Drenaxe linfática do membro superior
A drenaxe linfática do membro superior comprende toda a circulación linfática do membro superior humano. Drena a man, antebrazo, brazo e ombreiro, a través do vasos e ganglios linfáticos. Os ganglios linfáticos forman dúas redes, unha superficial e unha fonda.
Rede superficial de ganglios
[editar | editar a fonte]A rede superficial está composta por ganglios pequenos e pouco numerosos. Na epitróclea umeral atópanse un ou dous ganlgios, por dentro da vea cefálica, son os ganglios linfáticos epitrocleares, que drenan a parte interna da man.
Por detrás da vea cefálica atópanse un ou dous ganglios linfáticos deltoidopectorais, entre os tendóns do músculo pectoral maior e do deltoide.
Rede fonda de ganglios
[editar | editar a fonte]A rede fonda concéntrase en torno á axila, con vinte ou trinta ganglios. Tamén pode haber pequenos grupos por enriba do cúbito e do radio. En certas ocasións acompañan á arteria braquial no seu percorrido polo brazo.
Rede superficial de vasos linfáticos
[editar | editar a fonte]A rede superficial de vasos comeza nos plexos linfáticos situados baixo a pel. Canto máis preto da man, os vasos son máis pequenos. A cada lado dos dedos hai unha fileira de vasos e se dirixen cara a palma da man. A rede que forman é tremendamente variable, con múltiples pólas e interconexións. De forma xeral, existen tres agrupacións máis densas, unha na zona lateral ou radial, outro na zona media e un terceiro na zona medial ou cubital. Cada grupo drena a unha serie de vasos linfáticos que acompañan ás veas fondas. Os do grupo lateral drenan á vea cefálica, os do grupo medio á vea mediana e os do grupo medial á vea basílica.
Nalgúns casos, os vasos cubitais drenan directamente aos ganglios linfáticos epitrocleares. Noutros, os vasos cubitais drenan nos ganglios linfáticos axilares. Os vasos radiais drenan a unha póla que acompaña a vea cefálica para drenar nos ganglios linfáticos deltoidopectorais. De aquí poden drenar directamente aos ganglios linfáticos axilares ou aos ganglios cervicais inferiores.
Rede fonda de vasos linfáticos
[editar | editar a fonte]A rede fonda acompaña ás veas fondas da drenaxe venosa do membro superior. No antebrazo agrúpanse en catro porcións: radial, cubital, anterior e interósea posterior, seguindo o traxecto das arterias do antebrazo. Durante o seu percorrido emiten pequenos vasos cara ao sistema superficial. A maioría deles drena nos ganglios linfáticos axilares, pero algúns poden seguir á arteria braquial no seu percorrido polo brazo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gray. Anatomy of the human body (en inglés). Edición de 1918 de dominio público.