Saltar ao contido

Alférez provisional

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Divisa de alférez provisional

Alférez provisional foi un grao militar de España durante a guerra civil española na zona franquista. Denominábase «provisional» porque só se ostentou esa gradación durante a contenda.[1]

A figura de alférez provisional foi creada en setembro de 1936 polo decreto nº 94 da Xunta de Defensa Nacional. O obxectivo era pór solución á escaseza de oficiais no seo das forzas armadas sublevadas e tamén pola necesidade de novos oficiais para as unidades militares de novo cuño.[2] Ao parecer xurdiu por idea do xeneral Emilio Mola Vidal.[3] Quen aspirasen a seren alféreces provisionais debían ter entre 20 e 30 anos e posuíren o título de bacharelato.[4]

Habilitáronse os membros do corpo de suboficiais para ingresaren nos alféreces provisionais.[5] Moitos antigos combatentes das milicias falanxistas e carlistas tamén ingresaron nos alféreces. Por diversos puntos da zona franquista creáronse centros de instrución para os aspirantes a este novo rango.[7] Durante a contenda saíron das academias máis de 28 000-30 000 alféreces provisionais, dos que preto de 3000 morreron en combate. A media de idade destes era de 21 anos e un 50 % eran estudantes universitarios. Amais da preparación militar tamén recibían formación política, relixiosa e moral.[1]

O seu distintivo era unha estrela dourada de seis puntas, deseñada polo xeneral Luis Orgaz, sobre un parche negro.[8]

Tras o fin da guerra moitos dos alféreces provisionais abandonaron as armas e regresaron á vida civil. Porén, outros continuaron a carreira militar. Foi o caso de 8000 alféreces que se converteron en tenentes provisionais e outros 500 convertéronse en capitáns.[6] En 1958 constituíuse en Madrid a Irmandade de Alféreces Provisionais, que acabou por ser a organización de excombatentes franquistas de maior influencia.[9]

Homenaxes

[editar | editar a fonte]
Monumento ao alférez provisional en Madrid

O 23 de maio de 1965 inaugurouse en Madrid un modesto monumento «ao Alférez provisional», nunha cerimonia na que estivo presente o ministro de Comercio Alberto Ullastres.[10][11][12] Está situado entre as rúas Méndez Núñez e Felipe IV, xunto á fachada oeste do Casón del Buen Retiro, no barrio de Jerónimos (distrito de Retiro).

Polémica

[editar | editar a fonte]

O 1 de febreiro de 2016, Celia Mayer, daquela delegada da área de Cultura e Deportes do Concello de Madrid, ordenou retirar o monólito ao Alférez Provisional en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Porén, non llo comunicou á Comisión de Patrimonio do Concello nin á Dirección Xeral de Patrimonio da Comunidade de Madrid. Así o obrigan a lei e a normativa municipal ao ser un monumento protexido por erixirse nunha zona declarada Ben de Interese Cultural.[13] O 18 de febreiro a entón alcaldesa de Madrid Manuela Carmena mandou repor o monumento nas mesmas condicións en que estaba.[14][15]

O 18 de novembro de 2016 Mayer foi citada nos xulgados de praza de Castilla en calidade de investigada por prevaricación, debido a unha querela interposta pola Fundación Nacional Francisco Franco.[16] Con todo, esta foi finalmente arquivada o 17 de xullo de 2017, cando Carmena xa lle retirara as competencias sobre Memoria Histórica.[17]

  1. 1,0 1,1 Alcalde 2014.
  2. Alcalde 2014, p. 99.
  3. Rodríguez González 2005, p. 29.
  4. Fernández Soria 1984, p. 192.
  5. Peña López & Alonso González 2004, p. 26.
  6. 6,0 6,1 6,2 Alcalde 2014, p. 101.
  7. As primeiras academias de Alféreces provisionales foron estabelecidas en Burgos e Sevilla en setembro de 1936.[6] Posteriormente abríronse centros de formación en Granada, Ávila ou Dar Riffien, cuartel de Tetuán, entre outros. As academias foron reformadas polo xeneral Luis Orgaz en 1937.[6]
  8. Alcalde 2014, p. 104.
  9. Rodríguez Jiménez 1994, p. 103.
  10. Richards 2013, p. 150n.
  11. "Al Alférez Provisional". ABC (en castelán). 22 de maio de 1965. Consultado o 25 de agosto de 2023. 
  12. "La antigua Plaza de la Academia recibe el nombre de Alférez Provisional". ABC (en castelán) (Madrid). 25 de maio de 1965. p. 83. Consultado o 25 de agosto de 2023. 
  13. Olaya, Vicente G. (2 de febreiro de 2016). "Carmena inicia sin avisar el derribo de los monumentos franquistas". El País (en castelán) (Madrid). Consultado o 25 de agosto de 2023. 
  14. Olaya, Vicente G. (18 de febreiro de 2016). "El Ayuntamiento repondrá el monolito al alférez provisional". El País (en castelán) (Madrid). Consultado o 25 de agosto de 2023. 
  15. "El ayuntamiento de Carmena repone el monumento al Alférez Provisional tras retirarlo hace dos semanas" (en castelán). 18 de febreiro de 2016. Consultado o 25 de agosto de 2023. 
  16. Costantini, Luca (18 de novembro de 2016). "Celia Mayer, investigada por retirar el monumento al Alférez Provisional". El País (en castelán) (Madrid). Consultado o 25 de agosto de 2023. 
  17. "Archivada la querella contra Celia Mayer por la retirada del monolito al Alférez Provisional". El Mundo (en castelán) (Madrid). 14 de xullo de 2017. Consultado o 25 de agosto de 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Alcalde, Ángel (2014). Los excombatientes franquistas (1936-1965) (en castelán). Zaragoza: Prensas de la Universidad de Zaragoza. ISBN 9788416028634. 
  • Cancio, Raúl C. (2011). Fuerzas especiales en la Guerra Civil Española (en castelán). Madrid: Ministerio de Defensa. ISBN 9788497816854. 
  • Fernández Soria, Juan Manuel (1984). Educación y cultura en la guerra civil: España 1936-39 (en castelán). NAU Llibres. ISBN 9788485630769. 
  • López Muiños, Juan (1993). Algunos aspectos de la ingeniería militar española y el cuerpo técnico (en castelán). Madrid: Ministerio de Defensa. ISBN 9788478232437. 
  • Peña López, Juan Manuel; Alonso González, José Luis (2004). La Guerra civil y sus banderas, 1936-1939 (en castelán). Agualarga. ISBN 9788495088727. 
  • Richards, Michael (2013). After the Civil War: Making Memory and Re-Making Spain since 1936 (en castelán). Cambridge University Press. ISBN 9780521728188. 
  • Rodríguez González, Félix (2005). Diccionario de terminología y argot militar (en castelán). Editorial Verbum. ISBN 9788479623340. 
  • Rodríguez Jiménez, José Luis (1994). Reaccionarios y golpistas: la extrema derecha en España: del tardofranquismo a la consolidación de la democracia, 1967-1982 (en castelán). Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. ISBN 9788400074425. 
  • Rodríguez Jiménez, José Luis (2012). "La prensa de extrema derecha en la transición del franquismo a la democracia (1973-1982)". El Argonauta español (en castelán) (9). ISSN 1765-2901. doi:10.4000/argonauta.1421. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]