Saltar ao contido

Demetrio Zorita Alonso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaDemetrio Zorita Alonso

Zorita saíndo da cabina do avión Mystère, co que realizou o voo supersónico en 1954. Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento5 de outubro de 1917 Editar o valor en Wikidata
Ponferrada, España Editar o valor en Wikidata
Morte27 de novembro de 1956 Editar o valor en Wikidata (39 anos)
Torrejón de Ardoz, España Editar o valor en Wikidata
Causa da morteaccidente de aviación Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de San Justo de Madrid Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Conflitoguerra civil española Editar o valor en Wikidata

Demetrio Zorita Alonso, nado en Ponferrada (León) o 5 de outubro de 1917 e finado en Torrejón de Ardoz (Madrid) o 27 de novembro de 1956, foi un militar e aviador español. Foi o primeiro aviador do seu país en superar a chamada barreira do son ou velocidade do son.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Guerra civil española

[editar | editar a fonte]

Cando estalou a guerra civil española, Zorita tiña 18 anos e estaba a prepararse para ingresar na Escola de enxeñaría de camiños. Sorprendeuno de vacacións en León mentres a súa familia quedara en Madrid. Zorita permaneceu en León e nove meses despois de estalar a guerra incorpórase ao bando sublevado. O 13 de abril de 1937 ingresou como voluntario no Rexemento de Infantaría «Burgos» nº 31 de León, que se atopaba combatendo na Fronte de León, no sector de La Robla.

A finais de abril o seu batallón foi destinado á fronte norte e o 28 de abril designóuselle a protección da praza de Gernika-Lumo. O 10 de maio o seu batallón foi enviado á fronte de Biscaia, onde participou en diversos combates nas semanas seguintes.

En setembro foi destinado á Plana Maior do Primeiro Batallón, estacionado na Fronte de León. Participou en diversos combates nesa fronte, até que a finais de outubro foi seleccionado para realizar o curso de piloto de avión.

Tras incorporarse á base aérea de Tablada (Sevilla) foi seleccionado polos seus coñecementos de alemán para realizar o curso de piloto a Alemaña. Partiu en decembro de 1937 e regresou o 17 de xullo de 1938. Recibiu o título de Piloto Militar de Aeroplano, ascendido a alférez provisional de Aviación e destinado á escuadrilla de caza 8-E-3, destacada en Sevilla. O 8 de agosto realizou a súa primeira misión de guerra, na Fronte de Andalucía. Estabeleceu combate por primeira vez o 12 de agosto coa súa escuadrilla no sector de Cabeza del Buey contra varios Polikarpov I-15 republicanos.

O 7 de outubro tomou o mando da súa escuadrilla o capitán Arístides García-López Rengel, un ás que terminou a guerra con 17 avións derrubados. Os meses seguintes continuou combatendo na fronte de Andalucía, onde reclamou unha derruba probábel dun caza I-15 o 9 de febreiro de 1939. En marzo de 1939 a súa escuadrilla incorporouse ao grupo de caza 2-G-3, que formaba parte da 7ª Escuadra de Caza do Comandante Joaquín García-Morato. O nome da súa escuadrilla pasou de denominarse 8-E-3 a 4-E-3.

Finalizou a guerra con máis de 400 horas de voo, 119 servizos de guerra e polo menos 7 combates aéreos.[1]

Posguerra

[editar | editar a fonte]

En agosto de 1939 foi destinado ao 21º Grupo de Caza en Xetafe, e en setembro ascendeu a tenente provisional. En maio de 1940 ingresou como alumno da 1ª Promoción na Academia de Aviación de León para facer o curso de capacitación para Oficial Profesional de Aviación.

Segunda guerra mundial

[editar | editar a fonte]

Un ano e nove meses despois de empezada a segunda guerra mundial, o 22 de xuño de 1941, o exército nazi invadiu a Unión Soviética. O réxime de Franco decidiu enviar a División Azul, un conxunto de voluntarios para apoiar a Alemaña nazi contra Stalin. Isto permitiría a Franco devolver o apoio de Hitler durante a guerra civil mentres mantiña a España como estado non belixerante.

O Exército do Aire, pola súa parte, creou a 1ª Escuadrilla Expedicionaria de Voluntarios (ou 1ª Escuadrilla Azul) para combater na Fronte Oriental coa Luftwaffe alemá. O 85% dos homes pilotos ou observadores na aviación española ofrecéronse voluntarios. A mediados de xullo Zorita e os outros 16 pilotos seleccionados para formaren a 1ª Escuadrilla Azul son concentrados no Aeródromo de Barajas. Alí realizan diversos voos de adestramento en cazas Me-109, o principal modelo de avión da Luftwaffe en 1941.

A finais de xullo partiu á escola de caza de Werneuchen, preto de Berlín. Durante o mes de agosto recibiu alí adestramento nas tácticas e procedementos da Luftwaffe. Como falaba alemán, Zorita foi designado polo Comandante da Escuadrilla Ángel Salas Larrazábal para partir cara á Fronte Oriental o 23 de agosto como avanzada da escuadrilla. O día seguinte saíu en misión de combate incorporado a unha escuadrilla alemá desde o aeródromo de Soltzy nun Me-109.

