Chuvia de animais
A choiva ou chuvia de animais é un fenómeno meteorolóxico relativamente raro, que sucedeu nalgunhas cidades ao longo da historia. Os animais que acostuman caer do ceo son peixes e ras, e por veces paxaros. En certas ocasións os animais sobreviven á caída, principalmente os peixes. En moitos casos, no entanto, os animais morren conxelados e veñen completamente encerrados en bloques de xeo. Isto demostra que se transportaron a grandes altitudes, onde as temperaturas son negativas. A violencia deste fenómeno é palpábel cando a choiva non son animais senón soamente anacos de carne.
As choivas de animais son un asunto recorrente na literatura e cinema. Por exemplo, no final do filme Magnolia, de Paul Thomas Anderson, preséntase unha famosa secuencia cunha "choiva de sapos".
Ocorrencias rexistradas e lendas
[editar | editar a fonte]Textos e lendas anteriores á Idade Media
[editar | editar a fonte]Na literatura antiga abundan os testemuños de choiva de animais, ou de choivas de diversos obxectos, algúns deles orgánicos.
Poderíase remontar ao Antigo Exipto se se dese crédito ao papiro exipcio de Alberto Tulli (cuxa propia existencia é controvertida[1]) e do cal se di que rexistraría fenómenos estraños, como o xurdimento daquilo que a literatura sobre fenómenos paranormais interpreta como un Ovni. De modo particular, rexístrase tamén a caída de peixes e paxaros do ceo [2].
Na Biblia narrase como Xosué e o seu exército foron auxiliados por unha choiva de pedras que caeu sobre o exército amorita. A Biblia evoca outras intervencións celestiais deste tipo, como o xurdimento de ras, nunha das dez pragas do Exipto (Éxodo 8:5,6) [3]. No século IV a. C., o autor grego Ateneo menciona unha choiva de peixes que durou tres días na rexión de Queronea, no Peloponeso [4]. No século I, o escritor e naturalista Plinio o Vello describiu a choiva de anacos de carne, sangue e outras partes animais [5]. Finalmente, na Idade Media, a frecuencia do fenómeno en certas rexións levou as persoas a crer que os peixes nacían xa adultos nos ceos, e de seguida caían no mar.[4].
Testemuños na época moderna
[editar | editar a fonte]Nota: esta lista non pretende ser exhaustiva. Simplemente, exemplifica algúns dos eventos máis significativos relacionados con este fenómeno.
Grazas á prensa escrita, na época moderna producíronse moitos testemuños, proferidos por un número importante de persoas, o que aumenta a súa plausibilidade. Indícanse algúns exemplos:
- En 1578 caeron grandes ratos amarelos sobre a cidade norueguesa de Bergen.[4]
- Segundo un tal John Collinges, unha choiva de sapos fustrigou a aldea inglesa de Acle, en Norfolk. O taverneiro do lugar retirounos ás centenas.[4]
- Nunha cidade do Essex, Inglaterra, aconteceu unha choiva de peixes como salmóns, arenques e pescadas. Os peixes foron vendidos polos comerciantes locais.
- O 11 de xullo de 1836, un profesor de Cahors enviou unha carta á Academia de Ciencias Francesa, que dicía:
Esta nube lanzou a treboada sobre o camiño, a unhas sesenta toesas de onde estabamos. Dous cabaleiros que viñan de Tolosa, o noso destino, e que estiveron expostos á tormenta, víronse obrigados a usar os seus abrigos; mais a tormenta los sorprendeu e os asustou, xa que se viron vítimas dunha choiva de sapos! Aceleraron a súa marcha e apresáronse; ao atopar a dilixencia contáronnos o que lles acababa de acontecer. Entón vin que, ao sacudir os seus abrigos diante de nós, caeron pequenos sapos.fragmento da carta de M. Pontus, profesor de Cahors, dirixida a M. Arago.
- O 16 de febreiro de 1861, a cidade de Singapur sufriu un sismo, seguido de tres días de abundantes choivas. Despois do final das choivas, había nas pozas milleiros de peixes. Algúns afirmaron telos visto caer do ceo, aínda que outros se mostrasen máis reservados ao dar o seu testemuño.[4] Cando as augas se retiraron, atopáronse outros peixes nas pozas que secaran, notabelmente en lugares que non tiñan sufrido inundacións.
