Saltar ao contido

Dictis Cretense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaDictis Cretense

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoséculo IV Editar o valor en Wikidata
Morteséculo IV Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

Descrito pola fontePaulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft
The Nuttall Encyclopædia >>>:Dictys Cretensis
Meyers Konversations-Lexikon, 4ª edición (1885–1890) Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1141337

Dictis Cretense ou Dictis de Creta (grego antigo: Δίκτυς ὁ Κρής), supostamente oriúndo de Cnosos en Creta, foi o lendario compañeiro de Idomeneo durante a Guerra de Troia, e o presunto autor dun diario sobre os sucesos vividos[1], que desenvolve algúns dos mesmos materiais preparados por Homero para a Ilíada. Co auxe da credulidade na Antigüidade tardía, a historia do seu diario, dirixida a un público alexandrino erudito e sofisticado, chegou a ser considerada literalmente certa.

No século IV un tal Q. Septimius ou Septimio Lucio publicou a Dictys Cretensis Ephemeridos belli Trojani (‘Dictis Cretense, crónica da Guerra de Troia’) en seis libros, unha obra que afirmaba ser a tradución latina da versión grega. O seu principal interese reside no feito de que, a medida que o saber grego decaía e desaparecía na Europa occidental, esta e o De excidio troiae historia de Dares Frixio foron as fontes desde as que as lendas homéricas foron transmitidas á literatura romanceira da Idade Media.

Unha elaborada historia marco presentada no prólogo ao texto latino detalla como sobreviviu o manuscrito desta obra, escrito en caracteres fenicios sobre taboíñas de madeira de tileiro ou cortiza: dicíase que estivera gardado nunha caixa de chumbo enterrada co seu autor, seguindo os seus desexos.

Alí permaneceu tranquila durante anos, ata que no décimo terceiro ano do reinado de Nerón o sepulcro quedou ao descuberto tras un terríbel terremoto, a arca quedou exposta á vista e foi descuberta por algúns pastores, quen tras chegar a saber que non contiña, como desexara ao principio, un tesouro, a levaron ante o seu señor Eupraxis (ou Eupráxides), quen á súa vez a presentou a Rutilio Rufo, o gobernador romano da provincia, quen enviou tanto a Eupraxis como o cofre ante o emperador. Nerón, tras ver que as letras eran fenicias, convocou á súa presenza a homes coñecedores desa lingua, grazas aos que puido explicarse o contido. Tras ser traducido completo ao grego, foi depositado nunha das bibliotecas públicas, e Eupraxis foi despedido cargado de recompensas.
Smith, W. A Dictionary of Greek and Roman biography and mythology[2].

O «nome» grego Eupraxis significa simplemente ‘accións correctas’, unha finalidade frecuente nas discusións sobre ética, e un nome incribelmente adecuado para quen achou o manuscrito.

O prólogo que caracteriza unha tradición de manuscritos é substituído na outra tradición principal por unha carta, coma se fose escrita por un Q. Septimio Romano para un Q. Arcadio Rufo, na que o autor, dando unha versión condensada da historia do achado, informa ao seu amigo de que, caendo o volume nas súas mans, se viu impulsado, por diversión propia e para a instrución dos demais, a traducilo ao latín. O editor moderno, Werner Eisenhut, conxectura que os dous grupos de manuscritos, ningún dos cales predomina claramente sobre o outro, representan dúas edicións publicadas na Antigüidade tardía[3]. Hai traducións de novo ao grego en época bizantina, expresadas como historias universais, ás que Smith engade:

Podemos engadir a este relato que os escritores do período bizantino, como Xoán Malalas, Constantino Porfiroxénito, Xurxo Cedreno, Constantino Manasés, Xoán e Isaac Tzetzes, entre outros, citan en gran parte a este Dictis como un autor da máis elevada e incuestionábel autoridade, e que foi certamente coñecido en época tan temperá como a de Eliano[2].

Códice e primeira edición impresa

[editar | editar a fonte]

A copia privada de Petrarca do Ephemeridos belli Troiani, a súa chave cara a Homero, é actualmente o Codex Parisinus Lat. 5690 da Biblioteca Nacional de Francia. A primeira edición impresa foi temperá, non posterior a 1471[4].

Na biblioteca do conde G. Balleani en Jesi descubriuse un manuscrito de Dictis, en gran parte do século IX, que foi descrito e recompilado por C. Annibaldi en 1907.

Orixinal grego

[editar | editar a fonte]

Os investigadores modernos non se puñan de acordo sobre se chegou a existir algún orixinal grego, pero todas estas dúbidas foron disipadas polo descubrimento dun fragmento grego nos papiros de Oxirrinco achado por Bernard Grenfell e Arthur Hunt en 1899-1900[5]. Isto revelou que a versión latina era tradución fiel.

  1. "Dictys Cretensis". Britannica.com (en inglés). Páxina web da Enciclopedia Británica. Consultado o 5 de xullo de 2013. 
  2. 2,0 2,1 Smith, W., ed. (1867). «Dictys Cretensis». A Dictionary of Greek and Roman biography and mythology. Boston: Little, Brown & Co. vol 1 pp. 1002 e 1004.
  3. Eisenhut, W. (ed.). Dictys Cretensis Ephemerídos Belli Troiani libri. In aedibus B.G. Teubneri. OCLC 43058130. 
  4. Gesamtkatalog der Wiegendrücke, nº 8324.
  5. O papiro foi reutilizado para fins contábeis no 206. "The Greek Dictys". The American Journal of Philology (3). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Enciclopedia Británica s.u. Dictys Cretensis.
  • Dares Frigio. Dictis Cretense (2001). Dares Frigio. Dictis Cretense. La Ilíada latina. Diario de la guerra de Troya de Dictis cretense. Historia de la destrucción de Troya de Dares Frigio. Editorial Gredos. Madrid. ISBN 9788424923136.  Madrid.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • Texto inglés no sitio Theoi; trad. de 1966 de R. M. Frazer, Jr. Indiana University Press (Publicacións da Universidade de Indiana).[1]
    • Textos francés e latino no sitio de Philippe Remacle (1944 - 2011); en cada capítulo, o título é rótulo activo que serve para cambiar ao outro idioma.
  • García Landa, J. A. (2004). «Homer in the Renaissance: The Troy Stories» (en inglés). Brown University. Consultado o 3 de setembro de 2007. 
  • Fraudes literarias entre os romanos, TAPA 25:140-164; en inglés.