Saltar ao contido

Dorcatragus megalotis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dorcatragus»)

Dorcatragus megalotis
Beira

Dorcatragus megalotis nunha lámina de
The Book of Antelopes, de Philip Sclater (1894)
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Subfamilia: Antilopinae
Tribo: Neotragini
Xénero: Dorcatragus
Noack, 1894
Especie: D. megalotis
Nome binomial
Dorcatragus melanotis
(Menges, 1894)
Especie tipo
Oreotragus megalotis
Menges, 1894
Distribución
Distribución

Sinonimia
  • Oreotragus megalotis Menges, 1894 [1]

O Dorcatragus megalotis é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos.[2][3]

É unha especie monotípica, isto é, a única do seu xénero. Non se recoñecen subespecies.[1][2][3]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O xénero foi descrito en 1894 polo zoólogo alemán Theophil Noack, nun traballo publicado en Zoologischer Anzeiger, 17: 202.[4]

A especie describíraa o mesmo ano, un pouco antes, o naturalista tamén alemán Joseph Menges, baixo o nome de Oreotragus megalotis, nun traballo publicado na mesma revista, Zoologischer Anzeiger, 17: 130.[4]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Dorcatragus é un termo do latín científico formado pola unión dos elementos dorca- e -tragus, tirados de substantivos do grego antigo. O primeiro é unha adaptación de δορκάσ dorkás, 'gacela',[5] e o segundo de τράγος trágos, "bode", "cabrón".[6] Literlamente, 'gacela-bode'.

O epíteto específico, megalotis, está formado así mesmo pola unión de dous elementos derivados do grego antigo, megal-, calco de μεγαλ-, derivado de μέγας, μεγάλη, μέγα mégas, megálē, méga, 'grande',[7] e -otis, de οὗς ὠτός oús, ōtós, 'orella'.[8] Literalmente, 'de orellas grandes'.

Nome vulgar

[editar | editar a fonte]

En practicamente todas as linguas modernas adoptouse o nome beira, derivado do seu nome en somalí,[9] beyrac.[10]

Características

[editar | editar a fonte]

Aparencia xeral

[editar | editar a fonte]

Os beiras son antílopes de pequeno tamaño, aínda que máis grandes que os dicdics, de corpo delicado e compacto, con silueta gacelina, con patas longas, sen cristas no curuto da cabeza, lombo arredondado e ancas máis altas que a cruz, e coas orellas enormes, a diferenza dos outros membros da tribo. A pelaxe é mesta e áspera, de coloración xeral parda amarelada agrisada en cabeza, pescozo e lombo, cunha banda máis escura nos flancos, separando as partes inferiores, máis claras, coas axilas e as inguas brancas. A cola é curta e moi poboada de pelo. Os pezuños son moi curtos, e presentan unha almofada ancha e grosa, elástica, na súa parte interna (que lles facilita camiñar polas rochas onde habitan). Só os machos presentan cornos, que son rectos, pequenos e rematados en punta e se presentan claramente separados. Presentan glándulas preorbitais e nos pezuños, e carecen de glándulas inguinais. As femias son similares aos machos, pero sen cornos e lixeiramente máis grandes e pesadas ca eles.[11][12][13]

Dimensións

[editar | editar a fonte]

Lonxitude de cabeza e tronco entre os 80 e os 86 cm; cola, de 6 a 7,5 cm; alzada (altura na cruz), de 50 a 60 cm. Lonxitude dos cornos, de 9 a 13 cm.
Peso, entre os 9 e os 11,5 kg.[11][12][13]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Os beiras habitan frecuentan en ladeiras rochosas ou pedregosas, en lugares onde a vexetación dominante é unha estepa arborada, con acacias e matogueiras.[14] En Somalilandia, en moitos sitios encóntranse en outeiros planos con ladeiras pedregosas empinadas.[15]

Distribución

[editar | editar a fonte]

É unha especie endémica das áridas terras do nordeste de África; encóntrase no extremo sur de Djibuti, estendéndose cara ao sur, polo norte de Somalia e o extremo nordeste de Etiopía. A parte principal da súa área de distribución encóntrase no norte de Somalia (Somalilandia), desde a fronteira con Djibouti, ao leste cara a Puntlandia. A súa presenza en Djibuti confirmouse en 1993.[1]