- A revista Scientific American rexistra un chubasco de serpentes que chegaban ás 18 polgadas de lonxitude (cerca de 45 cm) en Memphis, o 15 de xaneiro de 1877.[4] Nos Estados Unidos, rexistráronse máis de quince eventos de choivas de animais, só no século XIX [6].
- En xuño de 1880 abateuse unha choiva de paspallás sobre Valencia.[7]
- O 7 de setembro de 1953, millares de ras caeron do ceo sobre Leicester, en Massachusetts, Estados Unidos.
- En Birmingham ocorreu unha choiva de sapos en 1954.
- En 1968, os diarios brasileiros rexistraron unha choiva de carne e sangue, nunha área relativamente grande [8].
- En xaneiro de 1969 caeron canarios mortos na cidade de St. Mary's City en Maryland, Estados Unidos, Segundo o diario The Washington Post de 26 de xaneiro dese ano, o voo dos canarios interrompeuse subitamente, como se acontecese unha explosión, que ninguén viu nin escoitou.[4]
- En 1978, choveron caranguexos na Nova Gales do Sur, na Australia.[4]
- En 2002, choveron peixes nunha aldea nas montañas do interior da Grecia. O diario Le Monde escribiu:
Atenas non é sempre bela, e menos aínda o son as montañas no norte de Grecia. Mais as tormentas teñen ás veces o bo gusto de axudar a sorrir e a soñar. O martes choveron centenas de pequenos peixes na aldea de Korona, nas altas montañasGeorges, Pierre. Poissons volent. Le Monde, 13 de decembro de 2002
- En 2007, choveron pequenas ras en El Rebolledo (provincia de Alacant).[9]
Explicacións do fenómeno
[editar | editar a fonte]Explicación científica
[editar | editar a fonte]Contrariamente á xeneralidade dos seus colegas contemporáneos, o físico francés André Marie Ampère considerou que os testemuños de choiva de animais eran verdadeiros. Ampère tentou explicar as choivas de sapos cunha hipótese que despois foi acepte e refinada polos científicos. Perante a Sociedade de Ciencias Naturais, Ampère afirmou que en certas épocas os sapos e as ras vagabundean polos campos en gran número, e que a acción dos ventos violentos pode capturalos e dispersalos a grandes distancias [10].
Máis recentemente, xurdiu unha explicación científica do fenómeno, que inclúe trombas mariñas. Os ventos que se acumulan son capaces de capturar obxectos e animais, grazas a unha combinación de depresión na tromba, e da forza exercida polos ventos dirixidos no seu sentido.
En consecuencia, estas trombas, ou mesmo tornados, poderán transportar animais a alturas relativamente grandes, percorrendo grandes distancias. Os ventos son capaces de recoller animais presentes nunha área relativamente extensa, e déixannos caer, en masa e de maneira concentrada, sobre puntos localizados.[11].
Máis especificamente, algúns tornados e trombas poderían secar completamente un pequeno lago, para deixar caer máis lonxe a auga e a fauna contida nesta, na forma de choiva de animais [12].
Esta hipótese aparece reafirmada pola natureza dos animais destas choivas: pequenos e leves, xeralmente xurdidos do medio acuático, como batracios e peixes [13]. Tamén é significativo o feito de que, con frecuencia, a choiva de animais sexa precedida por unha tempestade. No entanto, hai algúns pormenores que non puideron explicarse. Por exemplo, que os animais por veces estean vivos mesmo despois da caída, e algúns en perfecto estado. Outro aspecto é o de que normalmente cada choiva de animais se manifeste cunha soa especie de cada vez, sen se mesturar case nunca nin incluír algas ou outras plantas. Como nota William R. Corliss:
....o mecanismo de transporte, calquera que sexa a súa natureza, prefire seleccionar unha soa especie de peixe ou ra, ou daquel animal que estea no menú do díaCorliss.[14]
Esta aparente anomalía poderíase explicar no caso dos paxaros, se a tromba atravesa un bando en particular que se atope en pleno voo, especialmente en épocas de migración.
