Castelo de Mesía
Castelo de Mesía | |
---|---|
ben de interese cultural | |
Parroquia | Bascoi |
Concello | Mesía |
Provincia | A Coruña |
Comunidade autónoma | Galicia |
Coordenadas | 43°07′05″N 8°14′35″O / 43.117969, -8.243025 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | ? |
Estado actual | Ruínas |
[ editar datos en Wikidata ] |
O castelo de Mesía, ou Torre-Fortaleza de Mesía é unha fortificación de finais do século XIII ou comezo do século XIV[1] construída á beira do río Samo na Pobra,[2][3] en Bascoi no concello de Mesía.[4][5] Dende o século XV, durante o Antigo Réxime, exerceuse desde este castelo a xurisdición de Mesía para o arcebispo de Santiago de Compostela.[5][6]
Arquitectura
[editar | editar a fonte]O castelo constaba dunha torre interior amurallada, con defensas exteriores de forma poligonal, rodeada dun foxo profundo. Arestora o estado de conservación é de abandono e só se conservan parte das defensas exteriores, que son de forma redondeada, moi raras en Galicia.[1] Con todo, nuns puntos conserva uns 18 metros de altura sobre do terreo exterior a cerca, na que se aprecian entre as ruínas os muros divisorios e a entrada do castelo.[7] A torre da homenaxe era moito máis alta cás murallas e probablemente estivese almenada. Os muros teñen un grosor medio de 2,5 m.[7] O groso da cerca é duns 2,60 m e é de cachotería de lousa.
Historia
[editar | editar a fonte]Os primeiros rexistros históricos que mencionan o castelo datan do 1401 e trátanse dun documento de Gonzalo Díaz de Mesía, que foi señor desta xurisdición a preito de homenaxe das mans de Bernal Yánez, quen tiña a fortaleza polo Arcebispo Lope de Mendoza. O nome de Gonzalo Díaz de Mesía aparece nunha inscrición que figuraba no lintel da porta da torre da homenaxe:
ESTA CASA FEZO D. GONZLAVO (Gonzalvo) DÍAZ DE MESÍA E SUA MOLER M(María) PRES (Peres).
A fortaleza de Mesía está a sete leguas da cidade de Santiago cara Betanzos. Ten as paredes fortes e uns durrumbaderos por toda ela. O redor e pola parte Oriente e do Septentrión, la cerca un río (el Samo) e só a entrada pola porta ten llana. Ten algúns apousentos e razoable vivenda, pero moi lóbrega e melancólica. Na fortaleza e xulgado de Mesía, que ten 2000 vasalos, pon (o Arcebispo) un xuíz, o cal así mesmo es alcaide de dicha fortaleza. —Cardeal Hoyo, 1608
|
O cronista Vasco de Aponte na súa obra Recuento de las casas antigas do reino de Galicia, escrita entre os anos 1510 e 1516, di que Gonzalo Díaz de Mesía "sirvió moi ben ao rei D. Enrique e ganou as sete felegresías, era home esforzado e valente. Tiña corenta lanzas e cenhomes. (...) Se o mataban un home, el mataba dous por el. Abateu a casa de Ledoira, Guerreábase con Ruy Sánchez, su primo, facéndolle dous por una. O arcebispo no lle facía forza". Vasco de Aponte continúa o relato dos litixios do Arcebispo Lope de Mendoza pola posesión da fortaleza e como as perdeu e outras liñaxes a herdaron.
O ano 1467 foi determinante na historia do castelo. Os Irmandiños tomárona e foi destruída, pero ó ser abandonada por estes, o Arcebispo Fonseca usurpou a propiedade e restaurouna. Despois da famosa batalla de Altamira, os cabaleiros galegos ó mando de Gómez Pérez das Mariñas II, derrotaran a Fonseca, recuperando o dominio sobre as fortalezas e castelos dos que se tiña apoderado o prelado aproveitando as sublevacións irmandiñas. Gómez Pérez deixou a torre en herdanza á súa filla Dona Ginebra, xunto coa xurisdición e as terras de Mesía, máis ó casar co castelán Luis Azevedo e marchar para Salamanca, outros señores do contorno usurparon a torre, e pretenderon construír mais castelos neste territorio.[5] Mais Azevedo e a súa muller queixáronse a raíña Isabel a Católica, que atendeu as súas demandas en Valladolid no 1476 e ordenou ás xustizas de Galicia que impedisen a edificación doutras fortalezas na xurisdición de Mesía.[5] Malia todo o proceso, en 1523, rematará en poder da mitra compostelá.[7]
No 1858 a construción conservábase intacta. Só dous anos máis tarde, o poeta Ángel Corzo, nunha carta persoal comenta que:[5]
Hai dous días que estou en Mesía, quixen visitar ao seu antigo castelo, e atopeino desfeito polo pico e a sacha do home.
