Christopher Bechtler
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1782 Pforzheim, Alemaña |
Morte | 1843 (60/61 anos) Carolina do Norte, Estados Unidos de América |
Q89547790 | Produción dos primeriros dólares de ouro dos EEUU. |
Actividade | |
Ocupación | Ourive, reloxeiro e cuñador de moeda. |
Christopher Bechtler (orixinariamente Christian Bechtler), nado en Pforzheim, Alemaña, o 29 de novembro de 1782, e finado en Rutherfordton, Carolina do Norte, en 1843, foi un ourive, reloxerio e produtor de moeda estadounidense de ascendencia alemá.[1][2]
A Bechtler débeseselle a serie de moedas dun dólar de ouro e os seus múltiplos, coñecida como "dólares Bechtler", cuñadas de xeito privado nos seus talleres durante as décadas de 1830 e de 1840, antes do inicio das cuñaxes federais en 1849. O lugar desta ceca ten a condición de Parque Histórico en Carolina do Norte,[3] e en 1997 foi incluído na listaxe do Rexistro Nacional de Lugares Históricos.[4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Xuventude en Europa
[editar | editar a fonte]Bechtler naceu o 29 de novembro de 1782 en Brötzingen, hoxe un barrio da cidade alemá de Pforzheim, daquela parte do Margraviato de Baden, no Sacro Imperio Romano Xermánico. Era fillo de Rosina Barbara Eberle e de Jacob Bechtler, e pertencía a unha familia vinculada á industria metalúrxica.[5]
En 1767, Carlos Frederico, gran duque de Baden, autorizou a fabricación de reloxos en Pforzheim e estableceu alí unha escola técnica, na que Bechtler se formou, que foi o xerme da actual Escola de Xoieiros e Reloxeiros de Pforzheim. Cara a 1820, Bechtler atopou algunhas trazas de ouro na formación litoestratigráfica de Stubensand, na localidade veciña de Sternenfels, un ano despois de acadar unha patente ducal para a súa lavadora de ouro. En 1823 solicitou unha concesión mineira e probou a extracción de ouro fluvial, aínda que a cantidade de metal lograda non foi satisfactoria.[6]
Bechtler casou con Sophia Dorothea Dreher e, logo do falecemento desta en 1806, casou en segundas nupcias con Augusta Christina Dietz, con quen tivo dous fillos, Sebastian Augustus e Carl Christoph. Tras a morte desta segunda esposa en 1819, volveu contraer matrimonio, esta vez con Wilhelmina Catherina Vierordt, con quen tivo polo menos dúas fillas.[5]
Bechtler e Wilhelm Lentz, o seu cuñado do primeiro matrimonio, eran socios nun negocio en Pforzheim e, cando Bechtler decidiu emigrar a América, vendeulle a Lentz a súa parte do negocio a cambio dunha renda vitalicia para a súa terceira esposa, que permaneceu en Pforzheim coas súas fillas.[5]
Emigración aos EEUU
[editar | editar a fonte]En 1829, Bechtler partiu cara aos Estados Unidos de América desde o porto francés de Le Havre, xunto cos seus fillos Augustus e Charles, e un sobriño, Carl Christ Bechtler. En 1830 estableceu unha reloxaría en Filadelfia, sede da primeira Casa da Moeda dos EEUU. Nesa cidade, Bechler solicitou a cidadanía (concedida en xullo de 1832), cambiou o seu nome orixinal, Christian, polo de Christopher,[6] e casou por cuarta vez, con Sophia Fleck, tamén de orixe alemá, coa que tivo catro fillos e dúas fillas.[5]
Atraído polas primeiras "febres do ouro" no país, Bechtler trasladouse a Carolina do Norte en 1830 e estableceu alí inicialmente un negocio de reloxaría, xoiaría e armaría, na cidade de Rutherfordton, que finalmente acabaría converténdose unha ceca privada, para transformar en dólares as grandes cantidades de ouro producidas na zona.[4][5][6]
Bechtler morreu en Rutherfordton, a principios de 1843. Un ano antes, transferíralle a xestión da ceca ao seu fillo August.[5][6]
A ceca de Bechtler
[editar | editar a fonte]A ceca privada de Bechtler e dos seus sucesores no condado de Rutherford, en Carolina do Norte, estivo en funcionamento desde 1831 ata a década de 1850 e chegou a producir máis dun millón de moedas de ouro na súa primeira década de existencia.[6]
