Edward Hawkins
Edward Hawkins nunha litografía de 1833 [1] | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 5 de maio de 1780 Macclesfield, Reino Unido (en) |
Morte | 22 de maio de 1867 (87 anos) Londres. |
7º Presidente da Real Sociedade Numismática | |
1849 – 1851 ← William Debonaire Haggard – Albert Denison, 1st Baron Londesborough (en) → | |
2º Presidente da Real Sociedade Numismática | |
1839 – 1841 ← John Lee – Horace Hayman Wilson → | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Británica |
Educación | Macclesfield Grammar School. |
Actividade | |
Campo de traballo | Banca, numismática e arqueoloxía. |
Ocupación | numismático, banqueiro, arqueólogo |
Membro de | |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Cónxuxe | Eliza Rohde (1806). |
Fillos | Edward, Hebert Samuel, Rohde e Mary Eliza. |
Premios | |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography |
Edward Hawkins, nado en Macclesfield, Cheshire, o 5 de maio de 1780 e finado en Londres o 22 de maio de 1862, foi un banqueiro, numismático e anticuario inglés.
Foi conservador de antigüidades do Museo Británico durante máis de tres décadas e presidente da Royal Numismatic Society en dúas ocasións.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Edward Hawkins era o fillo máis vello de Ellen Hodgson, de Ashbourne, Derbyshire, e do banqueiro Edward Hawkins, de Macclesfield. Recibiu a súa primeira educación na Macclesfield Grammar School, e de xeito privado en Londres, de 1797 a 1799, da man de Richard Ormerod, vigairo de Kensington.[2]
Cara a 1799, regresou a Macclesfield, e alí recibiu un nomeamento nun corpo de voluntarios que se constituíra na cidade. Traballou ás ordes do seu pai no banco de Macclesfield ata 1802, cando a familia abandonou Macclesfield e se estableceu en Cwrt Herbert, Glamorganshire. Alí foi socio do seu pai nun banco de Swansea e foi supervisor da fábrica de cobre de Neath Abbey.[2]
En 1807 marchou de Cwrt Herbert e viviu sucesivamente en Glanburne, en Drymon e en Dylais, no norte de Gales. Nesa época dedicouse á botánica e foi elixido membro da Sociedade Linneana de Londres en 1806. Tamén formou unha colección de libros e gravados relacionados con Chester, e engadiu un gran número de gravados ao seu exemplar de History of Cheshire ("Historia de Cheshire"), de George Ormerod. En 1816 finou o seu pai, deixando importantes débedas, que Hawkins cargou voluntariamente sobre os seus propios bens.[2]
En 1819, Edward Hawkins fixou a súa residencia no condado de Surrey, primeiro en Nutfield e despois en East Hill, Oxted. En 1821 foi elixido membro da Royal Society, da que chegou a ser vicepresidente.[2]
En 1826 Hawkins foi nomeado conservador de antigüidades —que daquela incluían moedas e medallas, e gravados e debuxos— do Museo Británico, como sucesor de Taylor Combe, de quen xa fora auxiliar desde maio de 1825. Ocupou o cargo ata a súa xubilación a finais de 1860.[2][3]
Tamén foi presidente da Royal Numismatic Society, de Londres, que presidiu durante dous períodos: 1839-1841 e 1849-1851.[4] En 1826 ingresou na Sociedade de Anticuarios de Londres, entidade da que en 1856 foi elixido vicepresidente. En 1846 foi nomeado como un dos tesoureiros da Sociedade para a Promoción do Coñecemento Cristián.[2] Hawkins foi tamén membro da Chetham Society, de cuxo consello de dirección formou parte entre 1848 e 1867.[5]
Obra
