Saltar ao contido

Cantiga de vellas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cantiga de vellas
"Cantiga de vellas" en Céltiga
Autor/aRamón María del Valle-Inclán
Lingualingua galega
Xénero(s)poesía
Data de pub.5 de abril de 1910
editar datos en Wikidata ]

Cantiga de vellas é a única composición poética do escritor Ramón María del Valle-Inclán en lingua galega, formada por corenta e sete versos de carácter e contido popular a modo de xogo de nenos e publicada por primeira vez o 5 de abril de 1910 na Coruña.

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Relación de Valle-Inclán co galeguismo

[editar | editar a fonte]

A publicación de "Cantiga de vellas" intensifícase entre 1916 e 1918, coincidindo entón coa defensa da lingua desde o ámbito das Irmandades da Fala. Isto, sumado a algúns testemuños orais, levou ao profesor Ricardo Carballo Calero á hipótese de que Valle formou parte das Irmandades da Coruña;[Cómpre referencia] así pois quedaría confirmada a súa adhesión ao movemento nacionalista[2]. Cada publicación deste poema denota unha mudanza nos intereses dos grupos que actúan no campo literario galego respecto á labor de Valle-Inclán.

Valle-Inclán c. 1911, fotografado por Pablo Audouard.

No seu artigo Relembranzas literarias (1888), Valle-Inclán ensalza as prácticas das letras galegas capitaneadas por Rosalía de Castro. Pouco máis tarde, no 1891, manifestaba que o rexionalismo non debía saír da esfera literaria e descalificaba outras manifestacións do nacionalismo como “imitacións catalanas”. Simpatizaba tamén co rexionalismo identitario, fundamentado no cultivo das tradicións, mais estaba en contra de posicionamentos políticos reais baseados nesa ideoloxía.[Cómpre referencia]

Na súa obra literaria, nun principio, podíanse apreciar motivos herdados da tradición histórica construída por Manuel Murguía (a raza, e o celtismo étnico cultural: saudade, ruínas célticas, arcaísmos etc) e a realidade rural de Galiza aparece reflectida na súa obra. Porén, no 1920 comezou a negar a utilidade da tese celtista, rexeitando o celtismo e todas as súas pretensións literarias.[Cómpre referencia] Para el a esencia do pobo galego está nos principios básicos da romanización.

Cabe destacar que Valle-Inclán foi atacado en numerosas ocasións polo seu uso da lingua galega.[Cómpre referencia] Por exemplo, o coñecido manifesto Máis alá! de 1922, escrito por Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro ou Vicente Risco na revista A Nosa Terra onde o cualifica de traidor ao ideal das Irmandades da Fala.[Cómpre referencia] Se temos en conta os artigos precedentes ou a xa mencionada hipótese de Carballo Calero, podemos ver como Valle distánciase dese discurso galeguista máis tradicional.

É costumismo ruralista. Fai unha descrición da vida rural galega da época e dos elementos característicos da mesma. O poema ten todo tipo de recursos lingüísticos para dar a sensación dun ritmo acelerado: irregularidade estrófica (catro versos seguidos de seis, logo dous etc.), mixtura de versos de diferente métrica, cesuras intermedias (“Sai a mangoleta batindo o portón E o galo moceiro canta paladín”), apócopes continuos (“D'o estrado c'os foros comestos d'os ratos”), asíndeton...

Ao longo do poema pódese ver como usa unha variante oral propia da súa terra natal (Vilanova de Arousa), visíbel no léxico específico como piorno ou malvela da zona sur de Galiza.

Valle-Inclán non manexaba a lingua galega con soltura, como se pode observar no caos entre a rima nos últimos doce versos, no arcaizante da lingua, a simpleza de moitos verbos, e a repetición dos mesmos lexemas ademais de españolismos como “halda”.

Respecto aos recursos retóricos hai algunha personificación (A galiña canta baixo d'o balcón) e maiormente destacan un gran número de paralelismos sintácticos, por exemplo na antepenúltima estrofa con dúas estruturas:

¿Que foi d'a poedora galiña moñuda,
Das calzas lilailas e tan repoludas?
¿Que foi d'a velliña Marica Pepiña?
¿Que foi d'a fidalga tan magra e tan galga?
Morreu a galiña aos dentes d'a marta.
Morreu a fidalga d'augas quentes farta.

Recepción

[editar | editar a fonte]

A consecuencia máis inmediata da publicación deste poema é que, ao ano seguinte, Valle foi incluído por Uxío Carré Aldao na súa Literatura Gallega (1911) como un dos representantes da loita a favor da patria galega. Isto é bastante significativo pois en lingua española non apareceu en ningunha obra até oito anos despois (1919), polo que pódese confirmar que a súa figura goza de grande importancia como lexitimador da literatura en galego. O poema en si permaneceu moito tempo no esquecemento e Xosé Rubia Barcia deuno a coñecer de novo no 1960 como apéndice da súa famosa biografía José Rubia Barcia: unha vida contada.

Outra consecuencia desta publicación é, segundo algúns autores como Xosé Filgueira Valverde,[Cómpre referencia] o comezo da estética neopopularista continuada entre outros por Antonio Noriega Varela. Este suceso tivo tanto impacto que arredor do ano 1917 circulou un rumor en A Nosa Terra de que Valle preparaba unha obra literaria en galego e teorizacións sobre o que suporía isto para o sistema literario galego.[Cómpre referencia]

  1. "Cantiga de vellas" (PDF). Céltiga. Revista Gallega de arte, crítica, literatura y actualidades (Buenos Aires) (36). 25/6/1926. 
  2. Rosario Mascato Rey, Valle-Inclán lusófilo: Documentos (1900-1936): páx. 43

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Artículos completos y otras páginas olvidadas, ed. Javier Serrano Alonso,
  • Valle-Inclán, poeta moderno no canonizado, Rosario Mascato Rey, 2013
  • Diccionario da literatura galega I (autores),[cómpre nº de páxina] Dolores Vilavedra
  • Archivo Digital Valle-Inclán
  • Valle-Inclán lusófilo: Documentos (1900-1936), Rosario Mascato Rey
  • Valle-Inclán, xenio e figura / Genio y figura (1866-1936), Margarita Santos Zas / Francisca Martínez Rodríguez / Javier Serrano Alonso / Amparo de Juan Bolufer / Rosario Mascato Rey

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]