O 27 de agosto entrevistouse con Wolfram von Richtofen, quen dirixira a Lexión Cóndor durante a Guerra Civil Española. Richtofen tiña baixo as súas ordes, entre outros, ao 27º Grupo de Caza, ao cal se ía incorporar a 1ª Escuadrilla Azul.

O 28 de agosto regresou a Werneuchen cos seus compañeiros. Permaneceu na escola de caza até o 4 de outubro en que partiu para a fronte. Ese mesmo día participou nunha misión de combate na Fronte Oriental. Durante os seguintes meses realizou diversos servizos de guerra. O 30 de novembro incendiou unha avioneta no chan, nos arredores de Moscova.

O 6 de decembro foi nomeado Tenente Profesional da Escala do Aire. Pasou a depender administrativamente do 21º Grupo de Caza de Xetafe.

O 12 de decembro ordenouse o repregamento da Escuadrilla á retagarda e non volveu entrar en combate. Foi repatriada en marzo de 1942. A 1ª Escuadrilla Azul serviu un total de 6 meses entre adestramentos, combates na fronte (que foron dous deles) e retagarda. Sufriu 5 baixas dos 17 pilotos que a compuñan.

Exército do Aire

[editar | editar a fonte]

En marzo de 1942 regresou a España e incorporouse como piloto ao 21º Grupo de Caza de Xetafe. O 27 de maio foi destinado ao 29º Grupo de Caza de Gando (As Palmas). O 1 de agosto de 1944 foi nomeado xefe da 1º Escuadrilla do 29º Grupo de Caza.

O 4 de abril de 1945 foi ascendido a capitán e quedou como dispoñible forzoso na Zona Aérea de Canarias e África. O 24 de abril foi destinado á Academia de Aviación de León e pasou a formar parte da Plana Maior.

O 12 de xuño de 1945 contraeu matrimonio nas Palmas de Gran Canaria con María del Carmen Rieckers, a quen coñecera durante a súa estadía na cidade. O matrimonio tivo tres fillos: Demetrio (quen seguiu a carreira do pai), Ana María e José.

En outubro de 1946 foi destinado como profesor fixo á Academia de Aviación de León. En novembro de 1947 pasou á Academia Xeral do Aire e en 1949 ao Estado Maior do Aire. Ese ano ascendeu a Comandante de Aviación. En 1952 pasou en comisión de servizo ao Escuadrón Experimental de Voo, na Base Aérea de Torrejón de Ardoz, do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial. En febreiro de 1953 incorporouse no persoal como 2º Xefe da unidade.

Barreira do son

[editar | editar a fonte]

A velocidade do son, uns 1235 km/h, supuña unha dura proba polos fenómenos aerodinámicos, estruturais e fisiolóxicos que experimentaban tanto o piloto coma a aeronave, non comprendidos daquela. O primeiro piloto en romper de maneira oficial a barreira do son fora o estadounidense Chuck Yeager. O 14 de outubro de 1947 voara a Mach 1 no avión experimental Bell X-1 a unha altitude de 45.000 pés.[2]

En 1953 o goberno de Francia convidou o de España a mandar pilotos para un curso experimental de aparellos a reacción. O INTA designou a Zorita e a outros dous compañeiros: o capitán de Enxeñeiros Aeronáuticos Emilio González García e o Tenente axudante Luis Casado de Pablos. Foron enviados á Escola de Pilotos de Probas (Centre d´Essais en Vol) da Base Aérea secreta de Brétigny-sur-Orge (Francia). Tras varios meses de prácticas, o director do Centro concedeulle a Zorita autorización para tentar pasar a barreira do son.

O 5 de marzo de 1954 converteuse no primeiro español en atravesar a barreira do son, a bordo dun avión Dassault MD 452 Mystère II da Forza Aérea de Francia.[3] O parte de voo recolle:

«Aos 12 minutos e 40 segundos e a 44.000 pés de altura, o indicador de Mach marca 0,8. Hai moitas nubes e só vexo unha parte da pista, case debaixo de min. A esta velocidade póñome case en invertido e tiro da panca para porme en vertical. Nese momento meto os gases a fondo. Ao tirar da panca o avión entra en perda pero, despois dalgunhas sacudidas obedece e atópome en picado á vertical co morro apuntando a uns 3 ou 5 quilómetros do campo. Segue subindo o indicador e estabilízase en 1,01 Mach. Nese momento comezo a recoller suavemente para “varrer” o aeródromo e que ouzan no chan o “bam-bam”. Saín do picado a 27.000 pés. Uns 35 segundos despois creo que se ouven no aeródromo dous “bam” moi seguidos e felicítanme por radio. Termino o voo sen novidade. Alcancei de 1,03 a 1,04 mach e a velocidade supersónica mantívena durante 6 segundos».