Aínda que a Constitución dos EEUU prohibía aos estados cuñaren moeda propia, ata 1864 a cuñaxe privada de ouro non era ilegal, sempre que as moedas producidas non imitasen a moeda federal. Ata o establecemento das casas de moeda federais en Xeorxia (Ceca de Dahlonega) e en Carolina do Norte (Ceca de Charlotte) en 1838, e a cuñaxe das primeiras moedas oficiais de ouro en dólares na Ceca de Filadelfia en 1849, Bechtler chegou a posuír case o monopolio sobre as moedas de dólares co padrón ouro. A precisión e a fiabilidade do contido de ouro das súas cuñaxes permitíronlle imporse a outros produtores e obter unha gran fortuna.[5]
Bechtler obtivo unha licenza para transformar o po e as pebidas de ouro en moedas con valores de 5, de 2,5 e dun dólar de ouro,[4][7] dotadas dun peso e dun contido en metal precioso claramente expresados (20 quilates, 21 quilates ou 22 quilates), a cambio dunha tarifa.[5]
Desde | Ata | Cuñado ($) | Fundido ($) | Total ($) | Cuñ./día ($) | Fund./día ($) |
---|---|---|---|---|---|---|
Xan. 1831 | Dec. 1834 | 109.732,50 | 316,643,20 | 426.375,70 | 90 | 258 |
Dec. 1834 | Dec. 1835 | 695.896,00 | 569.266,40 | 1.265.162,40 | 2.223 | 1.819 |
Dec. 1835 | Ago. 1836 | 471.322,50 | 317.928,00 | 789.250,50 | 2.277 | 1.314 |
Ago. 1836 | Mai. 1838 | 770.239,50 | 160.912,89 | 931.152,30 | 1.408 | 294 |
Mai. 1838 | Feb. 1840 | 194.560,00 | 19.248,40 | 213.808,00 | 354 | 35 |
Logo do falecemento de Christopher Bechtler en 1843, o período de xerencia do seu fillo August foi efémero, xa que este faleceu ou ben a finais do mesmo ano ou ben a principios do seguinte. O negocio pasou entón ás mans do outro fillo, Charles. Cando este faleceu, en 1846, foi o seu sobriño Carl Christ, coñecido entón como Christopher Bechtler Jr., quen herdou a compañía, con quen terían concluído as actividades de cuñaxe.[5]
As moedas cuñadas na ceca de Bechtler son hoxe moi escasas e, consecuentemente, alcanzan prezos moi altos cando aparecen nalgunha venda numismática.[9] Isto débese principalmente a que, como consecuencia da Lei da Moeda (Coinage Act) do 28 de xuño de 1834, que aumentaba o valor do ouro nun 6 %, a maior parte das moedas cuñadas por Bechter ata ese ano acabaron refundíndose masivamente.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gray, J. "Bachtler Mint". Southern Gold Society.
- ↑ Heller, P. A. (2020). "The Bechtler Legacy in American Numismatics". Liberty Coin Service.
- ↑ "Bechtler Mint Site Historic Park". Rutherford County, NC Tourism Development Authority.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "North Carolina Gold and Christopher Bechtler’s Private Mint". Blue Ridge. National Heritage Area (blueridgeheritagetrail.com).
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 Stevenson, W. H. (2011).
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 "Christian Bechtler (Sternenfels)". Kraichgau Stromberg Tourismus e.V.
- ↑ Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 377-378.
- ↑ Merchants’ Magazine. 11 de xullo de 1844. Páxinas 62-65.
- ↑ "Bechtler (N. Carolina/Georgia) Price Guide Arquivado 14 de decembro de 2021 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
- ↑ "The Coinage of Christopher and August Bechtler". Hancock & Harwell (www.raregold.com).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lattimore, R. S. (2007). Gold and Glory: North Carolina Gold and the Bechtler Heritage. Hilltop Publications.
- Stevenson, W. H. (2011). "Christopher Bechtler (1782-1843)". En Immigrant Entreprenuership. German Historical Institute.
- Yeoman, R. S. (2013). A Guide Book of United States Coins (The Official Red Book). 67th ed. Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-4180-5
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Bechtler Gold Coinage [1831-1850s]". Historic Moneys in the North Carolina Collection.
- Vídeo: "Gold Fever and the Bechtler Mint".