A torre debeuse derrubar no 1859.[2]
A lenda da Infanzona ou Infanta de Mesía
[editar | editar a fonte]Entre as lendas e tradicionais xurdidas á sombra desta fortaleza figura a da Infanzona, que recolle Benito Vicetto nas súas Tradicións feudais de Galicia, publicada en Vigo no 1878, e a lenda incluída no Cancionero de Galicia, editado en Santiago polo poeta Ángel Corzo. Nesa lenda da Infanta de Mesía cóntase como a dona do castelo, namorada dun trobador, decátase de que este entendíase cunha doncela do seu séquito. Así encargoulle, despeitada, a un parente que lle entregase a cabeza da traidora. Na lenda podemos ler:
- Mirade, segundo souben onte, todas as noites esa descoñecida muller, saíndo do castelo á media noite, diríxese ás ruínas do San Cristovo. Alí espéraa el, escoitades?, espéraa Xoán Rodríguez do Padrón, o máis aposto trobador da nosa terra.- Proseguide. - Esta noite repousade nesa pequena ponte que hai entre as ruínas e o castelo, e cando vexan pasar a misteriosa rival que causa este terrible suplicio que padezo... - Matala...?
- Si; marmexou a infanzona agochando maquinalmente o rostro entre as súas mans como se se avergoñase de pronunciar aquela palabra.Benito Vicetto[8]
A historia remata coa sorpresa desagradable da cabeza decapitada da filla da dona do castelo.[9]
Outra lenda di que sendo dono do castelo os Churruchaos, ao arcebispo de Santiago gustáballe a filla deste e fixo que a prenderan para levala co arcebispo. O pai da moza cheo de ira colleu un día nunha rúa de Santiago o arcebispo por sorpresa e cravoulle un coitelo causándolle a morte e sendo axusticiado logo o pai da moza polo feito acaecido.[9]
Ben de Interese Cultural
[editar | editar a fonte]O Castelo de Mesía está baixo a tutela do Estado pola lexislación do Decreto de 22 de abril de 1949 sobre Protección de Castillos Españoles, expedido polo Ministerio de Educación Nacional (B.O.E. 5-5-1949) e foi declarado Ben de Interese Cultural o 17 de novembro de 1994 polo Ministerio de Cultura.[10] En 2022, o concello encargou á cooperativa Árbore, a primeira intervención de tipo arqueolóxico que serviu para limpar os restos e consolidar as ruínas para o seu aproveitamento cultural e turístico.[11]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Foxo.
-
Ruínas do castelo de Mesía.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Redacción (27 de setembro de 2022). "Traballos arqueolóxicos sacan á luz partes agochadas do Castelo de Mesía". galiciaconfidencial.com. Consultado o 17 de xaneiro de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 Berini Pita da Veiga, María (29 de decembro de 2015). "Galicia de Leyenda. el castillo de Mesía". arevolta.net (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2023.[Ligazón morta]
- ↑ "Plan xeral de ordenación municipal" (PDF). concellodemesia.es. xaneiro de 2013. Archived from the original on 21 de xuño de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Castelo de Mesía". turismo.gal. Consultado o 17 de xaneiro de 2023.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "A Torre Fortaleza de Mesía". concellodemesia.es. 14 de xuño de 2013. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de2023.
- ↑ "Historia". concellodemesia.es. 29 de agosto de 2013. Archived from the original on 29 de agosto de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2023.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 "RUTA POLO CONTORNO DO CASTELO DE MESÍA" (PDF). concellodemesia.gal. Consultado o 17 de xaneiro de 2023.
- ↑ [1] Arquivado 09 de febreiro de 2021 en Wayback Machine. Revista galaica N.15. Tradicións feudais de Galicia. A Infanzona de Mesía. 1875
- ↑ 9,0 9,1 Troiano, Xosé (13 de xaneiro de 2013). "Castelo de Mesía". patrimoniogalego.net. Consultado o 17 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2013. Consultado o 29 de agosto de 2013. Catálogo arquitectónico. Plano Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Mesía. 2013.
- ↑ Redacción (5 de outubro de 2022). "A primeira intervención arqueolóxica no Castelo de Mesía descobre accesos ocultos". g24.gal. Consultado o 17 de xaneiro de 2023.