A imaxe da dereita mostra un exemplo específico onde un grupo de morcegos é vítima dunha tormenta [15]. A imaxe capturouse por un radar meteorolóxico do National Weather Service en Del Río, Texas, e ilustra como se pode prever o fenómeno en certos casos. Na imaxe, os morcegos están na zona de cor vermella, que corresponde aos ventos que se afastan do radar (o radar é o punto branco no canto inferior dereito), e entran no mesociclón asociado a un tornado (en cor verde). Este tipo de eventos ocorren frecuentemente con paxaros de modo inevitábel. En contraste, é máis difícil dar unha explicación plausíbel para os animais terrestres; unha parte do enigma persiste a pesar dos estudos científicos.
Nalgúns casos, certas explicacións científicas negan a existencia de choivas de peixes. Por exemplo, no caso da choiva de peixes en Singapur de 1861, o naturalista francés Francis de Laporte de Castelnau explica que o chuvasco ocorreu durante unha migración de peixes-gato, e que estes animais son capaces de se arrastar sobre a terra, para ir dunha poza a outra; como as anguías, que poden percorrer varios quilómetros nos prados húmidos, ou os lucios que se reproducen nos campos inundados [16]. Alén diso, explica que o feito de que se visen os peixes no chan inmediatamente despois da choiva non é máis que unha coincidencia, xa que normalmente estes animais se desprazan sobre o chan húmido rastreando, despois dun chuvasco ou dunha inundación.
Explicacións antigas
[editar | editar a fonte]Desde hai moito tempo, a ciencia ten descartado moitas das explicacións que se dan; considéranse exaxeradas, pouco viábeis ou non comprobábeis. En 1859, un testemuño dunha choiva de peixes na aldea de Mountain Ash, en Gales [17], enviou unha especie ao Xardín Zoolóxico de Londres. J. E. Gray, director do Museo Británico, declarou que "a luz dos feitos, o máis probábel é que se trate dunha partida: un dos empregados de Mr. Nixon baleiraron por riba del un balde cheo de peixes, e el pensou que caían do ceo" [18].
Loxicamente, as choivas de animais estiveron sen explicación científica durante moito tempo, en canto se desenvolvían hipóteses que ían desde as tentativas lóxicas de explicar o fenómeno, ata ás máis absurdas. No século IV a.C., o filósofo grego Teofrasto negou a existencia de choivas de sapos, explicando simplemente que os sapos non caen durante a choiva, senón que esta última os fai saír da terra. No século XVI, Reginald Scot aventurouse a dar unha hipótese. Segundo el, "é certo que algunhas criaturas son xeradas de maneira espontánea, e non necesitan de pais. Por exemplo, (....) estas ras viñan de ningunha parte. Foron transportadas pola choiva. Estas criaturas nacen dos aguaceiros...." [19]. No século XIX pensábase que a evaporación da auga levaba os ovos de ra para as nubes, onde eclosionaban e caían á terra nun chuvasco [20].
Explicacións contemporáneas alternativas
[editar | editar a fonte]Entre as explicacións non científicas do fenómeno, atópanse as interpretacións sobrenaturais. Aínda así persisten quen alega intervencións de seres extraterrestres [21]. Nas hipóteses sobrenaturais, que poden ser de natureza relixiosa, dependendo do tipo de obxecto ou animal que cae na terra, o fenómeno é perceptíbel e sería un castigo, como o caso das pedras que caeran sobre o exército amorita no Antigo Testamento, ou como un sinal providencial de bondade divina, cando se trata de animais comestíbeis.
Algunhas das hipóteses, imposíbeis de probar, son sobre a intervención de entes extraterrestres, e describen estes visitantes recoñecendo grandes cantidades de animais como lastro, para despois os deixar caer antes de abandonar o noso planeta. As choivas de sangue e carne estarían vinculadas a unha selección feita polos visitantes, para alixeirar os seus almacéns.
