Lei de memoria histórica de España
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
- Esta lei foi derogada pola Lei 20/2022, de memoria democrática, que entrou en vixencia o 21.10.2022
A Lei de memoria histórica ou Lei pola que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, é unha lei española aprobada polo Congreso dos Deputados o 31 de outubro de 2007[1][2] partindo do texto do proxecto de lei previamente aprobado polo Consello de Ministros o día 28 de xullo de 2006, sendo Presidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero.
Inclúe o recoñecemento de todas as vítimas da guerra civil e as vítimas da ditadura, pero non a apertura de fosas comúns, nas que aínda xacen os restos das vítimas das represalias dos sublevados na guerra civil, realizadas desde entidades privadas (como a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica -ARMH- e o Foro pola Memoria) ou comunidades autónomas.
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica -ARMH, pioneira na exhumación científica de fosas comúns de asasinados pola ditadura franquista, criticou que no seu preámbulo o texto afirma que a memoria das vítimas do franquismo é persoal e familiar; negando dese modo no seu marco de formulacións que os delitos do franquismo son cometidos contra toda a sociedade e a humanidade e o deber do Estado de practicar políticas públicas que garantan ás vítimas dos delitos máis graves que existen o seu dereito á verdade, á xustiza e á reparación.
A insatisfacción co texto da lei é o que levou a catorce asociacións memorialistas a presentar unha denuncia por centos de desaparicións ante a Audiencia Nacional o 14 de decembro de 2006.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]En 1969 Francisco Franco ditou o Decreto-Lei 10/1969, polo que prescribían todos os delitos cometidos antes de 1 de abril de 1939,[3] (é dicir, o final da guerra civil). Devandito Decreto-Lei foi ditado ós trinta anos de acabada a guerra civil.
Coa chegada da democracia fóronse promulgando unha serie de decretos e leis específicas para tratar de compensar as penalidades e sufrimentos daqueles que padeceron os avatares da guerra no bando republicano ou prisión na época franquista. Algunhas delas foron:
- Decreto 670/1976, de 5 de marzo, polo que se regulan pensións a favor dos españois que, sufrindo mutilación por mor da pasada contenda, non poidan integrarse no corpo de cabaleiros mutilados de guerra pola patria.
- Lei 46/1977, de 15 de outubro, de Amnistía. http://www.filosofia.org/hem/dep/boe/9771017.htm
- Lei 5/1979, de 18 de setembro, sobre recoñecemento de pensións, asistencia médico-farmacéutica e asistencia social a favor das viúvas, fillos e demais familiares dos españois falecidos como consecuencia ou con ocasión da pasada guerra civil.
- Lei 35/1980, de 26 de xuño, sobre pensións ós mutilados excombatentes da zona republicana.
- Lei 6/1982, de 29 de marzo, de pensións ós mutilados civís de guerra.
- Lei 37/1984, de 22 de outubro, de recoñecemento de dereitos e servizos prestados a quen durante a guerra civil formaron parte das forzas armadas, forzas de orde pública e corpo de carabineiros da República.
- Disposición adicional décimo oitava da lei 4/1990, de 29 de xuño, de Orzamento Xerais do Estado para 1990, que determina as indemnizacións a favor dos que sufriron prisión como consecuencia dos supostos contemplados na lei 46/1977, de 15 de outubro, de amnistía.
Todas estas leis, decretos e disposicións foron mellorados e ampliados por algunhas comunidades autónomas.
O 28 de outubro de 2007, o Congreso dos Deputados aprobou a Lei pola que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas a favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, comunmente coñecida como "Lei para a memoria histórica". O día 10 de decembro, foi aprobada no Senado.[4][5]
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]O programa electoral do PSOE para as eleccións de 2004 non incluía ningunha mención á "memoria histórica". Soamente fala da creación dun Centro Estatal de Documentación e Investigación Histórica sobre a Guerra Civil e o Franquismo, dentro da área de cultura do programa:
Creación do Centro Estatal de Documentación e Investigación sobre a Guerra Civil e o Franquismo. Concentrando no actual Arquivo Histórico de Salamanca (funcionalmente desaparecido) as capacidades de consulta, investigación e exhibición, a través de soportes físicos ou virtuais dixitalizados, sobre a totalidade dos fondos existentes, de titularidade pública ou privada, en todo o estado español, relacionados co período comprendido entre 1936 e 1975: o Patrimonio como memoria reconciliadora.Programa Electoral do PSOE para as Eleccións Xerais de 2004. Obxectivos estratéxicos dun novo ministerio para a cultura e a comunicación.[6]
Tampouco no seu discurso de investidura,[7] o presidente José Luis Rodríguez Zapatero mencionou a memoria histórica ou outros proxectos relacionados.
