Saltar ao contido

Cicónidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ciconiidae»)
Cicónidos (Ciconiidae)
Rango fósil: do oligoceno temperán ao presente

Adulto de Ephippiorhynchus senegalensis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Subclase: Neornithes
Infraclase: Neognathae
Superorde: Aequornithes
Orde: Ciconiiformes
Bonaparte, 1854
Familia: Ciconiidae
Gray, 1840
Genera

Anastomus
Ciconia
Ephippiorhynchus
Jabiru
Leptoptilos
Mycteria

Cegoña branca europea en Alsacia, Francia.

Os cicónidos (Ciconiidae) son unha familia de aves de gran tamaño, longas patas, peteiro e pescozo. Actualmente son a única familia da orde Ciconiiformes, que en clasificacións máis antigas era moito máis ampla e albergaba moitas familias. Ás veces chámaselles cegoñas a todos os cicónidos, aínda que este nome se aplica tamén máis restritivamente só ao xénero Ciconia, ao cal pertencen as dúas especies deste grupo que figuran na lista de aves de Galicia: cegoña branca e cegoña negra. Hai dezanove especies vivas de cicónidos distribuídas en seis xéneros, entre as que están as cegoñas, xabirús e marabús.

Os cicónidos habitan en moitas rexións e tenden a vivir en hábitats máis secos ca outras aves emparentadas como as garzas, cullereiros e ibis; tamén carecen da penuxe de po (pulviplumas)[1] que eses outros grupos de aves usan para limpar o limo que deixan os peixes. Os cicónidos non teñen sirinxe e son aves mudas que non emiten chamadas; o seu modo de comunicación sonoro consiste en repenicar abrindo e pechando rapidamente os peteiros cando están no niño. Moitas especies de cicónidos son migratorias. A maioría dos cicónidos comen ras, peixe, insectos, vermes, pequenas aves e pequenos mamíferos. Os cicónidos xeralmente voan planando, e deslizándose no aire para conservaren enerxía. Para planaren necesitan correntes térmicas de aire ascendentes. Son aves pesadas, cunha ampla envergadura de ás: o marabú, coa súa envergadura alar de 3,2 metros e o seu peso de ata 8 kg, é, xunto co cóndor andino, a ave terrestre viva con maior envergadura alar.

Os seus niños son xeralmente grandes e poden usarse durante moitos anos. Algúns niños vanos aumentando ata uns dous metros de diámetro e uns tres metros de altura. Antes considerábase que os cicónidos eran monógamos e non cambiaban de parella en toda a vida, pero isto só é en parte certo, xa que poden cambiar de parella despois de migraren, e poden migrar sen unha parella. É máis exacto dicir que son monógamos en serie.

O tamaño dos cicónidos, a súa monogamia en serie, e a fidelidade a un sito de nidación xa establecido en anos anteriores contribúe á súa importancia en historias da mitoloxía e cultura.

Bioxeografía

[editar | editar a fonte]
Ovo de cegoña.

Os centros de diversidade dos cicónidos son Asia tropical e África subsahariana, zonas onde se reproducen oito e seis especies, respectivamente. Hai tres especies de cicónidos no Novo Mundo, que son: Mycteria americana, Ciconia maguari e Jabiru mycteria, o cal é a ave voadora máis grande de América. Dúas especies chegan a Europa e Asia occidental temperada, que son a cegoña branca (Ciconia ciconia) e a negra (Ciconia nigra), e unha soa especie, a Ciconia boyciana, alcanza as áreas temperadas de Asia oriental, mentres que en Australasia vive Ephippiorhynchus asiaticus, co seu característico peteiro negro.[2]

Sistemática

[editar | editar a fonte]

Un estudo xenético do seu ADN atopou que as familias Ardeidae, Balaenicipitidae, Scopidae e Threskiornithidae pertencen á orde Pelecaniformes, polo que non se poden clasificar coas cegoñas como se facía antes. Isto fai que Ciconiidae sexa o único grupo que queda clasificado dentro de Ciconiiformes.[3]

Os cicónidos estaban diferenciados e posiblemente espallados polo mundo xa no oligoceno. Como a maioría das familias de aves acuáticas, os cicónidos parece que se orixinaron no paleoxeno, hai entre 40 e 50 millóns de anos. Hai rexistro fósil dalgúns dos xéneros viventes desde o mioceno medio (hai uns 15 millóns de anos).

Aínda que algúns cicónidos están moi ameazados, non se extinguíu aínda ningunha especie nin subespecie nos tempos históricos. Un óso suposto de Ciconia atopado na illa de Reunión nun abrgo rochoso dos primeiros poboadores humanos da illa parece que pertence en realidade a un ibis, polo que tampouco se trataría dun caso de extinción.

Cicónidos existentes

[editar | editar a fonte]
O marabú é unha ave saprófaga preeira, que pertence tamén á familia dos cicónidos.