Os beiras son máis activos no serán e na noite, descansando nas horas centrais do día. Son extremadamente cautelosos e alármanse diante da menor perturbación, grazas a súa excelente audición, fuxindo a gran velocidade a través das rochas ou dos pedregais, saltando con axilidade de rocha en rocha nun terreo moi inclinado. Están adaptados ao clima árido e non necesitan auga, que a obteñen das plantas das que se alimentan. Son predominantemente comedores de ramallos e follas, pero tamén pacen cando encontran herba. Viven solitarios, ou en parellas, ou en pequenos grupos familiares (sempre cun só macho), pero se documentaron grupos máis grandes, probabelmente resultado da reunión de varios grupos familiares.[16][17]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A xestación dura seis meses, e só se rexistraron partos en abril, no apoxeo da temporada de chuvias. Nos partos nace unha soa cría.[13]

Depredadores

[editar | editar a fonte]

As hienas, os caracais e os chacais son os principais depredadores do beira pero, se na zona onde se encontran hai leóns e leopardos, tamén os cazan.[13]

Os beiras soportan un baixo nivel de caza por parte do home, porque o seu pequeno tamaño, a súa extremada cautela e o seu case inaccesíbel hábitat rochoso permítelles soportar a presión cazadora. Pero o sobrepastoreo, a seca e a corta de matogueiras de acacia para a produción de carbón vexetal son as súas maiores ameazas. Por iso a Unión Internacional para a Conservación da Natureza cualifica o seu status de VU (vulnerábel).[1] En Djibuti é un animal raro, pero pénsase que non está en perigo,[10] e o seu status en Etiopía é actualmente descoñecido, xa que o último rexistro data de 1972.[1]

O único grupo de cría en catividade do beira está na Al Wabra Wildlife Preservation, no concello de Al Shahaniya, Qatar, onde se reproduce con éxito e o número de espécimes alcanzou un máximo de 58 en 2005.[18]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Dorcatragus megalotis na Lista vermella da UICN. Versión 2018-1. Consultada o 21 de outubro de 2018.
  2. 2,0 2,1 Dorcatragus megalotis en MSW.
  3. 3,0 3,1 Dorcatragus Noack, 1894 no ITIS.
  4. 4,0 4,1 Dorcatragus en MSW.
  5. dorcas gazelle no Merriam-Webster Dictionary.
  6. tragus no Merriam-Webster Dictionary.
  7. megal- no Merriam-Webster Dictionary.
  8. Etimología de los nombres científicos Arquivado 03 de decembro de 2016 en Wayback Machine. en etimologia.htm
  9. beira, 1ª acep. Arquivado 13 de novembro de 2016 en Wayback Machine. no English Oxford Living Dictionaries.
  10. 10,0 10,1 Beira antelope Arquivado 22 de outubro de 2018 en Wayback Machine. en Djibouti Nature. Consultada o 21 de outubro de 2018.
  11. 11,0 11,1 Dorst & Dandelot 1973, pp. 270-271..
  12. 12,0 12,1 Haltenorth & Diller 1986, pp. 55-56..
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 "Dorcatragus megalotis. Beira". www.ultimateungulate.com. Brent Huffman. Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2006. Consultado o 21 de outubro de 2018. 
  14. Giotto, N., Laurent, A. and Künzel, T. (2013): "Dorcatragus megalotis". En: J. S. Kingdon et al. (eds.): The Mammals of Africa. Amsterdam: Academic Press. ISBN 978-1-4081-2257-0.
  15. Mallon, D. P. and Jama, A. A. (2015): Current staus of antelopes in Somaliland Arquivado 13 de outubro de 2018 en Wayback Machine.. IUCN/SSC Antelope Specialist Group and Nature Somaliland.
  16. Dorst & Dandelot 1973, p. 271..
  17. Haltenorth & Diller 1986, p. 56..
  18. Beira Antelope en Al Wabra Wildlife Preservation. Consultada o 21 de outubro de 2018.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]