN 978-1-84765-430-4.
- ↑ "The Austro-Hungarian Army on the Italian Front, 1915–1918". Imperial War Museum. Consultado o 13 de abril de 2017.
- ↑ Brayley, Martin J. (2009). Camouflage uniforms : international combat dress 1940–2010. Ramsbury: Crowood. pp. 37 and passim. ISBN 978-1-84797-137-1.
- ↑ Peterson, D. (2001). Waffen-SS Camouflage Uniforms and Post-war Derivatives. Crowood. p. 64. ISBN 978-1-86126-474-9.
- ↑ Rottman, Gordon L. (2013). World War II Tactical Camouflage Techniques. Bloomsbury. pp. 31–33. ISBN 978-1-78096-275-7.
- ↑ Carruthers, Bob (2013) [28 de xaneiro de 1943]. Wehrmacht Combat Reports: The Russian Front. Pen and Sword. pp. 62–64. ISBN 978-1-4738-4534-3.
- ↑ Zäch, Sebastian. "Schneetarn". Bundeswehr (German Army). Consultado o 28 de febreiro de 2017.
- ↑ "Jaguar snow camo". Sepecat. Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2017. Consultado o 28 de febreiro de 2017.
- ↑ "Science". NaturalGear. Consultado o 4 de marzo de 2017.