Amais de Yeager, antes de Zorita xa a atravesaran 22 aviadores no Mystère II, e 10 máis morreran cando el a superou. Estreláranse 11 dos 15 prototipos do aparello fabricados.

Ao coñecerse a noticia en España, o Xefe do Estado Maior do Aire, o xeneral Longoria, felicitou por telegrama «ao primeiro piloto español que cruzou a barreira do son». A nova tivo moita repercusión na prensa española e francesa, pois era un tema de actualidade debido ao número de fracasos. O filme inglés The Sound Barrier, de David Lean, causara grande impacto ao expor as angustiosas sensacións de pilotos, familiares, enxeñeiros, médicos, mecánicos, patróns e directivos nesa clase de probas.[4]

En Francia foille imposta a Gravata Supersónica, distintivo dos pilotos que superaran a barreira do son. Recibiuna de mans do piloto francés Constantin Rozanoff, falecido nun accidente aéreo o mes seguinte.

Durante a súa estadía en Bretigny pasou a barreira do son varias ocasións máis e terminou o curso de piloto de probas como número 1 da promoción. O Xefe do Centro de Ensaios en Voo francés, o Coronel Bonte, ofreceulle quedar como profesor na escola de xeito definitivo, mais declinou a proposta.

En marzo de 1956 foi nomeado xefe do Escuadrón de Experimentación en Voo no INTA de Torrejón de Ardoz.

Cara a 1955 as empresas españolas Aeronáutica Industrial S.A. (AISA) e Construcciones Aeronáuticas S.A. (CASA) rivalizaban por un pedido de 50 exemplares dunha avioneta de enlace para o Exército do Aire. As empresas desenvolveran cadanseu prototipo. CASA presentara a Dornier Do-25, deseñada na Oficina Técnica Dornier en Madrid. A proposta de AISA era a AVD-12C, deseñada polo enxeñeiro aeronáutico e empresario francés Emile Dewoitine.

O Escuadrón de Experimentación en Voo de Zorita tiña a tarefa de avaliar os prototipos. Os fallos da Dewoitine ficaron reflectidos nun duro informe do piloto Miguel Entrena tras probala no aeroporto de El Prat de Barcelona. Achegábase a fin do período de avaliación, polo que se lle deu unha nova oportunidade sen realizarlle modificacións.

Ás 12:40 horas do 27 de novembro de 1956, Zorita engalou desde a Base Aérea de Torrejón de Ardoz na avioneta I.18 X.L.10 AVD-12C (94-11) para realizar unha proba. Durante o voo perdeu o control do aparello, co que se estrelou e morreu no acto. O fallo foi un flutter idéntico ao sufrido por Entrena.

Recibira un gran número de condecoracións durante a súa carreira, entre elas a Cruz de Guerra e a Cruz do Mérito Aeronáutico. Concedéuselle a Medalla Aérea, máxima condecoración aeronáutica en tempos de paz, e foi ascendido a tenente coronel, en ambos os casos a título póstumo.

Durante a súa carreira militar realizou un gran número de cursos. Entre outros formouse como:

  • Tripulante de Avión de Guerra
  • Tripulante de Voo sen Motor
  • Diplomado en Estado Maior
  • Voo sen Visibilidade
  • Voo Nocturno
  • Navegante
  • Curso de especialización de Cartografía e Aerofotografía
  • Socorro Aire-Terra nos Alpes co Servizo de Busca e Salvamento italiano
  • Curso de Transmisións

En 1956 era un dos pilotos máis completos do Exército do Aire, con case 4500 horas de voo en máis de 80 tipos de avións diferentes.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]
  1. Roldán Villén, Adolfo. "Demetrio Zorita Alonso". Real Academia de la Historia (en castelán). 
  2. Krystal, Becky (7 de decembro de 2020). "Chuck Yeager, test pilot who broke sound barrier, dies at 97". The Washington Post (en inglés). Consultado o 28 de agosto de 2023. 
  3. Ministerio del Aire (marzo de 1954). "El Comandante Zorita rompe la barrera del sonido" (PDF). Revista de Aeronáutica (en castelán) (160): 211. 
  4. Ejército del Aire (xullo de 1979). "Ayer, hoy y mañana". Revista de Aeronáutica y Astronáutica (en castelán) (463): 641–644. 
  5. "Calle Comandante Zorita". Cosinas de León (en castelán). 4 de maio de 2011. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Archivo Histórico General del Aire. Expediente Personal de Demetrio Zorita Alonso. (en castelán). Ministerio de Defensa. 
  • Caballero Jurado, Carlos (2014). Españoles en la Luftwaffe - Escuadrillas Azules en Rusia (en castelán). Tikal. ISBN 9788499283210. 
  • Herrera Alonso, Emilio (2001). Cien aviadores de España (en castelán). Madrid: Ministerio de Defensa. Centro de Publicaciones. ISBN 9788478237913.