Saltar ao contido

Citania de Sanfins

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Citania de Sanfins
FreguesíaSanfins de Ferreira e Eiriz
ConcelloPaços de Ferreira
DistritoO Porto
PaísPortugal
Id. catálogoDec. Nº 35817, DG, 187, 1ª SÉRIE, 20 de agosto de 1946.
Cronoloxía
Datas de ocupaciónséculo V a.C. a século II d.C.
Data da descuberta1944
Períodos de escavación1946
Estado actualEscavado, visitable.
Extensión estimadamáis de 15 ha. ha.
Véxase tamén
Castros de Portugal
Citania de Sanfins
Citania de Sanfins
Sauna castrexa
Núcleo familiar - Citania de Sanfins

A Citania de Sanfins (en portugués: Citânia de Sanfins) é un sitio arqueolóxico da Idade de Ferro do norte de Portugal. É unha das citanias máis características da Cultura castrexa do noroeste da Península Ibérica. Localízase case na súa totalidade na freguesía portuguesa de Sanfins de Ferreira e a parte suroeste na freguesía de Eiriz, ambas as dúas no concello de Paços de Ferreira, distrito do Porto.

Está clasificada polo IPPAR (Instituto Português do Património Arquitetónico) como monumento nacional (Dec. Nº 35817, DG, 187, 1ª SÉRIE, 20 de agosto de 1946).

Descrición

[editar | editar a fonte]

Xurdiu por volta do século I a.C. e ocupa unha área de cerca de 15 hectáreas, nun outeiro integrado nunha zona montañosa de afloramentos graníticos, nun lugar estratéxico entre a rexión do Douro e do Miño.

Hai vestixios da ocupación do lugar do castro dende o século V antes de Cristo, aínda que a gran cidade se desenvolveu no tempo dos galaicos, creada entre os séculos II e I a.C.

Nesa época, estímase que alí moraban tres mil persoas, unha poboación que vivía esencialmente de traballar o ferro, con gran vocación guerreira, ficando outras actividades económicas, como a agricultura, a cargo doutros castros dos arredores, dela dependentes.

Era a cidade-sede dunha rexión máis vasta, que abranguía as actuais Valongo, Maia e Penafiel, e onde estaba o poder político e militar. Os romanos acabarían chegando a aló poucos anos antes do nacemento de Cristo, mais con dificultade.

Os primeiros estudos desta citania débense aos historiadores Francisco Martins Sarmento e a Leite de Vasconcelos. As escavacións iniciáronse en 1944 e prolongáronse por máis de cincuenta anos.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

A citania estaba protexida por varias liñas de murallas. As murallas defensivas adáptanse de forma notábel ao terreo, cunha planificación regular e un rueiro ortogonal.

Pedra formosa

[editar | editar a fonte]

A sauna castrexa, edificio destinado aos baños públicos, salienta pola súa técnica construtiva e por posuír unha espectacular pedra formosa con motivos celtas.

“Disque algúns dos pobos das marxes do río Douro viven á maneira dos Laconio (Esparta). Úntanse con óleo dúas veces (por día) en lugares especiais e toman baños de vapor, feito con pedras aquecidas no lume e (despois) báñanse en auga fría.” [1]

Núcleo familiar

[editar | editar a fonte]

A citania posúe máis de cento cincuenta construcións de planta circular e rectangular, agrupadas en corenta conxuntos de unidades familiares. Recentemente foi restaurado un núcleo familiar.

“No día a día beben cervexa e, raramente, viño. O pouco que conseguen, a présa o consomen nas festas familiares... neses banquetes séntanse en bancos construídos ao redor dos muros, ocupando os lugares segundo a idade e a dignidade. A comida circula de man en man. Mentres beben, bailan e fan coros ao son da frauta e da gaita, dando saltos no ar e caendo de xeonllos...” [2]
  1. Estrabón, Xeografía 3.3.6
  2. Estrabón, Xeografía, 3.3.7

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Paços de Ferreira - As origens do povoamento: do megalitismo à romanização - Estudos Monográficos, Armando Coelho Ferreira da Silva, 1986

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]