Cinamomo
Cinamomo | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Melia azedarach L. |
O cinamomo[1] ou árbore de santo Outelo[2] (Melia azedarach) é unha árbore mediana, de folla caediza, da familia das meliáceas.[3] Nativo do sueste asiático, espallouse a mediados do século XIX como ornamental en Suráfrica e as Américas, onde axiña se naturalizou, converténdose nunha especie invasora que desprazou outras autóctonas. Cultívase aínda para decoración e sombra, especialmente pola súa copa larga e vizosa.
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha árbore caducifolia de tamaño medio, de 8 a 15 m de altura, co toro recto e curto; a copa acada os 4 a 8 m de diámetro, en forma de antuca. As follas son opostas, compostas, con pecíolos longos, imparipinnadas, de 15 a 45 cm de lonxitude; os folíolos son ovais, acuminados, de 2 a 5 cm de longo, de cor verde escura polo feixe e máis clara no envés, coa marxe aserrada; amarelecen e caen a comezos do outono.
Florea a mediados ou finais da primavera. As miúdas flores pentámeras de cor púrpura ou lila xorden en panículas terminais de até 20 cm de longo, moi recendentes. O froito é unha drupa de 1 cm de diámetro e forma globosa, de cor amarela pálida, que se aclara aínda máis co paso do tempo. Contén entre 3 e 5 sementes no seu interior en forma de pinga de 1 mm de longo × 0,3 mm de largo.[4]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Orixinario do pé do Himalaia, onde medra até os 3000 msnm. Cultivado en varias rexións de Asia xa na época de Linné, que anotou habitat in Syria no Species Plantarum, teríase naturalizado en zonas cálidas e tépedas de todo o mundo.
Cultivo
[editar | editar a fonte]Atura xeadas lixeiras a condición de contar cun verán cálido; adáptase á seca, aos chans acedos ou alcalinos e á salinidade, aínda que tolera mal o vento polo febles que son as súas pólas. É marcadamente fotófilo. Medra axiña, e reprodúcese con facilidade por semente ou esgallo.
Usos
[editar | editar a fonte]Utilízase en xardinaxe como árbore de sombra e pola súa abondosa e aromática floración.
As carabuñas fúranse de xeito doado (teñen un buraco natural entre os extremos) e úsanse como contas para fabricar rosarios. (Debe terse en conta que esta árbore se considera sagrada en Asia). Esta é unha das razóns polas que se fixo popular e se plantase en parques e xardíns. Porén na Península Ibérica xa falaba desta árbore Abú Zacaría no século XIII (Ao-Awwam) no seu 'Libro de agricultura andalusí'. Este autor recomenda a súa plantación preto de noras e pozos para que persoas e bestas poidan beneficiarse da súa sombra. A madeira, aínda que non se usa con frecuencia, é de alta calidade, cunha densidade media, veas agradábeis e coloración que oscila entre marrón claro e vermello escuro. As follas serven para tinguir teas e antigamente para tinguir de negro e fortalecer os cabelos, segundo conta o autor antes mencionado, Abú Zacaría. Detalla que non convén abusar pois escurece até a pel.
En Galiza considerábase que mediante unha infusión feita coa casca, as follas e as flores (ademais do rezo de ensalmos) sandaba a rabia[5].
Principios activos
[editar | editar a fonte]A planta contén sesquiterpenos, alfacadinol, triterpenos e flavonoides.[6][7][8]
Toxicidade
[editar | editar a fonte]Os froitos teñen propiedades narcóticas. Resultan velenosos inxeridos en cantidade. Deles pódese obter, por destilación, un gas inodoro e inflamábel que se usou para a alumeado. O froito seco e pulverizado serve como insecticida e para defenderse dos piollos. A toxicidade dos froitos afecta ao ser humano e outros mamíferos, aínda que non ás aves. (De feito constitúe parte esencial da dieta da cotorrita Myiopsitta monachus).
Contén neurotoxinas, en especial tetranortriterpeno; 0,66 g de froita por kg poden matar a un mamífero adulto. Os síntomas son vómitos, diarrea, dor abdominal, conxestión pulmonar, rixidez, falta de coordinación e finalmente paro cardíaco. A pesar diso, no pasado utilizábase a infusión de follas moi diluída como relaxante uterino.
A árbore de santo Outelo na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]Santo Outelo é o santo avogoso para protexer e curar ás xentes que foron trabadas por un can doente ou sospeitoso de selo. O nome vulgar galego desta árbore: árbore de santo Outelo ou incluso árbore da rabia é porque se considera que cura a enfermidade mediante unha infusión feita coa casca, as follas e as flores e o rezo de ensalmos coma estes:[9]:
- Can da rabia,/ tente en ti,/ que o San Alauterio/ está no medio de min e de ti.