O proceso que derivou na aprobación do mesmo iniciouse o 10 de setembro de 2004 coa aprobación dun Real Decreto de creación dunha comisión interministerial (a Comisión Interministerial para o Estudo da Situación das Vítimas da Guerra Civil), presidida pola vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega para o estudo da situación das vítimas da Guerra Civil e o franquismo, e buscase a súa "rehabilitación moral e xurídica".[8] O traballo da comisión non produciu resultados durante o ano seguinte e os entón socios preferentes do goberno, Esquerra Republicana de Catalunya e Esquerda Unida, expresaron o seu descontento pola falta de resultados da comisión, presentando, o 18 de novembro de 2005, senllas proposicións de lei para a recuperación da memoria histórica.[9]
O 22 de xuño de 2006 aprobouse no Congreso dos Deputados coa única oposición do Partido Popular que o ano 2006 fose declarado ano da memoria histórica. O 28 de xuño dese ano, o goberno presentou un proxecto de lei, co nome de Proxecto de lei pola que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura[10] que foi criticado tanto polo Partido Popular como por Esquerra Republicana de Catalunya e Esquerda Unida, que mesmo presentaron proxectos alternativos.[11]
Durante o mes de outubro de 2007, culminaron as negociacións entre o PSOE, Esquerda Unida, o PNV e BNG para tramitar o proxecto de lei de forma que fose aprobado antes da finalización da lexislatura.[12]
Disposicións
[editar | editar a fonte]Despois do longo proceso de xestación da lei, as súas disposicións foron as seguintes:
- Xuízos sumarios do franquismo: a lei recoñece no seu preámbulo o carácter radicalmente inxusto de todas as condenas, sancións e violencia persoal [..] durante a Guerra Civil e [..] a Ditadura". Os tribunais franquistas e as súas condenas, ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza [..] contra quen defenderon a legalidade institucional anterior, pretenderon o restablecemento dun réxime democrático en España ou tentaron vivir conforme a opcións amparadas por dereitos e liberdades hoxe recoñecidos pola Constitución, son declarados "ilexítimos". Con todo, aínda que os xuízos non son anulados, o preámbulo da lei establece que ante as demandas de revisión de xuízos, a Xustiza non poderá rexeitalas invocando as leis da ditadura, definidas como represoras e contrarias ós dereitos fundamentais, como ocorreu até a actualidade.
- Axudas ós represaliados: as axudas existentes ás vítimas do franquismo e ás súas familias (pensións, compensacións financeiras) son estendidas. Ademais, poderán beneficiarse con até 135.000 euros as familias das persoas falecidas en defensa da democracia entre o 1 de xaneiro de 1968 e o 6 de outubro de 1977.
- Véxase tamén: Comisión de indemnizacións a ex presos sociais.
- Fosas comúns: o Estado axudará á localización, identificación e eventual exhumación das vítimas da represión franquista cuxos cadáveres se atopan aínda desaparecidos, a miúdo enterrados en fosas comúns.
- Símbolos franquistas: a lei establece que os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva do levantamento militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura deberán ser retiradas dos edificios e espazos públicos. A retirada non será de aplicación cando [..] concorran razóns artísticas, arquitectónicas, ou artístico-relixiosas protexidas pola lei, o cal poderá aplicar a igrexas.
Só en Andalucía fixeron un inventario de 595 fosas na que se descoñecen o número total de cadáveres.[13]
- Val dos Caídos: rexerase polas normas aplicables a lugares de culto e relixiosos. Disponse a súa despolitización, prohibíndose os actos de natureza política [..] exaltadores da Guerra Civil, dos seus protagonistas, ou do franquismo e que a fundación xestora do Val incluirá entre os seus obxectivos honrar e rehabilitar a memoria de todas as persoas falecidas a consecuencia da Guerra Civil de 1936-1939 e da represión política que lle seguiu.
- Brigadistas Internacionais: concederáselles a nacionalidade española sen que teñan que renunciar á propia.
- Nacionalidade para Fillos e Netos de exiliados: A pesar de estar incluída como Disposición Adicional dentro da Lei de memoria histórica, o Apartado Primeiro da Disposición Adicional 7a permite optar pola nacionalidade española ós fillos de persoas que fosen orixinariamente españolas, sen importar a data de nacemento nin o lugar de nacemento destas. É dicir que na práctica pode optar calquera neto de home emigrante desde que este mantivese a nacionalidade española até polo menos o nacemento do seu fillo no exterior. É de lembrar que até o 29 de decembro de 1978 era o home quen transmitía a nacionalidade ós seus fillos, de modo que estes puideron ser orixinariamente españois sen importar o seu país de nacemento, dando así dereito ós seus propios fillos a optar polo Apartado Primeiro, sen importar a data de emigración do avó. Polo Apartado Segundo da Disposición Adicional 7a, poden optar os netos de quen perdesen ou tivesen que renunciar á nacionalidade como consecuencia do exilio. É dicir que para poder optar por este Apartado si é necesario ter en consideración a data de emigración de España do avó ou avoa, pois se presume a condición de exiliado de calquera que emigrase de España no período comprendido entre o 18 de xullo de 1936 e o 31 de decembro de 1955. A Disposición Adicional 7a estará en vixencia até o 27 de decembro de 2011.