Igualmente esotéricas, hai hipóteses baseadas na existencia de varias dimensións e planos espazo-temporais. Estas hipóteses aceptan a priori a posibilidade do teletransporte, para tentar explicar o porqué de se atoparen os animais alí onde non deberían estar. O periodista Charles Hoy Fort propuxo algunhas destas hipóteses [22]. Segundo Fort, existiu no pasado unha forza capaz de transportar os obxectos de modo instantáneo, que xa non se manifesta senón en accións desordenadas, como as choivas de peixes. Outra hipótese con forza ten por base a suposta existencia dun "mar superior dos Argazos" [23], unha especie de reserva celestial que aspira e cospe os obxectos terrestres.
Referencias a choivas de animais na linguaxe e arte
[editar | editar a fonte]« It's raining cats and dogs »
[editar | editar a fonte]A referencia máis coñecida do fenómeno é a expresión en lingua inglesa it's raining cats and dogs (chove gatos e cans) que se atopa pola primeira vez na forma escrita na obra de Jonathan Swift, A Complete Collection of Polite and Ingenious Conversation, publicada en 1738 pero cuxa orixe permanece incerta[24]. Unha explicación será dada polo francés arcaico catadoupe (fervenza). Outra explicación será a de que na Idade Media, as fortes choivas varrían os corpos de gatos e cans mortos das cimas dos tellados, facéndoos caer na rúa.[24].
Moitas linguas posúen igualmente expresións deste tipo[25], mais nada proba que estas expresións sexan inspiradas na realidade. Mesmo así, o galés ten unha expresión que se pode traducir por choven vellas e paus, en alemán hai choiva de cas e en polaco de ras.
Literatura e cinema
[editar | editar a fonte]A documentación máis completa de choivas de animais débese ao xornalista Charles Hoy Fort (natural dos Estados Unidos) que consagrou a súa vida de xornalista aos fenómenos inexplicados. A Biblioteca nacional de Nova York conserva máis de 60.000 fichas feitas por este autor, das cales moitas sobre casos de choiva de animais. A Fortean Society, creada na súa homenaxe, continúa a busca de des fenómenos estraños por explicas.
No cinema, Paul Thomas Anderson levou á pantalla unha choiva de sapos no seu filme Magnolia. Asístese igualmente a unha choiva de peixes na primeira longametraxe do realizador francés Luc Besson, Le Dernier Combat, e na adaptación cinematográfica de Chapeau melon et bottes de cuir de Jeremiah Chechik.
No seu libro Sido, a novelista Colette cóntanos unha choiva de ras, quentadas:
Ao pasaren as nubes, tomei un baño sentada, Antoine mollado, e a capa chea de auga, unha auga quente, unha auga a dezaoito ou vinte graos. E cando Antoine quixo virar a capa, que atopamos? Ras minúsculas, vivas, polo menos trinta traídas polos ares por un capricho do sur, por unha tromba de auga quente, un deses tornados que en espiral reúne e leva a cen lugares un penacho de area, sementes, insectos…
En Le Capitaine Pamphile de Alexandre Dumas, a evocación da choiva de sapos nos xornais suscita un delirio imaxinativo dunha das personaxes:
[…] lembrábase de ter lido, algúns días antes, sobre o episodio de Valenciennes, que esta cidade fóra lugar dun fenómeno fortemente singular: unha choiva de sapos caera con treboada e relampos, e en tal cantidade, que as rúas da cidade e os teitos das casas estaban cubertos. Inmediatamente despois, o ceo, que dúas horas antes era cor de cinza, era agora azul índigo. O contratado do Constitutionnel olla para riba, e, vendo o ceo negro como tinta e Ton no seu xardín, sen saber o modo en que el entrara, comezou a considerar que un fenómeno parecido co de Valenciennes estaba a punto de se repetir, coa única diferenza de que en vez de sapos, choverían osos. Un non era máis sorprendente que outro; o pedrazo era máis groso e perigoso: e é todo.Alexandre Dumas, Le Capitaine Pamphile, cap. VIII[26]
Na súa novela titulada Kafka na beiramar, publicado en 2002, o escritor xaponés Haruki Murakami utiliza o fenómeno da choiva de peixes nun contexto novelesco mesturando Bildungsroman e sobrenatural.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O propio Tulli alegou telo perdido, e o único testemuño da súa existencia é a palabra do seu tradutor, o príncipe Boris de Rachelwitz. Existe moita especulación en torno do tema: véxase, por exemplo, o artigo de Nacho Ares Existirá na realidade o Papiro Tulli? [1]
- ↑ « The Tulli Papyrus », Larry Orcutt, Catchpenny Mysteries, 2001 (en inglés).