- Detente, can doente,/ como Dios se tuvo en si./ San Outeliño bendito/ no medio de min e de ti[10].
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Melia azedarach foi descrita por Carl Von Linné e publicado en Species Plantarum 1: 384–385. 1753.[11]
- Azedara speciosa Raf.
- Azedarach commelinii Medik.
- Azedarach deleteria Medik.
- Azedarach fraxinifolia Moench
- Azedarach odoratum Noronha
- Azedarach sempervirens Kuntze
- Melia australis
- Melia bukayun Royle
- Melia cochinchinensis M.Roem.
- Melia commelini Medik. ex Steud.
- Melia composita Benth.
- Melia florida Salisb.
- Melia guineensis G.Don
- Melia japonica G.Don
- Melia orientalis M.Roem.
- Melia sambucina Blume
- Melia sempervirens Sw.
- Melia toosendan Siebold & Zucc.[12]
Nome común
[editar | editar a fonte]- Cinamomo;
- Árbore de Santo Outelo, árbore de Santo Outel, árbore de Santo Eutelo. En referencia a ser Santo Outelo avogoso para sandar a rabia, críase que a casca da árbore sandaba a doenza;
- Árbore da rabia. En referencia á propiedades atribuídas de sandar esta doenza.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Único termo que recolle o Dicionario da RAG
- ↑ Nome vulgar en: Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000; Termos esenciais de botánica, Santiago de Compostela, Universidade, 2004; Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009
- ↑ Nombre vulgar preferido en castellano, en Árboles: guía de campo; Johnson, Owen e More, David; traductor: Pijoan Rotger, Manuel, ed.
- ↑ Árbores ornamentais
- ↑ Xesús Ferro Ruibal, 259.
- ↑ "Configurations and conformations of torreyol (δ-cadinol), α-cadinol, T-muurolol and T-cadinol" 37 (22). doi:10.1016/S0040-4020(01)92031-9.
- ↑ "The chemistry of cadinenes and cadinols" 4 (3–4). doi:10.1016/0040-4020(58)80046-0.
- ↑ "BIBLIOTECA DIGITAL de la Medicina Tradicional Mexicana". Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2017. Consultado o 13 de abril de 2017.
- ↑ Xesús Ferro Ruibal, 259.
- ↑ Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo
- ↑ "Melia azedarach".
- ↑ "Melia azedarach en PlantList". Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2018. Consultado o 13 de abril de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cinamomo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- CONABIO. 2009. Catálogo taxonómico de especies de México. 1. In Capital Nat. México. CONABIO, Cidade de México.
- Correa A., M. D., C. Galdames & M. N. S. Stapf. 2004. Cat. Pl. Vasc. Panamá 1–599. Smithsonian Tropical Research Institute, Panamá.
- Correll, D. S. & M. C. Johnston. 1970. Man. Vasc. Pl. Texas i–xv, 1–1881. The University of Texas at Dallas, Richardson.
- Cowan, C. P. 1983. Flora de Tabasco. Listaxes Floríst. México 1: 1–123.
- Dodson, C. H., A. H. Gentry & F. M. Valverde Badillo. 1985. Fl. Jauneche 1–512. Banco Central do Ecuador, Quito.
- Fernald, M. 1950. Manual (ed. 8) i–lxiv, 1–1632. American Book Co., Nova York.
- Flora of Chinesa Editorial Committee. 1988-2013. Fl. China Unpaginated. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
- Forzza, R. C. & et al. 2010. 2010 Lista de espécies Flora do Brasil. http://floradobrasil.jbrj.gov.br/2010/.
- Foster, R. C. 1958. A catalogue of the ferns and flowering plants of Bolivia. Contr. Gray Herb. 184: 1–223.
- Funk, V. A., P. E. Berry, S. Alexander, T. H. Hollowell & C. L. Kelloff. 2007. Checklist of the Plants of the Guiana Shield (Venezuela: Amazonas, Bolivar, Delta Amacuro; Güiana, Surinam, French Guiana). Contr. Ou.S. Natl. Herb. 55: 1–584.
- Gibbs Russell, G. E., W. G. Welman, E. Reitief, K. L. Immelman, G. Germishuizen, B. J. Pienaar, M. v. Wyk & A. Nicholas. 1987. List of species of southern African plants. Mem. Bot. Surv. S. Africa 2(1–2): 1–152(pt. 1), 1–270(pt. 2).
- Gleason, H. A. 1968. The Choripetalous Dicotyledoneae. vol. 2. 655 pp. In H. A. Gleason Ill. Fl. N. Ou.S. (ed. 3). New York Botanical Garden, Nova York.