- Centro Documental da Memoria Histórica: créase o Centro Documental da Memoria Histórica en Salamanca, no que se integrará o Arquivo Xeral da Guerra Civil.
Críticas
[editar | editar a fonte]O Partido Popular e diversos medios de comunicación de carácter conservador criticaron estas iniciativas alegando que abren vellas feridas. Outros medios chegan a afirmar que con estas accións, José Luis Rodríguez Zapatero pretende "gañar a guerra civil que se enterrou e superou coa Transición e pretende establecer a lexitimidade democrática en 1931, non en 1978" (Luís María Ansón, 4/10/2005).
Os aliados preferentes do goberno ó comezo da lexislatura, Esquerra Republicana de Catalunya e Esquerda Verde, criticaron a tardanza do goberno en aprobar a lei de recuperación da memoria histórica prometida en 2004 e atrasada en tres ocasións, presentando as súas propias proposicións de lei en novembro de 2005.
Outro motivo de crítica contra esta lei é a alteración de material e monumentos históricos alegando que o principal motivo dos devanditos actos é a vinganza.
O goberno de Rodríguez Zapatero alega que é necesario lembrar para non volver cometer os mesmos erros e di que a oposición non entende que esta lei poida non reavivar vellas rifas, senón cicatrizar as feridas dunha gran parte de españois que teñen que cargar co esquecemento e con aquela humillación.
En xullo de 2007 o líder da oposición, Mariano Rajoy, prometía derrogar esta proposta de lei que cualificou como "asunto incomprensible" se conseguía gañar as seguintes eleccións (2008). Con todo, durante a súa tramitación por parte da Comisión Constitucional do Congreso o seu partido votou favorablemente varios dos seus artigos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BOE - LEI 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura
- ↑ El País, 1/11/2007, A lei de memoria apróbase entre aplausos de invitados antifranquistas
- ↑ "Referencia e ligazón ó Decreto-Lei 10/1969 polo que prescriben todos os delitos cometidos antes de 1 de abril de 1939". Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2008. Consultado o 05 de setembro de 2018.
- ↑ Estado de tramitación da lei no Senado Arquivado 29 de abril de 2012 en Wayback Machine..
- ↑ O Senado dá vía libre á Lei da Memoria Histórica pese ó veto de PP e ERC Arquivado 13 de decembro de 2007 en Wayback Machine., no diario ABC
- ↑ "Programa Electoral do PSOE para as Eleccións Xerais de 2004" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de febreiro de 2004. Consultado o 16 de marzo de 2011.
- ↑ "Sesión de Investidura 2004". psoe.es (en castelán). 15 de abril de 2004. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2019. Consultado o 03 de xullo de 2019.
- ↑ Real Decreto 1891/2004, de 10 de setembro, polo que se crea a Comisión Interministerial para o estudo da situación das vítimas da guerra civil e do franquismo.
- ↑ En busca da memoria histórica, El Mundo, 18 de novembro de 2005
- ↑ Proxecto de lei polo que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas en favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine..
- ↑ Proxecto de lei sobre Memoria Histórica Republicana e Antifascista.
- ↑ A Lei de Memoria Histórica verá a luz
- ↑ 595, inventario oficial de fosas
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Memoria histórica
- Franquismo
- Guerra civil española
- Segunda República Española
- Vítimas da guerra civil española
- Vítimas da persecución relixiosa durante a guerra civil española
- Imputados polo xuíz Garzón na causa contra o franquismo
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martín Pallín, José Antonio; Escudeiro Alday, Rafael (eds.) (2008). Dereito e memoria histórica. Editorial Trotta. ISBN 978-84-8164-964-2.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Observacións finais do Comité de Dereitos Humanos da ONU, acollendo con satisfacción a Lei da Memoria Histórica. (en inglés)
- Proxecto de Lei presentado o 8 de setembro de 2006. (en castelán)
- REPORTAXE: O recoñecemento ás vítimas do franquismo: Unha decena de cambios clave. Un ano, dous meses e sete días de negociacións entre os grupos, salvo o PP, provocaron modificacións notables do texto do Goberno, no diario El País. (en castelán)
- Historia e memoria, artigo de Miguel Herrero de Miñón en El País (24 de outubro de 2007). (en castelán)
- LEI 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas en favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura. (BOE nº 310, de 27/12/2007). (en castelán)
- «ERC presentará un proxecto no Congreso para modificar a Lei de memoria histórica» El País, 20 de novembro de 2008. (Consultado o 20-11-2008) (en castelán)