- ↑ Marseille, J., Laneyrie-Dagen, N. Les Grandes énigmes. Larousse, ISBN 2-03-505300-5 p. 222-223, «Pluie de poissons á Singapour».
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Marseille, J., op. cit.
- ↑ Plinio. Historia natural, Libro II.
- ↑ «Mysterious Falls from the Sky. It's Raining Fish & Frogs ! Arquivado 08 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine.» (en inglés).
- ↑ Omedes, Anna; Senar, Juan Carlos; Uribe, Francesc. Animais da nosa cidades. Planeta, 1997.
- ↑ «Mysterious Falls from the Sky. It's Raining Fish & Frogs ! Arquivado 08 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine.»
- ↑ [2] Arquivado 08 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ «Les pluies de crapauds» (en francés).
- ↑ Artigo no Supernatural World que utiliza esta explicación para narrar unha choiva de peixes ocorrida en Norfolk a 8 de agosto de 2000 (en inglés).
- ↑ Orsy Campos Rivas ilustra esta explicación de forma gráfica (A ciencia contra o mito), no artigo Lo que la lluvia regala a Yoro, que narra una choiva de peixes que ocorre anualmente en Yoro, Honduras. Dispoñíbel online na páxina Hablemos online Arquivado 02 de abril de 2012 en Wayback Machine..
- ↑ Angwin, Richard, en Wiltshire weather - BBC, Inglaterra. 15 de Xullo de 2003 (en inglés).
- ↑ Corliss, W. R., Handbook of unusual natural phenomena, 1995.
- ↑ Bat-eating Supercell, polo National Weather Service dos Estados Unidos (19 de marzo de 2006) (en inglés).
- ↑ Comptes Rendus hebdomadaires des séances de l’Academie des sciences 52:880-81, 1861 (en francés).
- ↑ Rexistrada na Annual Registrer, 101:14-15, 1859, online na revista X-Project (en inglés).
- ↑ Fort, Charles Hoy. O libro dos condenados. Capítulo 7. ISBN 84-96129-35-7
- ↑ Scot, Reginald. The Discoverie of witchcraft, 1584, ISBN 0-486-26030-5.
- ↑ «Explication sur les pluies de grenouille», Les Mystères de la Terre Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. (en francés).
- ↑ «Mysterious Falls from the Sky. It's Raining Fish & Frogs! Arquivado 08 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine.» (en inglés).
- ↑ Fort, Charles Hoy. Op. cit.
- ↑ En referencia ao mar dos Argazos no Atlántico norte, que pega as súas algas a un gran número de navíos.
- ↑ 24,0 24,1 (en inglés) « Raining cats and dogs », na páxina The Phrase Finder Arquivado 25 de marzo de 2015 en Wayback Machine.
- ↑ "« It's raining cats and dogs, Idioms for heavy rain in many languages »". Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2007. Consultado o 03 de febreiro de 2008.
- ↑ Dumas, Alexandre (1802-1870) Auteur du texte (1877). Le capitaine Pamphile / par Alexandre Dumas ; édition illustrée de 103 vignettes dont 26 hors texte par Bertall (en francés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- En inglés
- Corliss, William R. Handbook of unusual natural phenomena. Random House, 1995. ISBN 0-517-60523-6.
- Dennis, Jerry. It's raining frogs and fishes: four seasons of natural phenomena and oddities of the sky. Harper Paperbacks, 1993. ISBN 0-06-092195-1.
- Scot, Reginald. The Discoverie of Witchcraft. Dover publications, 1989. ISBN 0-486-26030-5.
- En francés
- Marseille, Jacques; Laneyrie-Dagen, Nadeije. Les Grandes énigmes. Larousse, ISBN 2-03-505300-5, p. 222-223, «Pluie de poissons à Singapour».