Cicónidos fósiles

[editar | editar a fonte]
  • Xénero Palaeoephippiorhynchus (oligoceno temperán de El Fayyum, Exipto)
  • Xénero Grallavis (mioceno temperán de Saint-Gérand-le-Puy, Francia, e Djebel Zelten, Libia). Pode ser un Prociconia
  • Ciconiidae gen. et sp. indet. (mioceno tardío de Ituzaingó no Paraná, Arxentina)[4][5][6]
  • Ciconiidae gen. et sp. indet. (mioceno tardío de Puerto Madryn de Punta Buenos Aires, Arxentina)[6][7]
  • Xénero Prociconia (plistoceno tardío do Brasil). Pode pertencer aos xéneros modernos Jabiru ou Ciconia
  • Xénero Pelargosteon (plistoceno temperán de Romanía)
  • Ciconiidae gen. et sp. indet., anteriormente Aquilavus/Cygnus bilinicus (mioceno temperán de Břešťany, República Checa)
  • cf. Leptoptilos gen. et sp. indet., anteriormente L. siwalicensis (mioceno tardío? – plioceno tardío de Siwalik, India)[8]
  • Ciconiidae gen. et sp. indet. (plistoceno tardío da Cova de San Josecito, México)[9]

O xénero fósil Eociconia (eoceno medio da China) e Ciconiopsis (do oligoceno temperán de Deseado, Patagonia, Arxentina) a miúdo colócanse provisoriamente nesta familia. Un fragmento fósil de "ciconiforme" da formación Touro Passo atopado en Arroio Touro Passo (Río Grande do Sur, Brasil) pode ser da especie viva Mycteria americana; é polo menos do plistoceno tardío, de hai unhas poucas decenas de miles de anos.[10]

  1. Nota: As plumas da penuxe desintégranse en parte formando unha especie de po de partículas de queratina que cobre e protexe as plumas. Este po pode ser alerxénico para os humanos.
  2. del Hoyo, J. Elliott, A. & Sargatal, J. (1992) Handbook of the Birds of the World. Volume 1: Ostrich to Ducks. Lynx Edicions. ISBN 84-87334-10-5.
  3. Gibb, G.C. et al. (2013) Beyond phylogeny: pelecaniform and ciconiiform birds, and long-term niche stability. Molecular Phylogenetics and Evolution, 68(2):229–238.
  4. Nota: Fragmentos de tarsometatarso parecidos aos de Mycteria
  5. Cione, Alberto Luis; de las Mercedes Azpelicueta, María; Bond, Mariano; Carlini, Alfredo A.; Casciotta, Jorge R.; Cozzuol, Mario Alberto; de la Fuente, Marcelo; Gasparini, Zulma; Goin, Francisco J.; Noriega, Jorge; Scillatoyané, Gustavo J.; Soibelzon, Leopoldo; Tonni, Eduardo Pedro; Verzi, Diego & Guiomar Vucetich, María (2000): Miocene vertebrates from Entre Ríos province, eastern Argentina. [English with Spanish abstract] In: Aceñolaza, F.G. & Herbst, R. (eds.): El Neógeno de Argentina. INSUGEO Serie Correlación Geológica 14: 191–237. PDF fulltext Arquivado 28 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.
  6. 6,0 6,1 Noriega, Jorge Ignacio & Cladera, Gerardo (2005): First Record of Leptoptilini (Ciconiiformes: Ciconiidae) in the Neogene of South America. Abstracts of Sixth International Meeting of the Society of Avian Paleontology and Evolution: 47. PDF fulltext Arquivado 28 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.
  7. Nota: Specimen MEF 1363: Incomplete skeleton of a large stork somewhat similar to Jabiru but apparently more plesiomorphic
  8. Espécimes BMNH 39741 (holotipo, tarsometatarso proximal esquerdo) e BMNH 39734 (tibiotarso distal dereito). Similar a Ephippiorhynchus e Leptotilos, pode ser dunha pequena femia de Leptotilos falconeri, de L. dubius, ou doutra especie: Louchart, Antoine; Vignaud, Patrick; Likius, Andossa; Brunet, Michel & and White, Tim D. (2005). "A large extinct marabou stork in African Pliocene hominid sites, and a review of the fossil species of Leptoptilos" (PDF). Acta Palaeontologica Polonica 50 (3): 549–563. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de febreiro de 2007. Consultado o 05 de marzo de 2016. 
  9. Distal radius of a mid-sized Ciconia or smallish Mycteria: Steadman, David W.; Arroyo-Cabrales, Joaquin; Johnson, Eileen & Guzman, A. Fabiola (1994). "New Information on the Late Pleistocene Birds from San Josecito Cave, Nuevo León, Mexico" (PDF). Condor 96 (3): 577–589. doi:10.2307/1369460. 
  10. Schmaltz Hsou, Annie (2007): O estado atual do registro fóssil de répteis e aves no Pleistoceno do Estado do Rio Grande do Sul, Brasil. Conversa de 2007-JUN-20 en Quaternário do RS: integrando conhecimento, Canoas, Rio Grande do Sul, Brazil. PDF abstract Arquivado 08 de xullo de 2017 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]