Cela, Outeiro de Rei
Cela | |
---|---|
Igrexa parroquial | |
Concello | Outeiro de Rei[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 43°08′35″N 7°35′59″O / 43.1431475, -7.5995993 |
Poboación | 264 hab. (2020) |
Entidades de poboación | 13[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa María de Cela é unha parroquia do concello de Outeiro de Rei na comarca de Lugo, na provincia de Lugo. Segundo o Instituto Galego de Estatística,[2] en 2020 tiña 264 habitantes (129 homes e 135 mulleres), o que supón unha diminución en relación ao ano 2006 cando tiña 284 habitantes.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Pertence ao arciprestado de Aguiar, da diocese de Lugo. Limita ao norte co concello de Cospeito, ao oeste co de Rábade, ao leste coa parroquia de Taboi e ao sur coas de Folgueira e Matela. Bañada polo río Miño e o regato Regueiro, destaca a presenza no seu termo da Insua de San Roque, á cal na antigüidade levábase a pacer o gando que era transportado en barcas, chegando a xuntarse neses tempos ata 50 embarcacións.
A insua de San Roque é a illa máis grande do curso alto do Miño. Esta illa constitúe unha área representativa das zonas húmidas da Terra Chá e xunto á insua de Trabanca e a insua de Santa Mariña ou de Baixo conforma as chamadas Insuas do Miño. Todas elas forman parte da zona especial de conservación (ZEC) Parga - Ladra - Támoga e da zona núcleo da reserva da biosfera Terras do Miño. Este dobre illamento do río Miño en Cela favoreceu un bosque autóctono onde se poden ver especies como os carballos, o acivro e o freixo que conviven en harmonía.
Historia
[editar | editar a fonte]O pasado histórico remóntase á época da dominación romana, tempo no que a parroquia recibiu o nome de Aguas Celenas. Xa na Reconquista aos árabes, realizada polo bispo Odoario, Cela foi o lugar elixido para iniciar esta tarefa, polo seu valor estratéxico.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A Torre de Cela fora construída en Fompedriña polo Mariscal Pardo de Cela, derrubada durante a Gran Guerra Irmandiña. Pertenceu aos seus descendentes, os Ribadeneira, señores de Villaguisada. Hoxe desaparecida, pódese aínda observar sobre o terreo o punto onde estivo enclavada, ó leste da igrexa parroquial.
O Pazo de Cela está tamén en Fompedriña, nunha zona chaira e fértil da ribeira esquerda do Miño. É coñecido tamén co nome de Retorta antiga. Ten dous andaes, con planta rectangular que forma un L co edificio auxiliar. Ten fábrica de cachotería de pedra de lousa, cantería en linteis e xambas. Pequena solaina no ángulo interior do conxunto e escudo de armas.
A igrexa parroquial é un templo moderno con amplo atrio, cemiterio e contorno de grandes carballos. De cruz latina, cuberta de lousa e muros de pedra revocados de cemento. Nave esvelta, cunha porta lateral Sur, a dúas augas, porta principal con lintel semiarqueado e ventá con lintel semicircular, espadana de dous vans. Piso de cemento, coro de madeira sobre os pés, pía bautismal, á esquerda, con debuxos xeométricos e pé cadrado. Cruceiro con cúpula sobre catro arcos de medio punto, cuberta a catro augas, máis elevada cá nave, e iluminada a través de catro óculos laterais. Ten un retablo maior, moderno, sen valor. Tamén hai un retablo da capela lateral dereita, neogótico coa Inmaculada e San Roque, o Neno, un can e unhas chaves ós pés (s. XVII). A cruz parroquial é de prata repuxada (s. XVIII).
O cruceiro de Meidonín está situado nun cruzamento de camiños no lugar de Meidonín é de propiedade particular. Presenta dúas inscricións: unha na base na que se le "San Roque", debaixo da representación escultórica do Santo e dun devoto. E outra no fuste, onde aparece a data do cruceiro: 1885.
O cruceiro de Quintián atópase ó carón dunha pista preto do cemiterio parroquial de Cela. De propiedade pública, ata hai uns trinta anos os nenos que morrían sen bautizar eran enterrados xunto ó mesmo.
Festas
[editar | editar a fonte]Festa en honor á Virxe da Ascensión (o 15 de agosto). Antigamente festexábase tamén o San Benito e o San Roque.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Cruceiro de Meidonín
-
Cruceiro de Quintián
-
Niño de cegoña en Meidonín
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Cela
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Cela no concello de Outeiro de Rei (Lugo) | |
---|---|
Bodecedo | A Casanova | Fompedriña | Formistán | As Hortas | Meidonín | Portover | Quintián | O Regueiro | As Retortas | Trabanca | Veiguicela | Ver |
Parroquias de Outeiro de Rei
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
- ↑ "Instituto Galego de Estatística, consulta do nomenclátor". Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2020. Consultado o 23 de abril de 2021.