[editar | editar a fonte]Edward Hawkins editou e contribuíu á redacción da parte V e das partes VII a X da Description of Ancient Marbles in the British Museum, que se viña publicando en varios volumes desde 1812. Tamén completou e revisou a Description of the Anglo-Gallic Coins in the British Museum, publicada en 1826, e que fora iniciada por Taylor Combe. En 1841 publicou The Silver Coins of England, que se constituíu na obra de referencia sobre o tema e contou cunha segunda e unha terceira edicións en 1876 e en 1887, respectivamente.[2]
Hwkins escribiu tamén un traballo descritivo acerca das medallas británicas, e en 1852 chegou a imprimirse un resumo dunha parte deste traballo —ata o final do reinado de Guillerme III—, mais os administradores do Museo Británico negáronse a publicalo, principalmente debido a varios parágrafos nos que Hawkins expresaba as súas firmes opinións protestantes e conservadoras. Con todo, cando se completou ata a morte de Xurxo II e foi revisada, con engadidos de A. W. Franks e de H. A. Grueber, apareceu finalmente como publicación do Museo Británico en 1885, baixo o título de Medallic Illustrations of the History of Great Britain and Ireland, en dous volumes, e converteuse tamén nunha obra de referencia nesta materia.[2]
Hawkins coñecía moi ben as medallas británicas e formara unha colección persoal delas, que foi adquirida polo Museo Británico cando Hawkins se xubilou en 1860. Tamén compuxo unha gran colección de máis de 10.000 caricaturas políticas inglesas, que o Museo Británico lle comprou ao fillo de Edward Hawkins en 1868, logo do seu falecemento, por 650 libras.[2][3]
Hawkins publicou ademais, para a Chetham Society unha obra propia acerca da vida do santo anglosaxón San Werburga en 1848, e tamén foi editor para esa sociedade doutras obras, entre elas Travels in Holland, the United Privinces, England, Scotland and Ireland (1844), de William Brereton.[2][7]
Monografías
[editar | editar a fonte]Estes son os traballos monográficos publicados por Edward Hawkins ao longo da súa traxectoria:[8]
- (1826). Description of the Anglo-Gallic Coins in the British Museum. W. Nicol, Londres.
- (1826-1845). Description of Ancient Marbles in the British Museum. Part V (1826) - Part VII (1835) - Part VIII (1839) - Part IX (1842) - Part X (1845).
- (1841). The Silver Coins of England. E. Lumley, Londres.
- (1848). The Holy Lyfe and History of Saynt Werburge. Chetham Society, Londres.
- (1885). Medallic Illustrations of the History of Great Britain and Ireland. Vol. I - Vol. II. British Museum.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Hawkins casou o 29 de setembro de 1806 con Eliza Rohde, con quen tivo tres fillos e unha filla.[2]
Finou o 22 de maio de 1867 na súa casa do número 6 de Lower Berkeley Street, en Londres, aos 87 anos.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Object Number 1841,1113.150 ". The British Museum.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 Wroth, W. W. (1891).
- ↑ 3,0 3,1 "Edward Hawkins". The British Museum.
- ↑ "Presidents of the Society". The Royal Numismatic Society.
- ↑ Officers and Council, 1843-2013. The Chetam Society. Páxina 6.
- ↑ Hawkins, E. (1885). Medallic illustrations of the history of Great Britain and Ireland to the death of George II. Vol. I. British Museum. Páxina 108.
- ↑ Brereton, E. (1844). Travels in Holland, the United Privinces, England, Scotland and Ireland. Chatham Society, Londres.
- ↑ "Hawkins, Edward 1780-1867 Arquivado 22 de maio de 2023 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Wroth, W. W. (1891). "Hawkins, Edward (1780-1867)". En Stephen, Leslie; Lee, Sidney (eds.). Dictionary of National Biography. Vol. 25. Páxina 207. Smith, Elder & Co., Londres.
Predecesor: John Lee William Debonaire Haggard |
Presidente da Royal Numismatic Society 1839-1841 1849-1851 |
Sucesor: Horace Hayman Wilson Albert Conyngham |