Saltar ao contido

John Lee

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para o cantante de blues estadounidense, véxase John Lee Hooker
Modelo:BiografíaJohn Lee

John Lee
nunha litografía de T. H. Maguire de 1849 [1]

Biografía
Nacemento(en) John Fiott Editar o valor en Wikidata
28 de abril de 1783
Morte25 de febreiro de 1866 (83 anos)
Hartwell, Buckinghamshire
Inglaterra.
Presidente da Real Sociedade Numismática
1836 – 1839 – Edward Hawkins → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidade Británica
Educación St John's College, Cambridge.
Actividade
Campo de traballoAstronomía, numismática, dereito, matemática.
Ocupaciónastrónomo, matemático, anticuario, Barrister, numismático, filántropo Editar o valor en Wikidata
Membro de
Familia
CónxuxeCecilia Rutter (1833).
Louisa Catherine (1855). Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDictionary of National Biography Editar o valor en Wikidata
BNE: XX5555616 WikiTree: Fiott-4


John Lee (chamado orixinalmente John Fiott), nado o 28 de abril de 1783 e finado en Hartwell, Buckinghamshire, o 25 de febreiro de 1866, foi un filántropo, astrónomo, matemático, numismático, anticuario e avogado inglés, que presidiu varias sociedades científicas do seu país.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

John Lee naceu o 28 de abril de 1788, fillo máis vello de Harriet Lee e do comerciante londiniense John Fiott,[2][3] descendente da antiga casa borgoñesa de Fiott de Dijon.[4][5] A súa nai morreu en xuño de 1795, cando John tiña 11 anos.[6]

Cursou estudos superiores de Matemáticas no St. John's College, da Universidade de Cambridge, entre 1802 e 1806. En 1809 acadou o seu mestrado e en 1816 o grao de doutor.[7] Durante esta etapa universitaria, entre 1807 e 1810, viaxou cunha bolsa de estudos por Europa e Oriente, sinaladamente por Grecia, Exipto e Terra Santa,[3] e comezou a confeccionar a súa colección de antigüidades,[2][4][5] entre as que destacan moedas e medallas orientais e moldes de xemas.[6]

Carreira xudicial

[editar | editar a fonte]

Á súa volta a Inglaterra retomou os estudos universitarios e cursou Dereito. O 3 de novembro de 1816 ingresou no Colexio de Avogados, do que posteriormente foi tesoureiro e bibliotecario.[5] Exerceu como membro dos tribunais eclesiásticos ata a súa supresión en 1858 e, á idade de 81 anos, converteuse en xuíz en 1864 e foi nomeado conselleiro da raíña.[2][6]

Carreira científica

[editar | editar a fonte]

John Lee interesouse polo mundo científico ao longo de toda a súa vida.[6] Coa axuda do vicealmirante William Henry Smyth construíu en 1830 un observatorio no pórtico sur da súa residencia Hartwell House, aberto á súa utilización polos científicos que o precisasen,[2] e en 1837 James Epps pasou a ser o seu astrónomo asistente permanente. Lee foi membro da Royal Astronomical Society desde 1824, o seu tesoureiro entre 1831 e 1840, e o seu presidente entre 1861 e 1862.[2] En 1836 e en 1844 doou á sociedade varias propiedade familiares co fin de promover a astronomía en relación coa teoloxía.[4][8]

O cráter lunar Lee, chamado así na honra de John Lee.

O 24 de febreiro de 1831 foi elixido membro da Royal Society.[2] Tamén foi membro da Geological Society, e froito dos faladoiros mantidos cos seus amigos, eruditos en diversas áreas do saber, creáronse as sociedades Meteorolóxica, Siroexipcia e Anglobíblica,[8] ás que pertenceu o resto da súa vida.[2][5]

O cráter lunar Lee leva ese nome na honra de John Lee.[9]

Outros intereses

[editar | editar a fonte]

Lee foi admitido en 1828 como membro da Sociedade de Anticuarios de Londres. Tamén foi un dos fundadores da Real Sociedade Numismática, igualmente de Londres, da que foi o seu primeiro presidente entre 1836 e 1839.[6][10] A reunión inaugural desta Sociedade tivo lugar o 27 de xuño de 1836 na propia residencia de Lee.[3]

En 1849 publicou na revista Archæologia, da Sociedade de Anticuarios de Londres, un artigo sobre as investigacións que realizara nas Illas Xónicas na súa viaxe de estudos de 1812,[11] e tamén presentou nesa Sociedade unha descrición manuscrita dos obxectos arqueolóxicos que incorporara á súa colección durante aquela viaxe.[5][6]

En 1862 foi presidente do congreso da Asociación Arqueolóxica Británica, que tivo lugar en Leicester.[5][8]

Ideoloxicamente era un liberal avanzado e intentou, sen éxito, representar a Aylesbury na Cámara dos Comúns en 1835, 1841, 1862 e 1863. Era partidario da unión da Igrexa de Inglaterra cos disidentes e opúñase firmemente ao romanismo.[8] En 1863 as súas opinións favorables ao dereito das mulleres a votar os membros do Parlamento foron motivo de controversia.[5][12]

Como filántropo, fixo da súa residencia un museo das súas coleccións e, entre outras accións doou mil guineas para a creación da enfermaría do condado de Buckinghamshire,[5] fundou o Fondo Lee da Real Sociedade Astronómica para axudar as viúvas e os fillos dos seus membros falecidos,[4] e regalou a esta Sociedade o Lee Circle, un valioso instrumento astronómico.[2]

Patrocinio de publicacións

[editar | editar a fonte]

Agás uns poucos artigos impresos na revista Archaeologia e noutras publicacións científicas, Lee non se distinguiu como autor, pero unha mostra máis da súa filantropía foi o patrocinio económico das obras de W. H. Smyth, acerca das coleccións familiares de Lee ou como resultado das experimentacións no seu observatorio:[3][4][8]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]
A residencia de Hartwell House, en Buckinghamshire.

O 4 de outubro de 1815, John abandonou o seu apelido paterno natal (Fiott) e asumiu o materno (Lee) por mor dunha licenza real, en virtude do testamento do seu tío materno, William Lee Antonie,[3][4] de Bedfordshire, polo que ao mesmo tempo asumía as propiedades familiares de Colworth House en Bedfordshire, Totteridge Park e outras terras, e en 1827 herdou ademais do reverendo George Lee a propiedade de Hartwell House, en Buckinghamshire.[6]

John Lee casou en 1833 con Cecilia Rutter, quen faleceu o 1 de abril de 1854. En segundas nupcias, casou con Louisa Catherine o 29 de novembro de 1855. Ao non ter descendencia con ningunha das súas dúas esposas,[3][5] os seus bens pasaron ao seu irmán, o reverendo Nicholas Fiott, quen asumiu tamén o apelido Lee.[8]

John Lee finou na súa residencia de Hartwell House, preto de Aylesbury, o 25 de febreiro de 1866, aos 83 anos.[5][8]

  1. "John Lee. Lithograph by T. H. Maguire, 1849". WellcomeCollection. org.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "John Lee". En Proceedings of the Royal Society of London. Vol. 16. 1867-1868. Páxinas XXX-XXXI.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "John Lee". En Numismatic Chronicle. Vol. 6. 1866. Royal Numismatic Society. Páxinas 13-15.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "John Lee". En Monthly Notices Astronomical Society. Vol. 27. Nº 4. 8 de febreiro de 1867. Páxinas 109-110.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 "Biographical Memoirs: John Lee". En Journal of British Archæological Association. Vol. 23. 1867. Páxinas 302-305.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Boasse, G. G. (1890). Páxina 362.
  7. "Fiott (post Lee), John." A Cambridge Alumni Database (ACAD). University of Cambridge.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 Boasse, G. G. (1890). Páxina 363.
  9. "Lee". Gazetteer of Planetary Nomenclature.
  10. "Presidents of the Society". The Royal Numismatic Society.
  11. "Antiquarian Researches in the Ionian Islands, in the year 1812". En Archaeologia, or Miscellaneous tracts relating to antiquity. Volume XXXIII. 1849. Páxinas 36-54
  12. "Dr. Lee, of Hartwell". En The Times. 1 de marzo de 1866. Páxina 11.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Inexistente.

Presidente da Royal Numismatic Society

1836-1839
Sucesor:
Edward Hawkins